O #FIOT33 activa a venda para o seu Programa de Sala, con Javier Cámara, Malena Alterio, Berrombambán e moitas más figuras imprescindibles da escena actual

Este luns, 23 de setembro, desde ás 10.00h, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, activa a venda das entradas para o público xeral para os espectáculos de Sala e OTNI da súa 33ª edición, que se desenvolverá entre o 26 de setembro e o 31 de outubro de 2024. 

Dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero ou Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto ou Paula Quintas, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán, Talía Teatro ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participarán este ano no festival.

Moitos dos espectáculos dos que o público poderá gozar este ano no FIOT remítennos a autores ou obras clásicas, coa idea de lanzar unha reflexión global: o que no século XXI nos parece actual e propio, xa foi exposto no pasado e, aínda que cambien as circunstancias, os grandes conflitos ou problemas das persoas ou sociedades son indisolubles da condición humana. E desta reflexión agroma o lema desta edición: Agora é sempre.

Deste xeito, este outono, por Carballo desfilarán propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltará á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentan a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacan tamén nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3.

Por outra banda, este xoves, 26 de setembro, día de inauguración do #FIOT33, o Pazo da Cultura de Carballo acollerá, ás 20.30h, a inauguración da Exposición Zoom FIOT. 

Aberto o prazo de inscrición na XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. DAQUELAS QUE CANTAN

Está aberto o prazo de inscrición na XVII Xornada de Literatura de Tradición Oral. Daquelas que cantan, que terá lugar o 19 de outubro de 2024, a partir das 10:15 horas, no Salón de Actos da Deputación de Lugo (Rúa San Marcos, 8 –como chegar-).

A inscrición será obrigatoria e previa, con matrícula gratuíta, seguindo estes criterios:

– As persoas que queiran dispor da homologación da Consellaría de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional, por un total de 8 horas, deberán inscribirse directamente a través https://www.as-pg.gal/ no apartado de Formación.

– As persoas que desexen recibir un certificado de asistencia por parte da AELG, e aquelas que queiran asistir sen obter homologación nin certificado, deberán incribirse enviando un correo electrónico a oficina@aelg.org. Nel indicarase o nome, apelidos e documento de identidade.

Descargar PROGRAMA

Este sábado presentación do libro solidario CANTOS DE DOR E LIBERDADE na Casa-Museo Manuel María

PRESÉNTASE, ESTE SÁBADO, NA CASA-MUSEO MANUEL MARÍA, O LIBRO SOLIDARIO CANTOS DE DOR E LIBERDADE

Estarán presentes algunhas das poetas que colaboran nesta publicación, cuxos beneficios pola súa venda van destinados integramente á UNRWA para a axuda humanitaria á poboación de Gaza

 

Este sábado, 21 de setembro, ás 19,30 horas, preséntase, na Casa-Museo Manuel María, o libro solidario Cantos de dor e liberdade. Voces galegas por Palestina. Neste acto estarán presentes poetas que contribuíron coa publicación e que recitarán os seus propios poemas.

“Quere ser máis unha expresión da inmensa solidariedade galega co pobo palestino. Do mesmo modo que millares de persoas saen ás rúas da Galiza en protesta polo xenocidio que o sionismo está a cometer en Gaza, poetas e artistas alzan aquí as súas voces e as súas mans para deixar constancia da dor e da rabia por tanto crime e tanta infamia, mais tamén da esperanza dun futuro de Paz e Liberdade en toda a terra da Palestina”.

Esta proposta solidaria foi promovida por Galiza por Palestina, Mar de Lumes, Asociación Galaico Árabe Jenin e Pallasos en Rebeldía, coa colaboración de BDS-Galiza, da editora Tempo Galiza e das persoas autoras que cederon os dereitos das súas creacións. Os beneficios da venda desta publicación van destinados á UNRWA (Axencia de Nacións Unidas de Asistencia aos Refuxiados Palestinos no Próximo Oriente) para a axuda humanitaria da poboación de Gaza.

A entrada é libre.

SABELA arranca a súa xira por salas galegas o vindeiro sábado 28 de setembro na Sala Ruído de Ferrol

A artista de Ourol percorrerá Galicia a finais deste ano e comezos do 2025 cunha xira que xa conquistou algunha das grandes cidades de España

As entradas para estes concertos están á venta en sabelamusic.esenterticket.es

A gran xira de Sabela toca terras galegas despois do seu éxito percorrendo as salas de todo o estado e de arrasar co seu novo single “Hi, My Love”, comezando o vindeiro sábado 28 de setembro e continuando a finais deste ano e comezos do seguinte. Baixo o nome de “Hi, My Love Part”, Sabela fará un tour por 9 salas nas que presentará o seu novo son e a súa nova música, pertencente ao EP que espera publicar a finais deste mesmo ano. A xira por salas galegas que empezará o vindeiro sábado en Ferrol pasará tamén por Vigo (sala Masterclub, 12 de outubro), Santiago de Compostela (sala Riquela, 25 de outubro), Lugo (sala Clavicémbalo, 26 de outubro), Melide (Pub Gatos, 9 de novembro), Ourense (sala Auriense, 30 de novembro), Vilar de Santos (sala A Arca da Noe, 1 de decembro), Boiro (sala A Pousada da Galiza Imaxinaria, 1 de febreiro de 2025) e A Coruña (sala Garufa Club, 8 de febreiro de 2025). Estas datas súmanse aos concertos xa celebrados este verán en territorio galego, onde conquistou grandes eventos como o Festival do Pasatempo, o Náutico de San Vicente e o festival SonRías Baixas. As entradas xa están dispoñibles na súa páxina web, sabelamusic.es, e en enterticket.es.

XIRA HI, MY LOVE PART”  

28/09 · Sala Ruído · Ferrol
12/10 · Masterclub · Vigo
25/10 · Riquela · Santiago de Compostela
26/10 · Clavicémbalo · Lugo
09/11 · Pub Gatos · Melide
30/11 · Auriense · Ourense
01/12 · A Arca da Noe · Vilar de Santos
01/02 · A Pousada Da Galiza Imaxinaria · Boiro
08/02 · Garufa Club · A Coruña

ENTRADAS

A artista galega chega a Galicia despois de levar o seu directo a algunhas das grandes cidades de España. En 2024, a de Ourol tocou en grandes salas de Madrid, Barcelona, Valencia, Sevilla, Oviedo, León, Valladolid, Xaén, Salamanca, Logroño, Ponferrada, Palencia e Tafalla. Tamén foi a protagonista de Galicia Escena PRO, a maior feira de artes escénicas de Galicia, cun concerto en Santiago de Compostela co que puxo fin á primeira parte da súa xira. Sumando as datas anunciadas, a xira de Sabela escala a 25 presentacións en vivo.

Nestes concertos, Sabela presentará o seu novo tema, “Hi, My Love”. Unha proposta ambiciosa de levar a súa xa característico pop electrónico a un son máis internacional, pero mantendo ben presentes as súas raíces. Este sinxelo é o primeiro adianto do seu novo EP, que espera ver a luz no medio do circuíto, a finais deste ano 2024.

MÁIS SOBRE SABELA

Sabela Ramil é unha das caras visibles desta nova onda de pop electrónico que triunfa no panorama musical actual. Coas súas tinguiduras animadas e bailables, Sabela converteuse xa no gran alicerce deste xénero en Galicia. As súas cancións acumulan xa centos de miles de reproducións, conquistando en directo grandes cidades ao longo de España como Madrid, Barcelona, Valencia ou Sevilla entre outras, así como festivais da talla do Festival Noroeste, o SonRías Baixas ou o recoñecido O Son do Camiño. Sabela está mergullada neste 2024 nunha gran xira por todo o país, onde tamén fixo oco para levar o seu directo a festivais como o propio SonRías Baixas ou o Festival do Pasatempo. Con todo isto, a finais de ano Sabela presentará o seu novo EP, no que Hi, My Love, publicado en maio de leste mesmo ano, é xa o seu primeiro single. Desta maneira culmina así un ano totalmente prolífico para a de Ourol.

A artista de Ourol soubo madurar o seu proxecto para levalo a unha nova etapa da súa carreira, e a pesar de contar cun estilo xa propio e identificable, aposta forte por un son máis internacional mantendo elementos tradicionais galegos, fortalecendo así as súas raíces. Hi, My Love precede a temas como Cenizas, Ya No Me Quero Ir ou Cidade Desexo, que veñen de obter grandes números de escoitas. Este éxito afianzou unha carreira que conseguiu encandear ao público en directo e de lograr colaboracións con grandes artistas como Andrés Suárez, Baiuca, Xoel López, Tanxugueiras, Luisa Sobral ou Diogo Piçarra, así como de alzarse con premios como o Premio aRi[t]mar 2020 á Mellor Canción en Galiza por Despedida.

Lugo acolle unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO

Compañías de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra participan na proposta, que conta coa presenza de figuras como Patricia de Lorenzo, XRon, Marta Alonso Tejada ou Mounqup

Anxo Manoel, de Lucecús Teatro, recolle o II Premio Julio Peña, galardón que recoñece os valores de cooperación de CEN

Camiño Escena Norte terá este sábado, 21 de setembro, a súa primeira parada en Outes, coa función de novo circo La casa de los dedos

Camiño Escena Norte, o programa de intercambio cultural a través das artes escénicas entre Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, celebra esta semana no centro sociocultural O Vello Cárcere de Lugo unha nova edición do encontro profesional Habitación Peregrina PRO. Trátase do espazo de convivencia do CEN onde as compañías dos cinco territorios participantes no proxecto entran en contacto, dun xeito más próximo, á fin de coñecer as liñas de traballo e propostas estéticas dunhas e doutras; mais tamén profundan na realidade dos distintos circuítos de programación, exploran vías de coprodución e acceden a propostas de formación que sexan de interese para o seu desenvolvemento profesional.

Habitación Peregrina PRO comezou este martes cun obradoiro sobre teatro accesible impartido polo Grupo Chévere (Premio Nacional de Teatro 2014), no que Patricia de Lorenzo e XRon partiron do traballo realizado na peza Helen Keller, a muller marabilla? Xa pola noite, tivo lugar a entrega do II Premio Julio Peña, outorgado a un profesional das artes escénicas polo seu compromiso e defensa dos valores de cooperación de CEN, e que este ano recaeu no galego Anxo Manoel, de Lucecús Teatro. A escultura foi realizada pola galega Esther Quintas. 

Na mañá deste mércores, as e os participantes en Habitación Peregrina PRO  recibiron a visitadaDeputada de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación de Lugo, Iria Castro; e da edil de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Maite Ferreiro; en representación das institucións luguesas que colaboran no desenvolvemento de Camiño Escena Norte. 

Previamente, as e os asistentes tiveron ocasión de abordar o potencial transformador das artes escénicas desde un enfoque sostible a través dun parladoiro impartido polas consultoras María Baqueiro e Arantxa Estévez, impulsoras do Pacto Cultura Sustentable. A formación continuará mañá, nunha sesión na que Patricia Hermida (presidenta AGEM e responsable de Dotbeat) impartirá un taller sobre cuestións legais e fiscais claves para as compañías no seu día a día. Ademais da formación, este ano CEN promove a celebración de novos espazos de encontro informais no Habitación Peregrina PRO. É o caso da  actividade ¡Discoteca de Señoras… y Señores también!que conta coa bailarina Marta Alonso Tejada e coa cantante Mounqup como anfitrioas.

Camiño Escena Norte chega a Outes por primeira vez

Este sábado, 21 de setembro, as funcións do ciclo itinerante Constelacións chegarán por vez primeira a Outes. A compañía cántabra El Conejo Salvaje, que aposta por unha creación interdisciplinar na que xunta as técnicas de clown, circo, comedia física e teatro cómico-xestual, interpretará o seu espectáculo La casa de los dedos. A peza, dirixida a público adulto, presenta a historia dunha barraca de feira que, mentres percorre distintas vilas de España, mostra o mundo sorprendente e extraordinario do oculto, do alén, das criaturas fantasmagóricas e inexplicables que viven entre a poboación, mais pertencen ao mundo dos mortos.  As entradas para a única función en Galicia -no marco de Camiño Escena Norte- de La casa de los dedos, que terá lugar o día 21 a partir das 21.00 horas no auditorio da Casa da Cultura de Outes, pódense adquirir a través da plataforma web www.bandoticket.com

20240918-CEN-en-Lugo-Habitacion-Peregrina-PRO