por Suso De Lameliña | Jul 15, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
HORA DO CAFÉ
Hai persoas que son coma un libro aberto, tal é o caso de Gumersindo Pombeiro, un home que ten resposta para todo, fálese de agricultura, astroloxía, puericultura, gastronomía…, pero sobre todo de política.
Desde hai uns días decidín evitar no posible, tascas, cafeterías ou outros establecementos dese teor. O motivo non é outro que non atoparme, agora que o asunto politiqueiro está caldeado, con algún destes Gumersindos que non paran de amolar.
Gústame tomar un café tranquilo, asumindo que nun momento dado Antonio se poida cabrear con Manolín porque se deixou comer o tres de triunfo e bote uns berros que se escoiten no Cereixal: Me cago na cona que te pariu, sempre fas o mesmo! Eu que nese intre estou botando as pingas de augardente, pego un brinco, e aló vai media botella polo mostrador adiante. Serás pelandrán, agora tíñache que cobrar a botella enteira, dime a camareira. Estas cousas entran no cotián e xa estou afeito. Agora que alguén me solte un sermón sobre as bondades de Abascal ou do noso paisano Feijoo, non estou disposto a aturar.
Levaba días tomando o café tranquilamente na casa: Ben cargadiño, a metade dun vaso dos que uso para tomar viño, rebaixado cunhas xenerosas pingas de augardente. Pero hoxe decidín ir ao bar. Senteime nunha mesa da terraza e aínda ben non pedira, apareceu Gumersindo con outros tres colegas. Xa temos lea montada. Viñan falando de impostos, de que non había dereito a pagar tanto, que como non íamos defraudar, que se mellor en negro, bla, bla, bla… Ti que opinas?, me preguntaron. Eu? Pois que este café está moi bo; non hai bar en toda a vila que o prepare mellor. Non xa, non fai falta que digas nada, xa sabemos de que pé coxeas, sentenciou Gumersindo mentres os outros se botaban a rir.
Nisto que aparece Amparín e achegándose a Gumersindo, tras saudalo efusivamente, dille: A ver que pasa o 23. Temos que botar a esta tropa de mangantes que nos van levar á ruína. Tes razón muller tes. A este paso acabamos coma en Venezuela, respóndelle.
Estiven a piques de caer da cadeira do susto. Venezuela? Pero iso non estaba caducado? Mi madriña!, Venezuela, o que nos espera. Non puiden aguantar máis collín e levanteime e despedíndome deles díxenlles: E Venezuela non é o peor. ETA ETA que me dicides de ETA?
Alí os deixei murmurando de min. Haberá que seguir tomando o café na casa ata que pase a treboada. Promesa que xa me fixen aí atrás e hoxe acabo de incumprir. Non me estrañaría que dentro duns días ou se cadra mañá mesmo volva incumprila. Son un home débil de carácter e no fondo algo masoquista.
por Suso De Lameliña | Jun 30, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
PASEO
Fachendoso e garrido, como todas as mañás, Antón Toural emprende a baixada pola costa do Santo. Hoxe a calor e moito menor malia o grao de humidade ser superior ao destes días. Detense a ver a horta dos Trasalba: tomates, pementos, chichos, cebolas, leitugas… Ai, ho!, menos mal que lle quitaron as herbas! Onte a estas horas estaba feita unha selva, as leitugas nin se vían. Mira que outros anos adoitaban tela impecable. Enténdoo, Pepe todo o día traballando no monte e a súa dona Carme, atendendo a Cándido de Petra e logo os dous fillos que ten, unhas feras. Tempo non teñen moito, abofé que non! Xa vén de volta Margarita, moito madruga.
—Uns veñen e outros van. Bo día, Margarita.
—Bo día, Antón. Eu teño que madrugar, que as dez teño que estar na tenda, non coma outros que viven coma Deus.
—Tamén botei máis de corenta anos traballando. Agora merecerei un descanso, non che parece?
E tras despedirse da dona da ferretería proseguiu o seu camiño, de momento livián, pois era costa abaixo. O malo viría despois. Menos mal que polo outro lado a subida, aínda que era máis longa pero moito menospendente. A estas horas da mañá só se escoitaba o chirlar dos paxaros e algún que outro grallar dos corvos. Estaba case rematando a costa, despreocupado e invadindo parte da estrada, cando ve baixar tres camións. Son os camións das atraccións da festa, se ve que xa recolleron. E que será da vida de?, como se chamaba aquel que unha tarde me topei nun bar de Cacabelos? Miguelín, creo. Que personaxe! Traballaba nos carriños eléctricos, era de Teixeira, da Somoza vilafranquina, e dicía ter tres ou catro mozas. Un fenómeno! O concello tamén podía arranxar e limpar as cunetas. Ao final, sen querer, teste que meter no medio da estrada e despois pasa o que pasa.
Cosme, mala chispa o mate!, e que carallo fai por aquí. A librarme del, seguro que me vén con algunha comenencia.
—Home, mira que ben me ves. Agora mesmo tiña a mente en ti. Pensaba pasar pola túa casa pero…
—A ver, déixate de contos e di.
—Dixéronme que daban subvencións para poñer calefacción de peles. Ti como traballaches na Xunta, poderías informarte.
—Coma te podes informar ti. Pero ben, como estou xubilado e son o mozo de recados para todo o mundo, xa me informarei. Agora téñoche moita présa. Ala, deica.
Será posible con este home, non hai vez que me vexa que non teña algo. Que lle dean! Se me cadra, falo con Tinita que esa debe saber, pero xa verei. Ben, acabouse a boa vida, toca subir. A ver se hai sorte e non me cruzo con outro ou outra do mesmo cariz. Moito me amola saír de paseo e ter , simplemente, que parar a saudar, como para arranxar asuntos. Normalmente tiro para a diante, pero sempre hai alguén que ten ganas de lerias.
O cansazo e a suor van facendo efecto. Antón detense, fica mirandoas rubias da granxa dos Ramírez e aproveita para sacar o chapeu e cun pano secar fronte e cabeza. Haberá que continuar. Está nubrado e vai menos calor, pero esta humidade non sei se será peor, súo coma un can. Menos mal que xa queda pouco. Xa volve estar na vila, agora a tomar un café no Lisboa e para a casa. E de quen será ese coche? A xente por chamar a atención, xa non sabe que facer. Unha serea ocupa toda a porta dianteira e parte da dos viaxeiros. Cada vez que vexo unha serea vénseme á mente a de Copenhague e unha recua de xaponeses sacándolle fotos. Que desilusión levei a primeira vez que a vin. Pero esta é a famosa sereíña?, díxenme. E despois están os gatos. Copenhague é unha cidade na que non se ve un gato, léralle algunha vez, non sei en que libro, a James Joyce. As dúas veces que estiven, percorrín a cidade de arriba a abaixo, sempre atento a ver se vía un. Ningún. Abofé que vai ter razón Joyce. Ben, xa cheguei ao Lisboa. A ver se Nicanor me prepara un con leite e o acompaño con un par de madalenas.
por Suso De Lameliña | Jun 17, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
CÁNDIDO DO FRESNO
Cándido do Fresno era o home máis feo da bisbarra. Se me apurades, da provincia, mesmo do Planeta. A súa fealdade era tal, que a nosa lingua carece de cualificativos para describila. Mais, tiña outras cualidades non menos valiosas. Cualidades que foron descubertas por primeira vez por Rosiña dos Paderne. A familia dos Fresno e dos Paderne tiñan as leiras e os prados contiguos. Unha tarde destas cálidas de verán na que, moza e mozo, cada un na súa propiedade, estaban alindando as vacas, sentiron a necesidade de acalmar a ardente asura que de súpeto se apoderou deles e, alí mesmo, debaixo dunha rebola centenaria, propiedade dos Paderne, deron renda solta aos seus instintos máis básicos. A partir daquela a fama da virilidade do fillo máis novo dos Fresno, empezaría a espallarse por toda a comarca, coma se dun andazo se tratase. A encargada do feito foi Rosiña, que amiga coa que se atopaba alí lle ía co conto.
Cándido nunca chegou a casar. Que muller ía querer ser vista amarrada da man daquel espantallo? Xa digo, arrepiaba ollar para el, ata o punto que atoparse, de sorpresa con el, xa non digamos de noite, producía verdadeiro terror. Pero claro, despois do exposto por Rosiña, a quen non se lle apetecía comprobar as habelencias carnais do mozo?
Tras Rosiña viñeron outras e outras, engrandecendo así a lenda de Cándido do Fresno. Xa se sabe, “cría fama e bótate a durmir”; moitos dos casos eran certos, pero tamén un bo número deles falsos. O caso que neno que viña ao mundo, traía consigo a dúbida: “Mira que feíño é, para min que che é do Cándido”. Incluso se saían ben guapiños, sempre había algunha ou algún que lle sacaba un parecido co sospeitoso pai.
Pero non só eran as mulleres as que sentían atracción por el, dise que máis dun mozo gozou en carne propia das súas pericias amorosas. Historias que se comentaban moi en segredo, bisbando, mesmo con medo. Xa se sabe como estaban vistas naqueles tempos e, aínda hoxe, estas prácticas.Un dos sospeitosos de ter encontros deste tipo era o señor crego. Un home, uns dez anos maior ca el,con fama de mullereiro, a quen se lle atribuía a paternidade de todo aquel meniño que nacía antes do acontecido aquela tarde de verán debaixo da rebola dos Paderne. Fama que ficou eclipsada coa aparición en escena de Cándido. Desde entón non se lle volveu relacionar con ningún nacemento, aínda que todo o mundo sabía, que á parte de sentirse atraído polo do Fresno, non deixara de usar os seus encantos coas mozas e non tan mozas freguesas.
Foron pasando os anos e a lenda en aumento. Chegou a chamada do Señor e o bo do Cándido alá se foi. Hoxe, segundo os propios veciños, na parroquia ( non desvelarei o nome da mesma, por respecto), moitos e moitas son descendentes do noso protagonista. E abofé, que hai bastante de verdade neses ruxerruxes. Só chega con ollar para as facianas de moitos e moitas veciñas, e sospeitar a súa orixe. Algo que acabaron por levar con absoluta normalidade, ata o punto de que , quen máis, quen menos, vangloriarse de ser fillas ou fillos do xa lendario Cándido do Fresno.
por Suso De Lameliña | Jun 2, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
ELOXIO AO BURRO
Ti, que ao ancián Selenio, ás costas levaches, aquel que tivo a ben criar a Dionisio, deus do viño; que a Abrahan, Moisés e David, de igual xeito, carrexaches a lombo…
Ti, que por voz de Yaveh, fuches capaz de falar a Balaan, teu amo; que outro deus, Alá, ás che concedeu para que o profeta Muhammad ao ceo levaras…
Ti, que a Xesús salvaches de Herodes, lle deches calor e acougo, e logo con el entraches en Xerusalén…
Ti, noble e intelixente, asno de Apuleyo, Platero de Juan Ramón Jiménez, “rucio” de Sancho Panza …
Ti, que toleras inxustamente, humillacións e desprezos.
Ti, que por non soportar malos tratos, dinche, teimudo.
Ti, que desbordas sensibilidade…
Por que te chaman burro? Ou mellor, por que chaman “burro” a alguén que as túas cualidades non ten?
Porque non es dócil coma o cabalo, porque te plantas ante o abuso, porque non cedes, pola túa rebeldía…
É por iso, que en vinganza te transforman no que non es, é por iso que de ti se mofan…
De ti, por séculos, símbolo e emblema da nosa Galicia rural.
Por todo isto, louvado sexas, équido africano e por sempre vivas na nosa eterna nenez!
por Suso De Lameliña | May 19, 2023 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
DOUS RELATOS BREVES
VIAXANDO DESDE O PUPITRE
Da escola, o que máis me gustaba eran os mapas pendurados nas paredes da aula. Se a tarefa non era do meu agrado, a vista íase a un deles e cando me descoidaba estaba enMula ou en Trujillo. Que viaxes aqueles, pola Península, Europa, América!
E xa non digamos, cando me caía nas mans un atlas, poder ir a sitios como Kilimanjaro, Popocatépetl, Haway, China ou as Illas Bora Bora, non había diñeiro que o pagase. Tamén me resultaba moi curioso atopar nomes de cidades españolas en América: Córdoba, Toledo, Guadalajara… Non comprendía aquelas duplicidades.
E despois estaban aqueles mapas mudos que para aforrar, tiñamos que calcar e pintarlles as cordilleiras, mares, lagos, ríos… para logo ir escribindo neles os nomes de todo o que aprenderamos o día anterior.
Nunca esquecerei as illas norueguesas, Illas Lofoten. Cada vez que nos tocaba dicirllas ao mestre, tiñamos que ter coidado de non botarnos a rir se non queríamos recibir unha boa labazada.
Pero do norte de Europa o que máis me prestaba era repetir como se fose unha ladaíña, os estreitos do Báltico: Skagerrak, Kattegat, Sund, Gran Belt e Pequeno Belt.
E así, a pesar de tratarse dunha educación totalmente memorística, eramos capaces, grazas a imaxinación, de trocar aqueles nomes memorizados á forza nunha marabillosa viaxe, sen saír do noso pupitre.
UNHA XANELA NA NOSA VIDA
Sempre hai unha xanela na nosa vida que destaca sobre todas as outras. Eu quedaríame coa da cociña da miña casa de Castroverde. Sen lugar a dúbidas foi a xanela a que máis veces me asomei. Desde alí podía ver as leiras da Ferrería ( hoxe atópase o Centro escolar e outras vivendas), pero sobre todo ao fondo destacaba o Castelo e as choias rebulindo en torno a el. Esa imaxe levareina sempre gravada na retina.
Outra xanela, que ben podía competir con esta, é a da cociña do piso de A Veiga. Desde alí a vista non tiña nada que ver coa de Castroverde. O primeiro que se divisaba era o río Monjardín, e en lugar de choias, o que por alí buligaban eran bandadas de muxes e nenoscoas canas á captura dalgún. Pasado o río, aparecían as primeiras casas do barrio do Fondrigo. A maiores, sempre fisgaban por alí as clásicas gaivotas que viñan da ría, sobre todo cando lles arrebolaba faragullas de pan, as que axilmente apañaban ao voo.