Os ferreiros dos Vilares, por Raúl Río Díaz

Os ferreiros dos Vilares, por Raúl Río Díaz

Os Vilares deu ao poeta, criado nas terras de trapeiros e canteiros, zoqueiros, de labregos e tamén de ferreiros. Non é casualidade que a “capital” da parróquia se chame As Reixas que como definiu  o profesor Gonzalo Navaza para o libro de Pas Veres, As Reixas, puidera ser derivado de reixas de ferro ou ben, o máis probable, da labor de voltear a terra cun arado, en plural.

En calquera caso, os ferreiros son parte fundamental na historia e non o son menos na historia do noso rural. Os oficios complementan as necesidades dos labregos fabricando toda unha diversidade de apeiros que facilitaron en tempos moi duros a vida dos nosos antergos. Oficios que deixaron pegada no noso patrimonio arqueolóxico e etnográfico e dos seus autores e artes temos coñecemento por persoas como Raúl Río, que é desa xente que silenciosamente, vai recollendo, co seu ouvido de grande escoitador, coas suas cámaras e coas súas letras a memória do que aconteceu.

Así llo recoñeceron premiandoo coa Navalliña de Manuel María os da irmandade do poeta, do que foi grande amigo persoal e así a própria parróquia da que é orgulloso indíxena, Os Vilares, nomeandoo Trapeiro de Honra no ano en curso.

Raúl ten alma de cronista, testemuña ao pé do presente con vocación de historia e tamén coidador daquelas cousas pequenas que é quen de valorar e convertir en importantes tal e como o seu benquerido Díaz Castro plasmou mesas herbas pequerrechiñas sen as que o mundo non sería nada.

Desta volta deixa aquí para quen lle poida interesar e para os que veñan detrás, outro anaco desas pequenas herbas de ferro mildeadas por xentes humildes pero coa firmeza do metal e un corazón grande como o universo enteiro.

Este traballo de Raúl sairá en forma de artigo, máis curto en outros medios, máis aquí temos a sorte de contar co traballo íntegro, o que agradecemos e do que nos sentimos honrados.

 

A forxa de Raúl, non fai ferros, rescata ferreiros do óxido dos tempos nesa homenaxe da memoria e do respeito ao noso pasado, que é a maneira de fornecer o futuro. Os Ferreiros dos Vilares, da Chaira e do mundo enteiro son, somos os que petando no ferro do presente debemos forxar un mundo mellor…

O noso respeito a Raúl Río, ferreiro.

Velaí o enlace a dito documento.

A SAUDADE DA IALMA de Branca Villar Alvariño, no #Estraperlo Culturalia

A SAUDADE DA IALMA de Branca Villar Alvariño, no #Estraperlo Culturalia

A SAUDADE DA IALMA é o novo poemario que editamos no #EstraperloCulturalia. Branca Villar Alvariño é a autora, unha poeta desa estirpe diazcastriana daquelas terras guitiricense, concretamente de Labrada, que tenhen no camiño real da Granxa e do vello mosteiro unha arteria directa ao corazón do Vilariño.

Labrada é tamén poesía, poesía do corazón da terra e poesía con nomes de mulleres que como Luz Campello García remexen no inventário do proibido e afondan na saudade da ialma. Branca, nasceu poeta, poeta saída da terra á que tanto amou o seu pai, Antón María Villar Cancelo, un histórico loitador da patria que deixou na sua filla a encomenda desa ialma que só a partir é quen de transmitir.

Branca Villar forma parte desa estirpe chairega e Guitirica de novos poetas que non poderían ser outra cousa porque nas súas veas, ademáis de sangue circula a mesma ialma de Diaz Castro e a terra que agroma froitos e versos floridos.

Así no Estraperlo Culturalia, estamos honrados de dar cabida a tanta criación e moito máis si ven desa terra Labrada.

Desfrutade, pois, desta saudade da ialma nos versos de Branca Villar Alvariño, no seguinte enlace.

#SalvemosOsFrescosDosVilares

#SalvemosOsFrescosDosVilares

Frescos únicos na Igrexa dos Vilares

Estamos diante dun serio perigo de desaparición definitiva dos frescos dos Vilares pola falta de sensibilidade das administracións a pesares de levar catro anos petando en tódalas portas e advertindo da degradación das pinturas murais, unha xoia da iconografia relixiosa da Terra Chá.

Mesmo coa aprobación na Comisión de Cultura do Parlamento Galego, non se teñen habilitado fondos nin posto de acordo as diferentes administracións para evitar o posíbel desastre patrimonial que tem sobrevivido cinco séculos e vai camiño de ser destruído en só 25 anos.

Estes elementos pictóricos fóronse conservando pola costume profiláctica desde o século XVI de calear as paredes para evitar a proliferación de pestes e enfermidades.

Datan, segundo un estudo de Juan M. Monterroso Montero, do Século XVI, probablemente de 1530 a 1540 na que coinciden tamén cos da igrexa de San Estevo de Parga e probablemente o autor, polas coincidencias iconográficas das pinturas, da autoría do Mestre de Parga, moi coñecido na época.

Os frescos sitúanse á dereita e á esquerda. Así na parede da esquerda á entrada representan tres escenas; a lamentación de Cristo Morto, a imposición da casulla a San Ildefonso e Santiago Matamouros. Os da parede á dereita da entrada representan ornamentos xeométricos e fragmento de escenas de paisaxe.

Deixamosvos aquí este estudo do profesor Monterroso para sensibilizar sobre este tesouro vilarego que devemos defender como respeito da nosa própria história e a dos nossos antepassados.

Nos próximos meses iniciaremos unha campaña para acadar a recuperación definitiva destas pinturas, unha xoia renacentista única e que foi testemuña do nacemento e despedida de milleiros de vilaregos e tamén visionada por milleiros de visitantes á Romaría dos Desamparados na busca de cura aos seus males.

Aguardemos que a Virxe e San Vicenzo axuden a preservar as paredes do seu templo e que vilaregos e vilaregas así como todos aqueles Chairegos  sensíveis co nóso património os apoien nesa labor.

Velaquí o enlace ao estudo antes citado.

 

Os Vilares Lareira de soños

Raúl Río Díaz, Trapeiro de Honra 2018

Raúl Río Díaz, Trapeiro de Honra 2018

A Asociación Sociocultural Lareira de Soños  investiu a Raúl Río Díaz como Trapeiro de Honra 2018 o día 7 de abril. Esta distinción, que chega á súa quinta edición súmase así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Díaz Castro e dos Vilares; grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.

O acto de entrega da V edición do Premio Trapeiro de Honra ao vilarego Raul Río tivo lugar nun acto que se celebrou na igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, o seu lugar de nacencia, coa presenza de numerosos amigos e veciños.

O acto contou coa participación de Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de Soños, que fixeron as presentacións, a artista chairega Isabel Pardoque realizou em vivo um retrato a Raúl, o crítico literario Armando Requeixo, os xornalistas Man Castro e Xulio Xiz, familiar e amigo de Díaz Castro respectivamente, os músico Mero Iglesias, o museólogo Felipe Senén, os cregos amigos Xaquín de Roca e Alfonso Blanco de Xermolos e o acordeonista de Lanzós Manuel Figueira e o flautista Manuel de Bemantes,, que amenizaron o acto.

Nesa xornada fixose entrega do Premio a Raúl Río, unha figura representativa deseñada pola artista Viki Rivadulla e tamén ás familias dos dous galardoados anteriores, Pepe de Cristos (2016) e Asunción dos Ares (2017). Figuras únicas realizadas a man e sen moldes e cos nomes de cada premiado.

Consolidado así um premio iniciado no 2014 coincidindo coa dedicatória ao poeta Diaz Castro das Letras Galegas, coa dedicatória na quinta edición a un grande amigo é defensor: Raúl Río Díaz.

Enlace a este libro homenaxe do Trapeiro de Honra 2018.

 

Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1

JOSÉ MARIA CHÃO LEDO. Obra completa em galego, edição de José André Lôpez Gonzâlez

JOSÉ MARIA CHÃO LEDO. Obra completa em galego, edição de José André Lôpez Gonzâlez

Hai persoas máxicas escondidas polos rincóns do planeta, disfrazadas de normais, especialistas en disimular, que procuran comportarse como os demais, e por iso é difícil atopalas. Nos Vilares temos varias, e unha delas é André da Ponte.

Como O Apalpador, André tamén “saliu” dos Vilares. O recuperador desta lenda do Nadal galego, co nome completo de José André  López González; André da Ponte ten as súas raíces ben chantadas na parroquia. Neto de Estrela de Nandulfe, que casou co Xastre da Ponte, que foron pais de Andrés, o seu pai. A súa avoa materna, María, de Vilasuso, irmá de Estrela casou para San Xoán de Alba, onde morreu. O seu avó paterno, José da Ponte,  O Xastre, era irmán de Pedro Patricio, O Trapeiro, e de Dolores, a nai de Josefa do Cando, a Requecha, regueifeira e auténtica enciclopedia do saber popular, e da que André ten publicado un traballo recollido nunha revista de Xermolos (Coplas de Josefa Cabado). André está pois emparentado directamente coa casa dos Patricios.

Grande descoñecido para moita xente, André da Ponte ten un importante e prolífico traballo desenvolvido no ámbito da tradución e da creación literaria, melómano empedernido e amante da cultura clásica, da que é un estudoso experto, podemos dicir que André ten moito en común co seu amigo e admirado Díaz Castro, en canto a formación, por  ser un grande tradutor e coñecedor de numerosas linguas, e un importante poeta.

Casualidade ou destino, André foi casar cunha nativa do Courel, por onde tanto ten camiñado Pedro O Trapeiro co seu burro e desas terras ten recuperado para os galegos a figura lendaria do Nadal: O Apalpador. Un traballo de investigación publicado na páxina oficial de AGAL no 2008 e completado no 2011 na publicación “Teoría de inverno, Os presentes do Apalpador” da Gentalha do Pichel. Sempre humilde, André rexeita méritos e concede estes “ao povo que foi onde nasceu e a onde tem de retornar”, limitando o seu traballo a “un labor de dálo á luz, investigar sobre ele e máis nada”…

André, amigo persoal e admirador de José María Díaz Castro e Manuel María, dos que ten grande coñecemento e numerosas experiencias, é tamén un grande poeta que se ten sumado ao colectivo NPG Nova Poesía Guitirica e conta con dous poemarios publicados: “Onde o vento leva un sonho de carpaÇas” (A.C. Rosalía de Castro. Bilbao, 1990) e “Rimas de Frei Bento do Santo Nome de Santo Alberte” (Xermolos. A Coruña, 2016). Recolleu tamén as obras poéticas completas de varios autores chairegos e galegos pouco coñecidos como José María Chao Ledo, entre eles.  A súa creación literaria, sen embargo, é máis cuantiosa en formato dixital en portais portugueses, brasileiros e ultimamente tamén en Galiza. Descoñecida no país pero non menos importante é a súa faceta de tradutor deimportante é a súa faceta de tradutor de autores de pensamento marxista con innumerables publicacións en portugués e algunha delas ao español (máis de corenta publicacións). Tradutor tamén de poesía palestina, anda agora enredado nunha tradución dos poetas malditos franceses (Baudelaire, Verlaine, Rimbaud…), conxuntamente co poeta brasileiro Ángelo Luís Ferreira que será publicado no Brasil. Está para publicar tamén o poema épico Vladimir Ilich Lenine de Vladimir Maiakovski traducido do ruso ao galego-portugués en edición bilingüe e outra do poeta arcaico grego Anacreonte directamente do jónico-eolio ao galego-portugués tamén en edición bilingüe, ámbalas dúas serán as primeiras traducións destes poetas ao noso idioma. O seu traballo non remata aí, senón que traballa tamén nun novo libro que chamará “Elegías de Parga” con versos ao xeito greco-latino que agardamos desfrutar axiña.

Os Vilares pode presumir, pois, de ter entre os seus fillos a un sabio, un grande intelectual, tradutor, investigador, poeta, ensaísta, nacido na Ponte e que leva o nome da parroquia cos seus estudos, traducións e publicacións polo mundo lusófono dos cinco continentes, un veciño que algún día debe ter na casa, por xustiza, o recoñecemento que lle dan fóra, a este vilarego erudito que reside en Alcalá de Henares pero que ten o corazón e o pensamento na súa parroquia dos Vilares, que visita sempre que ten oportunidade.

Pas Veres.

Velaquí o enlace a esta edición preparada polo noso amigo André da Ponte do gran poeta vilalbés Xosé María Chao Ledo.