O terceiro avance do novo disco, a peza “máis escura e visceral” das creadas pola banda, poderase escoitar desde as 00.00 horas do venres 17 nas plataformas dixitais
E, co terceiro adianto, chegou a escuridade. O venres 17 de xaneiro, ás 00.00 horas, publicarase O Último Baile, a creación coa sonoridade máis visceral e agresiva das tecidas até o de agora por De Ninghures. Trátase do terceiro sinxelo de avance do que será o novo álbum de estudio da formación, un traballo producido por Juan de Dios Martín que verá a luz nas vindeiras semanas.
O Último Baile parte dunha copla recollida en 1979 en Arzúa por Dorothé Schubarth á informante Salomé e que se atopa no APOI (Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade). A partir desta lírica da tradición popular, e fiada polos propios versos e música de De Ninghures, nace un tema que fala do mal amor, “ese amores que se che meten na cabeza e que nos consumen”. Unha idea que se reforza a través dunha instrumentación escura e hipnótica e dunha sonoridade agresiva e visceral, que medra coma se tecese espirais, ata entrar en bucle, “como se fora unha obsesión que te encende e te destrúe a partes iguais”, apunta a banda.
De Ninghures
De Ninghures fan música cos pés na terra e os brazos abertos. Son unha das bandas referentes da potente e rica escena actual en Galicia. Un grupo que mestura mestría musical e actitude desenfadada, que sorprende en cada canción coas súas diferentes voces e a súa actualización das coplas e melodías populares, e que nos fai tanto bailar como emocionarnos coa súa particular fusión da música tradicional galega con ritmos e inspiracións doutras culturas como a latinoamericana ou a magrebí.
En 2022 publicaron Aquí, o seu primeiro álbum, e máis de medio cento de concertos e algúns sinxelos despois – coma o exitoso Morena, galardoado como Mellor Música do Ano en Galicia nos Premios Ari(t)mar, ou a enérxica muiñeira de montaña Poço-, a comezos de 2025 presentarán traballo novo, do que xa se coñecen Corazón Alionado e A Burriña.
PregardaO Último Bailenas principais plataformas dixitais
“A LANDRA VIAXEIRA E O AMIGO LAMBÓN”, ESPECTÁCULO MUSICAL INFANTIL QUE PRESENTAN OS JALOCHOS ESTE SÁBADO, 18 DE XANEIRO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA
O concerto vai dirixido para nenas e nenos entre 4 e 11 anos e as súas familias.
Sabela Olivares e Suso Bello, Os Jalochos, levarán as persoas que se acheguen este sábado, ás 17 hrs, pola Casa-Museo Manuel María, a unha viaxe musical pola natureza de Galiza na procura da festa.
Concerto que ten como fío condutor o libro A Landra viaxeira e o amigo Lambón, e que será moi participativo, con todo tipo de xogos baseados en conceptos musicais (tempo, ritmo, dinámica), así como percusión corporal, baile e lingua de signos.
Respectar a natureza, viaxar por vilas e cidades, xogar co ritmo da música, cantar e bailar sen acougo, son parte das propostas que nos ofrecerán Os Jalochos este sábado.
Os Jalochos son Sabela e Suso. No ano 2021 fundan a compañía, coa que xiran co espectáculo infantil “Ritmando” e actualmente co espectáculo “A Landra viaxeira e o amigo Lambón”.
Sabela Olivares. Posúe o Grao de Educación Primaria, o Mestrado de Profesorado, o Título Superior de Música na especialidade de Instrumentos da Música Tradicional e Popular, o Título Profesional de Música na especialidade de Gaita e o Título de Profesora na especialidade de Piano. Na actualidade, exerce como docente de educación musical na Universidade de La Rioja (UNIR).
Suso Bello. Músico, produtor musical e compositor. Cunha longa traxectoria no mundo da música participou en diferentes proxectos musicais e de televisión, sendo a súa faceta máis coñecida polo público a de músico integrante de “A Companhia do Ruído”.
O Instituto de Estudios Chairegos dá comezo a actividade cultural do ano 2025 organizando, coa colaboración do Concello de Vilalba, o Concerto CARTAS ALÉN-COMPROMISO E CORAXE, a cargo do grupo SON DE CORDA, previsto para o sábado día 18 de xaneiro de 2025no Auditorio Municipal de Vilalba.
A banda de rock alternativo do Condado, Exeria, presenta o vindeiro 17 de Xaneiro un novo videoclip para o tema Neno.
No texto promocional do vídeo dise:
Para comezar novos ciclos, hai que pechar outros. Neno foi publicado no Ep Sobre a independencia en marzo de 2024 e fálanos sobre unha persoa cuxos demos persoais son incontrolables, incompatibles con valores como a lealdade, a amizade, o cariño. E difícil cando tratamos con xente así, e moito mais se temos aprecio por eles.
As guitarras acústicas e o son envolvente dos sintetizadores lévannos da man, contando a historia con crueza e pouco a pouco van misturándose coa letra, ata chegar ao retrouso catártico, onde toca sincerarnos.
As verdades poden doer moito.
O videoclip de Neno esta dirixido por Wences Lamas, artista que xa traballou coa banda en Un novo nome, o seu primeiro videoclip.Descríbese el mesmo: Gústanme moito as pontes. O meu traballo consiste en tendelas. Hai algo moi autista en min que se desenvolve na plástica e na escrita, que intento mesturar coa xente que se ve máis nos rituais, acontecementos, música e vídeos. Unha vocación de crear maionesa entre un cura gnóstico e un artista contemporáneo, entre un exhibicionista das súas propias feridas e un xardineiro de pequenas recreacións paradisíacas. No que respecta ao audiovisual dirixín uns 40 videoclips, moita videoarte, algunhas películas secretas e máis de 200 titoriais. Traballo con poucos recursos e procuro que os meus técnicos e actores sexan familiares ou se convertan en familia. Esta é a despedida dun ano cheo de concertos para a banda (mais de 20),agora tócalles mirar ao futuro e preparar os seus novos traballos.
Wences tamen dirixiu o primeiro sinxelo da banda Un novo nome.
A intención era recrear un renacemento, un punto e aparte. E tendo en conta que Exeria surxe da unión de músicos que xa levaban tempo tocando xuntos, iso buscaban plasmar.
Vimbio comeza o ano satirizando sobre a falta de ganas de traballar e cotizar co lanzamento do seu novo tema ‘Eu Non Quero Traballar’, nunha canción que se achega a un estilo máis punk e que consolida así a súa aposta renovadora á par que ecléctica. O grupo recolle a letra extraída dunha cantiga popular galega para reeditala baixo un son moito máis canalla, outorgándolle unha nova vida baixo o mesmo significado. Este tema exerce como quinto adianto do grupo e actúa como apertura dun ano no que se espera moita máis música e concertos por parte da banda.
Tras o lanzamento de ‘Insisto’, ‘Mayday’, ‘Bombas Incendiarias’ e ‘Comeza o xogo’, o grupo liderado por Álex Arnoso, unha das voces protagonistas de SonDaRúa, comeza o ano publicando ‘Eu non quero traballar’. Esta proclama contra o traballo exerce como consolidación da diversidade sobre a que se move o grupo, conformando así unha conxunción entre o rap cru e sons que circulan entre xéneros como o metal ou o punk.
Gravada en LUFS Studios, coa mestura e masterización de Damian Mo, a canción conta cun videoclip dirixido por IzanMG que foi filmado en distintas localizacións de Vigo, Porriño, Ponteareas e As Neves.
Con este lanzamento, Vimbio incorpórase ao roster de PlayPlan, axencia de representación de artistas como Tanxugueiras, Caamaño&Ameixeiras, Sabela, Hugo Guezeta, LODE ou García MC, e promotora de festivais como SonRías Baixas, BIGSOUND Pontevedra ou Festival do Pasatempo.
MÁIS SOBRE VIMBIO
Vimbio é a nova cara da escena metal. Comandados por Álex Arnoso, coñecido polo seu protagonismo en SonDaRúa, o grupo xorde para conxugar o rap coa esencia do metal da década dos 90 e do 00. Baixo un gran eclecticismo musical, o grupo propón letras e ritmos moi contundentes, combinando os flows tan característicos de Álex coa potencia dunha banda composta por grandes veteranos da escena metal galega. Vimbio nace para reflotar e rexuvenecer xéneros que viviron o seu mellor momento nos anos 2000, aportando un aire renovador e diferenciador que busca volver a poñer no foco estes estilos de música. Co lanzamento dos seus primeiros sinxelos a finais de 2024 e comezos de 2025, o grupo pon enriba da mesa a súa carta de presentación, co claro obxectivo de facer deste un ano no que brillen as guitarras e os flows contundentes.