ENTRESOÑOS CHAIREGOS, CABANA E TRASMUNDO, espectáculo de narración oral de Lois Pérez, este sábado na Casa-Museo Manuel María

LOIS PÉREZ, contador de historias e escritor, estará este sábado, ás 20 hrs, na Casa-Museo Manuel María, para nos deleitar cun espectáculo especial para este día Entresoños chairegos, cabana e trasmundo.

A sinopse da narración que nos vai presentar este sábado é a seguinte: “O caos é a orde natural do mundo: teno pensado algún cando lle barreron os dentes. O contador de historias Lois Pérez procura conservar os seus e atraca co seu discurso terrachaísta este sábado na Casa-Museo Manuel María, en Outeiro de Rei. Malia a carencia de recursos que sempre o aflixe, pousará a mirada do humor nun feixe de historias de fasquía informe: sucedidos chairegos, novos episodios familiares, vagas influencias literarias, contos da xente -a urbana e a rural-, aventuras na emigración, un romance e un encontro -que non romance- co presidente da Deputación de Ourense e outros seres igualmente brutais da mitoloxía galega. Lois Pérez é, coma seu pai, da casa do Havanero, en Momán, Cospeito, Terra Cha, cha, cha”.

Lois Pérez mestre, poeta, dramaturgo e contador de historias, ten como centro da súa actividade artística a narración oral e a escrita, e vén recentemente de participar como guionista e narrador, baixo a dirección artística da música Uxía Senlle, en Acorda. Cartografía musical da memoria histórica de Pontevedra. O billete para asistir a este espectáculo é de 5 euros. Cómpre reservar previamente en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whataspp 698177621

IESCHA.- “Debates necesarios: Que sabemos do PXOM?”, na Casa da Cultura de Vilalba

O IESCHA organiza senllos actos sobre o PXOM  a celebrar os venres 22 e 29 de outubro de 2021, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba O día 22 de outubro terá lugar unha conferencia a cargo da arquitecta técnica Fátima López Soto, co título O planeamento. A ferramenta para facer cidade. E o día 29 celebrarase o debate entre os representantes dos partidos políticos BNG, PP, PSOE e VA.

Velaquí a nota informativa de ditos actos.

XOGO REVOLTO, de Trécola Producións, un espectáculo de monicreques este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 16 de outubro, ás 17 hrs, na Casa-Museo Manuel María inician unha nova tempada para  as familias e crianzas. E faraón cunha peza de monicreques, “Xogo revolto”, de Trécola Producións.

Catro protagonistas, cada un deles cunhas experiencias vividas, cada un deles entende a vida da súa maneira, cada un deles é especial e único. Son amigos, xogan e aprenden xuntos aínda que ás veces non saiban comunicarse ou comportarse como deberan…

Unha proposta de monicreques de fío en que nenas e nenos sentiranse directamente identificados desde o principio xa que o guión está baseado en situacións da súa vida cotiá.

O billete para asistirdes ao espectáculo é de 2 € e é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621