No solemne e multitudinario acto académico celebrado o día 15 de febreiro de 2003 no Auditorio Municipal “Carmen Estévez” de Vilalba, o Ilustrísimo Señor Don Manuel María Fernández Teixeiro, ao que reivindicamos como o noso Manuel María, validou ante os membros da Real Academia Galega a razón de ser para que o seu discurso académico fose pronunciado na capital da chairega. Os que asinamos este manifesto e solicitamos a vosa adhesión, fomos testemuña privilexiada e, como moitos outros vilalbeses, sentímonos orgullosos de que o Cantor da Terra Chá elixira a nosa vila para pronunciar o discurso que o elevaba a membro de Real Academia Galega, convertendo ese día nunha data esculpida en ouro para a nosa historia, ao igual que o Día das Letras Galegas de 2016 no que foi homenaxeado como referencia cultural de Galiza. A demora é longa. Van transcorridos dezaseis anos dende que o noso Manuel María fose traído dende o Panteón de Galegos ilustres en Santiago de Compostela até a súa vila natal de Outeiro de Rei, onde descansan os seus restos á sombra dos castiñeiros e do rumoroso, chairego e universal río Miño. Nos versos do noso Manuel María, no poema “Pranto pola Terra Cha”, o poeta di:
Eu son chairego. E chairegos son os meus. ¡Chairegos meu avó, meu pai, miña muller! Denantes na Chaira reinaba a paz de Deus e eu tiña, na Terra Cha, o meu querer.
¡Agora non podo recoñecer a terra miña! ¡Non podo recoñecer lugares que tripei! Eu amo unha Terra Cha humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
De boa lei, os abaixo asinantes considerándonos herdeiros do seu legado. Conscientes da eiva que supón que Vilalba, a Capital da Terra Chá, non preste merecente recoñecemento ao “xeneroso, fidel e de boa lei” Manuel María, sentíndonos co dereito e a obriga moral de reivindicar a súa relevante figura para a historia de Vilalba e a Terra Chá. Considerámolo o noso pai literario e máximo expoñente do que se deu en identificar como “Subescola Poética Vilalbesa” inaugurada polo crego Xosé María Chao Ledo. Porén, dende o respecto e a humildade, pero coa forza moral de ser os seu fillos literarios en Vilalba – Xosé Miguel Barrera e María Xosé Lamas – solicitamos a adhesión de cantos e cantas consideredes coma nós unha xusta reparación na estima da figura de Manuel María. Os abaixo asinantes (poetas, escritores, artistas de Galiza e dos confíns do mundo onde chegou a palabra do noso Manuel), pedimos aos poderes locais de Vilalba que reconsideren o seu rexeitamento para que Vilalba, como capital da Terra Cha, recoñeza ao noso bardo universal aprobando o nome de CASA DA CULTURA MANUEL MARÍA como monumento á concordia, á cultura, e ao home que amou unha Terra Chá humildosiña cun amor xeneroso, fidel e de boa lei.
A actividade terá lugar o sábado 19 de setembro, en Santiago de Compostela. A partir das 11:30 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que se pode descargar aquí:
11:30 Parque de Galeras (Santiago)
Descubrimento do Monólito conmemorativo e plantación do carballo (árbore simbólico do escritor).
– Entrega da peza escultórica da artista Soledad Penalta.
– Intervención do homenaxeado: Resposta á laudatio por parte de Vítor Vaqueiro.
– Intervención do Alcalde de Santiago de Compostela, ou persoa en quen delegue.
Cumprindo os protocolos relacionados coa excepcional situación sanitaria que estamos vivindo, no acto que terá lugar no interior do Concello só poderán estar presentes 12 persoas, a expensas de posíbeis modificacións das medidas existentes en cada momento en canto á saúde pública.
Dadas as actuais circunstancias derivadas da situación sanitaria provocada pola Covid-19, suspéndese o tradicional xantar de confraternidade.
*Información achegada desde a Secretaría Técnica da AELG.
D. Carlos Méndez, fundador do Museo Parroquial de Monterroso, e Francisco Pardo, director do IEU, asinando o documento de doazón do museo (Xullo 2020)
O sacerdote e historiador D. Carlos Méndez Vázquez, fundador e propietario do Museo Parroquial de Monterroso doou o seu museo ao Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) e ao Concello, coa condición de que as pezas da súa extensa colección pasen a ser propiedade do Concello de Monterroso e a xestión do futuro museo sexa realizada en exclusividade polo Instituto de Estudos Ulloáns.
A colección está formada por pezas de grande interese histórico (muíños prerromanos, verracos, ídolos, tégulas, pezas de tear romano, ventás visigóticas, capiteis románicos…) que D. Carlos Méndez recolleu e catalogou durante décadas, algunhas encontradas ou mercadas polo historiador, e outras doadas polos veciños de Monterroso ou cedidas en depósito. A tipoloxía das pezas é moi variada, abrangan restos históricos de diferentes épocas, e de moi diferentes temas (culinario, espiritual, festivo, artístico, documental).
Como herdeiros deste prezado legado, o IEU e o concello de Monterroso proxectan a creación dun gran complexo museístico integrado por un Centro de Interpretación da Feira, o Museo Carlos Méndez (arqueoloxía, historia e etnografía), unha Aula-taller de restauración, a biblioteca, o arquivo e unha sala de usos multíplices, agrupados todos eles baixo a denominación xeral de Museo de Monterroso.
O Museo de Monterroso será instalado no edificio do antigo centro de saúde da vila (actual sede do IEU), ocupando as tres plantas do mesmo. Na planta baixa instalarase a Aula-Taller de restauración e a sala de actos e exposicións, e na planta segunda a biblioteca especializada e o arquivo. Na planta primeira localizaranse o Centro de Interpretación da Feira, con tres grandes salas (“O enclave da feira”, “Os feirante”s e “As mercadorías”) e o Museo Carlos Méndez, con outras tres salas (“Etnografía comarcal”, “Dende as orixes de Monterroso ata a década dos 20 do século pasado”, “O último século da historia monterrosina”).
O Instituto de Estudos Ulloáns será o responsable da xestión, motivo polo que a Xunta de Goberno creou a Comisión de Xestión do Museo de Monterroso, integrada por unha directiva (directora, dous vicedirectores e conservador), unha ampla representación do concello de Monterroso e unha serie de vogais socios do IEU e de asesores externos. A directora do Museo do Monterroso será a historiadora María José Gómez Alvite e os vicedirectores serán o presidente e vicepresidente do IEU, Francisco Pardo Teijeiro e Jesús Otero Calvo. A D. Carlos Méndez se lle concederá a distinción de director honorario.
Trátase dun ambicioso proxecto museístico interactivo, dirixido ao público en xeral pero tamén a investigadores e estudosos das feiras e da historia da comarca da Ulloa. Un complexo museístico que pretende ser un referente de dinamización cultural da Galicia rural.
O escritor Xerardo Quintiá Pérez coa “Obra inacabada de Dosinda Christensen (I)” resultou gañador do XLVI Premio de Poesía do Certame Literario de Vilalba. Xerardo Quintiá, natural de Friol, é poeta, narrador e autor de literatura xuvenil e infantil. En 1984 trasládase a Lugo para realizar estudos de Bacharelato, cidade na que reside desde entón. Está casado, ten un fillo e traballa como axente comercial. Publicou os seus primeiros traballos na sección cultural “Táboa Redonda” de El Progreso (1988) e colaborou en revistas como Dorna ou Xistral. Da man da editorial Galaxia, ven a luz “Unha soa man e otros intres” (1999) e, no ano 2001, “Un rabaño de ovellas brancas”. En Franka Editora publica “O libro dos aparecidos” (2002). No ano 2012 volve á narrativa para adultos e de novo en Galaxia publica “Hotel Cidade Sur”, traducido ao castelán por Pulp Books. En maio do 2015 publica, en Galaxia, “O Viaxeiro Radical”, traducida ao catalán por Editorial Gregal (2018). No eido da literatura infantil, na colección ARBORE da Editorial Galaxia, publica “A verdadeira historia do burro Feldespato” (2002) e, en 2007, na mesma colección edítase “Ke-Tumba Ke-Tamba”, finalista do premio Raíña Lupa. Para primeiros lectores escribiu “Titiritesa”, publicado por OQO Editora (2007) e traducido ás principais linguas europeas. Como poeta ten publicado “ailalalalelo de auga”, Do4 Edicións (2001); “Poesía en Ruta”, premio Fermín Bouza Brey, Espiral Maior 2007; “FORNELOS & FORNELOS, primeira fundación”, premio Fiz Vergara Vilariño, Espiral Maior (2011). FORNELOS & FORNELOS, segunda fundación, premio Eusebio Lourenzo Baleiron, Sotelo Branco (2016); “FORNELOS & FORNELOS, terceira fundación”, premio Lueiro Rey, Xerais (2019).
Adxúntase a acta co fallo emitido polo xurado do XLVIPremio de Poesía do Certame Literario de Vilalba.
*Información facilitada pola área de Comunicación do Concello de Vilalba.
*Imaxe da noticia recollida do Facebook do propio Xerardo Quintiá.
As tres entidades convocadoras alédanse de poñer en marcha esta terceira edición dun certame poético que comeza a expandir as súas pólas dentro da árbore literaria galega.
Agardan que, a pesar da pandemia causada pola Covid-19, a participación siga mantendo os niveis cuantitativos e, sobre todo, cualitativos das dúas edicións precedentes. Do mesmo xeito que, tendo en conta o proceso de recesión económica que vai provocar a crise sanitaria do coronavirus, desexan apostar pola reivindicación da cultura, neste caso da literatura, na súa vertente de creación poética; e que non sexa, como sempre acontece, un dos sectores damnificados por culpa do proceso de excepcionalidade que se está a vivir en todo o mundo.