I Festival Cultural POZOMOURO

Tras unha frutífera reunión entre a rapazada de Muimenta e arredores xunto coa Asociación Cultural Aquilino Iglesia Alvariño, xurdíu o I Festival Cultural “Pozomouro”. O acontecemento terá lugar na área recreativa “Ribas do Miño”, o vindeiro sábado 31 de agosto. Comezará ás 13:30 h coa sesión vermú que se prolongará ata o xantar. Posteriormente, dende as 16:00 h  ata as 20:00 h desenvolveranse numerosos obradoiros nos que os asistentes poderán participar e obter as súas propias elaboracións. Ademais venderanse rifas con premios dunha tómbola de antigüidades para todos os que as adquiran.

Ás 19:00 h dará comezo un coloquio feminista a cargo de Antía Yáñez, Miriam Beizana e Maite Mosconi. A partir das 20:00 h comezará o “Contrarecital Disco Hermo” de Lois Pérez, que nos acompañará ben seguro para animar a tarde. Poñerán punto e final á tarde un recital poético protagonizado por Tamara Labrada, Beatriz Dourado e Martiño Maseda, acompañado polo músico Luís Teixeiro.

A programación nocturna comezará ás 23:00 h e estará animada polos concertos de Germán Díaz, Los Tres en un Piso, Sócratas e Um Sincero. Poñerase punto e final ao festival cunha Foliada Aberta na que se convida aos asistentes a traer os seus instrumentos e unirse á festa.

Dende a organización agradecemos a vosa asistencia e agardamos que desfrutedes dunha xornada que marcara un fito na historia cultural do noso municipio.

*Información facilitada pola organización do POZOMOURO.

Presentación no IEU do libro “Fuxir de Proxeria”, de Manuel Blanco Desar

O sábado 24 de agosto presentarase, ás 19,30 h. na sede do IEU en Monterroso, o libro do escritor e economista Manuel Blanco Desar, “Fuxir de Proxeria”. 

En xaneiro deste ano foi o xornalista Fernando Salgado quen presentou en Antas de Ulla, xunto co autor, o libro de Blanco Desar “Una sociedad sin hijos”, un ensaio sobre o problema demográfico de Galicia.

E agora en agosto, Xavier Senín, filólogo e tradutor, e Francisco Pardo, acompañarán ao autor na presentación en Monterroso de “Fuxir de Proxeria”, novela na que Blanco Desar  describe maxistralmente esa sociedade distópica á que non desexaríamos chegar. 

*Información achegada desde o Instituto de Estudos Ulloáns.

Presentación do libro “Á sombra de María Silgar. Carvalho Calero contra a historia única”, de Xulio Pardo de Neyra, no IEU

O sábado 10 de agosto ás 19,30 h, na sede do IEU en Monterroso, presentarase o libro de Xulio Pardo de Neyra, “Á sombra de María Silgar, Carvalho Calero contra a historia única”, editado por Edicións Embora. Unha excelente biografía do escritor e filólogo ao que se lle vai dedicar o Día das Letras Galegas 2020. Nesta biografía de Carvalho Calero, sen dúbida a mellor publicada ata a data, Xulio Pardo de Neyra describe a vida e a obra do escritor galeguista nos diferentes contextos nos que viviu e descúbrenos as influencias e a transcendencia da súa dona, a escritora Ignacia Ramos.

O libro será presentado polo alcalde de Monterroso, Antonio Gato Soengas; pola filóloga e Historiadora do IEU, María José Gómez Alvite; polo autor do libro; e por Francisco Pardo Teijeiro, presidente do IEU.

*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.

II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Este mércores, 24 de xullo no salón de plenos do Concello de Cospeito, celebrouse a presentación do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, que convocan conxuntamente o citado Concello de Cospeito, a Asociación Cultural de San Martiño de Pino, coa colaboración de Culturalia GZ.

Despois do éxito de participación da primeira edición, con máis de 50 traballos presentados, a organización agarda igualar, ou incluso incrementar, o número de participantes, así coma o alto nivel dos poemarios achegados ao certame de 2018.

As bases do presente certame aparecen recollidas no enderezo web certamepoesia.concellodecospeito.es.

O envío de orixinais rematará o 4 de outubro de 2019.

O fallo do xurado realizarase o 29 de novembro.

E a entrega de premios desta segunda edición terá lugar o 14 de decembro de 2019.