Somos Pandeireteiras abre as inscricións para participar nunha xornada pública que abordará o papel central das tocadoras na transmisión da lingua galega e dos trazos dialectais

O Auditorio de Galicia acollerá, na tarde do 17 de maio, un encontro dirixido a todas as pandeireteiras do país e que contará coa participación de figuras como Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez, as tocadoras de Chaín 

As autoras  Paula Carballeira, Olga Novo, Ánxela Lema e Nuria de Vil  mais a xornalista Pilar García Rego acompañarán o encontro como relatoras da xornada; da que se desprenderá unha nova publicación a partir das conversas e debates

O encontro pecharase cunha gran foliada aberta a toda a cidadanía, que terá lugar no serán do Día das Letras Galegas entre as 20 e as 22 horas

A asociación de mulleres tocadoras Somos Pandeireteiras celebrará a súa segunda xornada pública na tarde do sábado 17 de maio, Día das Letras Galegas, no Auditorio de Galicia. Baixo o lema As tocadoras como transmisoras da lingua galega, o grupo abordará o papel fundamental das pandeireteiras tanto no presente coma no futuro á hora de transmitir e divulgar tanto as coplas como as falas propias e trazos dialectais de cada territorio. O encontro, no que se sucederán as conversas e mesas redondas, abre hoxe o período de inscrición (gratuíta) no portal web www.somospandeireteiras.gal. As prazas son limitadas. 

A II Xornada Pública Somos Pandeireteiras, que conta co apoio do Concello de Santiago a través de Compostela Cultura, pretende crear un espazo de encontro para dar voz ás mulleres pandeireteiras de Galicia para debater ao redor do  rol esencial das tocadoras na transmisión da lingua e das falas das aldeas, unha idea que se desenvolverá mediante conversas e mesas redondas. A divulgación, a educación ou o posicionamento público sobre o idioma desde ese lugar de enunciación serán liñas que se traten nun encontro que, ademais de situar a lingua no centro, reflexionará en colectivo sobre como enfocar, de cara ao futuro, a transmisión e o respecto pola cultura e a lingua e falas desde a perspectiva de cada tocadora. 

Os primeiros diálogos da xornada do 17 de maio contarán coa moderación da xornalista da TVG Pilar García Rego, quen conversará coa xunta directiva de Somos Pandeireteiras (Gisela Sanmartín, Mercedes Peón, Ana Fernández e Mar da Bouzas) e coas coñecidas e históricas tocadoras de Chaín, Digna Pérez Pérez e Otilia Mouriño Álvarez. 

Tralas conversas, será a quenda das mesas redondas, que estarán dirixidas por tocadoras lingüistas, filólogas ou educadoras, á fin de poder afondar en diferentes temáticas ou problemáticas ao redor do galego e da súa transmisión contemporánea. Icía Sanmartín, Lupe Blanco, Icía Varela e Maruxa Mascuñana serán as moderadoras das catro mesas nas que, entre outras cuestións, se debaterá a presenza de contidos relacionados coas pandeireteiras na educación obrigatoria, a influencia das mestras de pandeireta nas persoas castelán falantes, a transmisión dos trazos dialectais das zonas nas que se fan as recollidas das pezas, ou mesmo o grao de responsabilidade que teñen as persoas que actualmente están en escena con respecto á lingua e do simbolismo do uso da mesma nos espazos escénicos. 

Tal e como aconteceu na primeira edición destas xornadas (decembro de 2021, en Carballo), das conclusións das conversas e das mesas redondas elaborarase unha publicación. As relatoras que acompañarán ao cento de pandeireteiras durante todo o encontro serán autoras coñecidas das letras do país, como é o caso de Olga Novo, Paula Carballeira, Ánxela Lema e Nuria de Vil,  quen achegarán a súa visión subxectiva e poética sobre o falado polas asistentes. O documento, ademais, tamén contará coas achegas da xornalista Pilar García Rego.
Tralo peche do encontro, ás 20.00 horas, terá lugar unha gran foliada de celebración no exterior do Auditorio de Galicia. A intención da mesma non é outra que festexar, en comunidade, a vida e futuro da lingua galega. Nesta folía poderán participar todas as persoas que así o desexen, de calquera punto do país, xa que será unha festa para poñer en valor a cultura de Galicia. 



SOMOS PANDEIRETEIRAS

Somos Pandeireteiras naceu no 2021 como un espazo de reflexión para as tocadoras de Galicia, o que deu pé á celebración, en Carballo, do primeiro encontro galego de pandeireteiras. Desta cita e do traballo que se desenvolveu posteriormente, xurdiu no 2023 da primeira asociación de mulleres tocadoras galegas -coa intención de abrir un espazo permanente de articulación entre elas, para a produción de narrativas colectivas propias e transmitindo o seu xeito de operar a través da sorodidade, para garantir o seu legado musical e oral- e unha publicación que derivou no libro homónimo editado por Xerais no 2024. 

Co gallo da homenaxe ás cantareiras nas Letras Galegas de 2025, e da man do Concello de Santiago, Somos Pandeireteiras promove unha segunda xornada pública que se desenvolverá o 17 de maio en horario de tarde no Auditorio de Galicia coa intención de poñer de novo, no centro, o papel central das tocadoras como transmisoras da lingua e da cultura galega. 

II XORNADA PÚBLICA SOMOS PANDEIRETEIRAS

Data: 17 de maio de 2025
Hora: 16.00h a 20.00h (encontro) e 20.00h a 22.00h (foliada) 
Lugar: Auditorio de Galicia. Santiago de Compostela. 
Participan: Ana Fernández, Ánxela Lema, Digna Pérez, Gisela Sanmartín, Icía Sanmartín, Icía Varela, Lupe Blanco, Maruxa Mascuñana, Mercedes Peón, Nuria de Vil, Olga Novo, Otilia Mouriño, Paula Carballeira, Pilar García Rego. 

Inscrición gratuitawww.somospandeireteiras.gal (prazas limitadas). 

20250402-NP-Xornada-Publica-Somos-Pandeireteiras

Dossier-de-prensa-Somos-Pandeireteiras

Elefante Elegante avanza ‘Alta costura’, o seu novo espectáculo, a alumnado de Culleredo

  • A compañía liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro presenta a súa última creación no Edificio de Servizos Múltiples do Burgo a estudantes de secundaria do 2 ao 11 de abril, ás 11.30 horas, cun proceso de mediación que inclúe coloquios posfunción
  • Con Alta costura, un espectáculo de teatro visual sobre a industria ‘fast fashion’,Elefante Elegante convida a reflexionar sobre o consumo de roupa actual
  • A estrea absoluta de Alta costura para público xeral será no Auditorio Cine Alovi das Pontes o sábado 24 de maio


A compañía de teatro físico Elefante Elegante aborda o fenómeno da industria “fast fashion” coa súa última creación, Alta costura. Esta nova peza dos creadores María Torres e Gonçalo Guerreiro é unha obra de teatro visual irónica e poética sobre a moda e a súa estreita relación co consumo. Alta costura, con dirección escénica de Gonçalo Guerreiro, está protagonizada por Sofía Espiñeira, Raquel Crespo, Pablo Sánchez e María Torres, a partir dun texto escrito por Tiago Alves Costa.

O Edificio de Servizos Múltiples do Burgo, en Culledero, acolle esta semana e a próxima (os días 2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril), ás 11.30 h, funcións escolares de Alta costura. Unha vez finalizado o espectáculo, a compañía ofrecerá coloquios posfunción onde se recollerán e intercambiarán opinións co alumnado de 3ª e 4º de secundaria do IES Rego deTrabe e do IES Eduardo Blanco Amor. Precisamente, os estudantes deste último centro participaron no proceso de mediación da obra, acompañando de preto todo o proceso creativo.

Con estas funcións escolares, Elefante Elegante remata a súa residencia artística no concello de Culleredo, coprodutor de Alta costura, espectáculo que conta, tamén, coa colaboración do Concello das Pontes e cunha subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais (AGADIC). Xa en maio, a partir do día 18, a compañía desenvolverá unha semana de residencia técnica no Auditorio Cine Alovi das Pontes. A estrea absoluta de Alta costura, con público xeral, terá lugar, precisamente, neste espazo, o sábado 24 de maio, ás 20.00 horas. As entradas poñeranse proximamente á venda.

Alta costura é un espectáculo irónico e poético sobre a moda e a súa estreita relación co consumo, o recoñecemento social, a contaminación, a saúde e as condicións laborais. A peza dá unha especial importancia aos mecanismos de venda e á relación contemporánea que o gran público ten co acto de mercar e de tirar roupa. Trátase dunha creación de teatro de movemento que se detén detalladamente na industria “fast fashion”: a lóxica do mercado, as emocións vencelladas á necesidade de adquirir máis roupa e a rapidez con que os produtos son desvalorizados e se transforman en residuos altamente contaminantes. Nesta nova creación Elefante Elegante convida a reflexionar sobre as consecuencias dos nosos hábitos de consumo de roupa desde unha óptica non exenta de humor, unha constante en todas as obras da compañía.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

A compañía, que este ano celebra 25 anos de actividade, foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro en Bélxica, onde permanecería ata 2007, data da súa instalación en Galicia. Na actualidade, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo, na Coruña, onde é compañía residente. As súas obras xa percorreron boa parte da xeografía española e tamén escenarios de Italia, Portugal, Alemaña e Colombia. Elefante Elegante atesoura varios premios María Casares, sendo o máis recente o recibido no 2024 pola mellor dirección de movemento da obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

ALTA COSTURA | Novo espectáculo de Elefante Elegante

PREESTREA (funcións escolares con alumnado do IES Rego de Trabe e IES Eduardo Blanco Amor)
2, 3, 4, 7, 8, 9, 10 e 11 de abril | 11.30 h | Edificio de Servizos Múltiples do Burgo (Culleredo)

ESTREA
Sábado 24 maio | 20.00 h | Auditorio Cine Alovi (As Pontes) | Entradas proximamente á venda

20250402-NP-Alta-costura-preestrea-Elefante-Elegante

Concerto interactivo PROXECTO CONSOANTE, con Branca Villares e a colaboración de Pablo Pintor, este sábado na Casa-Museo Manuel María

O proxecto Consoante (pandereteiras), Branca Villares (narrativa, voz, pandeira e percusións de man) e Pablo Pintor (zanfona, clarinete e gaita), farán un concerto interactivo en que, ademais de desfrutar co relato e as cantigas, o público asistente participará cantando e dialogando cos sons e os ritmos. Será un concerto “arredor da tradición oral feminina, no que debullamos por que cantamos, que cantamos e como cantamos as persoas. Entendemos os contextos onde tivo lugar a creación e transmisión oral das mulleres cantadoras, homenaxeada neste ano coa celebración das pandereteiras nas Letras Galegas”.

A actividade é de entrada libre até completar o aforo mais é necesario reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT, recolleu esta mañá o Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural 2024

PREMIOS RODOLFO PRADA 2024. O vicepresidente segundo e deputado de Cultura, César Fernández, participa no acto de entrega dos premios Rodolfo Prada. No Centro Cultural Marcos Valcárcel. Tamén participan Anxo Lorenzo Suárez (Secretario Xeral de Políticas Culturais), José Manuel Freiría Rodríguez (Membro do Xurado), Carlos Lorenzo Pérez (Membro do Xurado), Francico González (Asociación Rodolfo Prada Chamochín), e os premiados Eduardo Rodríguez (Café Latino – Ourense), FITOS – Asociación Cultural Telón e Aparte, Carlos Lorenzo (Concello de Carral – Certame de Poesía), Oscar Penín (Ruralisto), Francisco Matías (Compañía Teatro Caracol) e Diego Vázquez Meizoso (Camino Escena Norte).

A Asociación Cultural Telón e Aparte, organizadora do FIOT, foi recoñecida co Premio Rodolfo Prada á Xestión Cultural 2024 da Deputación de Ourense. A mañá deste martes, 1 de abril de 2025, celebrouse a cerimonia de entrega en Ourense e recolleu o galardón Antón Rodríguez, vicepresidente da asociación.

Telón e Aparte recibiu o premio na categoría ‘persoas voluntarias ou colectivos afeccionados’, polo compromiso do FIOT coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo das máis de tres décadas de vida. 

A asociación carballesa alzouse co segundo galardón da presente edición do certame, dotado con 2.000 euros e destinado a persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, polo seu programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia

O xurado do galardón, instaurado pola Deputación de Ourense para destacar a figura do insigne intelectual ourensán, reuniuse para avaliar as candidaturas presentadas este ano ao certame e, unha vez examinadas todas as propostas presentadas e axustándose ás características descritas nas bases, escolleu aos gañadores da presente edición de entre as dezanove propostas presentadas:

· O primeiro premio, para profesionais culturais, dotado con 3.000 euros, recaeu en Eduardo Rodríguez, organizador do Festival de Jazz Primavera do Café Latino, que este ano chegará á súa 26ª edición, convertendo á cidade de Ourense nunha referencia para os amantes deste estilo musical.

· O segundo premio, para persoas voluntarias ou colectivos afeccionados, dotado con 2.000 euros, foi para a Asociación Cultural Telón e Aparte, que organiza en Carballo o Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT), cun programa comprometido coas artes escénicas e cos proxectos teatrais de máis prestixio ao longo de máis de tres décadas de existencia.

· Finalmente, o terceiro premio, para proxectos culturais, dotado con 1.000 euros, foi para o Concello de Carral, cuxo certame de poesía, que alcanza a 27ª edición, constitúe un dos eventos literarios máis prestixiosos de Galicia.

Os premios entregaranse no transcurso dun acto institucional organizado pola Deputación Provincial de Ourense, do que moi pronto a organización anunciará a data e todos os detalles.

Sinsal Primavera estrea en España as orixinais propostas musicais de Joseph Keckler, Chemtrails e Bombataz

O ciclo de concertos promovido por SinsalAudio, co apoio do Concello de Vigo, regresa ao MARCO o 15 de abril e á Sala Radar os días 30 de abril e 3 de maio; e as entradas para os directos xa están á venda na web de Sinsal

A promotora viguesa Sinsalaudio, organizadora do Festival Sinsal SON Estrella Galicia que se celebra cada verán na illa de San Simón, presenta esta semana o cartel do seu evento Sinsal Primavera, os concertos eclécticos que promove cada ano na súa cidade natal da man do Concello de Vigo.

A nova edición do Sinsal Primavera florece liberada de prexuízos de xéneros e con tres propostas tan interesantes coma diferentes entre si e que se estrearán en España: desde a voz operística e en constante metamorfose de Joseph Keckler até o jazz contemporáneo dos belgasBombataz, pasando polo garage-punk da banda inglesa Chemtrails. Sen dúbida, unha edición que non deixará indiferente a quen se achegue aos directos que acollerán o MARCO e a Sala Radar. 

O ciclo, organizado pola promotora viguesa Sinsalaudio co apoio principal do consistorio vigués, pretende achegar cada ano ao público a música de bandas e solistas cuxa singular proposta artística non forma parte do circuíto habitual das salas de concertos. Con esta intención, e da man do Museo de Arte Contemporánea de Vigo (sede habitual do evento) e da Sala Radar, Sinsal Primavera agroma cada ano coma unha rara avis no panorama galego, á fin de sorprender ás adeptas e aos adeptos a descubrir novos proxectos creativos. 

O responsable de inaugurar o ciclo de concertos o martes 15 de abril será o estadounidense Joseph Keckler, quen chegará directamente a Vigo logo de actuar nun dos festivais máis especiais de Europa: o Tremor (Azores, Portugal). Sinalado polo diario The New York Times como “un talento extraordinario que rompe as barreiras convencionais”, Keckler sorprenderá ao público coa súa presenza magnética e o  seu espírito provocativo que desafían calquera forma de expresión.   

A seguinte cita será o mércores 30 de abril. Melodías pegadizas sinistras, guitarras distorsionadas, sintetizadores primitivos, pop policromático e letras irónicas son a carta de presentación de Chemtrails. Desde Manchester e con tres discos ás costas, a potente banda liderada por Mia Lust chega ao Sinsal para remexer os corpos do público na Sala Radar co seu post-garage-punk e power pop psicodélico. 

Finalmente, os belgas Bombataz porán o ramo a esta edición do Sinsal Primavera para presentar o seu último traballo discográfico, Baby Dry My Tears, un disco inconformista que bebe do espírito de Animal Collective ou MGMT para crear pezas cativadoras que se afastan de calquera estrutura estereotipada. Porque se pode ser diferente, Bombataz farao de forma diferente; mais non para ser intencionadamente difíciles ou por ser pretenciosos, senón porque consideran que é o seu deber musical.

As entradas para as tres citas do Sinsal Primavera están á venda desde as 12.00h deste martes, 1 de abril, na web de Sinsal a través da plataforma Enterticket, cun prezo especial para quen faga a compra anticipada; pois no despacho de billetes serán máis caras. Para máis información sobre as bandas e o Sinsal Primavera, pódese visitar a páxina web https://festival.sins.al/gl



CONCERTOS SINSAL PRIMAVERA 2025

15.04.2025, 20.30h | MARCO. Salón de actos
JOSEPH KECKLER (Estados Unidos)
https://youtu.be/G9QlhtGMFfw?si=W8rT0NpPb4qWQhUZ
Entradas á venda en Enterticket (12€+gastos)

30.04.2025, 21.30h | Sala Radar
CHEMTRAILS (Reino Unido) 
https://youtu.be/XGdmSs5SDl0?si=z82_jbeU977QbuAy&t=62
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)

03.05.2025, 21.30h | Sala Radar
BOMBATAZ (Bélxica)
https://www.youtube.com/watch?v=cZ7SmIJuodk
Entradas á venda en Enterticket (10€+gastos)  

20250401-NP-SINSAL-PRIMAVERA

O Colectivo RPM ten xa as artistas seleccionadas para as Residencias Paraíso 2025

O programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro en Galicia contará na súa 9ª edición con Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón 

Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembrona Illa de San Simón, en Redondela

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia

As Residencias Paraíso –un programa anual de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio– contan xa coas e cos artistas seleccionadas e seleccionados para a súa 9ª edición, que se desenvolverá ao longo deste 2025 en 8 espazos de toda Galicia. Entre os 179 proxectos recibidos na actual convocatoria, o Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia– ven de seleccionar a Antón Yanguas, Euyín Eugene, Isabel do Diego, Natalia Fernandes & Marta Azparren, Suevia Rojo, Rocío Bello & Javier Hernando, Bal Castro e Isolda Comesaña como ‘Artistas Paraíso 2025’.

O proxecto, impulsado por RPM, conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Corcubión, MIT (Concello de Ribadavia) e Fundación Cidade da Cultura de Galicia. En palabras do Colectivo RPM: “O proceso de ler e debullar cada un dos proxectos presentados é, sen dúbida, dos momentos máis estimulantes do ano. Nos 179 proxectos recibidos, atopamos un saber facer e unha mirada certa que nos interpela cara cuestións fundamentais da nosa contemporaneidade”.

A comisión encargada da selección de proxectos destas Residencias Paraíso 2025 estivo formada por un total de cinco profesionais do sector: Joaquín Collado (artista e responsable del Festival Paisaje en Villamalea), Marcia Vázquez (artista galega, artista Paraíso 2022 e responsable de Escora Danza na Costa da Morte), Sabela Ramos (xestora cultural independente galega), Félix Fernández (artista e co-coordinador de Residencias Paraíso) e Caterina Varela (artista e directora de Residencias Paraíso).

O programa Residencias Paraíso 2025 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas, preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Valorarase a integridade artística da proposta e o grao de madurez e solidez do proxecto, ademais da relación entre o proxecto e o territorio. Conta cun importe total de 20.000€ para acoller estas 8 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ cada unha– e favorecer, así, as distintas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.

As residencias artísticas desenvolveranse entre abril e novembro de 2025 no Vello Cárcere de Lugo, o Pazo da Cultura de Carballo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego en Compostela, a Igrexa da Madalena de Ribadavia, a Casa da Cultura de Vimianzo, a Casa da Cultura de Corcubión e Pazo da Cultura de Narón. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participarán nun encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 12, 13 e 14 de setembro de 2025 na Illa de San Simón, en Redondela.

Residencias Paraíso atende a necesidade da comunidade artística de contar con espazo e tempo dedicados á investigación e creación co obxectivo normalizar o concepto de residencia artística no noso territorio ao tempo que suliña a importancia da investigación arredor da práctica artística. A maior particularidade do programa de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, dende teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. As tipoloxías dos distintos espazos favorecen a acollida das diversas fases dun proxecto artístico, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, incluso, as residencias de carácter técnico. Este exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices) é o que dota dunha identidade singular a este programa.

SOBRE OS PROXECTOS SELECCIONADOS NAS RESIDENCIAS PARAÍSO 2025

RPM abrirá o programa na Casa da Cultura de Vimianzo coa residencia do creador galego Antón Yanguas, que estará traballando no proxecto de investigación titulado Open Call. Neste proxecto, Antón aborda o mundo das convocatorias artísticas e a exposición continua da figura do bailarín.

A continuación, chegaralle a súa quenda á primeira das dúas residencias combinadas entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG en Santiago de Compostela, que acollerá o proxecto Tuerce, do creador transmasculino residente en Madrid Euyín Eugene. No centro desta investigación están a disforia de xénero e a necesidade de diálogo a través das prácticas artísticas de creadores trans e persoas non binarias.

Pola súa banda, a artista andaluza Isabel do Diego será a segunda creadora residente entre a Cidade da Cultura e o Salón Teatro / CDG co seu proxecto Brutalismo: un concerto-escénico no que a artista reflexiona sobre o folclore do século XXI, a electrónica, a sonoridade, a musicalidade e o corpo que sae a escena. 

No marco da Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia (MIT), desenvolverase unha residencia na Igrexa da Madalena coas artistas estatais Natalia Fernandes & Marta Azparren, para o seu proxecto Cerrados y dormidos los ojos bailan. Trátase dunha conferencia performativa que fai dialogar a ‘Anatomía Inventada’ de Natalia e o ‘Cine Ciego ‘de Marta, propoñendo a creación do corpo imposible da non-bailarina a partir dunha imaxe mental colectiva.

A artista galega Suevia Rojo –afincada en Portugal– será unha das artistas residentes en O Vello Cárcere de Lugo co seu proxecto Incorpórea. Nesta investigación, Suevia quere afondar nos conceptos de introspección e autorecoñecemento, procurando dar forma á materia invisíbel do corpo e a súa vulnerabilidade.

Asemade, O Vello Cárcere de Lugo e o Pazo de Cultura de Narón acollerán o proceso de creación Ensayo, da creadora galega Rocío Bello e do creador estatal Javier Hernando. Neste proxecto, os artistas preparan unha conferencia performativa sobre a cancelación de futuro e a problemática sobre a vivenda a partir dunha serie de xestos invisibles e humildes que nos permitan pensar o presente e imaxinar o futuro. 

O creador galego Bal Castro mergullarase no seu proceso de creación titulado Instinto desexo no Pazo da Cultura de Carballo. No proxecto, Bal aborda temas arredor do afecto, a hipersexualización e a mercantilización do corpo.

E, para rematar, RPM inaugurará o novo espazo colaborador, a Casa da Cultura de Corcubión, con Sagrado Corazón, da creadora galega Isolda Comesaña. A artista prepara unha investigación escénica –a cabalo entre a poesía e a danza– arredor do desexo, a divindade, o privilexio e a vinganza. Baixo unha perspectiva feminista, este proxecto cuestiona a construción da identidade europea no imaxinario medieval.

MÁIS INFORMACIÓN SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO

Residencias Paraíso é un programa de residencias artísticas deseñado e coordinado por Colectivo RPM co apoio de numerosas institucións, en activo desde o ano 2017. A través dunha convocatoria anual, acompáñanse distintos proxectos en residencia de artistas galegas, estatais e portuguesas vinculadas á danza e as artes vivas en colaboración con distintos espazos de Galicia. Estes espazos acollen aos artistas en residencias de investigación, creación e técnicas.

A convocatoria anual das Residencias Paraíso publícase a comezos de ano e deixa aproximadamente un mes para a recepción de propostas. Está aberta a artistas galegas, estatais e portuguesas. As artistas seleccionadas na convocatoria realizan unha residencia de entre dúas e tres semanas no espazo de acollida e reciben unha dotación económica de entre 1.500 e 3.000 €, segundo as necesidades do proxecto. Paralelamente, en diálogo coas artistas, deséñase unha programación expandida específica para acompañar cada unha das residencias. Este concepto de programación expandida fai referencia aos desbordamentos naturais de cada proceso de creación cara á comunidade. Nalgúns casos, actívanse mostras abertas dos procesos, prácticas de corpo, grupos de traballo, laboratorios de creación, conferencias, etc. 

Os proxectos seleccionados poden estar en distintas fases, é dicir, pódese participar cun proxecto de investigación, un proxecto de creación ou para realizar unha residencia técnica. Cada ano, no mes de setembro, organízase un encontro coas e cos artistas Paraíso da edición en curso na Illa de San Simón. Este encontro é unha convivencia de tres días, un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM, persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores e profesionais independentes. Colectivo RPM documenta en vídeo cada un dos proxectos, xerando un arquivo histórico que se amplía ano tras ano.

Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja, Laila Tafur, Furia Sotelo ou Sergio Marey, entre moitas outras.

Residencias Paraíso é un proxecto de Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, Concello de Corcubión, a MIT (Concello de Ribadavia) e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón.

SOBRE O COLECTIVO RPM

Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Mantén un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas. Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía.

Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.

MÁIS INFORMACIÓN 

https://www.colectivorpm.gal/

2025.04.01.-NP-resolucion-Residencias-Paraiso-2025