A fondura, acotío desairada. Como unha chave oxidada, esquecida nun caixón apartado. A fondura, diluída no veleno do cotiá. Afogada na axitación violenta dunha convención anuladora.
A dor, que sempre deriva. Que decontino se ramifica. Que multiplica a súa raizame para estenderse. Dentro. Ata os límites do que somos. Como unha enredadeira devoradora. A dor. Que nos ocupa, que nos habita, que nos invade e aniquila. Coas súas feras navalladas. Que estende a súa pezoña imparable.
A fractura, que chama por alguén que non escoita, que te ignora. A fractura íntima. Que enteiramente nos pertence e rudamente nos conforma.
A liña, definida polo gume, nunha expresión xélida de desprezo. A pedra de afiar, presta. O tallo da gadaña. Sons efémeros desfilando pola liña dun desapego en foliada.
O gume, o gume, o gume. Co seu monótono silencio ameazante. O gume que miro e que me viola.
Sermos, na confluencia do momento único. Ese ser teu en min, o meu en ti. Por medio da palabra e da escoita, compañeiros na mirada sosegada. O tempo teu no meu oído, o meu en ti escoitado.
Estender na folla a mirada. Percorrernos, entendernos camiños en sintonía. Incapaces, aínda, de despedirnos de todo o amado mentres fluímos entre pegadas de outonal policromía.
Son atravesado por un soño. En contorna hostil, éme negada a oportunidade. No subconsciente, mundo que treme en nós e nos abanea, traizoeiro. Golpea o soño no sono e amosa fenda ancheada. Fenda pola que foxe, non entra, a luz que teima en resistir, mais que na súa fuxida achega as sombras insinuadas dun camiño.
Acometen de cando en vez pesadelos que o remexen todo e que nos invitan a cambios de perspectiva. Que na súa fereza aniquilan partes de nós, parcelas que deben ser arrasadas.
Tralo impacto violento, quedan as miradas tremendo. E custa enfocar de novo a figura espida da esperanza.
Felicidade. Propaganda do concepto. A palabra luída. Pronunciada en bucle por outros que non somos, outros distantes da nosa mirada. Felicidade publicada, exposta en todos os escaparates. Único obxectivo e motivo, ata a saciedade trazado como lugar de destino. A felicidade, a súa felicidade, desprezando todas as viaxes e todos os procesos, toda a non felicidade que nos habita, que nos conforma, que nos aviva.
Nesta forma nosa de estar ben a pesar das feridas. Decidindo que neste punto concreto do traxecto atopamos intres dun benestar que foxe da perfección ou da imperfección. Que non se compara con formas predefinidas. Decidindo vivos, aceptándonos na antítese.
Fuxindo do ruidoso prototipo alleo, atopamos sintonía na caída, suavidade na paciencia, harmonía na terra. E lonxe da súa felicidade, abrollan aromas de tenrura no momento.