Marlango e Estrella Galicia: unha maridanza perfecta en MEGA

O vindeiro  29 de abril volven os grandes plans do Museo Estrella Galicia cunha experiencia única de música e cervexa da man de Leonor Watling e Alejandro Pelayo, cunha degustación a outro nivel a ritmo de jazz, pop e blues en directo

MEGA Museo Estrella Galicia presenta unha velada exclusiva na súa Sala de Degustación que combina gastronomía galega, música e cervexa, coa maridanza, ás 21.00h, de dúas variedades singulares de Estrella Galicia con mexilóns e empanada viaxeira e. a continuación, ás  21.45h, o concerto de Marlango 

A apertura de portas realizarase ás 20.30h para que os asistentes poidan desfrutar maridanza exclusiva con dúas cervezas da casa. A primeira, a nosa favorita e todo un clásico, Estrella Galicia del Camino, acompañada de mexilóns de Galicia ao estilo belga. A segunda, unha novidosa variedade de Estrella Galicia, con empanada de cocido galego de Pablo Pizarro (si, a famosa Empanada Viaxeira). Ás  21.45h dará comezo o directo do dúo de culto que conforman Leonor Watling e Alejadro Palayo, a ritmo do mellor pop, jazz e blues da escena musical española.

Velaquí a nota de prensa de tal evento.

Convocatoria Pase Gráfico de “Alma de tigre”, de Elefante Elegante Teatro

A compañía Elefante Elegante convida aos medios a un pase gráfico de Alma de tigre previo á estrea absoluta deste venres en Ferrol.

Alma de tigre é unha obra construída de forma simbólica e onírica, con imaxes de forte impacto visual, inspiradas en autores como Klimt, Botticelli ou Caravaggio. O teatro físico e a danza, rasgos identitarios de Elefante Elegante, están ao servizo da imaxe nun espectáculo que coquetea co barroco no visual e tamén no acústico.

  • Data: xoves 7 de abril do 2022
  • Hora: 10.30 horas
  • Lugar: Teatro Jofre | Praza de Galicia, s/n – Ferrol
  • Acto: Pase gráfico da obra Alma de tigre de Elefante Elegante

Velaquí a nota informativa

CAFÉ DOROTHÉ, un espectáculo para crianzas e familias este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 9 de abril, á 17 horas, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes músicos, o guitarrista Virxilio da Silva e a acordeonista e voz Sonsoles Penadique. 

Eles veñen estrear un espectáculo familiar (crianzas entre catro e doce anos), Café, Dorothé, co que poderemos cantar, bailar e xogar coas lindas cancións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth deixou escritas nos seus libros.

E cales eran esas cancións?

Aquelas que foi recollendo desde finais dos setenta por toda Galiza e que compoñen, coa colaboración de Antón Santamarina, a máis extensa e minuciosa compilación da música popular de tradición oral galega. 

Pois ben, Virxilio e Sonsoles van presentar unhas versións moi persoais destas melodías do Cancioneiro Popular Galego, que Dorothé compilou e escribiu, para escoitar, facer e vivir a música en familia.

Reservas (billetes 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621

OASIS. As lecturas de Beatriz Dourado

OASIS

Beatriz Dourado

Título do libro: O sentido do abraio

Autora: Rachel Carson

Tradutora: Patricia Buxán Outeiro

Editorial: Catro Ventos

Ano de publicación: 2018

Rachel Carson (1907-1964) é unha das tantas autoras, esquecidas ou non tratadas co rigor que merece á súa obra, á que unha ten a sensación de chegar tarde. Así a todo, cómpre agradecer que unha editorial coma Catro Ventos, baixo a magnífica tradución de Patricia Buxán Outeiro, nos achegue na nosa lingua este ensaio, que se publicou por primeira vez, de maneira póstuma, en 1965.

O sentido do abraio toma como contexto o condado de Lincoln do estado de Maine, na zona de Southport, onde a bióloga construíu a súa cabana, preto do mar, nunha especie de refuxio para observar a natureza e escribir.

A priori, poderiamos considerar que o libro vai dirixido a familias e crianzas, xa que a propia Carson, impulsora do ecoloxismo moderno, sérvese da experiencia de aprendizaxe que realizou co seu sobriño Roger, fomentando a percepción, a observación e o gozo pola contorna natural. Porén, ao meu xuízo, diría que ninguén está excluído desta lectura, xa que se hai algo que podemos cultivar durante toda a vida é, precisamente, a curiosidade que nos vai encamiñando cara o sentido do abraio. En palabras da autora:

“O mundo dun pequeno é fresco, novo, fermoso, está cheo de sorpresa e entusiasmo. É unha desgraza que, na maioría de nós, esa visión lúcida, ese instinto natural que temos polo que é fermoso e impresionante, se debilite ou mesmo se perda antes de chegarmos á idade adulta. Se tivese cuña coa fada que supostamente está encargada de abeizoar todas as crianzas, pediríalle que escollese de agasallo para cada unha delas un sentido do abraio tan indestrutible que lles durase toda a vida, como un antídoto infalible contra o aborrecemento e o desencanto que han vir cos anos, contra a preocupación estéril por cousas que son artificiais, contra a alienación das orixes da nosa fortaleza”.

Nestas páxinas, Rachel Carson pon o foco, moi acertadamente, na importancia de acompañar e manter unha relación entre iguais coas nenas e nenos, despoxada de prexuízos, sen termos medo a evidenciar a nosa ignorancia e deixando fluír de xeito espontáneo a conversa –e o silencio-. Sen dúbida, escoller a inocencia entre as infinitas artimañas deste mundo fainos algomellores.

Lean, pois, e non deixen de abraiarse e celebrar a natureza.

A MICE e o Galician Film Forum proxectan NEGRO PÚRPURA no King´s College de Londres

A MICE e o Galician Film Forum proxectan Negro púrpura no King´s College de Londres

●       A estrea no Reino Unido do documental de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva será este venres, 1 de abril, no King´s College London

●       Completará o programa a curta Stockroom de Sol Mussa, autora tamén do clip promocional deste ano da MICE

●       A cita será este venres 1 de abril, a partir das 19 horas, no King´s College London

O Galician Film Forum (GFF) retoma a súa actividade presencial en Londres coa estrea no Reino Unido do documental Negro púrpura de Sabela Iglesias e Adriana P. Villanueva. A proxección será no King´s College London e vai ser posible grazas á colaboración entre o GFF e a MICE do Museo do Pobo Galego que se está a desenvolver estes días en Santiago de Compostela. O programa do evento tamén inclúe a proxección da curta Stockroom da directora Sol Mussa, autora do clip promocional desta 17 edición da MICE.

A actividade terá lugar este venres, un de abril, e logo das proxeccións o público terá a oportunidade de manter un coloquio por videoconferencia coas directoras de Negro púrpura no que tamén vai participar de xeito presencial Sol Mussa.

Como é habitual, todos os filmes proxectaranse en versión orixinal con subtítulos en inglés e o encontro celebrarase en inglés e galego. A entrada do evento é gratuíta pero cómpre reservala con antelación nesta ligazón. Esta nova edición do GFF conta, ademais da colaboración da MICE, co apoio do King´s College London.

O documental Negro púrpura retrata a Galiza do século XX a través do Cláviceps purpúrea, un fungo alucinóxeno que agroma nos cereais e que agocha historia tan descoñecida como importante no devir da cultura e da economía galega dunha época. Coñecido por nomes como caruncho, cornecelo, dentón, cornello ou grao de corvo, por citar algúns, o Cláviceps purpúrea é o vínculo inesperado entre as historias da casa, as multinacionais farmacéuticas, a CIA, as pragas medievais, a medicina popular e o LSD.

Pola súa banda, Stockroom é unha curtametraxe de xénero documental dirixida por Sol Mussa que mestura imaxes dun almacén de traballo con exteriores de Londres. Retrátanse as dificultades da cidade a través dos traballadores do almacén, os propios pensamentos de alguén que está vivindo o cambio ao novo lugar ou do Brexit. As imaxes están tratadas de forma experimental e permiten falar da memoria e dos cambios.

Galician Film Forum

O GFF naceu no 2015 no seo dun grupo de galegos emigrados a Londres co obxectivo de crear un espazo para a difusión do cinema galego na capital británica. A súa actividade articúlase en tres eixes: como plataforma de exhibición, como observatorio da nova diáspora creativa audiovisual no Reino Unido e como espazo de reflexión sobre o cinema e a cultura galega en termos universais.

·         Entradas: https://gff-mice.eventbrite.co.uk

·         Negro púrpura: https://negropurpura.gal/ | Tráiler: https://youtu.be/1-WYTzo4JRY

·         MICE: http://mice.museodopobo.gal/

Fixe Trío en concerto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 2 de abril, ás 20 horas, a formación Fixe Trío, subirá ao cenario do auditorio da Casa-Museo Manuel María para interpretar ao público asistente pezas do seu traballo Sempre Fixe, así como das súas últimas e recentes composicións. Será unha viaxe atlántica a través dun universo de composicións orixinais e temas populares arranxados e interpretados co seu son particular.

Os instrumentos principais deste trío, conformado por Xela Conde, Blanca Marigómez e Joel Fontán, son a voz, o cello e a guitarra; tamén aparecen outros timbres como violíns, frautas e diversos instrumentos de percusión. Con eles e cunha escenografía coidada crean un ambiente que convida as persoas que asistamos a participar do seu emocionante concerto.

Algunhas ligazóns das súas composicións:


Para asistir ao concerto é necesario reservar previamente o billete (5 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.