por martinho | May 13, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
- Intervención artística: “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” de Abraham Pérez
- Lugar: Fundación Eugenio Granell, Praza do Toural s/n, Santiago de Compostela
- Data: martes 14 de maio, ás 19:00h
Este martes 14 de maio ás 19:00h, terá lugar a intervención artística “Só nos sobrevivirán os nosos acenos” do poeta lucense Abraham Pérez, dentro da actividade “A miña peza favorita” da Fundación Granell de Santiago de Compostela.
“A miña peza favorita” é unha actividade que se iniciou no ano 1997 que consiste en seleccionar unha peza, entre todas as que forman parte da colección da Fundación Eugenio Granell, para que o invitado elabore un comentario persoal cunha nova visión desde unha perspectiva actual.
Nesta ocasión, Abraham Pérez e a Galería NÉBOA, seleccionaron as pezas Así é como o museo asasina ao artista, de Eugenio Granell (1981) e Nazis brindando, de Saul Steinberg (1940) dos fondos da colección Eugenio Granell; xunto cunha selección de poemas de Abraham Pérez: o corpo transparente das horas, Liñas do cuestionamento, unha teoría para os espectros e o manifesto poético Incursión diagonal.
Abraham Pérez (Lugo, 1990) é escritor. Autor da novela O paso en falso (Editorial Galaxia, 2023), do ensaio Sacho de seda (Menino Morreu, 2023) e dos poemarios o corpo transparente das horas(Editorial Galaxia, 2022), unha teoría para os espectros (Toxosoutos, 2021) e Fragmento/Creba(Editorial Galaxia, 2020). No ano 2022 acadou o accésit no XXV Certame Francisco Añón de Poesía pola súa obra toxicidade. Foi un dos artistas seleccionados para desfrutar da Residencia Artística Mariñán de literatura e pensamento no ano 2022 convocada pola Deputación da Coruña; e da Residencia de creación literaria Illa de San Simón no 2023, convocada pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia. Amais, ten colaborado con distintos medios e revistas especializadas como Grial, Luzes, Praza Pública, Dorna: expresión poética galega ou Xistral, entre outras. A súa obra está recollida en distintas antoloxías.
por martinho | May 10, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
TRES MULLERES NA ESCURIDADE
Mércores 15- 19,30 hs- Biblioteca Anxel Casal–
No salón de actos. Actividade dirixida a público adulto. A entrada é libre ata completar a capacidade da sala
Se o principio foi a palabra, antes dela foi o son e, despois, o entendemento e transmisión da súa melodía. Velaí a Música, que brota como o río da existencia, e a Palabra, que interpreta o seu ritmo como unha danza ritual arredor do lume da intelixencia. Velaí a Poesía, palabra melódica.
“Tres mulleres na escuridade”, é o encontro dunha poeta, escritora, dramaturga, ensaísta, feminista comprometida coa cultura e a vida, dunha violinista que reserva con gusto refinado, melodías de autores internacionais e galegos, e dunha actriz e contadora de historias que desde a máis profunda admiración e emoción dá voz aos textos escollidos.
Tres mulleres pensan, senten, crean e recrean , interactúan, enlazan as súas vidas.
Dende a súa obra, Luisa Villalta, do seu violín Irina Gruia, dende o escenario a voz de Sole Felloza.
A escuridade énchese de palabras e melodías, é unha viaxe ao universo lúcido e comprometido dunha creadora singular, cada verso, texto, melodía é un paso, un xogo que deixa atrás as sombras.
Textos seleccionados de «Música Reservada», «Ruído», «Rota ao interior do ollo», «Concerto para un Home só», «Estudo das sombras» En Concreto”, “Grial do sol perdido”entre outros.
Música: Julia Dopico Vale, Rosendo Mato, Jules Massenet, Johann Sebastian Bach, Mozart, Chopin, Grieg, Shostakovich entre outros.
Posta en escena: Sole Felloza
Arreglos musicais: Irina Gruia
Sole Felloza
Sole Felloza é actriz, contadora de historias, fotógrafa, escritora e dramaturga. Actual directora do Festival Internacional de Narración Oral Atlántica, con sede en Galicia. Leva máis de 30 anos contando en festivais de América Latina, Europa e Africa.
Irina Gruia
Nada en Brasov, Romania, na coñecida rexión de Transilvania. Comeza a tocar o violín con 5 anos, sendo o inicio dunha infancia marcada pola participación en diversas actuacións por toda Europa, gañando varios premios en competicións musicais internacionais. Os seus estudos de Conservatorio Superior continúan nos Estados Unidos, onde estudia con Philip Setzer y Eugene Drucker, os dous violinistas do Emerson String Quartet. No ano 2003, Irina aproba a oposición para a «Real Filharmonía de Galicia», en Santiago de Compostela, desenvolvendo una intensa vida musical onde, ademáis das actuacións coa Real Filharmonía, Irina participa en diferentes grupos de cámara, en actos culturais e imparte clases de violín.
Dende o ano 2018 xuntas forman parte de ConcerArt un proxecto no que participan destacados músicos do país, co obxetivo de facer máis próxima a música clásica a todos os públicos..
Esta actividade conta coa colaboración da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia.
por martinho | May 9, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
A Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega aprobou o nomeamento de Joseba Sarrionandia, escritor e tradutor vasco, como Escritor Galego Universal en 2024, desde o profundo respecto e afecto á súa persoa e a valoración da altísima calidade da súa obra, así como por defender a lingua, a cultura e a dignidade nacional de Euskadi.
O autor recollerá o seu Premio honorífico como Escritor Galego Universal, no marco da Gala dos Premios Follas Novas do Libro Galego 2024, que terá lugar o 11 de maio, no Teatro Principal de Santiago de Compostela.
Previamente, o venres, sexta feira, 10 de maio, a partir das 19:30 horas, na Libraría Couceiro de Santiago de Compostela (Praza de Cervantes, 6), terá lugar un coloquio coa presenza de Joseba Sarrionandia, acompañado por Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, e Isaac Xubín, escritor e tradutor da súa obra ao galego.
Máis información aquí: https://www.aelg.gal/actividades/escritora-galegoa-universal/2024/1/1/escritor-galego-universal-2024-joseba-sarrionandia
por Suso De Lameliña | May 9, 2024 | Andanzas do Suso de Lameliña, Autores/as, Colaboracións, Creación, Literaria, Xeral
Andanzas do Suso de Lameliña
Suso de Lameliña
O CHAPEU DE AMANDINE BARBIER
Amandine, afamada cantante do século pasado, nacida en Arromanches, rexión de Calvados, destacou máis polos seus estrafalarios chapeus que pola súa voz ou letras. Os deseños únicos da casa parisiense “La Folie des Chapeaux” eran tan grandes que ocultaban case por completo o seu rostro, eclipsando o escaso talento que a natureza lle outorgara. Cada vez que o quitaba a inspiración desvanecíase e non era capaz de interpretar unha canción. Co tempo, os seus sombreiros chegaron a fusionarse con ela nunha só identidade, transformándoa nunha icona da moda mentres a música quedaba no esquecemento.
A finais dos noventa a súa actuación no San Froilán de Lugo, nunha Praza Maior, totalmente ateigada, foi todo un acontecemento; o sombreiro que lucía quedou gravado na memoria dos espectadores. Aínda hoxe hai moitos que se lembran da asombrosa posta en escena por parte da diva francesa. Esa noite decidín imitala. Ao día seguinte acudín á Sombreirería Da Costa, na rúa Conde Pallares de Lugo e merquei o meu primeiro chapeu. Desde aquela e ata o día de hoxe, non saio da casa sen esta prenda talismán.
por martinho | May 8, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Xeral
María Reimóndez presentará o seu último libro “A Casa do Amo”. Será ás 20:00 horas do mércores, día 15 de maio de 2024, na Casa da Cultura de Vilalba, e contará tamén coa intervención de Luz Darriba, escritora, e de Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
NOTA-INFORMATIVA-MARIA-REIMONDEZ