Queres formar parte do voluntariado do FIOT? Verás espectáculos de teatro e huir, descubrirás como funciona un festival por dentro, coñecerás xente e… pasaralo moi ven! Adaptámonos á túa dispoñibilidade.
O prazo desta convocatoria de voluntarios do #FIOT33 está aberto ata o vindeiro 20 de setembro.
Por outra banda, desde mañá, luns, 16 de setembro, ás 10.00h, o público poderá adquirir -a través da plataforma en liña Ataquilla– os bonos e entradas para a Rúa dos Contos, que neste 2024 celebra as súas vodas de prata ao cumprir 25 edicións.Vés celebralas con moito humor?
🔸26 de setembro: ‘Rescate emotivo’ de @waltervelazquezcalostro (gratuíto para a Residencia de Maiores) 🔸26 de setembro: ‘Animación de rúa’ con Walter Velázquez (gratuíto) 🔸26 de setembro: ‘Xa que o sabes, voucho contar (e cantar)’, de @fedeperez79 🔸27 de setembro: ‘Cagadas’, de Cándido Pazó 🔸27 de setembro: ‘A ver que pasa’, de Evaristo Calvo 🔸28 de setembro: ‘Riquiña’, de @jazminabuin 🔸28 de setembro: ‘Enredada’, de @letidataberna 🔸29 de setembro: ‘Sois maravillosos. D.O. Cádiz’, de @miki_dkai 🔸4 de outubro: ‘Contos entre cordas’, de @mariadapontragha e Bleuenn Le Friec 🔸4 de outubro: ‘Instrucións para tomar café’, de @carlosrebolo_charly 🔸5 de outubro: ‘O mellor e o peor dos 2000’, de Carta de Axuste 🔸11 de outubro: ‘Os diarios de Adán e Eva. Boleros no paraíso’, de @paraisoteatro.cia
🎟 Haberá un número limitado de bonos para todas as funcións da Rúa dos Contos (40 euros).
LODE ESTREA O SEU NOVO TEMA “TRES TRAGOS”, ONDE LLE CANTA AO DESAMOR
O novo sinxelo do artista de Narón é o segundo adianto do seu próximo EP
O artista galego LODE segue presentando os adiantos do que será o seu primeiro EP. Nesta ocasión publica “Tres Tragos”, onde lle canta á dolorosa ruptura dunha relación amorosa, e afoga as penas bebendo para esquecerse desa dor. Amosando unha vez máis a súa versatilidade dentro do xénero urbano, o de Narón aposta nesta ocasión por interpretar unha cumbia, que precede a “Carita de Ángel”, o afrobeat que serviu como primeiro sinxelo fai escasos meses.
“Tres Tragos” naceu coa intención de ser unha balada, pero ao non atopar un retrouso claro implementaron un ritmo de cumbia e a canción cambiou por completo. O traballo na produción de Caicer, co que xa traballou en “ENAMORAO”, foi clave para transformar o tema e que quedara ese retrouso tan aditivo xunto con eses ritmos tan marcados de cumbia. Durante o proceso compositivo tamén participaron Nuria Azzouzi, Mateo Bruquetas e o propio LODE, equipo habitual de composición do artista, ao que tamén se uniu o propio produtor Caicer.
Este novo tema, que reflexa claramente a intención de convencerse a si mesmo de que está mellor sen esa parella, pero que aínda bebendo para esquecer non logra superar a tristeza que lle provoca a súa separación, únese a “Carita de Ángel” como primeiros adiantos do seu primeiro traballo discográfico. Tras un 2023 incrible no que acadou máis de medio millón de escoitas cos seus temas, LODE asenta as bases do seu proxecto neste 2024, apostando pola súa versatilidade dentro do xénero urbano.
MÁIS DE LODE
LODE é un dos artistas galegos con maior repercusión nas redes sociais. Cun estilo urbano pero multidisciplinar, o cantante de Narón está abraiando ao seu público pola gran combinación nas súas composicións de sons actuais e bailables cunha gran voz. Tras as súas exitosas aparicións en programas televisivos como La Voz ou El Hormiguero, LODE eleva a escena urbana a base de talento, con composicións musicais e coreográficas propias de primeiro nivel.
As súas redes sociais son unha pequena mostra da repercusión do cantante e bailarín galego, acumulando máis de millón e medio de seguidores de todas as partes do mundo nelas, destacando os máis de 35 millóns de visualizacións que acumula na súa canle de YouTube. O seu talento non pasou desapercibido dentro da industria musical, sendo apoiado por grandes figuras do panorama internacional e nacional como Juanes ou Álex Ubago.
Actualmente, o cantante, bailarín e compositor está preparando novos traballos discográficos, así como un novo directo no que deixar patente o seu carácter multidisciplinar, sendo quen de combinar a súa capacidade vocal co seu talento coreográfico. LODE levará o seu éxito nas redes aos escenarios.
A ARTE DE DON TINÍN: UNHA VIDA ENTRE LIBROS E ESCULTURAS
Constantino Varela, coñecido entre a veciñanza por Don Tinín, foi o único descendente da familia Teixeiro e con el remataría unha saga familiar das de máis nobre prosapia da contorna. A súa nai, Dona Modesta, muller de profundas crenzas relixiosas, sempre á cabeza de calquera iniciativa a prol dunha causa xusta. O seu pai, Don Pedro, andaluz de Linares, que nos anos corenta chegara destinado coma médico á vila, na que ben pronto se ía integrar, rematando por casar coa única filla de Don Antonio, viúvo e propietario do pazo e das terras dos Teixeiro.
Neste ambiente foi criado Don Tinín, un neno modélico que despois de superado o ingreso marcharía a estudar o bacharelato aos Maristas de Lugo, acadando unhas cualificacións sobresaíntes, o mellor expediente da súa promoción. Pero sería en Santiago, a onde foi estudar a carreira de Medicina, onde comezaría a torcerse. Vinte anos botaría para regresar ao pazo paterno sen ningunha materia aprobada, aínda que si con matricula de honor en esmorgas e mulleres. Como o que me trae hoxe aquí non é a vida licenciosa de Constantino, e o que sei é fundamentalmente de oídas pois por aquel entón eu aínda non viñera a este mundo, voume centrar na última etapa da súa vida, cando xa o fin do sétimo decenio comezaba achegarse.
Don Tinín, herdara dos seus antepasados, unha das bibliotecas máis importantes da provincia e foi xa cara ao final da súa vida, cando empezou a prestarlle atención, iso si, dun xeito moi especial. El, que levaba dende que rematara o bacharelato sen abrir un libro e que non tiña ningún interese en someterse a súa idade á cruel tortura da lectura, decidiu utilizar os libros coma “material de construción” ( nas súas propias palabras) e comezar a súa obra artística que tan valorada está hoxe no mundo da Arte Contemporánea.
Antes de nada, direi que a miña casa está a carón da súa. Por aquel entón eu tería uns dez anos, e nos ratos libres acompañábao no seu labor que consistía en construír cos libros, personaxes e monumentos universalmente coñecidos, auténticas esculturas en papel, sen importarlle pintar, debuxar ou mutilar os libros se isto for necesario pero sen xamais desfacerse das partes amputadas que noutro momento lle serían de grande utilidade.
Para ir ampliando a biblioteca e ao mesmo tempo para ter máis variedade de libros dos que poder tirar, todos os venres acudía no seu flamante Mercedes a Lugo mercar máis. Dos doce exemplares por semana non adoitaba baixar.
Foi así como conseguiu a valiosa colección que podemos admirar na súa casa, hoxe propiedade do Concello a quen foi doada, xa que coma vos podedes imaxinar, non tivo descendentes, polo menos recoñecidos.
Normalmente o que adoitaba facer era coller as obras dun autor determinado e construír algo relacionado co país do mesmo, aínda que a veces mesturaba autores sen un criterio definido. Así coas obras de Eça, construíu a Torre de Belén, coas dos poetas simbolistas Notre Dame. Curiosamente coa obra completa de Victor Hugo construíu a Estatua da Liberdade, vai ti saber por que. A Catedral de Santiago que é unha das xoias, con libros de Valle-Inclán e Antonio Machado e así ata completar a colección que hoxe coñecemos.
Cómpre destacar todo un poboado do oeste americano coas noveliñas de Estefania, Silver Kane e Keith Luger, cos edificios e personaxes máis salientables. Toda unha alfaia.
Dende este verán e despois de máis de quince anos de abandono e desidia por parte das anteriores corporacións, por fin abriuse ao público o Museo Teixeira, en horario de mañá e tarde, onde podemos recrearnos e de balde coa súa impresionante obra. Feito que debemos o inxente labor nos últimos meses por parte da nova corporación, a quen e dende esta tribuna expreso o meu agradecemento en nome dos cidadáns deste pobo. A ben seguro que este feito vai supor un gran pulo para o desenvolvemento do turismo, que xa nos últimos dous anos leva experimentando un considerable incremento.
Adrián Conde abrirá o programa o venres 13 na praza compostelá de Praterías con Check Out, unha comedia visual inspirada no cine mudo coa que gañou o Premio Fetén 2024 a Mellor Intérprete e o Premio Oh! das artes escénicas de Asturias ao Mellor Espectáculo para a Infancia
Foz estréase este domingo 15 como sede do CEN para acoller na praza Conde de Fontao a función de novo circo By ò Bu. Aproximación al no existir, das compañías navarras Yarleku e El Punto Gunea
O encontro profesional Habitación Peregrina PRO, que terá lugar do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere de Lugo, mantén aberto o prazo de inscrición até o día 13 a través de www.escenanorte.com
A cuarta edición de Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural no que participan compañías de teatro, danza e artes do movemento e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, iniciará esta fin de semana a súa andaina polo territorio galego da man do Ciclo Constelacións, a programación itinerante de corte xeneralista que conforman 15 propostas diferentes. Este venres 13, ás 19.00 horas, a praza compostelá de Praterías acollerá o espectáculo inaugural Check Out, do asturiano Adrián Conde, unha proposta dirixida a público de todas as idades, especialmente o infantil. En caso de choiva, a función -prevista inicialmente para a praza da Quintana-, terá lugar no Salón Teatro. Nos dous casos, o acceso será de balde ata completar capacidade.
Check out é unha das propostas máis premiadas este ano en Asturias. Adrián Conde foi galardoado co Premio Fetén ao Mellor Intérprete e tamén recibiu o Premio Oh! Das artes escénicas asturianas ao Mellor Espectáculo Infantil. Trátatse dunha comedia visual inspirada no cine mudo e na que o protagonista, Eugenio, é un mozo de servizo dun hotel que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente.
Dous días despois, o domingo 15, terá lugar a estrea de Foz como sede do Camiño Escena Norte, que este ano chega, na súa edición máis expansiva, a 13 localidades do país. As compañías navarras Yarleku e El punto Gunea aterrarán na Mariña luguesa para presentar By ò Bu. Aproximación al no existir, un espectáculo de novo circo dirixido a publico adolescente e adulto e que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser, que aborda no diálogo a posibilidade de deixar de existir. A función, que se representará na Praza Conde do Fontao – se chove trasladarase á sala Bahía-, comezará ás 21.00 horas e tamén será de acceso libre ata completar capacidade.
Habitación Peregrina PRO pechará o venres 13 o prazo de inscrición
A sexta edición de Camiño Escena Norte traerá novamente a Galicia a celebración do encontro escénico profesional Habitación Peregrina PRO, o espazo de convivencia onde as compañías entran en contacto, coñecen as súas liñas de traballo e propostas estéticas, profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.
Habitación Peregrina PRO celebrarase do 17 ao 19 de setembro no centro O Vello Cárcere, de Lugo, e, nesta ocasión, ábrese a participación ás compañías e axentes do sector profesional dos demais territorios do Estado, á fin de favorecer unha maior conexión cultural interterritorial. Durante as tres xornadas, abordaranse cuestións como a inclusión e accesibilidade a partir dun taller de teatro accesible impartido por Chévere, o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible ou mesmo cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día.
Ademais, tamén por vez primeira en Habitación Peregrina PRO, haberá novos espazos de convivencia en horario nocturno, que servirán para que as e os participantes descubran a gastronomía local ou mesmo coincidan nunha “pista de baile” grazas á actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!, que contará coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.
AXENDA CAMIÑO ESCENA NORTE | DO 13 AO 15 DE SETEMBRO DE 2024
13.09, ás 19.00 horas | Santiago de Compostela Praza de Praterías (en caso de choiva, será no Salón Teatro) Check Out, de Adrián Conde Espectáculos (AST) Teatro. Público infantil e familiar. Entrada libre ata completar capacidade.
A vida de Eugenio transcorre no vestíbulo dun hotel, entre maletas soña con deixarlle aos fillos un futuro mellor. Un mozo de servizo diferente que, entre equívocos, xogo de clown e moita diversión, descobre ao longo dunha xornada imprevista de traballo que non hai mellor futuro que vivir gozando do presente. Unha historia que convida a reflexionar sobre a importancia da familia e sobre a que lle dedicamos o tempo.
15.09, ás 21.00 horas | Foz Praza Conde de Fontao (en caso de choiva, será na Sala Bahía) By ò Bu. Aproximación al no existir, de Yarleku e El Punto Gunea (NAV) Novo circo. Público adolescente e adulto. Entrada libre ata completar capacidade.
Un espectáculo como unha boa escusa para falar de algo tan real como é o necesitar, nalgún momento dunha vida, durmir para sempre. By ò bu. Aproximación al no existir é un espectáculo que, a través do movemento, o trapecio e a palabra, expón a conversa entre as dúas partes dun mesmo ser. Este diálogo enmárcase nun espazo que ben podería ser a súa propia cabeza, chea de equilibrios e portas ás súas reflexións. Unha conversa sobre a súa existencia e a opción de deixar de existir.
O próximo 18 de setembro, mércores, ás 20.30, celebrarase no Teatro Rosalía de Castro unha nova edición de Lúas de Outono para homenaxear a obra e a vida de Manuel María.
Para isto contarase coa presenza d’Os Carunchos, grupo de música tradicional que cantará trece poemas de Manuel María, pezas estas que integran o seu último traballo dedicado integramente ao noso escritor, Unha gorxa chea de paxaros. E tamén poderase desfrutar da voz da poeta Eva Veiga que recitará unha serie de poemas do propio Manuel María.
As entradas reservadas poden recollerse o venres, día 13 de setembro, de 17.30 a 19 h, e o luns, día 16 de setembro, de 11 a 12.30 e de 17.30 a 19 h no local da A.C. Alexandre Bóveda (na rúa Santo André, 36, 1º, no edificio do Circo de Artesáns). Ou ben diante da billeteira do teatro Rosalía de Castro, o mesmo día 18 de setembro, a partir das 19.15 h (a reserva deixa de ser efectiva a partir das 20.15 horas do día 18 de setembro).
A reserva non é de butaca numerada e por tanto débese ter isto previsto por se alguén quixer ter unha boa localización para ver o espectáculo. As portas do teatro abrirán ás 20 horas.