Soño

O sono encheu os meus ollos

e durmínme, nas pólas da primavera temperán

abalada polos versos dun poema,

e durmín

saboreando a felicidade nos meus beizos,

envolta na maxia da poesía,

nese bico pendurado dunha ilusión…

e durmínme,

 e os meus ollos pechados seguen a soñar

cunha lembranza, cunha bágoa,

cunha morea de versos,

coma un manto de brétema

que coida o sono,

e se espalla polo chan da lembranza…

DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Ás veces, o noso pensamento emerxe dende os vales máis fondos da memoria, onde se gardan as lembranzas que nos van acompañar por sempre, e podemos decatarnos do fonda e importante que é a nosa fala. Cando lembro as cantigas de berce que con infinito amor me cantaba miña nai, cando era meniña e tiña medo á escuridade, ou cando meu pai, agarrado ó arado tamén falaba ás vacas na nosa fala… Eu crieime ouvindo esas tenras verbas no meu fogar, xentes humildes e labregas, (das que me sinto felíz de formar parte), nacidas no corazón da aldea, onde todo era moito máis sinxelo, e non había perxuizos.

Agardo e desexo con todo o meu sentimento, que non se esqueza de falar na língoa galega, que se siga espallando cada vez máis, non somentes aquí na nosa terra, se non que chegue a ser unha língoa importante e recoñecida, ainda que sexa unha utopía máis, coma tantas outras… Debemos ter esperanza, confiar en que se vendan moitos libros no noso idioma, que os galegos nos decatemos de que se nós non o facemos, naide vai pelexar por nós, seguiremos loitando por unha fala que nos representa, que dí como somos, que nos enche de morriña, que non nos priva de falar outras língoas, (creo que son perfectamente compatibles)
, pero que nos nosos pensamentos e no noso corazón, todos e cada un de nós, levamos estas verbas agarimosas que nos acompañaron ó longo da nosa nenez, por iso, loitemos porque non se perdan as nosas raízes, a nosa enxebreza, a nosa matria, e por suposto A NOSA FALA.

O documentario ENTRAR AOS VILARES seleccionado para a sección oficial da MICE

#Entraraosvilares/ O noso documentario ENTRAR AOS VILARES foi seleccionado para a sección oficial (competitiva) da MICE Mostra Internacional de Cinema Etnográfico de Compostela.
Todo un éxito para a nosa modesta producción e un recoñecemento que nos enche de alegría. Que unha modesta producción do proxecto Os Vilares, lareira de soños sexa seleccionada para a competición oficial dunha mostra tan importante de cinema etnográfico entre centos de filmes xa representa para nós un éxito, polo que agradecemos aos realizadores, Cibrán Tenreiro, Xacobe González e Toni González o seu traballo e a todolos colaboradores desa realización así como aos veciños participantes, verdadeiro protagonistas do documentario.
A película que leva percorridas numerosas localidades con proxeccione coloquio posterior arredor do filme e da parroquia, sigue a sua xira despois do día 29 por Burela, Muxía, Vigo, Ponteareas e A Guarda.

Amosamos abaixo un estracto da comunicación da selección.

>>>>>>>>>>>>>>>>
Estimados amigos,
Estimados amigos, estimadas amigas,

Compráceme comunicarvos que a vosa película foi seleccionada para a sección competitiva da MICE, Mostra Internacional de Cinema Etnográfico Museo do Pobo Galego. O festival celebrarase en Santiago de Compostela do 29 de maio ao 3 de xuño.

Nos primeiros días de maio enviaremos o programa completo. Grazas pola vosa participación e parabéns.

Un saúdo,

Ana Estévez Lavandeira
MUSEO DO POBO GALEGO

Lareira de soños
dosvilares@gmail.com
www.facebook.com/osvilares
@osvilares1

home


youtube os vilares lareira de…

RENACER

 …Entón, virándose pra ollar o seu pasado,
un sorriso asomou os seus beizos,
dos seus ollos nin tan sequera caeu unha bágoa,
porque entendeu que a súa liberdade
comezaba xa,
coma unha bolboreta, nacendo,
con moitas ganas de ensinarlle ó mundo as súas ás
ésas, que xamais deixaría que lle fóran cortadas…
E abrindo a ventá de par en par,
e achegándose moito á veira,
estendeu as mans ó baleiro e
comezou a voar, decatándose
que xa non podía ter retorno…
Xa non quería retornar.

(Debuxo de : Isabel Pardo Martinez) (más…)

Lareira de soños producirá un novo documentário

Os Vilares, lareira de soños prepara outro documentario, exposición e publicación para o vindeiro ano.

A Asociación Sociocultural Lareira de soños producirá outro documentário.
Formará parte dun conxunto de iniciativas para recuperar e divulgar a figura de José Lobeiras Gómez, «O Armeiro de Berulfe».
Unha publicación, unha exposición e unha curta documentaria serán editados o vindeiro ano aproveitando o traballo de documentación realizado por Pas Veres para o seu libro e a restauración de vellas fotografías do Armeiro realizada por Moncho Fuentes Allen Zimmerman
O documentario, será dirixido por Antón de Guizán, presidente da Lareira de soños e realizado con Moncho Fuentes (fotógrafo) e outro directivo da asociación, Luís de Fabete ( Jose Luis Teijido) que acaba de inaugurar a exposición fotográfica de Vilar EXPO na Escola Habaneira de Guitiriz.
A figura e a obra do Armeiro de Berulfe e a súa obra será dada a coñecer no proximo 2018 polas vías anteriormente expostas.
Coñecido por ser un dos máis importantes fotógrafos ambulantes da Terra Chá no pasado século, foi unha persoa polifacética, xa que desenvolveu numerosos oficios como sacamoas, xoieiro, armeiro, ebanista, colocador dos primeiros canalóns de cinz na zona, labrego…
De ideas republicanas, foi un home adiantado ao seu tempo e cuxa memoria merece ser rescatada. A rodaxe iniciarase no verán e teremos testemuñas que o coñeceron e trataron directamente, familiares, veciños e profesionais, ademáis de contar con interesantes documentos e fotografías facilitadas pola familia. O título do filme será «O ARMEIRO DE BERULFE, a memória retratada». Imaxes da lembranza doutros tempos que contribuen tamén á recuperacion da memória histórica visual, nenos, militares, familias, festas, mortes, postáis que son o retrato da vida dos nosos antepasados e que teremos a sorte de disfrutar grazas á recuperación desa história de José Lobeiras por parte de Pastora Veres.
Filme, exposición e publicación estarán dirixidas por Antón Tenreiro coordinados con Moncho Fuentes e co apoio permanente de José Luís Teijido Comba (Luís de Fabete), veciño do lugar e perfecto coñecedor da paisaxe e paisanaxe da zona. O traballo contará tamén con colaborades profesionais do audiovisual no apoio técnico e na montaxe do filme.