Xurado do Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2022
Na tarde deste xoves 26 de maio de 2022 fallouse oIV Certame de Microrrelatos DÍA DO LIBRO 2002, que convoca o Concello de Vilalba, en colaboración con Culturalia GZ. O xurado estivo formado por Ánxela Gracián, Mercedes Queixas Zas e Armando Requeixo, acompañados por Antía Rama Rvias, concelleira de Educación, Infancia e Mocidade do Concello de Vilalba (en ausencia da concelleira de Cultura, Comunicación e Igualdade, Vanesa Siso Calvo) como presidenta do xurado, e Sonia García, técnico de Cultura de dito concello, actuando de secretaria, e Martiño Maseda, en representación de Culturalia GZ. Estes tres últimos con voz pero sen voto.
Ademais da alta participación, dado que se presentaron un total de 78 microrrelatos, o xurado destacou a boa calidade, en xeral, das obras presentadas.
Unha vez abertas as plicas, a relación das persoas premiadas foi a que aparece na seguinte listaxe gráfica:
A entrega de premios programarase en datas vindeiras.
A actividade terá lugar o sábado 18 de xuño, na Estrada. A partir das 11:15 horas desenvolverase o programa de actos previsto, que se pode descargar aquí.
José Carlos López Campos, Alcalde do Concello da Estrada.
Beatriz Maceda Abeleira, Vicepresidenta da AELG.
Cesáreo Sánchez, Presidente da AELG.
Laudatio do autor, por Carlos Loureiro Rodríguez.
Entrega da peza escultórica, elaborada por Soledad Penalta.
Intervención do homenaxeado, Xosé Manuel Martínez Oca: Resposta á laudatio.
14:30 Samaná Restaurante, na Estrada (Rúa Gradín, 45) Xantar de confraternidade posterior.
As persoas interesadas deberán anotarse previamente enviando un correo electrónico oficina@aelg.org, indicando o seu nome, apelidos e número de teléfono, até o 12 de xuño. O prezo do menú é de 30 euros, que se pagarán antes de comezar o xantar, no mesmo restaurante (deberán indicar tamén no mesmo correo electrónico se prefiren carne ou peixe no menú).
Terá lugar na Casa de Cultura de Carral o vindeiro 9 de xuño e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadores de diversos premios do país
A asistencia é gratuíta e o aforo limitado, e a inscrición debe realizarse a través do formulario habilitado en www.aculturaeundereito.gal
‘Os certames de poesía como motores dunha literatura propia’ é o título da vindeira sesión do ciclo de xornadas ‘A Cultura é un Dereito’, o programa que promove a área de Cultura da Deputación da Coruña co obxecto de reflexionar sobre diferentes aspectos da cultura de noso e abordar estratexias para o seu desenvolvemento. A xornada, que está comisariada polo técnico cultural e presidente da Asociación Galega de Profesionais da Xestión Cultural, Carlos Lorenzo, terá lugar o vindeiro 9 de xuño na Casa de Cultura de Carral e reunirá a editores e editoras, entidades convocantes de certames e autores e autoras gañadoras de diversos premios do país. A asistencia é gratuíta e o aforo limitado. A inscrición á xornada debe realizarse a través do formulario habilitado para tal fin na páxina www.aculturaeundereito.gal
O deputado de Cultura, Xurxo Couto, lembra que “a Deputación da Coruña leva anos facendo unha aposta clara pola creación a través dos certames literarios, entre os que se conta o González Garcés de poesía”, e neste sentido indica que “nun momento de mudanzas nos hábitos do público lector e no consumo de produtos culturais, vemos necesario analizar o impacto que os certames teñen no sistema literario e o seu peso real na promoción da creación”. Así, nesta xornada abordaranse cuestións como o fomento da escrita e da lectura deste xénero e o comportamento do sistema literario galego, entendido como a relación entre a edición e a recepción das obras entre o público.
O programa da xornada comezará coa presentación do estudo ‘Os certames de poesía en Galicia: unha análise das convocatorias actuais’, a cargo de Carlos Lorenzo, e continuará cunha mesa redonda na que participarán os editores Miguel Anxo Fernán Vello de Edicións Espiral Maior, Henrique Alvarellos de Alvarellos Editora, e Fran Alonso de Edicións Xerais. Seguiralle unha mesa redonda que baixo a epígrafe ‘Chámome poeta e preséntome a concursos’ reunirá a Miriam Ferradáns, Emma Pedreira e Xerardo Quintiá, e que estará moderada pola editora e poeta Dores Tembrás.
A quenda de tarde comezará coa presentación dos Premios de Poesía do Concello de Carral e o Miguel González Garcés da Deputación da Coruña, e continuará coa conferencia ’25 anos da poesía galega’ a cargo de Yolanda Castaño. A xornada rematará coa mesa redonda sobre ‘O futuro dos premios de poesía’ na que participarán Elvira Riveiro Tobío – Premio Eusebio Lorenzo Baleirón-, Gil Ares -premios Manuel Leiras Pulpeiro e Díaz Jácome-, e Sonia García -Premio Concello de Vilalba- e que estará moderada polo poeta Eduardo Estévez.
Tras a clausura, terá lugar o concerto ‘Treides comigo!’ de Xoán Curiel en instalacións anexas á Casa da Cultura, e aberto ao público en xeral.
E, porén, ocorre o milagre do sorriso. Medráralle na boca unha recua de espiñas. Noutrora. No seu acento, aquel valado de silvas. Aquel recendo de toxos bravos que lle emanaba das veas. Entre as súas partes fracturadas, flotaba un rumor acedo de tristura. Flotaba. Noutrora. E, porén, hoxe florea.
O excelente e virtuoso guitarrista, Samuel Diz, está a desenvolver un proxecto audiovisual que leva por título Música inéditas en Casas Literarias. Recentemente gravou na Casa-Museo Manuel María unha escolma de partituras orixinais do compositor, guitarrista e pintor lucense Tino Prados (1924-1981). Entre elas hai dous poemas musicados, “Soio na noite” de Manuel María e “O camiño do monte” de Uxío Novoneyra, para as que contou, na gravación, coa voz de Faia Díaz.
Pois ben, Samuel Diz estará en concerto este sábado, día 28, ás 20 horas, na Casa-Museo Manuel María para interpretar este traballo perante o público asistente. Contará tamén coa colaboración de Faia Díaz para cantar os dous poemas anteriormente nomeados.
Para asistirdes á actividade (billete: 5 euros) cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.
Podedes ver as composicións deste proxecto a través do código QR do cartón publicitario do evento que está após este texto.
O IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a Exposición INSTANTES, con debuxos e fotografías, de CARMEN CABANEIRO e DELACOMBA, que se inaugura o venres 27 de maio de 2022, ás 19:00 horas, na sala de exposicións do AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA. Permanecerá aberta ata o 30 de xuño.