Gala do Libro Galego 2018: Obras finalistas

Gala do Libro Galego 2018: Obras finalistas

A Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega (AELG), Asociación Galega de Editoras (AGE) e Federación de Librarías de Galicia (FLG) convocan a terceira edición dos Premios Gala do Libro Galego, a celebrar o sábado 19 de maio de 2018 no Teatro Principal de Santiago de Compostela, onde se darán a coñecer as obras gañadoras.

Estas distincións, sen dotación económica, xorden en primeira instancia das propostas das bases asociativas das tres entidades convocantes, para posteriormente seren sometidas a un proceso de preselección e á valoración e fallo por parte dun xurado externo.

Esta é a relación de obras finalistas:

OBRAS EDITADAS EN 2017

Ensaio e investigación

– Amada García e os seus arredores, de Bernardo Máiz Vázquez (Edicións Embora).

– Manuel Antonio. Unha vida en rebeldía, de Xosé Luís Axeitos (Edicións Xerais de Galicia).

– Margot Sponer. Do galego antigo ás fronteiras da resistencia, de Antón Figueroa (Edicións Laiovento).

– Rosalía de Castro. Cantos de independencia e liberdade (1837-1863), de María Xesús Lama (Editorial Galaxia).

Divulgación

– Cociña galega tradicional, de Matilde Felpeto (Edicións Xerais de Galicia).

– Os nomes do terror: Galiza 1936, Xosé Álvarez Castro, Xosé Ramón Ermida Meilán; Eliseo Fernández e Xoán Carlos Garrido Couceiro (coordinadores), (Sermos Galiza).

– Terra. Ciencia, aventuras e sorpresas dunha viaxe arredor do mundo, de Xurxo Mariño (Edicións Xerais de Galicia).

– Universo matemático. Das ideas e das técnicas, de Antom Labranha (Edicións Xerais de Galicia).

Narrativa

– Abadessa, oí dizer, de varias autoras (Através Editora).

– Um elefante no armário, de Teresa Moure (Através Editora).

– A nena do abrigo de astracán, de Xabier P. DoCampo (Edicións Xerais de Galicia).

– O xardineiro dos ingleses, de Marcos Calveiro (Editorial Galaxia).

Infantil

– A batalla da pequena Chañan Curi Coca, de Rosa Aneiros, ilustrado por Almudena Aparicio (Edicións Xerais de Galicia).

– Bruxa e familia, de Paula Carballeira, ilustrado por Lucía Cobo (Oqueleo).

– A señorita Bubble, de Ledicia Costas, ilustrado por Andrés Meixide (Edicións Xerais de Galicia).

– Tinta de luz, de Xosé María Álvarez Cáccamo, ilustrado por Berta Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).

Xuvenil

– 22 segundos, de Eva Mejuto (Edicións Xerais de Galicia).

– Os arquivos secretos de Escarlatina, de Ledicia Costas (Edicións Xerais de Galicia).

– Corredora, de María Reimóndez (Edicións Xerais de Galicia).

– Os nenos da varíola, de María Solar (Editorial Galaxia).

Libro ilustrado

– O branco non pinta!, ilustrado por María Brenn, de Antía Otero (Apiario).

– As estrambóticas aventuras do Barón Münchhausen, ilustrado por David Pintor (Bululú Editorial).

– A horta de Simón, ilustrado por Rocío Alejandro (Kalandraka Editora).

– Tinta de luz, ilustrado por Berta Cáccamo, de Xosé María Álvarez Cáccamo (Chan da Pólvora Editora).

Libro de banda deseñada

– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).

– O Bichero (VII), de Luís Davila (autoedición).

– Fóra do mapa, de Emilio Fonseca (Deputación da Coruña).

– Licor café. 13 grolos da Nova banda deseñada galega, de varias-os autoras-es (Demo Editorial).

– Tonecho, de Xaquín Marín (Editorial Galaxia).

Iniciativa bibliográfica

– Anna Turbau. Galicia, 1975-1979, Anna Turbau (Consello da Cultura Galega).

– Colección Xerais Básicos Ciencia (Edicións Xerais de Galicia).

– Colección Biblioteca de Teatro, Chévere (Kalandraka Editora).

– Mulleres bravas da nosa historia (Urco Editora).

Tradución

– A hora de espertarmos xuntos, de Kirmen Uribe, traducido por Isaac Xubín (Edicións Xerais de Galicia).

– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren, traducido por David A. Álvarez (Kalandraka Editora).

– O rapaz que nunca existiu, de Sjon, traducido por Elías Portela (Rinoceronte Editora).

– Vidas imaxinarias, de Marcel Schwob, traducido por Samuel Solleiro (Aira Editorial).

Poesía

– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).

– Cervatos, de Lucía Novas (Kalandraka Editora).

– Culpable, de Eli Ríos (Edicións Xerais de Galicia).

– Na casa da avoa, de Marta Dacosta (Editorial Galaxia).

Teatro

– Marcha fúnebre para un monicreque, de Roi Vidal (Xunta de Galicia/Baía Edicións).

– Na butaca. Fantasía Nº 3 en Dor Maior, de Esther Carrodeguas (Editorial Galaxia):

– Río Bravo, Chévere (Kalandraka Editora).

– Suite Artabria, de Manuel Lourenzo (Edicións Xerais de Galicia).

Libro mellor editado

– Alter-Nativo, de Jorge Campos (Aira Editorial).

– Baixo as mesmas nubes, de Elga Fernández Lamas (Edicións Embora).

– Camuflaxe, de Lupe Gómez (Chan da Pólvora Editora).

– Lumes, de Ismael Ramos (Apiario).

– Pippi Mediaslongas, de Astrid Lindgren (Kalandraka Editora).

PREMIOS ÁS TRAXECTORIAS

Iniciativa cultural ou fomento da lectura

– Biblioteca Neira Vilas de Vigo.

– Chan da Pólvora (proxecto de libraría e edición).

– Clube de lectura feminista Libraría Lila de Lilith/Plataforma de Crítica Literaria A Sega.

– Viñetas desde o Atlántico.

Proxecto literario na rede

– BiosBardia, dirixida por César Lorenzo Gil, https://biosbardia.wordpress.com/

– Caderno da crítica, de Ramón Nicolás, https://cadernodacritica.wordpress.com/

– Criticalia, de Armando Requeixo, http://armandorequeixo.blogaliza.org/

– Galicia Encantada. Enciclopedia de fantasía popular de Galicia, dirixida por Antonio Reigosa, https://galiciaencantada.com/

Xornalismo cultural

– Ana Romaní

– Daniel Salgado

– Montse Dopico

– Montse Pena Presas

ALMA E O MAR de Francisco X. Fernández Naval na Libraría Biblos

ALMA E O MAR de Francisco X. Fernández Naval na Libraría Biblos

¿Poderá o mar curar as feridas de Alma?
Consideraba que unha parte das preguntas que facemos son impertinentes e outras serían inútiles se observásemos aos outros con atención e ollos de ver. Con ollos de muller, engadía
Francisco X. Fernández Naval – “Alma e o Mar
Seguro que algúns de vós coñecedes a Alma. Alma é unha muller como calquera outra, unha muller nun mundo de homes. Unha muller que decide retirarse por un tempo para descubrirse a si mesma e esquecer o seu pasado nun pobo da costa galega, un lugar marabilloso onde terá a ocasión de coñecer a outras mulleres de hoxe, das que loitan cada día contra inxustizas, abusos e acosos en todos os ámbitos das súas vidas.

Francisco Fernández Naval deulle vida a esta loitadora chamada Alma na novela que publicou a finais do pasado ano e quere compartir con vós un anaquiño do seu traballo. ¿O lugar de encontro? A Librería Biblos. E nós encantados. Que mellor xeito de celebrar o mes da muller que achegándovos “Alma e o mar”, unha estupenda novela que trata dun xeito realista a condición feminina na sociedade actual

Se vos apetece coñecer a Francisco, levar o voso exemplar asinado e escoitar algo máis sobre o nacemento deste libro, tedes unha cita con él mañá, día 1 de marzo ás 20:15h.

¡Non o esquezades!


Francisco X. Fernández Naval (Ourense, 1956) licenciado en Filosofía e Ciencias da Educación, poeta, novelista, articulista e guionista. Obtivo o Premio Xerais de novela por “O bosque das Antas”, o Fiz Vergara de poesía por “Bater de Sombras” e o Ánxel Casal ao mellor libro galego de non ficción por “O soño Galego de Julio Cortázar” entre outros premios.

 

*Información achegada dende a Libraría Biblos de Lugo

Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Anatomía forense animal, por Pilar Maseda

Non teño voz,
a dor mutiloume a palabra
fíxome refén dos camiños andados.
En cada tropezo un laio
en cada derrota unha aperta
de morriña….
Daquela nena, que choraba
ao carón do pai na carnicería.
Untaba os cepos de negrillo
co sebo de becerro
eran os meus deberes…

“ Trala Porta do Poxigo na Vila… “

Nunha infancia sanguinolenta
de leccións de anatomía forense
animal.
No fío dos coitelos
pasados pola moa e o asperón
asentados logo coa chaira,
entre berros inesquecibles.

Dous días á semana.
Riles encebolados con cachelos…
Martes e Xoves…
Martes e Xoves…
Cada semana…
Un ano…
Outro ano…

Non teño voz,
esgótame a dor…
A nena da carnicería
soñaba poesía con Rosalía…
E voar coma as bolboretas
co seu elegante e sinxelo voo
polinizando flores de futuro.

Mentres esquecía o berro animal
loitando pola vida, espernexando,
colgado na trócola…
Sóubenme cómplice asasina,
aos trece anos, coas mans
tinguidas de sangue…
Cada semana animais en canal.

Fumos asasinos autorizados
con bata branca e coitelos nas mans,
partindo e despezando matanza,
subsistindo a usura bancaria
para autónomos, na transición democrática
de emprestitos ao vinte e dous por cento.

Fun cómplice asasina confeso,
meu pai, o emprendedor pagano,
dos usureiros,homes estudados
tamén autorizados.
Ben vestidos, de traxe e garabata,
con todos os dereitos de embargo.
Cando renunciaron os do Cambio
ao marxismo.

Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

Ópera AIDA no Auditorio Municipal de Vilalba

O auditorio Carmen Estévez de Vilalba, acollerá o xoves 8 de marzo ás 20.30h, a ópera AIDA, en catro actos, con música de Giuseppe Verdi e libreto de Ghislanzoni. Baseada na versión francesa da historia proposta polo exiptólogo Auguste Mariette, estreouse o 24 de decembro de 1871 no Teatro da Ópera do Cairo, onde tivo un indiscutible éxito.

Esta obra narra unha historia de amor truncada polas circunstancias, un romance errado con final dramático, na que os personaxes se deixan guiar polos sentimentos. Composta por catro actos e ambientada no Exipto faraónico narra a paixón entre Aída – unha princesa etíope pero escrava en Exipto – e Ramadés – militar exipcio e comandante das forzas que ocuparon a terra de Aída -. A este amor opóñense Amonasro – pai de Aída – que esixe vinganza e Anmeris – filla do faraón -, que tamén ama a Radamés.

Esta ópera, de grandes dimensións e de espectacular posta en escena, conta con arias tan populares como son: Celeste Aída, Gloria all´Exipto ou a Marcha Triunfal.

Lugar: Auditorio Carmen Estévez

Día: 8 de marzo 2018

Duración:2h 45min.

Prezos: venda anticipada 10€ / O día da actuación 12€ (en Ataquilla.com e na Casa da Cultura).

 

*Información achegada dende a Área de Cultura do Concello de Vilalba.