Parou baixo a proxección luminosa daquel farol. Na friaxe da noite non buscaba a súa quentura, senón a evocación de lembranzas que o trasladaban a un tempo xa remoto no que un chorro de luz perseguía os seus xestos namentres el debandaba por escenarios teatrais representando roles de alguén que non era el. Enfronte, entre a tépeda escuridade, centos de miradas asexando a súa acturación. E, para rematar, o agasallo do aplauso final. Nunca cavilou en que aquel tempo de luz e ovacións, de gloria e protagonismo, ían fuxir do seu carón, abandonando nel, coma se fose un despoxo. Mais, sen decatarse, liscou coma animal escorrentado. E, daquela, veu a crueldade da insignificancia, a losqueada do abandono. O silencio do desprezo. Por iso, detivo os seus pasos debaixo da caricia luminosa do farol, agardando, se cadra, escoitar o eco dos derradeiros aplausos. Emporiso, nada resoou no ventre da negrume exterior que flanqueaba o seu camiño. Entón decidiu avanzar até perderse naquela selva da indiferenza.
Entradas recientes
- Gala-Concerto do Vº Concurso Manuel María de Composicións Musicais
- Camiño Escena Norte despídese de Galicia con dúas funcións en Arzúa e Vimianzo mentres o teatro galego continúa a súa xira
- Roteiro literario AIRE NEGRO o sábado 7 de novembro
- Proxección da película WITH HASAN IN GAZA, de Kamal Aljafari, na Casa da Cultura de Vilalba
- Convocatoria do VI Certame de Caligramas CONSTANZA DE CASTRO