Somos Pandeireteiras abre as inscricións para participar nunha xornada pública que abordará o papel central das tocadoras na transmisión da lingua galega e dos trazos dialectais

O Auditorio de Galicia acollerá, na tarde do 17 de maio, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país e que contará coa participación de figuras como Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez, as tocadoras de Chaín
As autoras Paula Carballeira, Olga Novo, Ánxela Lema e Nuria de Vil mais a xornalista Pilar García Rego acompañarán o encontro como relatoras da xornada; da que se desprenderá unha nova publicación a partir das conversas e debates
O encontro pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar no serán do Día das Letras Galegas entre as 20 e as 22 horas
A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema As tocadoras como transmisoras da lingua galega, o grupo abordará o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. O encontro, no que se sucederán as conversas e mesas redondas, abre hoxe o período de inscrición (gratuíta) no portal web www.somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas.
A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro para dar voz ás mulleres pandeireteiras de Galicia para debater ao redor do rol esencial das tocadoras na transmisión da lingua e das falas das aldeas, unha idea que se desenvolverá mediante conversas e mesas redondas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma desde ese lugar de enunciación serán liñas que se traten nun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora.
Os primeiros diálogos da xornada do 17 de maio contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez.
Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana serán as moderadoras das catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes, a transmisión dos trazos dialectais das zonas nas que se fan as recollidas das pezas, ou mesmo o grao de responsabilidade que teñen as persoas que actualmente están en escena con respecto á lingua e do simbolismo do uso da mesma nos espazos escénicos.
Tal e como aconteceu na primeira edición destas xornadas (decembro de 2021, en Carballo), das conclusións das conversas e das mesas redondas elaborarase unha publicación. As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil, quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes. O documento, ademais, tamén contará coas achegas da xornalista Pilar García Rego.
Tralo peche do encontro, ás 20.00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia.



SOMOS PANDEIRETEIRAS
Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024.
Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega.
II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS
Data: 17 de maio de 2025
Hora: 16.00h a 20.00h (encontro) e 20.00h a 22.00h (foliada)
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela.
Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria de Vil, Olga Novo, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego.
Inscrición gratuita: www.somospandeireteiras.gal (prazas limitadas).