O actor ourensán Anxo Outumuro encarna un dos Iribarnes da obra escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira
Esta proposta escénica transmedia complétase coa música de Berto, entrevistas en aberto na canle de YouTube de ButacaZero e a publicación da edición galega do texto
Faltan poucos días para o desembarco en Ourense de IRIBARNE, o último espectáculo de ButacaZero. A revisión da figura de Manuel Fraga en clave de humor escrita por Esther F. Carrodeguas e dirixida por Xavier Castiñeira poderá verse no Auditorio Municipal de Ourense este sábado, 27 de abril, ás 20.30 horas. As entradas para a función están xa á venda a través de Ataquillaa un prezo de 18 € máis gastos de xestión.
IRIBARNE é o sétimo proxecto do tándem creativo formado por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, ambos os dous responsables da compañía ButacaZero, e segue o ronsel das súas anteriores obras, fundamentadas na investigación e na reflexión para dialogar co presente dende unha ollada crítica e irónica. A obra está escrita por Carrodeguas, que a presenta como “un intento (irreverente) por comprender como chegamos ata aquí camiñando da man dun deses personaxes secundarios pero incriblemente imprescindibles da nosa historia”. Segundo ela, é “o traballo máis difícil que escribín ata agora” e engade que “foi complexo atopar o punto de equilibrio do humor, do estilo, así como o lugar dende o que se situar”.
Pola súa banda, para Castiñeira, responsable da dirección de IRIBARNE, “este personaxe é inabarcable” e “entendo o que fixo, pero non dende onde o fixo e por que o fixo”, e salienta as contradicións que foron atopando durante o proceso de investigación, tanto da súa biografía persoal como da súa traxectoria política. Ambos os dous sinalan que pertencen a unha xeración, a da Transición, que medrou rodeada dun “silencio tácito arredor da historia política recente”, e que se embarcaren neste proxecto axudounos a entender de onde vimos. “Paréceme moi interesante que a obra, que se sustenta sobre o silencio, abra portas ao diálogo, aínda que sexa para provocar controversia”, apunta Carrodeguas.
UNHA EXITOSA XIRA
Desde a súa estrea en Galicia, en Vilalba -cidade natal do político-, o pasado mes de xaneiro, IRIBARNE pasou xa por Santiago, Pontevedra, Vilagarcía e A Coruña, entre outras localidades, coa platea ateigada e o público entregado en todos os recintos visitados. Esta boa acollida engádese á experimentada por IRIBARNE en Madrid o pasado outono, onde a peza estivo en cartel un mes completo e acadou o aplauso unánime do público e da crítica. Dentro de súa xira galega, IRIBARNE -unha coprodución de ButacaZero co Centro Dramático Nacional (CDN) e coa Mostra Internacional de Teatro (MIT) de Ribadavia- ten previsto recalar proximamente en Cangas (4 maio), Narón (18 maio) e Ribadavia (xullo). A peza visitará, tamén, outras cidades do Estado, como Bilbao (9 maio) ou Vitoria (7 xuño).
Recentemente fixéronse públicas as candidaturas aos Premios Max, principais galardóns estatais de artes escénicas, e IRIBARNE obtivo dúas candidaturas: a de Lidia Veiga á mellor actriz e a de Diego Vilar ao mellor deseño de iluminación.
MÁIS CA TEATRO
En paralelo á xira, ButacaZero está a compartir na súa canle de YouTube material extra que complementa a peza teatral, xa que IRIBARNE é, por definición, un proxecto transmedia que inclúe a banda sonora de Berto e produtos audiovisuais. Xa é posible acceder a tres entrevistas feitas durante o proceso de investigación de investigación teatral a Manuel Rivas, a Xesús Palmou e mais a Encarna Otero. Este material foi deseñado pola xornalista e escritora Inma López Silva e conta coa realización de Pablo Fontenla. Alén diso, xa está á venda a edición galega do texto teatral que chega ás librarías da man de Edicións Positivas.
POSTA EN ESCENA
A montaxe está articulada en tres episodios, que reflicten a evolución política do noso país, dende o franquismo ata a transición e a democracia, para culminar co período de hexemonía de Fraga en Galicia. “Pareceunos que un político que ocupara cargos de alta responsabilidade e que se mantivo no poder ao longo dun período tan dilatado podería ser un personaxe interesante para falar sobre a identidade de España”, sinala a dramaturga.
A posta en escena de IRIBARNE ofrece, con ritmo frenético, un xogo coral no que todo o elenco -integrado por Xurxo Cortázar, Jorge de Arcos, Esther F. Carrodeguas, Mónica García, Anxo Outumuro e Lidia Veiga- se vai dando o relevo para interpretar ao protagonista. Trátase dunha “peza extremadamente teatral, moi tola, moi divertida de ver”, afirma o seu director. Nela caben todas as iconas pop das diferentes épocas, dende Palomares ata Salomé, Massiel, Serrat… pasando por episodios máis tráxicos, como Grimau, os asasinatos de ETA ou a morte de Franco. “Percorremos dende a infancia ata a morte de Fraga, e iso é toda a historia recente do país”, afirma Castiñeira. “Pero non estamos a intentar facer Historia nin un biopic, senón darlle unha volta moi cómica e contemporánea, ollando dende aquí e dende o agora, sen acritude, o pasado”, conclúe o director.
Completan o equipo artístico Diego Valeiras, que firma o espazo escénico xunto ao propio Xavier Castiñeira e mais o vestiario, Diego Vilar, a cargo da iluminación, Pablo Fontenla, responsable da parte audiovisual, a coreógrafa Sabela Domínguez e o produtor musical Berto, creador da banda sonora orixinal da obra, que inclúe o single WHO THE F*CK IS IRIBARNE?
SOBRE A COMPAÑÍA
ButacaZero é a plataforma creativa posta en marcha por Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira. Con propostas como Voaxa e Carmín, #camiños, Despois das ondas, 32m2, Pagagena ou O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, a compañía sitúase como un referente do teatro contemporáneo no panorama escénico galego. As súas creacións concrétanse en dramaturxias feitas á medida, nas que a tradición teatral se mestura coas linguaxes contemporáneas.
Esther F. Carrodeguas é actriz, directora, perfomer e, sobre todo, escritora. Rianxeira de pura raza, asenta o seu currículo vital entre as letras, o audiovisual e o teatro. O seu estilo cabalga sobre as lindes que separan os xéneros. Graduada en Dirección e Dramaturxia pola ESAD de Galicia e licenciada en Xornalismo entre Santiago de Compostela e Turín, os seus proxectos teatrais beben da súa faceta periodística. Cunha decena de obras teatrais publicadas, os seus textos foron estreados ben na súa propia plataforma profesional (ButacaZero) ben noutras compañías privadas (De Ste Xeito, Outubro Producións) ou públicas (Centro Dramático Galego, Teatro Español ou Centro Dramático Nacional). Precisamente no 2021 foi escollida para desenvolver unha das residencias dramáticas que outorga o CDN, onde escribiu o texto Supernormales, co que foi finalista nos Premios MAX 2023 na categoría de Mellor Autoría e que foi, sen dúbida ningunha, un dos grandes éxitos da pasada tempada tanto para o público como para a crítica.
Xavier Castiñeira é licenciado en Dirección de Escena pola RESAD de Madrid e posúe un mestrado en Teatro e Artes Escénicas pola Universidade de Vigo. Tamén realizou estudos de Filoloxía Hispánica pola USC. Actualmente cursa o doutorado na UCM, investigando aspectos neurobiolóxicos nos procesos de recepción escénicos. Desde os seus comezos no mundo do teatro compaxinou o seu labor creativo co docente, impartindo desde 1988 aulas en diversos grupos afeccionados e en obradoiros regulares de interpretación, dirección ou investigación escénica. No ano 2011 incorpórase ao corpo de profesorado da ESAD de Galicia. Dirixiu unha vintena de obras de teatro, entre elas case todas as de ButacaZero, pero tamén para compañías como Goliardos, Mairiztz, La Escuela de Música Creativa, Outumuro Producións ou De Ste Xeito.
O sábado 27 de abril ás 17 h. celebrarase unha charla en Monterroso sobre a fábrica de celulosa de Altri co titulo A Ulloa non é unha terra de sacrificio, na que intervirán Plácido Lisancos (profesor da Escola de Aquitectura de A Coruña) e Serafín González Prieto (Presidente da SGHN).
E o xoves 9 de maio ás 20,30 h. haberá a ocasión de escoitar ao naturalista e escritor Joaquín Araujo na Casa de Cultura de Melide.
Culturactiva e Pallasos en Rebeldía traen este sábado, día 27 de abril, ás 20 h, á Casa-Museo Manuel María o espectáculo teatral Vía Morta. Unha peza que tenta ser, máis que unha obra teatral, unha experiencia a través do teatro. Unha montaxe que procura traer a realidade dos refuxiados e refuxiadas ao público por medio dunha proposta que converte o espectador nun refuxiado máis.Vía Morta adéntranos nun campo de refuxiados e refuxiadas, onde unha médica siria – interpretada por Anabell Gago – agarda poder seguir a súa viaxe até Alemaña, onde espera encontrarse co seu fillo e netos. Mais o tren nunca acaba de chegar a esta vía morta e os refuxiados e refuxiadas comezan a desesperarse. Un pallaso –Iván Prado– dunha entidade de cooperación galega chega ao campamento e, ante a atenta e desafiante mirada do policía de fronteira –interpretado por Fran Rei–, realiza a súa performance clown para os nenos e nenas que están dentro do valado de arame. Asemade, aparece a ollada inocente, mais crítica, dunha nena –personaxe de Rocío Salgado– que non entende o que está a acontecer.
O espectáculo de sesenta e cinco minutos vai dirixido ao público adulto e para asistir é necesario reservar (billete 5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621
Este venres 19 de abril ás 19:00h inaugurouse a mostra individual Un lugar desprazado coma o meu corpo, de Sabela Eiriz, na Galería NÉBOA (Lamas de Prado 31, Lugo).
Digo «lugar» e estou mentindo, porque este sitio non existe. Este limbo (que nin é urbanita nin é rural) ubícase nunha nota ao marxe que pasa desapercibida na lectura. Non existe nos mapas porque se reflicte nos corpos: é a terceira beira dun regato artificial, no medio do medio. Tampouco hai ubicación temporal: quedamos suspendidas nun retorno eterno, na busca perenne dun oco na vida. Unha ollada ou un reflexo dilátanse na imaxe, coma se estiveran agardando pacientemente a que alguén veña e as mire, a que alguén as vexa”. Sabela Eiriz.
Sabela Eiriz (Lugo, 1991) é unha artista multidisciplinar que traballa fundamentalmente coa fotografía, a escritura e o vídeo, cunha linguaxe baseada na poética, nas posibilidades expresivas das imaxes e na hibridación de formas e formatos. No seu traballo, combina unha aproximación conceptual cun hábito contemplativo, entrelazando experiencia, pensamento e emoción. A memoria, o tempo, a identidade, así como a metarreflexión sobre a imaxe e os procesos creativos, son protagonistas habituais nos seus proxectos.
Graduada en Comunicación Audiovisual pola Universidade de Santiago de Compostela, especializouse nos mestrados de Fotografía e Deseño pola Elisava Facultad de Diseño e Ingeniería de Barcelona;Estudos Comparados de Literatura, Arte e Pensamento pola Universitat Pompeu Fabra de Barcelona e Profesorado de Artes Visuais pola Universidade da Coruña. Eiriz é Doutora en Artes e Educación pola Universidade de Granada, e na actualidade compaxina a súa labor artística co seu traballo como fotógrafa e videógrafa e coa docencia na Universidade da Coruña.
A súa traxectoria sempre foi multidisciplinar, iniciándose no eido do teatro e movéndose posteriormente ao terreo audiovisual e fotográfico. Así, ten participado en diversas exposicións, individuais e colectivas, residencias e visionados co seu traballo fotográfico, así como en mostras e proxeccións audiovisuais. A súa obra está presente en coleccións como a Fundació Vila Casas ou a Rede Museística Provincial de Lugo.
Este venres, 19 de abril, ás 18.30 h, a compañía de teatro físico liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro leva a Arteixo unha peza de linguaxe xestual sobre sobre o esquecemento, a vellez e a soidade desde unha ollada poética, cómplice, cómica e reflexiva
As entradas para ver ‘Kyoki’ -palabra que significa “demencia” en xaponés- pódense mercar por adiantado na web eventosarteixo.com ou ben o mesmo día da función na billeteira do Auditorio
O alzhéimer desde unha ollada poética e cómplice é o fío condutor de Kyoki, o espectáculo que Elefante Elegante levará ao Auditorio de Arteixo este venres, 19 de abril, ás 18.30 h. Esta peza para público familiar dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha viaxe emotiva da infancia á vellez a través da memoria, unha obra de linguaxe xestual cómica e reflexiva sobre o esquecemento e a soidade As entradas pódense mercar por adiantado na web eventosarteixo.com ou ben o mesmo día da función na billeteira do Auditorio en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.30 a 18.30 horas. Os prezos oscilan entre os 3 euros da entrada xeral e os 2.25 da bonificada (menores de 18 e maiores de 65 anos).
Protagonizada por María Torres, baixo a dirección de Gonçalo Guerreiro, Kyoki -palabra que significa “demencia” en xaponés- é unha creación destinada ao público infantil e familiar a partir dos 5 anos. A peza investiga, dun xeito poético e cómico, sobre a alteración da capacidade para recordar, pensar ou tomar decisións. Porque, se ben é certo que esta condición adoita aparecer en persoas de idade avanzada… Quen non esqueceu algunha vez onde colocara a caixa das galletas? Ou, quen, por distracción, non vestiu nunca o xersei do revés? Kyoki quere ser unha ollada sensible ás experiencias que viven as persoas que precisan ser coidadas e mais as propias coidadoras.
A través dunha linguaxe xestual fundamentada na manipulación de obxectos e na interacción constante co dispositivo escénico, o espectáculo crea un universo cómico e poético que viaxa do realismo á hipérbole da vida cotiá. O xogo teatral de Kyoki baséase no traballo plástico da corporalidade da protagonista en escena e na súa constante interacción cos elementos escenográficos, para definir unha secuencia dramatúrxica na que a imaxe toma un total protagonismo. A posta en escena fundaméntase xa que logo na dinámica pictórica da organización do espazo teatral e na narrativa das propias accións físicas que reflicten desexos, sentimentos e todos os estados dramáticos definidos.
Kyoki é un espectáculo sen palabras que reúne artes do movemento, artes plásticas e unha rigorosa sintonía dos xestos coa música instrumental orixinal. Na historia están presentes tres personaxes -a avoa, a súa filla e unha doutora-, todas elas representadas pola actriz protagonista. O espazo escénico está construído para evocar ao mesmo tempo unha casa, un hospital e a rúa. Deseñada para funcionar como o lenzo dun pintor, a escenografía é un fondo estético que pouco a pouco é habitado polo corpo da intérprete e polos obxectos por ela manipulados, co obxectivo de manter sempre viva unha composición pictórica xerada por formas, cores e movementos. O fondo azul con liñas que se cruzan de xeito irregular en ángulos rectos está dotado de varias aperturas camufladas, que permiten a entrada e saída de innumerables elementos escénicos, o que provoca suxestivos e reveladores efectos sorpresa.
Cómpre sinalar que Kyoki presentouse o pasado febreiro en FETEN 2024 (Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas), un dos encontros máis importante do sector que se celebra anualmente en Xixón. A obra de Elefante Elegante formou parte dos 76 espectáculos escolleitos entre as máis de 800 propostas recibidas en FETEN na súa 33ª edición.
SOBRE A COMPAÑÍA
Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.
O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.
A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.
Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.
O festival coruñés, coñecido como ‘Orgullo do Norte’, confirma a presencia da banda de culto neerlandesa o xoves 11 de xullo, no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez
O eurodance e o pop máis colorido dos 90 farán bailar ao público ao ritmo de éxitos como Uncle John from Jamaica, We’re Going to Ibiza, Boom Boom Boom Boom ou We Like to Party
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, que celebrará a súa quinta edición do 7 ao 14 de xullo de 2024, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic
Un dos rumores máis soados da quinta edición do Atlantic Pride é xa unha realidade. Vengaboys poñerá o acento internacional ao festival coruñés, coñecido como ‘Orgullo do Norte’, cunha actuación de alta voltaxe que terá lugar a noite do xoves, 11 de xullo, no escenario dos Xardíns de Méndez Núñez da cidade herculina. A banda de culto neerlandesa visitará este verán A Coruña na que será unha das súas tres únicas citas co público español dentro da súa xira mundial neste 2024.
Da man de Vengaboys, o eurodance, a electrónica e a música pop máis mítica e colorida dos anos 90 farán bailar á cidade da Coruña a ritmo de éxitos como Uncle John From Jamaica, We’re Going to Ibiza, Boom Boom Boom Boom ou We Like to Party, que non faltarán nesta cita da troupe co público do Atlantic Pride.
O Atlantic Pride é un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO-, o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic. Na súa quinta edición, que se celebrará do 7 ao 14 de xullo, ademais de Vengaboys, está tamén confirmada a presencia das estrelas eurovisivas Nebulossa, Rosa López, Las Ketchup e Lucía Pérez, ademais de figuras que pisan forte na nova escena galega, como Mondra, Sila Lúa, O Rabelo e Nenaza, Catuxa Salom, Lontreira e Amoebo. Na festa deste ‘Orgullo do Norte’ non faltarán, tampouco, as voces de grandes divas como Chanel, Luna Ki e Supremme de Luxe. Moi pronto, o Atlantic Pride dará a coñecer o seu programa completo con últimas confirmacións para este 2024.
O ORGULLO DO NORTE
A Coruña volverá ser a sede do ‘Orgullo do Norte’ entre o 7 e o 14 de xullo para celebrar a quinta edición do Atlantic Pride. Neste 2024, o festival propón oito xornadas de música e celebración ao redor da diversidade sexo-afectiva e de identidade na que promete ser, novamente, nunha das citas imprescindibles do verán no noroeste peninsular, que moi pronto desvelará novos nomes e actividades. O Festival Atlantic Pride nace en 2019 coa vontade de situar á cidade herculina como a capital do bo ambiente e a celebración sen distincións nin barreiras e, en 2022, regresou á súa esencia con toda a forza, enchendo A Coruña e as súas rúas de música en directo durante oito días. En 2023, o Atlantic Pride logrou alcanzar máis de 100.000 espectadores, marca que a cita se propón bater este ano.
O Atlantic Pride nace na Coruña no ano 2019 como un festival pioneiro, gratuíto e inclusivo, destinado a reivindicar a liberdade afectiva, sexual e de identidade dende unha perspectiva lúdica e inclusiva. Está impulsado pola Asociación Orgullo Coruña -ORCO- e o Concello da Coruña e Turismo da Coruña, e conta co patrocinio principal de Estrella Galicia, Xunta de Galicia e Globalgrafic. O proxecto, que trata de aglutinar a todas as capas da sociedade coruñesa dentro dunha contorna segura e amigable, desenvólvese en torno a varios días de concertos e actividades culturais, entre elas, o seu Certame de Literatura LGTBI+, coa fin de atraer ao público local e de fóra, como un referente cultural, turístico e social do noroeste.
SOBRE VENGABOYS
Todo empezou da man de dous dj’s: Danski e Delmundo, que organizaban festas improvisadas na praia co seu vello bus escolar. Durante as súas xiras por Ibiza e a costa española, entre os anos 1992 e 1997, catro bailaríns e cantantes sumáronse á troupe: Roy, Denice, Kim e Robin, dándolle novos aires aos seus dj sets. A súa fama crecente deulles o impulso necesario para ir un paso máis aló e crear o seu propio selo discográfico, co que comezaron a producir, tamén, os seus propios discos.
O seu primeiro hit internacional, Up & Down, viu a luz en marzo de 1997 e pronto se posicionou no posto número 5 das listas musicais de Europa, antes do seu desembarco estadounidense, onde alcanzou, tamén, un notable éxito. De costa a costa, non houbo club nin parade no que non se escoitase Up & Down, seleccionado no número 1 da popular listaxe Billboard Dance Chart. O seu álbum debut, acertadamente titulado Greatest Hits!, converteuse en disco de ouro en Estados Unidos. Ese mesmo ano, Vengaboys foron nomeados aos Premios MTV na categoría de mellor actuación revelación.
E isto foi soamente o principio… Himnos do dance pop como We Like To Party, Boom Boom Boom Boom e We’re Going to Ibiza desataron un furor desprevido entre todos os públicos. Vengavoys logrou situar 7 sinxelos no top 10 de éxitos nas listaxes de Reino Unido, e acadou tamén a cima en máis de 40 países, como Alemaña, India, España, Suráfrica, Tailandia, Polonia, Australia e México, entre moitos outros.
E os hits continuaron. Temas como Shalala lala, Kiss (When the Sun Don’t Shine) ou Uncle John From Jamaica, por mencionar algúns, situáronse novamente nos postos máis elevados das listaxes musicais en todo o mundo. De feito, todos os singles lanzados por Vengaboys na súa primeira década de traxectoria estiveron sempre entre os 40 primeiros postos de Reino Unido.
Para celebrar o seu grande éxito con todos os seus fans, o grupo embarcouse nunha extensa xira mundial ao longo de Europa, Estados Unidos, Australia, Xapón e América do Sur., ata que, a principios de 2004, a banda decidiu tomarse un respiro por un tempo. En 2007, os Vengaboys reúnense de novo para embarcarse no que eles mesmos chaman o seu ‘Non-stop World Tour’, co que agora chegan ao Atlantic Pride da Coruña.