Obras gañadoras do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA

Imaxe do xurado do Certame de Poesía Torre de Caldaloba

No serán do 12 de decembro de 2020, no salón de plenos do Concello de Cospeito, celebrouse a reunión do xurado deliberador do III Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA, integrado por Armando Requeixo, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez e Xosé Otero Canto, actuando de secretario do tribunal Martiño Maseda, con voz pero sen voto.

Despois da súa deliberación decidiron conceder os seguintes premios:

Categoría 1ª (menores de 18 anos)

Primeiro Premio: OUTUBRO EN DOUS ACTOS, de Paula Domínguez Barreiro, polo excelente traballo cunha riqueza lingüÍstica e acertado uso de recursos estilísticos. A calidade reflíctese nese coidado trato dos fonemas para ir ganduxando versos dun intimismo e unha sensibilidade extrema.

Segundo Premio; DERRADEIRO ADEUS, de Marina Montenegro Jamardo, un poemario con versos sinxelos, tratándose dunha poesía realista, mais cunha carga emocional que esperta as emocións e a empatía cara á persoa autora. Hai tema presente en todos os versos que son a dor e a tristura que provoca un adeus. Cando amamos de verdade, ninguén está vacinado nin hai a apócema para unha despedida.

Categoría 2ª (de 18 anos en diante)

Primeiro Premio: HERDAR A FALA, de Patricia Torrado Queiruga, un poemario de matiz intimista, que reflicte a dor e identifica un herdo culturalmente definido. Ao tempo que amosa de xeito ambigüo unha ferinte ausencia do fillo. Coa composición de estrofas brutais ante unha realidade desacougante.

Segundo Premio: UNHA TEORÍA PARA OS ESPECTROS, de Abraham Pérez, porque expresa un posthumanismo, nun xogo de figuras humanas que designan correntes de pensamento. Xuízo á nosa cultura, onde convida a non xustificar os mortos da historia nunha revolución social e política, transformación da pobreza agochada e de identidade humana.

A entrega de premios terá lugar o vindeiro sábado 19 de decembro, a partir das 18h, no local social de Pino (Cospeito).

Acto de presentación das obras HORA DE PENUMBRA, de Xurxo Alonso, e DE CASA QUEIMADA, de Iria Collazo López, no Museo das Aves de Cospeito

Onte pola tarde no Museo das Aves Cospeito, nun ambiente agradable, que cumpría as medidas sanitarias determinadas por causa da pandemia que estamos a padecer, celebrouse o acto de presentación das obras gañadoras do II Certame de Poesía TORRE DE CALDALOBA: “Hora de penumbra“, de Xurxo Alonso, e “De casa queimada“, de Iria Collazo López.
Con representación do Concello de Cospeito, na persoa do seu alcalde, Armando Castosa, da Asociación Recreativo Cultural de San Martiño de Pino, a través da súa presidenta Ines Lozano Carral, de Alvarellos Editora, o seu director Henrique Alvarellos, de Culturalia GZ, o seu administrador Martiño Maseda, chegou o momento de desfrutar en formato papel e escoitar en voz recitadora o froito poético que o xurado considerou merecedor de galardón na segunda edición deste certame poético que se vai consolidando máis aló dos lindes da Chaira.
Debido á ausencia por problemas de saúde de Iria Collazo López, enviou un texto que leu Martiño Maseda, ademais de recitar un par de poemas do seu libro “De casa queimada”.

Velaquí unha galería videográfica, facilitada por Quique Alvarellos, Ana Mar Fraga Rabade e Armando Requeixo, xurados nalgunha edición do certame e presentes no acto, no que tamén estiveron máis integrantes deliberadores/-as do citado xurado como Xosé Otero Canto e Adolfina Mesa.
Un acto ameno no que, a pesar dos tempos pandémicos, se festexou a palabra poética que fai medrar a árbore literaria de Caldaloba.



#MedreaPoesía!
#MedreCaldaloba!

“Contos e Outras Andrómenas”, de Pedro Brandariz, para crianzas de 4 a 11 anos, na Casa-Museo Manuel María

CONTOS E OUTRAS ANDRÓMENAS de PEDRO BRANDARIZ, este sábado, día 12, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María.

Sesión de contos do cómico e actor Pedro Brandariz e protagonizado pola “Pantasma Cataplasma” e polas súas venturas e desventuras, que veñen sendo do máis divertidas. 

Dirixada para as crianzas de 4 a 11 anos e as súas familias. Imprescindíbel facer reserva en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621. Billete 2 euros.

Presentación dos libros HORA DE PENUMBRA e DE CASA QUEIMADA, obras gañadoras do II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, no Museo das Aves de Cospeito

O vindeiro sábado 12 de decembro, a partir das 17 horas no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase a presentación das obras gañadoras no II Certame de Poesía Torre de Caldaloba, que organiza o Concello de Cospeito e a Asociación Cultural de San Martiño de Pino, en colaboración con Culturalia GZ. Trátase das obras HORA DE PENUMBRA, de Xurxo Alonso, gañadora do primeiro premio, e DE CASA QUEIMADA, cuxa autora é Iria Collazo López, que acadou o segundo premio no devandito certame.

Está prevista a asistencia ao acto de presentación, ademais dos autores citados, do alcalde de Cospeito, Armando Castosa, Inés Lozano, en representación da Asociación Cultural de Pino, Martiño Maseda, administrador de Culturalia GZ, e Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, a editorial encargada da publicación das obras que acadan premio neste certame poético nos eidos da Chaira.

Dada a situación pandémica provocada pola COVID-19 manteranse as medidas de seguridade sanitaria pertinentes.

Nesa mesma xornada tamén se realizará a xuntanza do xurado para deliberar o fallo da 3ª edición do Certame de Poesía Torre de Caldaloba.

O filme “María Solinha”, este sábado, na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 5 de decembro, ás 19 hrs, proxectarase, na Casa-Museo Manuel María, o filme “Maria Solinha“, de Ignacio Vilar.

“Un afamado director chega a Cangas do Morrazo, en Galicia, para reconstruír no teatro a historia de María Solinha, acusada de bruxería e queimada pola Inquisición no século XVII. A protagonista da obra de teatro vai sufrir, no século XXI, acedos ecos da agresión que sufriu María Solinha no século XVII”

Tras a proxección, haberá un coloquio co seu director, Ignacio Vilar.

A entrada é libre, mais é imprescindíbel reservar a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

Festival Atlántica.- Charo Pita e a Banda Municipal de Santiago musican ‘O gato con botas’

Charo Pita e a Banda Municipal de Santiago musican ‘O gato con botas’

·       O espectáculo forma parte da programación do Festival Atlántica e será este domingo, 6 de decembro, ás 12 horas, no Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura

·       Charo Pita tamén estará o sábado na Biblioteca Pública Miguel González Garcés da Coruña co espectáculo infantil ‘Menú de contos’

O Museo Centro Gaiás da Cidade da Cultura acolle este domingo, 6 de decembro, a partir das 12 horas, o espectáculo ‘Unha aventura singular: o gato con botas’, unha versión musicada do conto clásico na que participa a narradora Charo Pita e a Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela coa dirección de Casiano Mouriño. O espectáculo, concibido ex profeso para a ocasión, esgotou os seus convites ás poucas horas de abrir as reservas e a lista de espera está tamén completa.

Charo Pita únese así ao grupo de contadores do Festival Atlántica que actuaron acompañados pola veterana banda picheleira, nun formato que se inaugurou na edición do 2018 con Nono Granero e que vai camiño de se converter nun clásico deste encontro de narración oral. A artista galega, que posúe unha ampla experiencia na combinación de música e contos, afronta neste espectáculo un dobre desafío: a adaptación dun clásico da tradición europea e facelo na compaña dos case 40 integrantes da banda.

‘O gato con botas’ é un conto popular europeo recompilado a finais do século XVII polo escritor Charles Perrault no seu libro ‘Contos de mamá ganso’, aínda que existen versións anteriores. Nel nárranse as argucias dun espelido gato para axudar o seu amo na procura de fortuna.

Cita cos contos na Coruña

Charo Pita vai actuar tamén este sábado dentro da programación do Festival Atlántica na Coruña. Os pequechos con idades entre 3 e 8 anos están convidados á Biblioteca Pública Miguel González Garcés, a partir das 12 horas, para gozaren con ‘Menú de contos’. A entrada é gratuíta, mais cómpre reservala no 881 960 378 ou na biblioteca.

Neste espectáculo haberá historias con princesas, sapos, bruxos, bonecos, trens, fabas, reis, lúas ou camelos. Contos tan variados coma un menú de restaurante: historias salgadas coma as patacas fritas, outras tristeiras coma os botes de espárragos e mesmo tenras coma os toriños de pescada. Dependerá do menú do día, de como veña a contadora e, sobre todo, de como sexa a fame dos que escoitan.

Artista polifacética

A galega Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario ‘O cuarto de Jane’ gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como ‘A nena e o grilo no país das apertas’ xunto a Magín Blanco, en ‘Estamos no verán’ xunto a Xoán Curiel ou en ‘No país do vento’ da man de María Faltri e Jorge Juncal.

No tocante á Banda Municipal de Santiago de Compostela, é unha das máis antigas de Galicia, xa que naceu en 1848. Ao primeiro tiña carácter afeccionado, ata que en 1876 o Concello decidiu facerse cargo dela e comezou a se profesionalizar. Na actualidade conta con 37 compoñentes e desenvolve unha intensa actividade de concertos ao longo de todo o ano. O seu director é o pontevedrés Casiano Mouriño Maquieira.