Sinsal Primavera estrea en España as orixinais propostas musicais de Joseph Keckler, Chemtrails e Bombataz

O ciclo de concertos promovido por SinsalAudio, co apoio do Concello de Vigo, regresa ao MARCO o 15 de abril e á Sala Radar os días 30 de abril e 3 de maio; e as entradas para os directos xa están á venda na web de Sinsal

A promotora viguesa Sinsalaudio, organizadora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia que se celebra cada verán na illa de San Simón, presenta esta semana o cartel do seu evento Sinsal Primavera, os concertos eclécticos que promove cada ano na súa cidade natal da man do Concello de Vigo.

A nova edición do Sinsal Primavera florece liberada de prexuízos de xéneros e con tres propostas tan interesantes coma diferentes entre si e que se estrearán en España: desde a voz operística e en constante metamorfose de Joseph Keckler até o jazz contemporáneo dos belgasBombataz, pasando polo garage-punk da banda inglesa Chemtrails. Sen dúbida, unha edición que non deixará indiferente a quen se achegue aos directos que acollerán o MARCO e a Sala Radar. 

O ciclo, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos. 

O responsable de inaugurar o ciclo de concertos o martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, quen chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o  seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.   

A seguinte cita será o mércores 30 de abril. Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación de Chemtrails. Desde Manchester e con tres discos ás costas, a potente banda liderada por Mia Lust chega ao Sinsal para remexer os corpos do público na Sala Radar co seu post-garage-punk e power pop psicodélico. 

Finalmente, os belgas Bombataz porán o ramo a esta edición do Sinsal Primavera para presentar o seu último traballo discográfico, Baby Dry My Tears, un disco inconformista que bebe do espírito de Animal Collective ou MGMT para crear pezas cativadoras que se afastan de calquera estrutura estereotipada. Porque se pode ser diferente, Bombataz farao de forma diferente; mais non para ser intencionadamente difíciles ou por ser pretenciosos, senón porque consideran que é o seu deber musical.

As entradas para as tres citas do Sinsal Primavera están á venda desde as 12.00h deste martes, 1 de abril, na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras. Para máis información sobre as bandas e o Sinsal Primavera, pódese visitar a páxina web https://festival.sins.al/gl



CONCERTOS SINSAL PRIMAVERA 2025

15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos
JOSEPH KECKLER (Estados Unidos)
https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ
Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos)

30.04.2025, 21.30h | Sala Radar
CHEMTRAILS (Reino Unido) 
https://youtu.be/XGdmSs5SDl0?si=z82_jbeU977QbuAy&t=62
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)

03.05.2025, 21.30h | Sala Radar
BOMBATAZ (Bélxica)
https://www.youtube.com/watch?v=cZ7SmIJuodk
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)  

20250401-NP-SINSAL-PRIMAVERA

O Festival Sinsal SON Estrella Galicia celebrarase os días 25, 26 e 27 de xullo na Illa de San Simón

O evento cultural, cuxo cartel é secreto ata que o público desembarca no arquipélago, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea mais estimulante do momento

A programación musical do venres 25, ao coincidir cunha xornada festiva, estenderase ao longo de todo o díaO Sinsal, recoñecido por tercer ano consecutivo como o festival de música máis destacado de Galicia polos profesionais da cultura

Sinsal SON Estrella Galicia, un dos encontros sonoros máis singulares do panomara musical estatal, celebrará a súa nova edición os días 25, 26 e 27 de xullo na illa de San Simón (Redondela). O evento cultural, cuxo cartel é secreto para o público ata que este desembarca no arquipélago de San Simón e Santo Antón, volverá ofrecer unha pequena mostra da creación contemporánea máis estimulante do momento a través da participación de numerosas bandas e solistas chegadas de diversas rexións de todo o mundo. Como novidade, ao coindir a xornada festiva do 25 en venres, este ano a actividade estenderase ao longo de todo o día, no lugar de ser unicamente en horario de tarde.

Sinsal SON Estrella Galicia, que conta co apoio da Deputación de Pontevedra, Turismo Rías Baixas, Xunta de Galicia e SON Estrella Galicia, é unha iniciativa cultural que naceu para visualizar as artistas próximas á creación contemporánea da escena galega e estatal, mais tamén abriu o espazo para acoller a numerosas para creadoras e creadores do ámbito internacional: en cada edición, é habitual poder coñecer propostas de estilos moi diversos e de formacións de diferentes países de Europa, África Asia ou América. Todos os anos os abonos e as entradas esgótanse axiña.

A súa programación musical acompáñase, ademais, de numerosas actividades paralelas divulgativas, á fin de dar a coñecer a historia, a memoria e o patrimonio cultural e natural de San Simón – como os roteiros Descubre San Simón, Illario Pantasma e Andaina con Amarturmar– ademais de propostas vinculadas á sostibilidade ambiental e concienciación, como a activación da nova liña #SinsalSenRastro, a iniciativa para transformar o modelo de xestión de residuos; -e que no 2024 supuxo a redución nun 30% do volume dos mesmos-; ou mesmo da recuperación e posta en valor dos arquivos sonoros, que se traducen en iniciativas recollidas na nomeada Escola Sinsal.

Sinsal, o festival de música mellor valorado en Galicia

O ‘Observatorio de la Cultura’ da Fundación Contemporánea vén de sinalar no seu informe ‘Lo mejor de la cultura 2024’ ao Festival Sinsal como a proposta musical máis destacada do país por terceiro ano consecutivo, ademais de manter -tamén desde 2022- o posto como segunda iniciativa cultural mellor valorada polos profesionais do sector en Galicia. Desde a dirección do festival, esta nova é acollida con gratitude e agradecemento ás compañeiras e compañeiros da cultura por ter presente a Sinsal -un evento modesto e limitado a 800 persoas ao día- nas súas valoracións. 

A nivel estatal, na clasificación das iniciativas culturais mellor valoradas polo seu compromiso social e desenvolvemento sostible, Sinsal tamén sube de novo por tercer ano consecutivo e se sitúa no 6º posto, unha mención que referenda o compromiso que o Festival Sinsal mantén cos ODS e o impacto positivo, e que no 2024 reforzou coa posta en marcha da iniciativa #SinsalSenRastro

Os recoñecementos chegan tamén nos Iberian Festival Awards, os premios da industria dos festivais de España e Portugal, un evento no que o Festival Sinsal SON Estrella Galicia é finalista nas categorías Mellor Programa Cultural, Contribución á igualdade -galardón que se lle outorgou no 2023-, Mellor Aloxamento e recepción e Mellor Promoción Turística. O 15 de marzo daranse a coñecer os gañadores nunha gala.


Máis informaciónhttps://festival.sins.al/gl

20250210-NP-Sinsal-2025-