O sábado pasado, 19 de xaneiro, tivo lugar no Auditorio MANUEL MARÍA de Ribadavia a presentación en terras galegas da Colectánea de Poesía Luso-Galaica, coordinada por Ester de Sousa e Sá. Nesta antoloxía poética recóllese a achegamento das emocións manadas dos versos escritos e recitados en dúas linguas irmás, o galego e o portugués.
O pasado venres, 18 de xaneiro, o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, acolleu a presentación do libro POEMAS Y CATARSIS, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa. Un acto concorrido, onde a disección literaria dos tamén autores, Ana Mar Fraga Rábade e Toño Núñez, serveu para converter o típico evento de presentación dun poemario nunha distendida conversa entre os participantes na mesa (Martiño Maseda, representando a Culturalia GZ, os mencionados Tono Núñez e Ana Mar Fraga Rábade, Chery Grandío, en nome do Concello de Vilalba, e a propia Adolfina Mesa) e o público asistente.
Velaí vai unha reportaxe fotográfica que recolle distintos momentos vividos durante a devandita presentación poética.
Adxúntase cartaz e nota informando do acto de presentación do Caderno de Estudos Chairegos, nº 9, que terá lugar na Casa da Cultura de Vilalba, o vindeiro venres, día 25 de xaneiro, ás 20:30 horas.
Este sábado, día 19 de xaneiro, ás 19 horas, no auditorio da Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei, o escritor e cantor Xurxo Souto presentará o seu último traballo,A gran travesía de Chiruca Macallás, unha novela personalísima, cunha enorme forza do relato oral e a inclusión de elementos fantásticos e surrealistas que recrean a atmosfera gráfica de Urbano Lugrís.
A obra conta a viaxe dun barco que parte para o Gran Sol ao mando dunha muller, dona dun poderoso universo, que nos revela unha historia de superación.
Aproveitando a presentación do libro editado por Edicións Xerais, Xurxo dará a coñecer unha unidade didáctica elaborada por el e baseada na recolleita de cantos de traballo das mulleres do mar de distintas localidades de Galiza.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María
O cantautor e escritor Miguel Alonso vén de publicar “Literaria“, o seu 3º disco, no que musica poemas de autores/-as galegos/-as actuais. Neste traballo escolleu poemas de Marta Dacosta, Xosé Iglesias, Xavier Frías, Miguel Alonso Diz, Iolanda Aldrei, María José Fernández, Toño Núñez, Ramiro Vidal e María Castelo.
Podedes escoitar o disco completo en Spotify, iTunes ou Youtube, pero aquí van un par de exemplos:
O venres 18 de xaneiro, a partir das 20 horas na Casa da Cultura de Vilalba, terá lugar a presentación do libro POEMAS Y CATARSIS, da artista multidisciplinar Adolfina Mesa.
Intervirán no acto, ademais da mencionada autora do libro, a escritora Ana Mar Fraga Rábade, o tamén escritor Toño Núñez, Martiño Maseda, en calidade de Administrador de Culturalia GZ, e Cheri Grandío, como concelleira de Cultura do Concello de Vilaba, institución que colabora con Culturalia GZ na presentación deste poemario bilingüe (en castelán e galego).
Adolfina Mesa, á parte de poeta, tamén é pintora, profesora de pintura e artes decorativas. E mesmo colaboradora en Culturalia GZ ou en calquera outro espazo que implique a difusión activa da cultura entre a sociedade.
Aínda que este é o seu primeiro poemario individual, esta autora, na súa faceta da escrita, xa vén participando en distintas publicacións colectivas, como a Revista XISTRAL a Colectánea de Poesía Luso-Galaica ou en libros dos Roteiros Poéticos.