por Pilar Maseda | Nov 4, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Dende que non te escoito
a arrastrar os pés polo piso
un silencio de ausencia no infindo se fixo
Dende que non te sinto
Dende que non te escoito
a sinxeleza da túa voz de agarimo xa non sinto
a cantarme no berce boleros ao oído
Dende que non te sinto
Dende que non te escoito
á memoria do paterno regreso co vivido
no serodio pretérito a conversar contigo
Dende que non te sinto
Dende que non te escoito
tornan as bágoas co vento do exilio
acubilladas no abrigo do íntimo
Dende que non te sinto
Dende que non te escoito
chegas co nordés e o frío, paseniño
e ao carón da lareira botando leña te imaxino
Dende que non te sinto
Dende que non te escoito
aos vieiros da Matria que andamos xuntos lles sorrío
busco na acordanza o noso sorriso, igualitiño
Dende que non te sinto
Dende, dende, dende,
dende que non te escoito.
Dende que non te sinto.
Ti conmigo e eu contigo,
eu contigo e ti conmigo.
Dende que non te sinto.
PILAR MASEDA. 2018
por martinho | Nov 2, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Publicacións, Xeral
Venho de traduzir este imprescindível ensaio, produto duma palestra, do grande poeta francês Paul Valéry. Pensei que, antes de enviar a tradução do genial poema “Cemitério Marinho” – uma das obras poéticas indispensáveis de toda a literatura em todas as línguas e latitudes – da que só me resta escrever algo sobre a poética deste grandíssimo poeta, que fecundou de maneira absoluta a visão que se tem sobre a poesia para a gente toda (sejam eles e elas leitores e leitoras de poesia ou não o sejam -.achei, digo, publicar este ensaio que oferece a visão que o poeta de Sète sobre a arte da palavra em verso. Isto é, uma ideia sobre a obra poética tanto no que diz respeito da teoria (Sobre a Poesia) quanto no que diz da prática (Cemitério Marinho).
por Emilia Martínez Fuentes | Oct 31, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Xeral
Se a vida te leva…
eu vou contigo,
para facer do teu camiño… un sendeiro
no que medre a herba.
Seguirei os teus pasos
e descansarei na túa sombra.
Quero ser folla seca que leva o vento
e baila a danza do outono,
alfombrando o chán que pisas.
Quero ficar ó teu carón
e beber a grolos… as túas bágoas.
Se a vida se esgota… vivirei nos teus soños,
na aperta doída da soidade
e no baleiro da noite, cando non brille a lúa.
Estarei en ti
e acenderei o teito celeste para que non teñas medo.
Milleiros de estrelas alumearan a escuridade
somentes para ti…
Se os días rematan, e o inverno
cingue o seu manto no meu corpo outonizo,
deixarei que voe
coma unha pomba no ceo cincento… da tarde,
e bicarei os teus beizos
co agarimo do vento que sen querer… límpache
unha bágoa.
Se a vida se vai… fico contigo.
por martinho | Oct 30, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Xoán Neira presenta, este sábado, ás 19.30 h, na Casa-Museo Manuel María, o seu poemario Gaiola Aberta. Escolma de poesía infantil (1997-2017)
Esta obra, dirixida para as crianzas, recolle unha selección de poemas escritos por Xoán Neira durante os últimos vinte anos, e con ela, o autor, quere facer unha sentida homenaxe a Manuel María no cincuentenario da publicación da primeira edición do seu celebérrimo Os soños na gaiola.
Na presentación deste sábado, ademais do autor, intervirán Belén López (directora de edicións Baía) e Armando Requeixo (autor da edición e do limiar).
*Información achegada dende a Casa-Museo Manuel María
por martinho | Oct 29, 2018 | Autores/as, Creación, Literaria, Publicacións, Xeral
PURA VIDA é María Pereira a poeta betanceira con orixes en Becerreá. Esta documentalista é forza e sensibilidade a un tempo, alegría e compromiso. Escribe o que é e o que sinte disparando ao corazón de quén lee.
María, que é voceira dos mariñeiros galegos que reivindican os seus dereitos en Noruega (de aí o alcume cariñoso de OSLITA), agasállanos con este poemario que resume no titulo o que transmite: PURA VIDA. Na loita, na solidariedade, no amor polos seus, no compromiso social, nas ideas e aficións e na amizade máis aló da morte (o libro vai adicado a unha amiga que morreu prematuramente).
Compoñente dos grupos poéticos PM Voces Poéticas do Mandeo e da NPG Nova Poesía Guitirica, forma parte tamén da Asociación Gastronómica Cultural Lar de Unta de Betanzos na que é grande activista da área de cultura e cos que temos colaborado e onde tamén realizaremos o 3 de novembro a presentación , no programa de novidades #DoTtinque, deste poemario dixital do #EstraperloCulturalia con un acto poético de homenaxe a Sila, á que vai adicado conxuntamente coa súa filla Ángela.
Así pois, disfrutádeo e descubride a María Pereira, e aqueles/as que xa a coñecedes, afondade máis a través desta PURA VIDA. Paga a pena.
Para descargar o libro en PDF de maneira gratuíta, ide ao ENLACE.
por martinho | Oct 27, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
Adxuntamos acta do Xurado do II Premio Agustín Fernández Paz de narrativa infantil e xuvenil pola Igualdade, reunido hoxe no local do Iesha, sito na casa da Cultura de Vilalba, e que decidiu conceder dito galardón a Rosa Aneiros pola obra UNA MANTA RILLADA.
*Información facilitada polo IESCHA.