Presentación do libro AS FEIRAS DE MONTERROSO, do Instituto de Estudos Ulloáns

O vindeiro sábado 18 de maio ás 19:00 horas o Instituto de Estudos Ulloáns (IEU) presenta o libro AS FEIRAS DE MONTERROSO.

No acto de presentación, que se celebrará na sede do citado IEU en Monterroso, intervirán:

María José Gómez Alvite e Francisco Pardo Teijeiro, como coordinadores da publicación;

Adolfina Mesa, poeta e artista multidisciplinar;

Paco Ledo, poeta;

o escritor e poeta Toño Núñez;

Carlos Méndez Vázquez, socio fundador do IEU;

Jesús Otero, socio fundador do IEU;

Miguel Rico, alcalde de Monterroso.

A ilustración do cartaz, que tamén se amosa na portada do libro, é obra da artista Adolfina Mesa. Esa ilustración, xunto a outras máis, aparece en páxinas interiores incluída nun bloque temático propio.

Durante o desenvolvemento do acto terá lugar unha lectura de textos, con recitado de poemas por parte de poetas xa mencionados, como Adolfina Mesa ou Paco Ledo.

*Información facilitada polo Instituto de Estudos Ulloáns.

Entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Este pasado venres 10 de maio celebrouse na Casa da Cultura de Vilalba a partir das 20 horas do serán a cerimonia de entrega de premios do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019, convocado polo Concello de Vilalba, coa colaboración de Culturalia GZ.

Dito acto de entrega, conducido polo escritor e administrador de Cultura GZ, Martiño Maseda, contou tamén coa presenza de Patricia Teijeiro Álvarez, concelleira de Educación de Vilalba, e o escritor e crítico literario Armando Requeixo, membro do xurado, canda Ánxela Gracián e Mercedes Queixas Zas. Sen esquecer, entre o numeroso público que ateigaba o salón de actos da Casa da Cultura de Vilalba, a asistencia das persoas premiadas nas distintas categorías. (Véxase enlace á acta do xurado)

A continuación vexamos unha galería fotográfica, obra de Adolfina Mesa, onde se recollen momentos vividos durante o acto de entrega de galardóns.

IESCHA: Conferencia de Carlos Henrique Fernández Coto sobre URBANISMO E PATRIMONIO na Casa da Cultura de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos (IESCHA), en colaboración co Concello de Vilalba, organiza unha conferencia sobre URBANISMO E PATRIMONIO que imparte CARLOS HENRIQUE FERNÁNDEZ COTO. Dita conferencia está prevista para o vindeiro xoves, 16 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Velaquí o cartaz e a nota informativa.

*Información facilitada polo IESCHA.

Faia Díaz e Vero Rilo, APATACÓN, presentan o sábado 18 de maio “Por unha peseta”, na Casa-Museo Manuel María

Segue a medrar o número de actividades que se desenvolven na Casa-Museo Manuel María dentro da súa programación cultural.

A seguinte será o sábado 18 de maio, ás 20.30 hrs., e contará coa vocalista Faia Díaz (Coro Encaixe, Devacas…) e a contadora Vero Rilo (Daboapipa, Rilo&Penadique…), APATACÓN, que presentarán o espectáculo “Por unha peseta”, un traballo onde voz narrada e cantada achégase por menos de nada para encontrar canto vale unha peseta.

Historias de vida recollidas na nosa contorna e no universal que nos achegan a partes iguais ao humor, á sensibilidade e á tenrura propias da nosa xentes. “Por unha peseta” lévanos aos tempos dos nosos devanceiros, mais desde un punto de vista actual que respecta os seus saberes, tradicións, historias e retranca.

O prezo do billete é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal

*Información: Casa-Museo Manuel María

Presentación do libro A GOTIÑA VIAXEIRA, de Toño Núñez, na Librería Nube de Papel de Vilalba

O vindeiro xoves, 16 de maio, data anterior ao DÍA DAS LETRAS GALEGAS, a partir das 19:30 horas na Librería Nube de Papel de Vilalba celebrarase a presentación do novo libro do escritor Toño Núñez, A GOTIÑA VIAXEIRA. Acto organizado conxuntamente por Culturalia GZ e Nube de Papel.

Nese acto acompañarán ao citado autor, o escritor Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ, e Lorena Lagüela, por Nube de Papel.

Amenizará o desenvolvemento do evento a actuación do cuarteto poético-musical Corredores de Sombras (Pilar Maseda, Carme Mato, Baruk Domínguez de Naveiras e Rosana Domínguez).

A GOTIÑA VIAXEIRA é un “conto infantil que narra as aventuras dunha gotiña de auga que, durmida un día na praia evapórase e perde ás súas compañeiras. Inclúe cd audiovisual con imaxes, narración e canción”.

*A autoría do cartel anunciador é da artista Adolfina Mesa.

Fallo do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2019

Hoxe, 7 de maio de 2019, fanse públicos os premios do Certame de Microrrelatos organizado polo Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ, con motivo da celebración do Día do Libro 2019.


O xurado, que estivo formado, por:


– Armando Requeixo, escritor e crítico literario.

– Mercedes Queixas Zas, profesora, escritora e secretaria xeral da AELG.

– Ánxela Gracián, escritora e tradutora.

– Martiño Maseda, poeta e administrador de Culturalia GZ (con voz e sen voto).

– Patricia Teijeiro, concelleira de Educación e Participación Cidadá (con voz e sen voto).

determinou os seguintes premios:

CATEGORÍA INFANTIL:

1º PREMIO para Nerea Villar Ferreiro polo microrrelato A historia da Pravia, “pola capacidade imaxinativa e forza simbólica”.

2º PREMIO para África Montenegro Leal polo microrrelato O paraugas máxico, “polo sorprendente tecido marabilloso e as referencias literarias”.

3º PREMIO para María Otero Díaz polo micorrelato Un ancián feliz, “pola emotiva mensaxe e a calidade poética da prosa”.


CATEGORÍA XUVENIL:

1º PREMIO para Mariña Maceiras Segovia polo microrrelato Perspectiva, “pola mostra sensible á problemática migratoria e intelixente xogo de contrastes”.

2º PREMIO para Nee Barros Fernández polo microrrelato Relax-acción, “polo argumento de indubidable tensión climática con final brutal e abraiante”.

3º PREMIO para Sandra Rodríguez Macía polo micorrelato A pantasma, “pola inesperada resolución e hábil inserción de elementos fantásticos”.

CATEGORÍA ADULTOS:

1º PREMIO para Patricia Torrado Queiruga polo microrrelato Da estirpe ágrafa, “pola poderosa evocación da estirpe familiar dende o herdo das mulleres e aposta pola cultura alén da letra impresa”.

2º PREMIO para Raquel Fernández Fernández polo microrrelato Silencio, “por ser unha historia de final insospeitado que fai converxer, luminosamente, o mundo do pictórico e o literario”.

3º PREMIO para Beatriz López Dorado polo micorrelato Polo recheo ao forno, “pola posta en valor do calado e esencial labor das mulleres no eido do lar cunha escrita de forte pegada lírica”.

O xurado salientou a alta participación en canto ao número de orixinais presentados, así como a boa calidade narrativa dos mesmos, en liñas xerais.

Moitos parabéns a todos/as!

A entrega de premios será o venres día 10 de maio de 2019 ás 20: 00 horas na Casa da Cultura de Vilalba.