A obra “Amor mortal”, da artista e poeta Adolfina Mesa, resultou gañadora na 30ª Edición do Certame Galego de Arte “José Domínguez Guizán” contra a violencia sexual, do Belén de Begonte, fallado esta tarde en Lugo.
O fallo produciuse este xoves, 2 de xaneiro, no transcurso da inauguración da exposición das obras presentadas a dito Certame de Arte na sala expositiva do Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo. A mostra coas obras participantes poderá visitarse ata o 11 de xaneiro. Despois será trasladada á Casa da Cultura de Begonte.
A artista Adolfina Mesa amosou a súa inmensa alegría ao saberse gañadora de tal Certame de Arte, non só por ser a primeira vez que se presentaba ao mesmo, senón tamén pola temática da loita contra a violencia sexual, tratada nesta trixésima edición dun Certame que enriquece o amplo abano de actividades vinculadas ao Belén de Begonte, declarado de Interese Turístico Galego.
O premio está dotado cun 1.500 euros e estatuíña de Sargadelos. Ademais esta obra gañadora, Amor mortal, será utilizada polo Concello de Begonte como imaxe nos materiais de sensibilización e divulgación contra a lacra da violencia sexual.
Tamén recibiu unha mención de honra a obra “Visibles e Invisibles”, do artista vilalbés Eduardo Baamonde, afincado en Vilagarcía de Arousa.
Velaquí unha galería gráfica da inauguración pictórica no Edificio Administrativo da Xunta de Galicia en Lugo.
*As imaxes son tomadas da Área de Cultura da Xunta de Galicia en Lugo.