Andanzas do Suso de Lameliña. NA PROCURA DE INSPIRACIÓN

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

NA PROCURA DE INSPIRACIÓN

O parque Rosalía de Castro é un dos meus lugares preferidos da cidade das murallas, algo que arrastro xa desde a época de estudante, cando o estrafalario pavo real despregaba as espectaculares plumas da súa cola ao tempo que emitía o coñecido son de apareamento.

Así, cando preciso de sosego ou, por que non, de inspiración, alí acudo. Foi o que fixen o outro día. Necesitaba un personaxe para un relato, e que mellor sitio para atopalo. Senteime no meu banco favorito a carón da centenaria sequoia e alí agardei. A tarde estaba bastante agradable, pero apenas había xente: uns pais con dúas fillas dándolles de comer aos parrulos; unha parella de adolescentes sentados nun banco próximo, cada un absorto no seu móbil; algún que outro transeúnte; un encargado do mantemento varrendo…

Pasarían uns dez minutos e unha muller, rondando os corenta, séntase no mesmo banco que había un intre acababan de deixar baleiro os adolescentes. Saca do bolso un cigarro e ponse a fumar. Eu continúo coma cando cheguei, dándolle ao caletre, por ver se me saía algunha historia. Tras darlle a derradeira calada, a muller érguese e diríxese á papeleira máis próxima para depositar a cabicha; regresa de novo e agora, despois de remexer un bocado no bolso, retira do mesmo, un libro.

Ao principio non mo podía crer. Tiven que esvarar ata o extremo do banco e, mesmo incorporarme un pouco e con certa prudencia para que a compañeira de parque non se decatase, a fin de comprobar que, efectivamente , o libro que tiña entre as mans era “Paseando canguros”.

Xa non lle puiden quitar ollo. Totalmente concentrada na lectura pasaba folla tras folla, de vez en cando asomándose un pequeno sorriso por entre os seus beizos. Tiña que facer algo para falar con ela. Pero que? Se aínda fumase, podía ir pedirlle lume. Tamén podía preguntarlle a hora, pero xusto uns segundos antes soara o meu móbil, por mor dun WhatsApp, momento en que levantou a vista e ficou mirando cara a min.Tiña a opción de dirixirme directamente a ela e preguntarlle que libro estaba a ler, pero a miña timidez, impedíamo.

Estaba xa a superarme a situación, cando decidín marcharme e esquecerme do asunto. Mais xusto ao erguerme, lembreime de que no bolso tiña tamén un libro dos canguros (sempre levo algún, por se se dá o caso de encasquetarllo a alguén). Volvín sentarme e saquei o libro. Fixen que lía e ao cabo dun cacho deixeino sobre o banco. Sacando o móbil do bolso púxenme a falar en voz alta para que me oíra ao tempo que me erguía e me encamiñaba cara a saída.

—Señor, señor —oín como me berraba—que deixa o libro.

—Ah! Que despiste o meu! —exclamei, colléndoo e erguéndoo ben para que o vise— Moitas grazas.

—Que casualidade. Eu tamén estou lendo o mesmo—dixo, mentres mo amosaba.

—Non me diga —respondinlle, simulando sorpresa—. Ás veces danse estas coincidencias.

—Por certo. A súa cara fáiseme coñecida. Por casualidade non tocará nun grupo?

—Tocar, toco o acordeón, pero son un afeccionado. Débese confundir con outro —contesteille.

—Pois a verdade é que se me fai moi coñecido.

Realmente estaba metido nun canellón sen saída. Despois de toda a comedia que viña de representar como lle ía dicir que eu era o autor do libro? É máis, tiña que liscar xa. Que vergoña se ao final me descubría! Así que despedinme sen máis, mesmo dun xeito que podía denotar certa mala educación.

Non andaría cen metros, cando escoito a alguén detrás de min berrando: “Suso, Suso, agarda, agarda…” Pensei que me daba algo.Estaba descuberto. Nese momento recibín un pequeno golpe no brazo esquerdo. “Perdoe, señor”, escoitei, mentres seguía berrando: “Suso, Suso…” e me adiantaba. Uns metros máis adiante un home dábase a volta e agardaba por ela. Respirei tranquilo.

Andanzas do Suso de Lameliña. AQUILES

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

AQUILES

Xa sabemos o que é o azar, cando menos se pensa acontece na nosa vida algo que fai que desde ese momento mude, ás veces mesmo dando un xiro de cento oitenta graos. Isto foi o que lle pasou a Patricio, dono dun taller de reparación de coches, unha tarde de primavera de xa hai uns anos, cando estando cambiándolle as rodas a un Dyane 6 entrou unha pega, aínda cría, e pousouse enriba dun pequeno mostrador que tiña ao fondo do local. Non lle fixo caso. Xa sairá, pensou, pero cando ía pechar alí continuaba. Ao achegarse a ela, esta asustouse e afastouse un pouco. Foi ao despacho e,regresando cunhas migallas de pan da barra que lle sobrara da merenda, púxoas sobre o mostrador. Ao pouco volveu a rabilonga e comezou a comer. Sería o principio dunha longa amizada. Desde aquel día, o taller converteríase na morada da presumida Pica pica. Entraba e saía do mesmo con total normalidade, pero chegada a noite, alí nun recuncho acubillábase e a descansar.

Xa sabemos que este tipo de aves padecen algo semellante ao chamado síndrome de Dióxenes e todo aquilo que reloce arrincan con el para agochalo no niño ou onde a elas lles pareza. Contábame Patricio, que máis dunha vez lle ten furtado algunha ferramenta. Non había problema, ía ao recuncho de durmir e alí estaba.

Amais esta clase de aves son das máis intelixentes que existen. Dise que son capaces de recoñecerse diante dun espello. E se as adestramos chegan a emitir palabras e pequenas frases coma os loros. Foi o que fixo Patricio. Mentres arranxaba un motor ou lle cambiaba o aceite mantiña con ela longas conversas. Mesmo chegou a conseguir que pronunciase dun xeito bastante correcto: “Bos días, bos días, amighos”. Así con gheada. Non era quen a pronunciar amigos. Pode que a súa ascendencia fose da Costa da Morte ou de por aí, quen sabe?

Patricio tiña un chalé na Mariña, en Barreiros, e unha fin de semana decidiu levala para que vise o mar. Estando alí e, a modo de proba, deixouna ceibe por ver que facía. A señorita presumida botouse alegremente a voar con ansias de explorar mundo. Xa se achegaba a noitiña e non aparecía. Nada, pensou, todo entristecido, vese que lle gustou o mar e a ben seguro que non volve. Que equivocado estaba, ao pouco apareceu Aquiles. Así era como se chamaba, xa que se trataba dunha pega macho. A alegría naquela casa, xa vos podedes imaxinar.

Pero un día chegou a traxedia. Estaba subindo a porta de entrada do taller para comezar a tarefa do día e Aquiles, que debía ter moita gana de saír á rúa, non agardou a que esta estivese aberta por completo e o seu fermoso e delicado corpo foi dar contra ela, quedando estomballado e morto no chan. Que desgusto houbo aquel día e os seguintes naquel taller!

Andanzas do Suso de Lameliña. O RAPOSHOME

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

O RAPOSHOME

    

Crese que o primeiro raposhome, unha mutación do vulpes vulpes, tivo a súa orixe pola zona de Piornedo- Balouta, na serra dos Ancares.

Este ser entre raposo e home empezou a ser visto a finais do 2010 nas aldeas abandonadas desta zona da montaña luguesa e berciana.

Ao parecer habita nas casas que quedaron sen dono, levando unha vida, un tanto misteriosa, entre salvaxe e humana, e sempre agochándose cando alguén se aproxima polo seu entorno, sen apenas deixar pegada. Motivo polo cal é moi difícil que poida ser avistado.

A pesar diso, puido ser sorprendido en momentos puntuais, sobre todo de noite, neses intres no que o estado de vixilia dá paso ao de acougo e adormecemento dos sentidos. Os que o viron, descríbeno coma un raposo de pel moi fina, con cabeza humana, camiñando a catro patas. Hai outros que aseguran que anda a dúas patas, cunha elegancia que chama a atención.

O que parece ser certo e o seu grande amor polos cemiterios. A xente do lugar está convencida de que ten trato co máis alá e que celebra xuntanzas cos defuntos. Aos sepulcros destes camposantos, onde nos últimos anos ninguén se achega, non lles faltan flores, que de cando en cando son renovadas.

Sospéitase tamén, por certos indicios, que os moradores dos citados cemiterios, se erguen pola noite dos sartegos e guiados polo raposhome, percorren a aldea e visitan os seus antigos apousentos.

Sexa como sexa, parece demostrada a súa existencia, e que desde hai uns dez anos, as casas das aldeas destas zonas, comezan a verse, como máis coidadas, con menos maleza no seu entorno, mesmo con certos arranxos e reformas. Incluso, apareceron algunhas leiras cultivadas con centeo, do que ninguén di ser propietario.

Haberá que seguir con atención a evolución dos acontecementos, pero non sería de estrañar cunha nova civilización, estivese dando os primeiros pasos. Ante a deserción dos vivos,  os mortos serían os encargados de tomar as rendas para sacar as nosas aldeas do alarmante estado en que se atopan. O raposhome, neste caso, sería unha especie de caudillo necesario para levar a misión a bo porto.

Andanzas do Suso de Lameliña. UN AMOR IMPOSIBLE

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

UN AMOR IMPOSIBLE

Era media mañá dun día caloroso do mes de xullo. Estaba tomando o primeiro Mencía do día na Cafetería S. Marcos cando soa o móbil. Eladio, que raro! Ía para seis anos que non nos víamos, estará de vacacións, pensei para min.

Descolguei, e despois de saudarnos, dixo se nos podiamos ver, andaba pola rúa da Raiña e tiña que darme unha nova. Conteille onde estaba e agardei a que chegase, mentres remataba o viño acompañado dunha tapa de raxo.

Ao chegar e, tras darnos o abrazo de rigor, e de pedir, desta volta dous Mencías, comezamos a rememorar vellos tempos: De cando estudabamos, da viaxe que fixeramos no verán do 98 a Grecia, da noite que coñecera nun pub de Ribadeo a Isabel, a súa ex. De todo menos da nova que dixo querer darme, polo que decidín lembrarllo. A súa resposta foi pedir outros dous chatos, poñéndome largas e que xa mo contaría; “ao fin e ao cabo non ten grande importancia”, dixo.

De alí fomos ao Eduri, a uns cen metros, na mesma rúa. Outros viños e non había modo de que soltara o motivo polo que, en teoría,quedaramos citados.

Achegábanse as dúas da tarde e quedara ás catro á entrada do parque de Rosalía de Castro con Paula. Comenteillo, motivo polo cal tiña que marchar: “Vivo en Montirón e aínda teño que comer para poder estar puntual á cita, xa sabes coma é Paula”

“De Paula, precisamente tíñache que falar. Non me digas que quedou citada contigo? “, preguntoume con cara de estrañeza. “Non acudas á cita”, continuou a dicir. Por máis que insistín non fun quen de sacarlle nada do que xa me dixera: Que non fose, que me ía pesar. 

Camiño da casa, tiña claro o que facer, acudiría á cita malia non augurar nada bo, pero peor sería quedarme coa dúbida. Paula e mais eu foramos parella durante dez anos pero xa levabamos separados uns catro. Desde hai un mes empecei a recibir mensaxes dela en plan cariñoso. Que se lembraba moito de min, que tal me ía, que sería bo vernos… Onte, propúxome o que lle viña de comentar a Eladio, quedar á entrada do parque ás catro da tarde.

Cando cheguei, ás catro en punto (Paula era moi esixente coa puntualidade), alí estaba. Despois dos beixos oportunos, propuxo irmos sentar nun banco preto do palco da música, a onde de namorados adoitabamos ir.

Preguntoume pola vida, eu fixen o mesmo. Pero algo non me cadraba; por veces non me parecía ser ela. Foise achegando a min aos poucos e cando o asunto empezaba a tomar uns rumbos cada vez máis agarimosos, diante nosa apareceu Eladio.

A sorpresa de Paula foi enorme. “Que fas ti aquí?”, lle dixo, ao que el respondeu: “Ser testemuña do que lle vas contar a Xabier”.

Non comprendía nada do que estaba a pasar e empezaba a sentirme inquedo. Eladio continuou: “A ver, cóntalle a verdade ou queres que fale eu?”

“Perdoa, Xabier, sabes que sempre estiven namorada de ti e agora que Paula morreu, vin a oportunidade de, por fin, conquistarte”, comezou a dicir, cos ollos chorosos, a miña acompañante.

Fiquei de pedra, era Lucía, a irmá xemelga de Paula. Descoñecía  o da súa morte de forma repentina, ía para máis dun mes, coma me seguiu informando. Era a nova que quería darme Eladio, pero que non fixo, probablemente para deixala en evidencia diante miña e sabendo que eu a ía refusar.

Lucía fora a culpable da nosa ruptura. Eran tan iguais en todo, que máis dunha vez me deitei con ela, pensando que era a miña parella. A súa intromisión na nosa vida chegou a tal extremo que rematou por poñer punto final á nosa relación de parella. Agora que Paula morrera, pretendía facerse pasar por ela, anunciándome a falsa morte de Lucía.

Pasóuseme pola cabeza chamarlle de todo, pero contívenme. Erguinme do banco e sen dicir palabra abandonei o parque. Alí quedou con Eladio chorando no seu ombro. Desde entón non volvín saber nada máis deles.

Andanzas do Suso de Lameliña. Sara Abeleira, “Memorias procaces”

Andanzas do Suso de Lameliña

Suso de Lameliña

MEMORIAS PROCACES

Hoxe, nestas “andanzas do Suso de Lameliña”, vou falar de Sara Abeleira, un heterónimo de Xesús Trashorras. Deixo aquí, un capítulo da “Memorias procaces” da propia Sara e media ducia de poemas da mesma autora.

Desde que teño uso de razón na miña casa sempre estivo moi presente a morte, non en van os meus pais tiñan unha funeraria.

Meu pai era carpinteiro, pero a parte de facer mobles, a súa especialidade eran os ataúdes. Era o único que os facía de toda a vila, non só para a nosa funeraria senón para outras, mesmo de fóra do concello.

Por iso para min a morte sempre foi algo moi familiar e ver mortos non me supoñía ningún temor, todo o contrario, gustábame. Isto ía influír moito na miña personalidade e na forma de enfrontarme á vida, xa de adulta.

A miña nai era a encargada de forrar as caixas e a min prestábame moito axudala. Deste xeito aprendín o labor, que xa de máis grande realizaba ao rematar a tarefa que traía do instituto.

O taller de meu pai, era ao mesmo tempo un lugar de diversión. Alí traía ás miñas amigas a xogar. Unha das brincadeiras habituais era o xogo das “agachadas”. Os ataúdes servían de lugar de escondedoiro. Tamén era habitual esconderse tras das coroas ou ramos de flores. A morte ligada á vida e agora, xa pasadas varias décadas, ao paraíso perdido da infancia.

Pero non só a infancia, tamén á adolescencia e aos primeiros xogos sexuais. Xa non ían só nenas, a partir dos catorce anos, empezaron ir rapaces, e “as agachadas”, fixo posible o descubrimento de novas emocións e dun novo mundo por explorar.

Foi precisamente entre ataúdes, onde tiven a miña primeira relación amorosa, con Andrés, tres anos maior ca min. Que mellor sitio ca un lugar coma aquel, morte e sexo, dúas caras dunha mesma moeda. Despois viñeron máis e non só con Andrés, estábase fraguando a miña futura promiscuidade. Ata que un día, nos sorprendeu mamá, en plena faena. Non quero lembrar a vergoña que pasei e coma Andrés saíu disparado, medio espido, camiño da rúa. Desde aquel día, non volveu entrar ninguén máis.

Foi naqueles anos, en torno aos catorce, cando comecei a escribir poemas, e claro morte e sexo, xa desde o primeiro momento, eran os temas que máis me gustaba tratar nos meus versos. Temas que seguen a estar aínda hoxe moi presentes na miña poesía.

Memorias Procaces

Sara Abeleira 

cansa de ser eu

cavarei a fosa

onde soterrar 

todos os delirios

ata ser ingrávida

amante de deus

con quen fornicar 

en redentor leito

beatífico arroubo

virxe sen coroa

———————————————————–

o silencio

era unha mordaza

no corazón das tebras

un averno

albergando mágoas

entre xemidos e sangue

a casa un lúgubre zulo

a túa palabra invisible

osmando a chegada da morte

gardo 

corpo vulva choiva

baleira de pombas

e de ausencias presentes

ese instante 

e a súa doce amargura

de herba campía

agardo

virada cara ao desenfreo

agardo

a que me ince co veriño 

da impudencia

corpo vulva choiva

que expira

——————————————-

agochada

nas túas coxas

cronoloxía dun amor

entre latexo e latexo

desbravarte 

dos meus beizos escravo

ata saciarme

prendida dos teus xemidos

conspirando contra o fastío

————————————————–

as miñas mans non están feitas

para escribir poemas finos

desde o día que abandonaron o fogar

afixéronse a vocear arengas insubmisas

mentres agardan por unha revolución

que nunca chega

as miñas mans andan ceibes 

por unha terra sumida na desfeita

á procura de salagres versos 

cos que cuspir na faciana do desleixo

desde o día en que se botaron ao monte

son lobas solitarias 

ouveando polas congostras

as miñas mans non están feitas

para escribir poemas finos

as miñas mans beben da doce anguria da derrota

———————————————————

Gústame Cristina Rosenvinge,

enxalzar, sublimar a derrota,

as novelas de Mccarthy,

todos os fermosos cabalos,

as películas de Fassbinder,

as lágrimas de Petra von Kant.

Gústame Cristina Rosenvinge,

pulgas no corazón,

deitarme soa na cama,

escribir un poema de amor,

tiralo máis tarde ao lixo.

Gústame Cristina Rosenvinge,

mesturar whisky con auga bendita,

espertar sendo Sylvia Plath.