Homenaxe a Álvaro Cunqueiro en Mondoñedo
“Xan Perillán e a maleta máxica”, espectáculo de Kukas, este sábado 29 de febreiro, na Casa-Museo Manuel María
A Casa-Museo Manuel María acolle este sábado, 29 de febreiro, ás 18 horas, o espectáculo d’Os monicreques de Kukas, “Xan Perillán e a maleta máxica”. Dirixido para público familiar e crianzas, a partir dos catro anos, nel mestúrase o clown e a pantomima coa maxia e a manipulación dos títeres.
“Xan Perillán é un home con sorte, tocoulle nunha rifa unha viaxe a Pernambuco…Mais, onde queda Pernambuco? No hemisferio Norte ou no Sur?…cun pouco de maxia e a axuda das crianzas con certeza que o descubrirá. Xunta todas as súas cousas e vai meténdoas nunha maleta que non é unha maleta calquera…é unha maleta máxica, todo o que aquí se mete, convértese nun truco de maxia…
Ai, Xan Perillán, que traballos está a pasar! E por riba o seu loro Ravachol aparece e desaparece por arte de birlibirloque …agora está…agora xa non…Uf, por fin meteu todo na maleta…Xa pode marchar…”
A peza está protagonizada por Marcelino de Santiago (Kukas) e está dirixida por Isabel Rey Posada, ambos os dous fundaron hai máis de 40 anos Os monicreques de Kukas, a compañía de teatro de obxectos máis antiga de Galiza e unha das máis estábeis do panorama teatral galego, coa que levan producido máis de 40 montaxes teatrais entre espectáculos con marionetas, ruadas e teatro de actor. A finais de 2019 recibiron o Premio da Cultura de Galiza na modalidade de Artes Escénicas.
O billete ten un prezo de 2 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal
Día de Rosalía 2020 en Vilalba
Onte, ás 12 do mediodía na Praza da Constitución de Vilalba, celebrouse un recital poético polo Día de Rosalía. Acto que organizou o Concello de Vilalba, a Asociación Cultural CALDALOBA e Culturalia GZ.
Nunha mañá acariñada polo esplendor do sol, voces como as de Marisa Barreiro, Miguel Díaz, Pilar Maseda, Luís Teixeiro Castro, Sesé Roca, Ana Mar Fraga Rábade, Adolfina Mesa, Martiño Maseda ou Vanesa Siso Calvo deron corpo poético aos versos de Rosalía de Castro ou da súa propia autoría. Tamén se realizou a lectura do Manifesto da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega no Día de Rosalía de Castro 2020, Errantes No Mundo, obra de Daniel Asorey.
Véxase unha galería fotográfica que recolle distintos momentos da celebración do Día de Rosalía 2020 en Vilalba.
O Festival Atlántica encherá Galicia de contos do 11 ao 20 de marzo
O Festival Atlántica encherá Galicia de contos do 11 ao 20 de marzo
· A oitava edición desenvolverase en 9 concellos da xeografía galega: Santiago de Compostela, Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns
· 25 contadores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal, Palestina, Huesca, Salamanca, Zamora e Galicia protagonizarán as 54 actuacións deste ano
· A práctica totalidade da programación será gratuíta agás as galas do Teatro Principal
O Festival Atlántica vén de anunciar a programación da súa oitava edición, que se vai celebrar entre os días 11 e 20 de marzo. A presentación tivo lugar este martes, 18 de febreiro, nunha rolda de prensa na que participaron Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón Ferreiro, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica.
Na súa intervención, Mercedes Rosón salientou o labor do Festival Atlántica nestes oito anos como “encontro de voces e historias que suma a tradición oral e a cultura atlántica” e no que respecta a Santiago, amosou a súa satisfacción por acoller as galas inaugural e de clausura no Teatro Principal así como as actividades deseñadas para escolares que se desenvolverán en múltiples puntos do concello: colexios, centros sociais, aula de pediatría do hospital, Centro Xove da Almáciga e Igrexa da Universidade.
Pola súa banda, Xurxo Couto destacou que grazas ao Festival, “Galicia convértese nun punto de encontro do conto”. Xa que “Atlántica continúa a estender as súas redes a Galicia enteira” e ademais “pasa a auga salgada do océano e chega a Brasil, Colombia… e tamén se mete cara ao interior con presentacións de Zamora, Huesca, etc.”
Contos de acó e de aló
Soledad Felloza foi a responsable de pechar a rolda de prensa e aproveitou para anunciar a incorporación a última hora de Lugo ao Festival Atlántica. Na súa quenda, a directora do Festival xustificou a elección da rosa dos ventos como leitmotiv gráfico deste ano pola celebración dos 500 anos da primeira volta ao mundo. Eses ventos van traer agora a Galicia narradores de Brasil, Colombia, Venezuela, Portugal ou Palestina.
Tamén participarán narradores galegos e Felloza quixo facer fincapé na “recuperación de Santi Prego para o mundo da narración”. O recente nomeado aos premios Goya como mellor actor revelación contará xunto a Ghaleb Jaler, a quen Felloza definiu como “contador espontáneo”. Unha figura que Atlántica está a reivindicar e que describe como “esa persoa que sempre que fala está contando e que ás veces é mellor ca os profesionais”.
Grazas á unha colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela vaise producir o encontro de “dúas mulleres bravas” que contarán historias do mar e da montaña: Sandra Araguas, de Huesca, e Charo Pita, unha das narradoras galegas máis experimentadas. Outra novidade deste ano é a sesión de conto, gaita e zumba do sábado 14 de marzo na Praza de Cervantes con Luís Prego e Pablo Díaz. Unha sesión pensada como unha gran festa ao aire libre, para maiores e cativos, co aliciente engadido das tapas atlánticas que prepararán os bares da zona.
Outra actividade subliñada por Felloza é a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago de Compostela e co seu director, Casiano Mouriño, que este ano recunca no Festival cun espectáculo baseado no clásico ‘O gato con botas’ e que está creado expresamente para a ocasión.
Tampouco quixo esquecer o encontro de “tres ventos” no Teatro Principal: o venezolano Rubén Martínez, os brasileiros Aline Cântia e Chicó do Ceu e o salmantino Fernando Saldaña. E unha das citas clásicas do Atlántica, a Gala Inaugural, que este ano terá como fío condutor a música de Marcelo Dobode.
Pero “Atlántica non é só Santiago” e o Festival tamén vai estar en “Ferrol, A Coruña, Ourense, Vigo, Lalín, Teo, Pazos de Borbén e Bertamiráns”. Ademais, o 20 de marzo vaise celebrar o Día Internacional da Narración Oral cunha actuación da colombiana Carolina Rueda en Lalín e unha xornada especial na Cidade da Cultura con dúas partes: unha sesión de Ramiro Neira para público infantil e unha conferencia de Antonio Reigosa sobre os quince anos de Galicia Encantada, “unha web que consultamos todos os narradores”.
Felloza anunciou que a Cornamusa de Honra deste ano vai dedicada para a editorial Galaxia, que celebra 70 anos amosando o traballo de autores e autoras galegas e que é “outra fonte da que bebemos os contadores”. E rematou a súa intervención reivindicando “a narración oral como unha arte”, salientando que é “a única arte escénica que está presente todos os días do ano nalgún lugar de Galicia”. Malia esta vitalidade, Felloza sinalou a importancia de seguir gañando novos públicos, especialmente na mocidade.
A información sobre os artistas deste ano xa está publicada na web do festival (http://festivalatlantica.gal/) . Tamén está dispoñible o programa das actuacións e mais o prezo das entradas de pagamento e os lugares de venda. Ademais, as entradas para os espectáculos que se celebrarán no Teatro Principal xa se poden adquirir por adiantado na web https://entradas.abanca.com.
Véxase enlace á nota de prensa e ao dossier do Atlántica 2020.
*Sobre as fotos: De esquerda a dereita, Soledad felloza, directora do Festival Atlántica; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña; Mercedes Rosón, primeira tenente de alcalde e concelleira Responsable de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica e Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela; e Mayte Argibay Silva, concelleira de Cultura e Educación do Concello de Teo.
IESCHA.- Concerto de A BANDA DA LOBA no Auditorio Municipal de Vilalba
O IESCHA, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o concerto de A BANDA DA LOBA, programado para o sábado 29 de febreiro de 2020, ás 21:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba. Entrada de balde.
Véxase cartaz e nota informativa.


































