por martinho | Oct 13, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
Con motivo da conmemoración anual do 25 de Novembro coma Día Internacional pola Eliminación da Violencia contra a Muller, a Asociación Cultural CALDALOBA e o portal web Culturalia GZ deciden convocar o MANIFESTO POLO 25 N. 25 Voces pola Eliminación da Violencia contra a Muller, unha antoloxía que amosará desde a vertente poética (textual, imaxinativa, gráfica) a visión particular de 25 artistas da palabra e/ou da imaxe arredor do 25 N.
Cada persoa só poderá achegar UNHA única obra ao seguinte enderezo electrónico info@culturaliagz.com.
A data límite para a recepción de obras será o 8 de novembro. A continuación realizarase unha selección de 25 obras de todas as achegadas, e que, segundo o criterio da organización, mellor reflictan o sentido da convocatoria.
por martinho | Oct 13, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
BEBENC@NTAS CON PABLO DÍAZ
Este sábado,17 de outubro, ás 18 h, na Casa-Museo Manuel María, BEBENC@NTAS, co músico galego Pablo Díaz, que fará unha viaxe a través dos contos coa música como fío condutor, tratando temas e rutinas adaptadas para as máis pequenas e pequenos, de 0 a 3 anos. Para o conseguir, axudarase de instrumentos como frautas, guitarra, harmónica, e interpretará algún dos seus temas máis populares. Unha sesión relaxada onde a fantasía e a ilusión sexan as protagonistas, e en que grandes e miúdos axuden a cantar e a entoar as melodías e retrousos dos contos e cancións. Moitos dos contos serán cantados de principio a fin.
A actividade é gratuíta mais é imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
Para quen non coñeza a Pablo Díaz:
Pablo Díaz debutou co seu primeiro traballo discográfico TIC TAC (ed. Kalandraka), en decembro de 2009, co que acadou un éxito espectacular no país, xa que a primeira edición do traballo esgotouse en 3 meses, e vai xa pola 5ª edición con máis de 7000 exemplares vendidos. Con este traballo resultou un dos 3 finalistas nos premios galegos da música Martín Códax e foi o gañador do premio “Anisia Miranda á creatividade infantil” en 2011.
En novembro de 2013, ve a luz o segundo traballo, TOC TOC, da editorial Galaxia. Con este traballo conseguiu o recoñecemento do mundo musical acadando o premio ao mellor traballo de música infantil nos premios Martín Códax 2014, e tocando por máis de 50 concellos de Galiza.
En decembro de 2014, presenta o seu novo traballo máis íntimo e dedicado ao público de menor idade: “Xente Miúda, moita fartura”, apostando nesta ocasión pola autoprodución e contou coa colaboración de Tito Calviño e Carmen Rey.
A finais de 2016, publícase o traballo, “TIC TAC TOC” (ed. Galaxia) ilustrado por Almudena Aparicio. Con este espectáculo fixo unha xira por 60 concellos galegos.
O último traballo de Pablo Díaz é “COAS MIÑAS MANS” (ed. Galaxia) que saíu ao mercado en xuño de 2018 con moi boa acollida por parte do público familiar.
Como contacontos infantil leva feitas centos de sesións desde 2005, formando parte do equipo de animación á lectura da editorial Kalandraka, e posteriormente de xeito individual. Leva dedicada unha boa parte da súa obra como narrador oral ás crianzas de entre 0 e 3 anos.
por martinho | Oct 8, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA PRESENTA ESTE SÁBADO, ÁS 18 HRS, UNHA NOVA EDICIÓN DO LIBRO DE MANUEL MARÍA “REMOL“
No acto estará presente MARGARITA LEDO ANDIÓN, que escribe o prefacio da nova edición dun poemario que veu a lume hai 50 anos en Bos Aires
Despois da presentación, ás 19 hrs, a narradora oral, SOLEDAD FELLOZA, levará a cabo un espectáculo, dirixido para público adulto, baseado en textos narrativos de Manuel María
Remol é un libro publicado por primeira vez o 25 de xullo de 1970, na cidade de Bos Aires, a través de Edicións Nós. O libro contén 43 poemas (líricos e intimistas, biográficos, de denuncia e compromiso, e de homenaxe e solidariedade coas persoas que se significaron na defensa dos pobos asoballados polo imperialismo).
A entrada para estas actividades é libre, mais con reserva previa que haberá que realizar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no tel. 698177621, xa que para manter as medidas preventivas da COVID-19 o número de prazas é reducido.
por martinho | Oct 2, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
Chega unha nova edición da Letra das Festas, a revista oral do San Froilán, baixo o título de Lorchas e punteirolos.
Terá lugar o martes 6 de outubro, ás 18:30 horas, no Salón de Actos do Deputación Provincial de Lugo (Rúa San Marcos, 8).
A entrada será de balde até completar capacidade.
Contan:
- José Luis Corujo
- José Luis Villamarín
- Tino Mendaña
- José Luis Díaz
- Toño Núñez
- Ovidio Pérez
Ambientación musical:
Coordinación e presentación:
por martinho | Sep 28, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
Desde a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) informan do programa de actividades xa confirmadas que terán lugar este mes de outubro, relacionadas coa Sección de Literatura de Tradición Oral:
Venres, 23 de outubro
Ás 18:00 horas, na cidade de Lugo, na Sala de Exposicións da Deputación Provincial de Lugo (rúa San Marcos, 8 –como chegar-), Gala dos Premios Mestras e Mestres da Memoria 2020. Entrada libre até completar capacidade.
Sábado, 24 de outubro
Desde as 10:15 horas no Salón de actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8 –como chegar-), XIII Xornada de Literatura de Tradición Oral. O humor na literatura de tradición oral. Xa está aberto o prazo de inscrición, gratuíta. Entrada libre até completar capacidade.
por martinho | Sep 15, 2020 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
CINZA
Miguel Díaz
Queimemos os libros,
apaguemos as historias,
desprecemos calquera son
que nos achegue á poesía…
Reduzamos a cinza
cada carta de amor,
afastemos a mirada
que nos embelece.
Declaremos a guerra
ós corazóns que aman…
Sintamos o orgullo
de ser caladas ovellas
dun rabaño desprezable…
Anulemos a nosa esencia
e vivamos na superficie
dunha lagoa noxenta…
E deste xeito tamén
conseguirán gañar eles.