O artista conversará con Nuno Pico (Grande Amore) o martes 7 de abril
A cita supón o regreso de Cuevas á cidade antes do seu único concerto en Galicia, que terá lugar o 30 de abril no Coliseum
Os medios interesados en cubrir o evento terán que solicitar a súa acreditación antes das 12 horas do martes 7
O martes 7 de abril ás 20:00 horas a Fundación Luis Seoane da Coruña acolle un encontro especial entre Rodrigo Cuevas e Nuno Pico, o rostro detrás de Grande Amore. O acceso será libre ata completar capacidade.
Hai artistas que non caben nunha soa palabra. Rodrigo Cuevas é cantante, acordeonista, percusionista, DJ, compositor, performer, axitador folclórico e, sobre todo, unha anomalía fermosa no panorama musical español.
Nacido en Oviedo en 1985, Cuevas pasou anos en Galicia, onde aprendeu a falar galego e se iniciou na música e no baile tradicional, antes de construír un universo propio onde a música electrónica conversa co humor, a sensualidade e a crítica social, convertendo os seus espectáculos nunha experiencia cultural e sensorial única.
A súa proposta incorpora bases electrónicas á música tradicional, cunha estética escénica que mestura o rural co cabaret e o pin-up. Rodrigo Cuevas, sinxelamente, fai o que ninguén máis fai: rescatar as raíces para levalas a onde nunca estiveran. Considéraselle un dos maiores talentos do panorama musical español actual e os premios déronlle a razón: o Premio Nacional das Músicas Actuais en 2023, o Premio Arcoíris, o Premio Ollo Crítico de RNE e o MIN ao Artista Revelación.
O seu último traballo, Manual de Romería, foi elixido Mellor Disco Nacional por Rockdelux e agora chega a súa nova entrega: Manual de Belleza, coa que pecha unha triloxía que redefiniu o que pode ser a música popular neste país. Este novo traballo preséntase como un exercicio de etnografía pop, onde Cuevas se detén na contemplación da estética do cotiá, o paso do tempo e a dignidade das identidades disidentes no rural.
No musical, este peche de triloxía consolida a madurez dun son que funde as texturas orgánicas de pandeiros e acordeóns cunha electrónica de vangarda que bascula entre o ambient e o techno. Ao integrar gravacións de campo e testemuños reais de aldeas, Cuevas consegue que ritmos ancestrais como a xota ou o xiringüelu soeen tan contemporáneos como calquera sesión de club berlinés. Esta proposta converte o seu próximo concerto no Coliseum o 30 de abril nun auténtico ritual moderno.
Pola súa banda, Nuno Pico (Grande Amore) é unha das figuras de referencia da xeración millennial na música pop galega. O seu singular son de punk electrónico conquistou a miles de persoas que conectan coas súas penas retratadas en sons de rave. Dúas maneiras de entender a tradición, a identidade e a transgresión nunha conversa que promete ser tan honesta coma imprevisible.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia renderá homenaxe ao histórico actor e dramaturgo, finado no verán de 2025, nun evento que se presentará oficialmente o luns 6 de abril no Teatro Rosalía Castro
Gloria Rico Galán é unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora
Festexar a vida e a herdanza de Manuel Lourenzo. Esta é a premisa central que tecerá a 30ª edición da Gala dos Premios de Teatro María Casares, a gran cita da escena galega. Organizada pola Asociación de Actores e Actrices de Galicia, terá lugar o mércores 8 de abril no Teatro Rosalía Castro. A entidade rende así homenaxe ao compañeiro e mestre finado o pasado verán, cuxa obra é fundamental para entender a nosa escena.
Nesta ocasión, a dirección da gala recaerá en Gloria Rico, unha das figuras máis versátiles da escena teatral galega contemporánea. A artista, coñecedora desde a proximidade da vida e traballo do Premio Nacional de Literatura Dramática no 1997, propón a idea de festexar a súa obra. O espectáculo contará cunha posta en escena que se alonxará do drama para por en valor o imaxinario de Lourenzo.
“Queremos reivindicar tanto as loitas como as facetas laboral e artística de Manuel, e farémolo desde a celebración. O espectáculo será coma unha festa popular ao vivo: será un espazo no que cantaremos, bailaremos e reflexionaremos a vida e obra de Lourenzo, mais sen caer na melancolía. Celebraremos o traballo dunha persoa e compañeiro excepcional, de todo un referente da nosa cultura ”, expón.
Os detalles da gala, que terá lugar o mércores 8, presentarase o vindeiro luns, 6 de abril, ás 12.30 horas no Teatro Rosalía Castro. Será nunha rolda de prensa que contará coa presenza e participación da propia Gloria Rico, ademais de representantes da AAAG, Concello da Coruña, Deputación da Coruña e Xunta de Galicia. A gala tamén conta co apoio da Fundación AISGE e Gadisa.
Sobre Gloria Rico
Licenciada en Filoloxía pola Universidade de Santiago de Compostela, a traxectoria de Gloria Rico está estreitamente vinculada ao teatro universitario e profesional desde os seus inicios, desenvolvendo un labor integral como actriz, directora e produtora.
Fundadora da compañía Teatro En Punto (TEP), Gloria Rico traballou con algunhas das formacións máis sobranceiras do país, como Matarile, Teatro Bruto, Casahamlet, Teatro do Atlántico e o Centro Dramático Galego (CDG). No seu currículo como intérprete destacan pezas como Cachorros sen domesticar (1996), Ninguén chorou por nós (2000), Rosalía (2001) ou a recente Invocación (2025).
A súa faceta como directora e axudante de dirección permitiulle colaborar man a man con referentes como Manuel Lourenzo e Xulio Lago. Entre as súas direccións máis recentes destacan Unha rosa entre as pernas (2013), 9999 (2014) e a peza de autoría propia Oca (2023), estreada no Festival Amigos de la Ópera da Coruña. No 2025, presentou no Museo Centro Gaiás a cocreación Olladas converxentes.
Máis alá das táboas, a súa carreira esténdese ao ámbito audiovisual, con participacións en títulos como a longametraxe Martes de Carnaval (1990) ou a mítica serie Mareas Vivas (2000). Como autora, publicou Contos troianos na colección de Manuais de Teatro de Casahamlet e participou no grupo de traballo DramaturXa 2018 do CDG.
A peza é o último adianto de ‘Tertúlia’, o álbum que o dúo vigués presentará ao vivo no Recinto Feiral de Pontevedra o 9 de maio
Despois de varios meses de expectación, paseniño achégase a ‘Tertúlia’. Será o novo álbum de Fillas de Cassandra. María SOA e Sara Faro. Un dos proxectos máis especiais dos que agromaron nesta nova onda da música galega. As artistas que puxeron a falar do antigo ás novas xeracións. As recentes gañadoras do premio Mestre Mateo ao mellor videoclip polo seu proxecto multiformato ‘Hibernarse’.
O rumor foi collendo forma e subindo o volume. O novo disco chamarase ‘Tertúlia’. Supón un xiro de 180 graos ao seu imaxinario, no que se achegan á arte contemporánea no lugar do gusto polo clásico. Xogan tamén con sons máis urbanos e vangardistas nos que a electrónica -dos ritmos rotos ao ambient- ten un espazo protagonista na obra de Fillas de Cassandra -ao igual que está presente na vida da xeración de mozas galegas á que pertencen-.
‘saír á fresca’ foi unha declaración de intencións, o manifesto dunha etapa nova e un chamado á ‘Tertúlia’. Mentres, ‘insolación’ desvelaba a unhas Fillas de Cassandra para as que a comunidade, os lazos humanos e o cariño comunitario non están rifados co hedonismo e a calor.
Este venres 27 publícase ‘déixate ver’, o seu novo sinxelo, co que Fillas presentan á primeira convidada á ‘Tertúlia’, Ede, quen as acompaña nesta canción que pecha o tríptico de adiantos antes do álbum que vén. ‘déixate ver’ é unha reflexión sobre a ausencia e a nostalxia da vida que foi, sobre a morriña das amigas que xa non están e sobre as prazas (“vémonos na praza para falar / vente por aquí segue todo igual”) como un lugar público que defender e que nos conecta co mundo que foi e, sobre todo, coas mulleres que fomos.
Ede, quen se postula definitivamente como unha das artistas femininas que poden marcar unha era na escena alternativa española, acompaña ás súas homólogas nunha canción tan especial como ‘déixate ver’ -xa dispoñible en plataformas dixitais-, cun sabor popular, agridoce, desenfadado, que convida, precisamente, a ser compartida con quen botamos de menos.
A gran ‘Tertúlia’ celebrarase o 9 de maio en Pontevedra
Após os primeiros adiantos, en abril chegará o álbum completo. ‘Tertúlia’, unha proposta profundamente contemporánea e feminista, nada do diálogo entre Fillas de Cassandra e Çantamarta, quedará ao descuberto.
A posta de largo terá lugar o 9 de maio no Recinto Feiral de Pontevedra. O escenario transformarase nunha gran praza aberta. Fillas de Cassandra citarán ao público para poñer a palabra no centro. Unha invitación ao encontro e á valentía de desobedecer en comunidade. As entradas xa están á venda.
A Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) fai público hoxe o Manifesto Galego do Día Mundial do Teatro, un texto que este ano corre a cargo do recoñecido escritor, profesor e activista Carlos Callón.
Nesta ocasión, Callón asina unha peza que conxuga a memoria histórica, a denuncia da diglosia e un chamamento á acción para o futuro das artes escénicas en Galicia. O manifesto será lido oficialmente durante a gala dos Premios María Casares, a gran festa do teatro galego, que terá lugar o 8 de abril.
No seu texto, Callón bota a vista atrás para lembrar que a lingua galega “naceu nun verso que non se lía, senón que se representaba”. O autor denuncia os séculos de estigmatización nos que o galego só subía aos palcos madrileños para o escarnio, a través de personaxes ridiculizados que buscaban a gargallada mediante o desprezo ao pobo traballador e emigrante.
“Ensináronnos a degradarnos, a desvalorizarnos, a ternos por menos”, sinala Callón, lembrando as prohibicións explícitas que desde o século XIX tentaron borrar o galego dos escenarios como estratexia para impoñer unha lingua única.
O teatro como resposta á crise
Ante o contexto actual, o autor advirte de que a lingua galega está “de novo en crise”, pero sinala o teatro como o mellor aliado para a súa supervivencia. Callón define as artes escénicas como unha ferramenta fundamental nun mundo saturado polo virtual: “Nun momento en que o tanxíbel pide lugar fronte ao desengano do virtual, o teatro é unha chave decisiva para revitalizarmos a fala nosa”.
Para que esta revitalización sexa efectiva, o manifesto reclama medidas concretas: unha rede de exhibición viva, unha educación escénica para toda a cidadanía e orzamentos serios que garantan a estabilidade do sector.
Unha voz propia para a humanidade
Callón conclúe o seu manifesto cunha mensaxe de empoderamento, definindo as galegas e galegos de hoxe como as “tataranetas e tataranetos” daqueles que pasaron de ser caricatura a ser suxeitos con dereitos e horizonte propio. “Sabemos que ser galegas e galegos é o noso xeito de pertencermos á humanidade”, afirma o autor, pechando o texto con berros de “Viva o Teatro Galego!”.
Sobre o autor: Carlos Callón
Carlos Callón é escritor, doutor en Filoloxía e profesor no IES San Clemente e na Universidade de Santiago de Compostela. Entre os seus títulos destacan O libro negro da lingua galega (de onde proceden moitos dos datos que se citan no manifesto deste ano), Vidas e historias LGBT da Idade Media, Maxicamente vella, eternamente nova: a literatura tradicional galega e Atravesar o fantasma. A súa obra foi recoñecida cos premios Vicente Risco de Ciencias Sociais, da Crítica de Investigación e os Careón e Barbantia á traxectoria literaria. Presidiu durante doce anos A Mesa pola Normalización Lingüística, desde onde impulsou campañas en apoio ao teatro galego.
Sobre o Manifesto
Cada ano, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) encarga o Manifesto Galego a unha personalidade de prestixio na cultura do noso país. Esta iniciativa súmase á celebración internacional impulsada polo Instituto Internacional do Teatro (ITI-UNESCO) cada 27 de marzo.