Celanova acolle este domingo ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

Celanova acolle este domingo ‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero

·         A soprano Esperanza Mara e o barítono Jacobo Rubianes Castelo encarnan unha parella engaiolada nunha relación tóxica inspirada nas personaxes da obra de Mozart

·         A ópera, do compositor Iago Hermo, será no Auditorio Municipal Ilduara Celanova (AMIC) e comezará ás 18.30 h con entrada libre ata completar aforo

·         Papagena íase representar o pasado 1 de outubro pero a función tivo que ser cancelada por motivos de saúde

O Auditorio Municipal Ilduara Celanova (AMIC) vai recibir ese domingo, 6 de novembro, ás 18.30 h, a función de Papagena que tivo que ser cancelada o pasado outubro por motivos de saúde. Esta creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, é unha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica.

O espectáculo, con entrada libre ata completar aforo, conta coa presenza da soprano Esperanza Mara e do barítono Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.

Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.

Papagena chega a Celanova logo do seu paso por Rianxo, Pontevedra, Fisterra, O Grove, Caldas de Reis, Narón, Tui e Oleiros e ten programada unha intensa xira por outras nove localidades galegas nos vindeiros meses, cunha función cada fin de semana. Así, as seguintes citas van ser en Gondomar (5 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro), Bueu (19 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.

APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO

Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en case todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.

20221102-NP-ButacaZero-Papagena-CELANOVA

DEMIURXIA. “As flores dunha primavera extinta”, Patricia Torrado Queiruga

Patricia Torrado Queiruga, As flores dunha primavera extinta

DEMIURXIA

Patricia Torrado Queiruga

As flores dunha primavera extinta

Unha muller colle da man a unha nena, pequena, duns cinco ou seis anos. Óllanse e sorrinse, unha porque a quere ensinar, a outra porque goza do que comparten. O primeiriño é apañar as flores que medran cando xa se extinguiu a primavera, cando xa as árbores perden a súa cor. Os monllos dispostos sobre o banco de pedra da casa vella, o gato rebuldeiro frétase coas floriñas que quedaron sobre o mandil da avoa, ela coa fouce cortou un anaco de xesta para tecela e logo espetar flor a flor as cores do recordo nunha coroa festiva.

Cando eramos cativas, os cemiterios eran un lugar para mulleres, as avoas, nais, irmás, fillas, parellas, eramos as que limpaban nichos e sepulturas, as que colleitabamos as flores, facíamos os arranxos, as que acendíamos as candeas, as que rezábamos todo o que nos ensinaran outras antes ca nós sen cuestionar crenzas, versículos ou tradicións, as que levabamos xs máis pequenxs con colares de zonchos; por cada castaña, unha ánima liberada.

Eu son das que volve aos cemiterios, porque son lugares que no mesmo silencio falan aos catro ventos de historias malogradas, de soños e esperanzas, de amizade, de amor. Son das que esculca con curiosidade, porque as mans e as olladas de quen por alí discorre tamén fala do mundo que somos e do mundo que formamos.

De cativa, a avoa falaba coa sogra cando lle limpaba a sepultura, un resumo anual devagar neses intres que compartían unha coa lembranza da outra. Sempre me chamou a atención que a avoa se fixese cargo da sepultura da sogra e non da de súa nai, da que se ocupaba a súa cuñada, o herdo da memoria ía sempre de muller a muller, custodias vivas dos recordos dos que xa non estaban. Eu agora falo co avó cando limpo a súa sepultura e a través da friaxe da pedra mándolle a pouca quentura que podo a aqueles ósos que quixen tanto, porque me sei  vixía dos seus recordos, herdeira de segredos, loitas e medos; é por iso que o meu fillo fala do bisavó como se o tivese coñecido, aleitar no recordo é tamén un herdo feminino.

Representación teatral da obra ”Badman. Un home malo”, de Gustavo Fouce, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos organiza para o venres 4 de novembro de 2022, ás 20:30horas, no AUDITORIO MUNICIPAL DE VILALBA, e dentro do Circuito de teatro profesional da provincia de Lugo-Ciclo cultural Monicreques, promovido pola Área de Cultura da Deputación, a obra de teatro BADMAN, UN HOME MALOde Gustavo Fouce, a cargo de A COMPAÑÍA SOLITARIA DO DR. MONIFATE. (Público maior de 16 anos.)

NOTA_INFORMATIVA_EXPERIMENTEATRO

‘A viaxe do Señor López’, representación teatral para este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, 5 de novembro, ás 17 horas, na Casa-Museo Manuel María terá lugar a representación teatral da obra A VIAXE DO SEÑOR LÓPEZ, dirixida para nenas e nenos a partir de 6 anos e público familiar

Sipnose: O Señor López é unha persoa solitaria, triste e gris. Un día calquera acontécelle unha desas cousas solitarias, tristes e grises tan característica do mundo dos adultos e a partir dese momento todo cambia. Monta unha compañía de teatro. Aprende a contar chistes. Fala idiomas inventados. Viaxa nunha balsa por un mundo cheo de cores e alegría. O Señor López convértese nun paxaro-inuit.

A peza está protagonizada polo actor e dramaturgo lucense Rubén Pérez Pombo.

É necesario reservar a entrada previamente (prezo do billete: 2 euros) no enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Aproveitamos tamén para vos adiantar as próximas actividades:
-sábado, 12 de novembro, ás 20 horas, concerto de PARAÍSO CANTO 
-sábado, 19 de novembro, ás 20 horas, concerto de UXÍA & GERMÁN DÍAZ
-sábado, 26 de novembro, ás 17 horas, PACO NOGUEIRAS con C@nto contigo!

Circo, maxia e danza para todos os públicos en Lugo, da man do espectáculo ‘Inventio’

Circo, maxia e danza para todos os públicos en Lugo da man do espectáculo Inventio

  • Esta proposta escénica familiar de circo, danza e ilusionismo inspirada no Camiño de Santiago brindará dúas funcións no Auditorio Gustavo Freire ás 17 h e ás 20.30 h do sábado 5 de novembro
  • Inventio, que chega a Lugo tras o seu paso por Ferrol, Santiago e Salamanca, estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
  • Os billetes para as dúas únicas funcións da cidade lucense pódense mercar na plataforma web entradas.ataquilla.com

Xa está todo listo para a chegada do espectáculo Inventio a Lugo o vindeiro sábado 5 de novembro. Esta proposta de gran formato concibida para público familiar brindará dúas funcións, ás 17 he ás 20.30 h, no Auditorio Gustavo Freire. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de 24 meses non pagan sempre que non ocupen butaca.

Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.

Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.

A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.

Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.

Logo do seu paso por Lugo, a xira de Inventio proseguirá por Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.

20221031-Xira-Inventio-LUGO

A actriz Blanca Portillo recibe o Premio do Público no FIOT de Carballo

A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou o seu galardón Premio do Público 2015 a Blanca Portillo, que gañou polo espectáculo El testamento de María. O acto tivo lugar na noite de onte 30 de outubro trala función da súa nova obra ’Silencio’, do dramaturgo Juan Mayorga, no Pazo da Cultura de Carballo.

Premio do Público é un galardón que, como o seu nome indica, conceden os espectadores do FIOT a través da súa valoración dos espectáculos ao rematar cada función. celébrase desde hace 26 anos e entrégase cando a compañía ou artista premiado regresa ao festival coa súa nova producción, xa que este regreso é o compromiso que o FIOT adquire co público que vota: traer o próximo espectáculo do galardoado ou galardoada de novo a Carballo.  

Na 24º edición do FIOT participaron no Premio do Público 13 espectáculos do programa de sala e do ciclo OTNI e El testamento de María obtivo unha puntuación de 4,65 sobre 5 puntos.