Coloquio-Concerto de fado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 13 de maio, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María haberá un COLOQUIO-CONCERTO de FADO. A actividade será introducida polo guitarrista bracarense Artur Caldeira (licenciado e mestre en Guitarra Clásica e Interpretación Artística e profesor na Escola Superior de Música de Artes do Espectáculo do Porto), que achegará ás persoas que asistan unha introdución deste estilo musical portugués. Na mesa tamén estará acompañado por Daniel Paredes (guitarrista. Licenciado e mestre en Guitarra Clásica e Interpretación Artística) e Iria Estévez (cantora galega de fado e músicas de raíz).

Logo do coloquio, Artur, Daniel e Iria darán un recital musical de Fado.

A entrada é libre mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621

A Feira do Libro de Bos Aires acolle a presentación da ‘Guía ninja do ilustrador’

Alberto Guitián, coordinador da obra e un dos seus ilustradores, presentará o manual este martes, 9 de de maio, no stand da Xunta de Galicia

Este manual para combater as prácticas abusivas nos eidos creativos está promovido pola Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI)

A versión dixital en galego e castelán pódese descargar gratuitamente no micrositio www.guianinjadoilustrador.org

A Asociación Galega de Profesionais da Ilustración (AGPI) vai presentar este martes, 9 de maio, na Feira do Libro de Bos Aires, a segunda edición, revisada e ampliada, da súa Guía ninja do ilustrador. O acto vaise desenvolver no stand da Xunta de Galicia ás 17.30 horas (12.30 hora española) e o responsable da presentación vai ser Alberto Guitián, un dos ilustradores da guía e o seu coordinador. Este manual “ninja” de apoio a profesionais creativos freelance está dispoñible gratuitamente en formato dixital na web www.guianinjadoilustrador.org e axiña comezará a súa distribución en papel.

A maioría dos profesionais da ilustración son autónomos, o que na práctica se traduce en que operan como miniempresas. Non só teñen que crear, senón que deben afrontar cuestións máis prosaicas como a elaboración de plans de empresa, o negocio de proxectos, a estimación de orzamentos ou a redacción de contratos e facturas. Tamén deben coñecer a fondo os dereitos e deberes da súa creación artística para protexela e poder explotala. E, por se non abondase, han de se manexar nun mercado complexo e protexerse de prácticas abusivas. Para sortearen con éxito estas dificultades, os ilustradores freelance precisan adestramento e habilidades ninja.

En 2016, a primeira edición da Guía ninja do ilustrador veu encher o baleiro sobre estas cuestións dun xeito áxil, con abundantes ilustracións, infografías e enlaces a recursos útiles para os creativos freelance. A nova edición mantén a estrutura de decálogo da súa predecesora pero ve a luz con novidades relativas tanto ao continente como ao contido. Así, desta volta incorpóranse dez viñetas ilustradas por José Domingo e Alberto Guitián que xogan coa estética e o imaxinario xaponés. A versión animada destas viñetas estase a difundir nas redes sociais da AGPI como minicápsulas de vídeo.

No que respecta aos contidos, trátanse temas como os concursos especulativos, isto é, os certames abusivos ou non- éticos, ou cuestións de actualidade como o novo sistema de cotas de autónomo, máis equitativo pero ao mesmo tempo máis embrollado ca o anterior. Non falta na Guía ninja do ilustrador unha parte dedicada ás intelixencias artificiais gráficas, sistemas cun desenvolvemento exponencial que poñen en serio perigo a subsistencia de moitos creadores.

O lanzamento da primeira edición da guía estivo marcado por unha extraordinaria acollida, da que dan conta as cifras acadadas: superáronse máis de 25 000 descargas da versión dixital e o milleiro de exemplares impresos esgotouse en poucos meses. Ademais, foi moi ben acollida por outras asociacións europeas e mesmo traducida ao italiano e ao turco. O seu lanzamento complementouse con exposicións e charlas en escolas de arte e deseño galegas. As claves do seu éxito vertebráronse nunha comunicación áxil, onde o humor e o tratamento visual se aliaban para tratar problemáticas globais comúns a case todos os creadores freelance.

Agora, sete anos máis tarde, chega esta nova edición, que baixo o lema ‘Máis ninja, my friend’ segue a combater os principais perigos e problemas que rodean a profesión e proporciona ideas sobre como facerlles fronte. A Guía ninja do ilustrador tamén vai dirixida a estudantes de arte, creativos freelance, clientes, amigos da ilustración e, sobre todo, ás persoas que comezan ou queren comezar na profesión. O proxecto está editado coa axuda da Deputación da Coruña e conta co apoio da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia.

As versións en PDF da guía en galego e en castelán están dispoñibles para a súa descarga gratuíta no micrositio www.guianinjadoilustrador.org. A versión impresa, editada en galego, estará á venda a un prezo simbólico de un euro (1 €) en librarías e espazos culturais, e distribuirase de xeito gratuíto nas escolas de arte de Galicia. A lista completa de puntos de venda publicarase a partir da segunda quincena de maio. Alén diso, a páxina actualizarase coas novidades relacionadas cos temas da guía, que tamén se van difundir a través da web da AGPI e as súas redes sociais.

PRESENTACIÓN FEIRA DO LIBRO DE BOS AIRES
Martes 9 de maio ás 17.30 h (12.30 hora española)
Stand da Xunta de Galicia (nº 1601)

20230508-NP-Presentacion-Bos-Aires-Guia-ninja-do-ilustrador

Conferencia de Ricardo Polín, “A QUE FÍA, AMA E ORA. Estampas da muller tradicional na literatura de costumes (e no gravado antigo)”, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA programa, dentro do Ciclo Mulleres Galegas, a conferencia de Ricardo Polín  “A QUE FÍA, AMA E ORA. ESTAMPAS DA MULLER TRADICIONAL NA LITERATURA DE COSTUMES (E NO GRAVADO ANTIGO)”, que terá lugar o vindeiro venres 12 de maio de 2023, ás 20:00, na Casa da Cultura de Vilalba.

NOTA_INFORMATIVA_RICARDO-POLIN

Axenda EMHU 2023 sábado 6 e domingo 7 de maio. ‘Animus Iocandi’ e ‘La Ruina’ protagonizan a recta final do III Encuentro Mundial de Humorismo

A nova gala ‘Animus Iocandi’, con Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril, e o show do podcast ‘La Ruina’, protagonistas da penúltima xornada do EMHU este sábado 6 de maio

O Teatro Colón recibirá contra ás 12:30 horas deste sábado o escachante espectáculo de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes, mentres que o Palexco acollerá a estrea absoluta da nova gala do EMHU, cunha dobre función programada para ás 19:00 e as 22:00 horas

Todas as entradas para estes espectáculos que terán lugar na derradeira fin de semana da III edición do Encontro Mundial de Humorismo están xa esgotadas 

Finalmente, este domingo, 7 de maio, o EMHU 2023 botará o pano coa celebración da gala ‘Fantastic Colofon’, que contará coa participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Pantomima Full e na que se entregarán os Premios EMHU 2023

Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem, Sílvia Abril, Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes son protagonistas da penúltima xornada do III Encontro Mundial de Humorismo, que chega este sábado, 6 de maio, con todas as localidades esgotadas para as tres funcións que se sucederán ao longo do día. 

Pola mañá, contra ás 12:30 horas, o Teatro Colón acollerá unos dos espectáculos máis destacados dos últimos tempos: La Ruina, a proposta coa que os guionistas e cómicos Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes fan que tanto asistentes á función coma figuras convidadas compartan a súa anécdota máis vergoñenta en público. Polos micrófonos do show xa amosaron as súas ‘miserias’ ou ruinas nomes como Berto Romero, Facu Díaz ou Marc Giró. Quen será a persoa convidada desta fin da semana é un misterio, máis os sorrisos estarán garantidos.

Xa pola tarde, o EMHU regresará ao Palexco para presentar a estrea absoluta dunha produción propia: a nova gala Animus Iocandi, que xunta por vez primeira nun mesmo escenario a catro dos nomes máis grandes da comedia actual en España: Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem -Premio EMHU 2023 Wenceslao Fernández Flórez, que recollerá o domingo 7 ao inicio da gala Fantastic Colofon– e Sílvia Abril. A estrea será por todo o alto, con dúas funcións (19:00 horas e 22:00 horas) de 90 minutos ás que asistirán 3.000 persoas. Presente e futuro da comedia farán estalar o auditorio en aplausos e risas nunha última cita ineludible e inesquecible antes do evento final da edición deste ano.

Finalmente, o domingo 7, ás 20:00 horas, o Teatro Colón acollerá a gala de peche da presente edición, Fantastic Colofon, creada expresamente para o festival, que contará coa participación de Carolina Iglesias, Luis PIedrahita (director artístico do EMHU) e do dúo Pantomima Full, conformado por Alberto Casado e Rober Bodegas. Durante a gala -que estará chea de monólogos, sketches, gags e moitas sorpresas- entregaranse os galardóns deste III Encontro Mundial de Humorismo, que este 2023 recaerán en Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballarta. Todos os detalles da ultima fin de semana do EMHU 2023 pódense consultar na páxina web oficial do festival, www.emhu.es. 

AXENDA PROGRAMACIÓN EMHU 2023 – SÁBADO 6 E DOMINGO 7 DE MAIO

Sábado 6 de maio

12:30 horas | Teatro Colón: La Ruina

19:00 horas | Palexco: Animus Iocandi(estrea absoluta)

22:00 horas | Palexco: Animus Iocandi

Domingo 7 de maio

20:00 horas* | Teatro Colón: Fantastic Colofon


* A convocatoria de medios será ás 19:00 horas no vestíbulo do propio Teatro Colón, no que terá lugar a sesión de photocall de despedida ao que asistirán as e os artistas participantes, Premios EMHU 2023, autoridades, patrocinadores e outras figuras convidadas. 

EMHU 2023 

O EMHU, promovido polas produtoras Etiqueta Negra (Galicia) e Producciones El Espectador (Madrid), e que conta co apoio do Concello da Coruña, da Xunta de Galicia e de Estrella Galicia, é unha das citas de referencia da comedia a nivel estatal tanto pola súa programación -pola que pasaron artistas como Andreu Buenafuente, Inés Hernand e Nerea Pérez de las Heras ou David Broncano, entre outras- como pola afluencia de público: no 2022, no que o Coliseum foi unha das principais sedes, o Encontro Mundial do Humorismo sumou máis de 19.000 espectadores. 

De cara á presente edición de 2023, o EMHU inclúe, como é habitual, a presenza de figuras icónicas en galas de produción propia, creadas exclusivamente para o evento. É o caso de Humoris Causa, que este ano xuntou a Eva Hache, Dani Rovira, Javier Cansado e Xosé A. Touriñán sobre o escenario do Pazo da Ópera o 29 de abril; da nova gala Animus Iocandi, coa que o EMHU regresará ao Palexco para que o público escache coa risa da man de Ana Morgade, Eva Soriano, Leo Harlem e Sílvia Abril; ou de Fantastic Colofon, a gala de peche do evento, que terá lugar o 7 de maio e que contará con Carolina Iglesias, Pantomima Full e co director artístico do EMHU, Luis Piedrahita, sobre as táboas do Teatro Colón. Nesta cita, ademais, entregaranse os Premios EMHU 2023: Leo Harlem, Laura Caballero, Siro López e Carlos Ballartason os artistas recoñecidos nesta edición. 

O Encontro Mundial de Humorismo contará na súa programación troncal con algúns dos espectáculos en xira máis demandados polo público neste momento. É o caso de Buenismo Show, cuxa estrea en Galicia tivo lugar o 28 de abril no marco do EMHU; ao igual que La capital del pecado 2.0 de Juan Dávila, presentado o luns 1 de maio; ou Estirando el chicle desde un castillo, un programa especial do podcast de Carolina Iglesias e Victoria Martín que se gravou, ao vivo, na tarde do 30 de abril desde o Castelo de Santo Antón. Ademais, entre as propostas que se poden ver estes días na Coruña, están La comedia salvó mi vida, con Ignatius Farray (30 de abril); La Ruina, o show de Ignasi Taltavull e Tomàs Fuentes (6 de maio); e Garabato controlado (5 de maio), cita que suporá a estrea en España do novo espectáculo do arxentino Juan Barraza. 

A comedia galega terá unha importante presenza neste encontro de ámbito estatal. Alén das estreas absolutas de As R(h)umorosas e Ansia Viva, ou da participación de Carolina Iglesias, Luis Piedrahita e Rober Bodegas (Pantomima Full) na gala Fantastic Colofon, tamén conta con selo do país o filme Amigos hasta la muerte, a adaptación cinematográfica que dirixe Javier Veiga sobre a obra teatral e que chegará aos cinemas o 15 de setembro. Ademais da programación de espectáculos, o EMHU conta cunha serie de actividades paralelas abertas ao público ou con acceso mediante convite, como foi caso do concerto La banda sonora de nuestra risa (4 de maio) ou da presentación de Showriano, o programa da plataforma Movistar Plus+ (5 de maio). De entrada libre é a exposición El Guernica: una viñeta universal, humor en la oscuridad, que se poderá visitar até o 30 de xuño na Casa Museo Picasso, ou propostas xa celebradas, como foron a charla Picasso e a caricatura (venres 28) e a función da Escuela de Impro A Coruña (sábado 29). 

20230505-Axenda-6-e-7-maio-EMHU-2023