O vindeiro sábado 21 de marzo, Día da Poesía, celebrarase na Casa da Cultura de Vilalba, a partir das 12:00h., un recital poético aberto á veciñanza. O acto está organizado polo Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ, e nel poderá participar quen o desexe co recitado de versos propios ou doutra autoría.
Calquera persoa interesada deberá inscribirse previamente, deixando constancia dos seguintes datos: nome completo, título do poema e autor/a do mesmo, no enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
Tino Baz interpreta este próximo sábado, día 7 de marzo, ás 20 horas, once poemas de Rosalía (oito deles pertencentes a Follas Novas e tres a Cantares Gallegos) nun concerto encadrado dentro das actividades que vén desenvolvendo estas últimas datas a Casa-Museo Manuel María en volta da celebración, o pasado 24 de febreiro, do Día de Rosalía.
Si cantan, es ti que cantas é o título da obra discográfica en que Tino Baz interpreta de maneira monográfica a poesía de Rosalía. Textos tratados melodicamente por este músico e cantor que en 2007 editou o traballo musical Cinsa namorada.
O venres 28 de febreiro, ás 20:00 horas, no Salón de Actos da Deputacíon de Lugo, celebrarase un acto poético musical, no que as voces de Xosé Otero Canto, Adela Figueroa, Ana Mar Fraga Rábade, Ana Gamallo, Fernando García, Ánxela Gracián, Chelo Gayoso, Paco Ledo, Dulce María López, Emilia Martínez Fuentes, Martiño Maseda, Adolfina Mesa, Toño Núñez, Conchita Paz, Luisa Paz, Xosé Pedreira, Ana Rey, Isabel Rodríguez, Xosé Carlos Ulloa e Branca Villar porán corpo poético aos versos de “Follas Novas”, “Cantares Galegos” e demais obras da escritora homenaxeada, ou aos de propia autoría sobre temáticas abordadas por Rosalía de Castro. A cantautora Paloma Suanzes acompañará o acto con varias pezas musicais. O evento estará conducido por Montse González Álvarez.