O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo lanza ‘Onda FIOT’, un novo espazo web que aúna as iniciativas sonoras promovidas polo certame
O público poderá escoitar desde www.fiot.gal as últimas obras gañadoras do Concurso Escolar de Teatro Lido, que mantén aberto o prazo de inscrición até o 8 de outubro; as creacións do FIOT Fónico ou mesmo a nova ‘Escola do Espectador nas Ondas’
Carballo, 22 de setembro de 2022.- O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo ultima detalles da súa nova edición, que se celebrará do 30 de setembro ao 31 de outubro. Baixo o lema #VocesFIOT, o festival reivindicará este ano as voces singulares de artistas e compañías cunha marcada identidade e personalidade propia. Unha programación ampla, ambiciosa e que se vertebra coa vontade de chegar a todos os públicos. E, neste sentido, o propio FIOT expándese alén do teatro e segue a incorporar, como en cada edición, novas actividades paralelas.
Como parte deste medrar, o FIOT presentará un novo formato que recolle vellas inquedanzas: Onda FIOT,un espazo web que fai accesibles as iniciativas de teatro sonoro promovidas polo festival ao longo destes últimos anos, e que estará dispoñible nas vindeiras semanas a través da páxina oficial www.fiot.gal Así, o público poderá escoitar, por fin e desde calquera dispositivo, as últimas obras gañadoras do Certame do Teatro Lido; as ficcións sonoras do FIOT Fónico -‘A lúa, válvula de spray’ e ‘O espello que arde’- ou mesmo a Escola do Espectador, iniciativa pioneira no seu día en Galicia e que este ano dará un paso máis na súa traxectoria. Coa volta da presencialidade, volveranse celebrar espazos de diálogo e reflexión arredor das dramaturxias para xerar, á vez, unha nova ferramenta crítica e contemporánea: A Escola do Espectador nas Ondas, que se gravará ao vivo en Carballo, en formato podcast, durante as fins de semana de outubro da man de voces especializadas en artes escénicas. Estes capítulos ou novos arquivos sonoros estarán dispoñibles tanto na web do festival como noutras plataformas dixitais.
Tal e como lembra a dirección do FIOT, a incorporación das novas tecnoloxías no mundo das artes abriu novos campos para achegar o feito artístico ao público. Se ben o festival conta desde hai 21 anos cunha liña específica de programación vinculada ao teatro sonoro -o Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’-, nos últimos anos impulsou propostas singulares no panorama escénico galego. É o caso do FIOT Fónico, e que permitiu ao público, en plena pandemia, gozar gratuitamente de obras de teatro de autoras da Costa da Morte a través do teléfono móbil e tiñan, como escenografía, as rúas Carballo.
Nesta vontade de sumar novas iniciativas e públicos ao seu extenso programa, e que medren xunto ao festival dun xeito firme e sostido, este ano o FIOT abre esta nova xanela a través da súa propia páxina web, á fin de ter, neste Onda FIOT, un espazo de referencia para que estas creacións estean dispoñibles, dun xeito estable, ao longo de todo o ano.
Aberta a inscrición para o XXI Concurso de Teatro Lido
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo mantén aberta estes días, precisamente, a inscrición para participar na nova edición do Concurso Escolar de Teatro Lido ‘Xosé Manuel Eirís’, o certame dirixido ao alumnado dos centros educativos e asociacións da comarca de Bergantiños que pretende favorecer o coñecemento das artes escénicas entre a rapazada así como a súa iniciación á interpretación dramática. Organizados en grupos de entre 2 e 8 menores, cada colectivo interpretará un fragmento dun texto teatral -de temática libre e para todos os públicos-, que gravarán, cos recursos sonoros que consideren axeitados, nun vídeo de entre 2 e 5 minutos.
O prazo da solicitude de inscrición no Concurso estará aberto até o 8 de outubro a través do correo electrónico fiot.teatro.lido@gmail.com e o límite para a presentación dos arquivos de vídeo será o 18 de outubro a través da mesma dirección de correo. Entre todas as propostas presentadas, un xurado seleccionará unha ducia das mesmas para gravar, nun estudio profesional de radio – Radio Voz Bergantiños-, as ficcións. Entre todas elas sairán as finalistas do Concurso, cuxa gala final terá lugar o 13 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo. Os premios consistirán en libros e material didáctico ofrecido pola Libraría Brañas. Para máis información sobre o certame, pódese visitar o web oficial www.fiot.gal.
O FIOT activa este martes 20 a venda de bonos e entradas para a súa 31ª edición
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo porá a disposición das asociadas de Telón e Aparte, desde hoxe e até o domingo 25, os bonos do Programa de Sala; e o público xeral poderá adquirilos a partir do día 27
As entradas soltas para os espectáculos de Sala, OTNI e FIOT en Ruta poderanse mercar a partir do martes 27 e até o día anterior a cada función a través da plataforma web www.ataquilla.com
A venda de bonos e entradas para os espectáculos de Rúa dos Contos activarase o mércores 21 a través de www.ataquilla.com así como nos locais de hostalería nos que se desenvolvan
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo (FIOT), a gran celebración das artes escénicas de Galicia, activa esta semana a venda de bonos e entradas para os espectáculos da súa 31ª edición, que terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro.
Este martes, 20 de setembro, activarase a venda de 200 bonos para o Programa de Sala, e que permitirán ao público asistir a un total de 8 funcións, incluída a estrea absoluta, o 7 de outubro, dePirolíticos, así como as estreas en Galicia de Búho, 70 años: Leo Bassi, Impalpable, Eclipse total e La voluntad de creer; ademais das funcións de Silencio e Recortes, caneos e outras formas de driblar. Estes billetes, que se poderán adquirir na plataforma www.ataquilla.com, terán un prezo ordinario de 80 euros; mais o alumnado con carné de estudante, persoas maiores de 60 ou menores de 18 e aquelas que estean en situación de desemprego, poderán adquirilo por 75 euros.
As persoas asociadas da AC Telón e Aparte terán un prazo exclusivo para a adquisición destes bonos, desde o propio martes 20 até o vindeiro domingo 25. Unha vez finalice este período, os bonos restantes para o Programa de Sala sairán á venda para o público xeral o martes 27 de setembro, o mesmo día no que tamén se activará a posibilidade de adquirir entradas soltas para cada representación (entre 10 e 15 euros, gastos de xestión non incluídos). Tamén o día 27, desde o espazo web www.ataquilla.com, estará activa a posibilidade de mercar os billetes para as funcións do ciclo OTNI e do FIOT en Ruta (nos dous casos as entradas terán un prezo de cinco euros por función).
No caso da Rúa dos Contos, poranse á venda este mércores 21 30 bonos cada un para asistir a catro funcións: Good Sex Maritxu, Pablo Meixe e Adrián do Regenco, Quico Cadaval e Chusa, e Óscar Terol. As entradas soltas para estes espectáculos, como para os que restan desta liña de programación, estarán dispoñibles para o público desde este mércores na plafatorma www.ataquilla.com, ou nos locais de hostalería que programen algúns destes shows. O prezo destas entradas vai dos 4 e até os 10 euros (sen gastos de xestión).
Finalmente, os días de función habilitarase unha billeteira no espazo da representación desde 90 minutos antes do inicio da mesma. Nestes casos os gastos de xestión xa estarán incluídos no prezo da entradas.
BONOS PROGRAMA DE SALA – Martes 20 a domingo 25: asociadas AC Telón e Aparte en www.ataquilla.com – A partir do martes 27: público xeral en www.ataquilla.com
BONOS E ENTRADAS RÚA DOS CONTOS – A partir do mércores 21 de setembro en www.ataquilla.com
FUNCIÓNS RÚA DOS CONTOS EN LOCAIS DE HOSTALARÍA CON ENTRADA – A partir do mércores 21 de setembro nos locais ou en www.ataquilla.com
ENTRADAS SOLTAS PARA PROGRAMA DE SALA, OTNI, FIOT EN RUTA – A partir do martes 27 e até o día anterior a cada función en www.ataquilla.com.
Segunda xornada do encontro profesional Habitación Peregrina PRO, iniciativa dirixida a compañías e axentes do sector escénico e que forma parte da programación expandida do proxecto Camiño Escena Norte 2022 (www.escenanorte.com). A Vicepresidenta da Deputación de Lugo e concelleira de Cultura e Turismo do municipio, Maite Ferreiro, asistiu esta xornada ao encontro.
Habitación Peregrina PRO, que se está a celebrar desde onte e ata mañá no Centro Cultural O Vello Cárcere de Lugo, reúne medio cento de compañías e profesionais de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra coa intención de tecer redes e favorecer unha relación fluída entre as artes escénicas dos cinco territorios.
Juan Mayorga, Blanca Portillo, Pablo Messiez, Leo Bassi, Xosé A. Touriñán, Chévere ou Pont Flotant son algunhas das voces destacadas da nova edición do FIOT
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebra a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro e os seus abonos e entradas estarán dispoñibles proximamente a través da web oficial www.fiot.gal
Un total de 39 espectáculos, 8 estreas absolutas, 9 estreas en Galicia e 2 coproducións conforman o cartel do #FIOT31, que reafirma a súa aposta polas voces singulares e as e os artistas cunha identidade propia e única
Silencio, de Juan Mayorga e protagonizada por Blanca Portillo; La voluntad de creer, o novo de Pablo Messiez; Búho, de Titzina; Eclipse total, de Pont Flotant; Pirolíticos, estrea absoluta de Mofa e Befa; 70 años: Leo Bassi, o regreso do bufón todoterreno a Carballo após 25 años; Recortes, caneos e outras formas de driblar, do CDG e Ainé; ou Impalpable, de Sambuseck, gran sensación da escena arxentina que triunfa agora a nivel estatal, son algunhas das propostas
Neste 2022 tampouco faltarán á cita seccións clásicas do festival, como OTNI, FIOT en ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos -este año, en lembranza de Pedro Brandariz-, Micro-escenas Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, o certame escénico de referencia en Galicia, festexará a súa 31ª edición do 30 de setembro ao 31 de outubro, cun completo programa dun mes de funcións e actividades para todos os públicos.
Este ano, baixo o lema #VocesFIOT, o festival aposta pola visualización da singularidade e da identidade das compañías que conforman a súa programación. Visións, propostas e voces moi diferentes, moi persoais e singulares. Todas elas confirman que no FIOT collen todas as voces e todos os públicos: o programa do festival procura, precisamente, esa diversidade, conscientemente, coa intención de chegar a un amplo e diverso abano de espectadores.
O FIOT celebra neste 2022 unha firme proposta artística, na que destaca o seu gusto polo teatro de autor; a súa ambición pola calidade e diversidade e o seu compromiso con creadoras emerxentes. Á vez, o festival convidará ao público a facer memoria e recuperar historias de diferentes xeracións. Pero este ano o FIOT recordará especialmente a Pedro Brandariz cunha homenaxe no ciclo que tantas veces acolleu o seu humor único: a Rúa dos Contos.
O FIOT decorrerá desde o venres 30 de setembro cunha chea de propostas para todos os públicos a través das diferentes liñas de programación que conforman o festival: Programa de Sala, OTNI, FIOT en Ruta, Teatro de Rúa, Rúa dos Contos, Metro Cadrado, FIOTeen e Fiotiño volverán encher de actividade escénica Carballo. A sección de actividades paralelas, nomeada En Paralelo, acollerá dúas exposicións, dúas xornadas profesionais e outras propostas culturais
Nesta 31ª edición o festival contará con figuras únicas das artes escénicas, como Leo Bassi, quen debutou en Galicia hai 25 anos precisamente no FIOT. Aquela actuación propiciou un cambio relevante na historia do certame: a promoción dunha programación de artistas con voces moi diferentes e persoais. A recuperación de Leo Bassi, coa estrea en Galicia de 70 años: Leo Bassi, afonda nesta idea das #VocesFIOT.
Outras voces imprescindibles do panorama escénico tamén estarán no FIOT. É o caso de Blanca Portillo e o seu Silencio, creación de Juan Mayorga; da estrea en Galicia de La voluntad de creer, a última obra de Pablo Messiez; e, como non, a celebración do 30º aniversario de Mofa e Befa. O FIOT estreará a súa nova obra, Pirolíticos; a exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’; Evaristo Calvo recibirá o galardón Xograr de Outono 2022 e o dúo será protagonista dunha actividade específica, no marco do festival, no que outro evento senlleiro de Carballo, Derrubando Muros, colaborará co FIOT.
Polo Programa de Sala tamén pasará a nova creación do Centro Dramático Galego e Ainé,Recortes, caneos e outras formas de driblar, dirixida por Tito Asorey, con Xose A. Touriñán e con texto de Nacho Carretero; ou unha das sensacións do teatro arxentino, Sambuseck, con Imparable. E a Carballo tamén volverán dúas compañías clave das artes escénicas a nivel estatal para estrear en Galicia as súas últimas creacións: Pont Flotant (Eclipse Total) e Titzina (Búho).
O FIOT naceu hai 31 anos para xerar toda unha estrutura escénica. Por iso conta cunha liña de programación específica de apoio á narración oral, a Rúa dos Contos, que este ano regresa aos bares e rende homenaxe a Pedro Brandariz. Figuras como Alberte Montes, Marta Doviro, Óscar Terol, Good Sex Maritxu, Marta Iglesias ou Quico Cadaval estarán en Carballo, ademais das voces emerxentes e virais de Pablo Meixe e Adrián do Regenco. O festival manterase na rúa e no espazo público para celebrar o circo e as iniciativas para todos os públicos: o Teatro de Rúa, que este ano se celebrará na Praza do Concello os venres 30, 7 e 14; ao igual que boa parte das obras do CertameMetro Cadrado,que este ano celebra a súa sexta edición con 4 estreas absolutas de figuras recoñecidas ou novas compañías do sector a nivel autonómico. Serán pezas site-especific que se realizarán en seis localizacións diferentes de Carballo.
O apoio á creación estará presente a través da coprodución de pezas como Pirolíticos, de Mofa e Befa, ou Wombo Combo, da compañía de Carballo Galeatro; ao igual que o apoio á investigación e ao tecido emerxente coa celebración de residencias (Natalia Fernandes) ou do Certame Metro Cadrado; así como a visualización de novos formatos e novidosas propostas escénicas, a través da liña de programación OTNI. Esta contará con dúas estreas en Galicia (Beautiful Stranger, en colaboración con Camiño Escena Norte; e Conferencia espectacular, de David Espinosa). O OTNI completarase coa participación de Patricia de Lorenzo, do Grupo Chévere e Xograresa de Outono, e o seu Pequenas mentiras para contar grandes verdades; e da compañía madrileña Amor Total con Freak.
Xornadas profesionais e avance na inclusión
O FIOT naceu coa vocación de xerar e impulsar o tecido escénico, pero tamén como espazo de encontro para públicos, compañías e axentes culturais. Por iso, durante o #FIOT31 celebranrase xornadas profesionais da asociación Escena Galega ou do Colectivo NOGA, ademais da visita do alumando do CEU de Xestión Cultural da Universidade de Santiago. Á vez, o certame serve como rede para espallar e descentralizar a actividade escénica pola comarca de Bergantiños: o teatro chegará aos centros sociais de Verdillo e Ardaña co FIOT en Ruta ou á residencia de maiores de Carballo coa Rúa dos Contos.
O FIOT é moito máis que unha programación de espectáculos. É un motor para as artes escénicas galegas. Esa filosofía de rede, de xerar comunidade, de proxecto de continuidade ou de amosar outras realidades sociais periféricas é a súa base. Esa sustentabilidade pola que aposta o FIOT desde hai anos avanza, neste 2022, un paso máis: o programa do FIOT31 introduce a inclusión. O festival incorpora dúas funcións que serán accesibles en lingua de signos. Trátanse de accións pequenas de nacen con vocación de continuidade e que, de novo, visualizan o compromiso do FIOT por ser máis sustentable e inclusivo.
Entradas
Os abonos e as entradas para a 31ª edición do FIOT sairán á venda nos vindeiros días a través da páxina web oficial www.fiot.gal. Tal e como é habitual, as socias da Asociación Cultural Telón e Aparte terán un prazo propio para a adquisición dos seus billetes. Unha vez remate este, sairán á venda os bonos e entradas para os diferentes espectáculos que conforman a programación do festival.
O venres 23 de setembro de 2022, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba celebrarase a pre-estrea da curtametraxe documental XORIMA, dirixida por Sofía Naseiro..