EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA de ISABEL PARDO

EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA de ISABEL PARDO

O IESCHA organiza a Exposición de Debuxo e Pintura de Isabel Pardo, dende o 6 ao 31 de Outubro de 2017 no Auditorio Municipal de Vilalba

A inauguración da mesma producirase o vindeiro venres, 6 de outubro, a partir das 20:30 horas.

 

O Instituto de Estudios Chairegos, continuando coa súa programación de outuno, ten previsto presentar o venres, día 6 de outubro de 2017, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, a EXPOSICIÓN DE DEBUXO E PINTURA, con traballos da artista chairega ISABEL PARDO MARTÍNEZ, alumna de 4º de ESO no IES BASANTA SILVA.

A exposición confórmana 26 obras de debuxo -con técnicas de carbonciño ou lapis- e pintura -óleos, principalmente-.

A debuxante e pintora escribe así sobre o seu traballo:

“Debuxo para encher o tempo no que tardo ver chover.

Debuxo para ver música e escoitar pintura.

Debuxo para estar con aqueles cos que non poido estar.

Debuxo para evocar ese arrecendo un pouco doce, un pouco amargo; un pouco a pechado e un pouco a mar aberto.

Debuxo para contar segredos inconfe-sablemente reais, porque iso salva dunha morte a distancia, a distancia entre a mente e a vida.

Debuxo para separar a razón da parte que me incumbe.

Para non correr en círculos humanos.

O problema chegará o día no que descubra que debuxar non me salva do mundo, senón que me salva de min mesma.”

 

*Información facilitada polo IESCHA

ADORMENTADOS

 

ADORMENTADOS

Mentres nos imos adormecendo
dourándonos baixo o sol
iluminados pola divina graza
de ser pobo nomeado
chamado a esmorecer de éxito
entre as ruínas

Logo da enchente
da bendita democracia
atada e ben atada
mantida de mentiras
polos mercenarios, sicarios
das elites establecidas
caciques de toda a vida
Mentres…

Agora que as xeracións
do rompente e as vangardas
nos anos oitenta e noventa
amortizamos as hipotecas
coas canas
mantendo aos fillos no exilio
con futuros incertos
e eufemismos varios

embriagados pola tecnoloxía
e o sensacionalismo político
en coma etílico de razón e demagoxia
subministrada por adoutrinadores
especialistas en non dicir nada
subvencionados
por votantes á carta
de partidos de marca
Xa logo
como individuos
institucionalizados
non temades ao espertar
cansos e limpos
contemplando as ruínas
do novo fascismo
dourándonos baixo o sol
de novo
sabéndonos a salvo
por ser súbditos
censados como ovellas.
Deamos grazas …

<< Non hai maior desgraza
que un pobo castrado>>.

Pilar Maseda.

 

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xosè Abeledo)

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xosè Abeledo)

Nesa esquina non equivocada

 

Cada noite pronunciaba

o prohibido do tacto

 

A memoria necesaria

de comerse cos dedos

 

Ser cada pequeno e húmido poro

dun tranvía

subitamente invadido

de pluma e carne adolescente

 

Camiñar polas rúas

non haber ninguén

abrazar a doce ereción da lúa.

 

 

Xmac. No Eume. 15-setembro-2017.
Poema para Poesía en Feminino (San Sadurniño)
Fotografía de Malena Carballo.

RECITAL POESÍA EN FEMININO (Xelo Teijido)

CALADA E QUEDA

El bate fortemente nela.

Malleira tras malleira,

Ela agarda calada e queda

Por un mañá mellor

Que nunca chega…

 

A dor é a partes iguais

Física e psicolóxica,

As verbas firen a ialma,

E ela aguanta a malleira verbal,

Noutrora golpes físicos inmemorábeis.

 

El faina sentir desprezábel e ruín,

Mais ela afoga os berros no silencio,

Agardando calada e queda

Por un mañá mellor

Que nunca chega.