por martinho | Abr 18, 2018 | Autores/as, Novas, Publicacións, Xeral
A Asociación Sociocultural Lareira de Soños investiu a Raúl Río Díaz como Trapeiro de Honra 2018 o día 7 de abril. Esta distinción, que chega á súa quinta edición súmase así a Xosé María Díaz Castro, a Romaría Labrega da Chaira, Pepe de Cristos e Asunción dos Ares, galardoados nas anteriores edicións. Raúl, distinguido tamén no 2016 coa Navalliña de Manuel María, é un grande activista da cultura e un home comprometido, amante das artes e das letras e un dos principais embaixadores de Díaz Castro e dos Vilares; grande coñecedor da historia da parroquia, ademais de permanente colaborador de iniciativas culturais e políticas na Terra Chá e en Euskadi. Fachendoso das súas orixes, non perde a oportunidade de organizar en Euskadi, a súa segunda patria, actividades e eventos relacionados con Guitiriz e Os Vilares. Socio fundador da Asociación Sociocultural Lareira de Soños dos Vilares, a decisión unánime da propia asociación evidencia o cariño e recoñecemento xeral da veciñanza a este vilarego, obreiro, escultor, pintor, documentalista, fotógrafo, escritor e sobre todo grande persoa, e con grandes valores humanos.
O acto de entrega da V edición do Premio Trapeiro de Honra ao vilarego Raul Río tivo lugar nun acto que se celebrou na igrexa parroquial de San Vicenzo dos Vilares, o seu lugar de nacencia, coa presenza de numerosos amigos e veciños.
O acto contou coa participación de Pas Veres e Antón de Guizán da Lareira de Soños, que fixeron as presentacións, a artista chairega Isabel Pardoque realizou em vivo um retrato a Raúl, o crítico literario Armando Requeixo, os xornalistas Man Castro e Xulio Xiz, familiar e amigo de Díaz Castro respectivamente, os músico Mero Iglesias, o museólogo Felipe Senén, os cregos amigos Xaquín de Roca e Alfonso Blanco de Xermolos e o acordeonista de Lanzós Manuel Figueira e o flautista Manuel de Bemantes,, que amenizaron o acto.
Nesa xornada fixose entrega do Premio a Raúl Río, unha figura representativa deseñada pola artista Viki Rivadulla e tamén ás familias dos dous galardoados anteriores, Pepe de Cristos (2016) e Asunción dos Ares (2017). Figuras únicas realizadas a man e sen moldes e cos nomes de cada premiado.
Consolidado así um premio iniciado no 2014 coincidindo coa dedicatória ao poeta Diaz Castro das Letras Galegas, coa dedicatória na quinta edición a un grande amigo é defensor: Raúl Río Díaz.
Enlace a este libro homenaxe do Trapeiro de Honra 2018.
Os Vilares, lareira de soños
dosvilares@gmail.com
+34 662 183 149
www.dosvilares.com
www.facebook.com/osvilares
twitter@dosvilares1
por martinho | Abr 18, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Xeral
MONDOÑEDO é POESÍA 2018
1 de maio de 2018
ESPECIAL 5ª EDICIÓN
Mondoñedo é poesía chega este ano á súa 5ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo a aqueles e aquelas que aman a poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual.
Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 477 anos) en Mondoñedo, ‘capital galega da poesía’.
Celebramos este 5ª recital, amais de cos tradicionais recitais na rúa e no Auditorio Pascual Veiga, cunha homenaxe aos 200 anos da chamada Escola Poética do Seminario e coa edición do libro “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
A isto hai que engadir outras dúas novidades importantes: a participación no recital por primeira vez dun poeta de fóra de Galicia, o berciano Juan Carlos Mestre, e o recitado dun poema con conexión en vivo e en directo desde (agás contratempos técnicos) a cidade galesa de Bangor por parte de Lorena Souto (1º Premio Leiras Pulpeiro 2017).
O cartel oficial deste ano é da autoría do grande artista, Fillo Predilecto de Mondoñedo, Xosé Vizoso.
RECITAL: RÚA
17:00h.-Praza do Seminario
Homenaxe á Escola Poética do Seminario
Breve acto de homenaxe aos 200 anos da Escola Poética do Seminario (EPS) e de reivindicación para que a RAG lle dedique sen tardanza o Día das Letras Galegas.
Interveñen: Félix Villares Mouteira, principal estudoso da obra poética en galego dos poetas membros da EPS e autor do libro “Un alpendre de sombra e de luar”; Miguel Lustres, poeta pertencente á EPS, así como alumnado do CEIP Álvaro Cunqueiro e membros da Rondalla O Pallarego que darán a coñecer poemas inéditos dalgúns poetas adscritos á EPS.
17:30h.-Praza da Catedral (a carón da estatua de Cunqueiro)
Recitan: Moncho Bouzas, Jaime Fernández, e Iria Rivas, Carmen Pavón Souto e Chema Merino, alumnado ou exalumnado do IES San Rosendo.
18:00h.-Praza Jaime Cabot (a carón do Auditorio Pascual Veiga)
Recitan: Mª Belén Senín, Iris Carro, X. Ramón Sánchez Varela, Carme Cociña e Javier F. Rouco.
RECITAL: AUDITORIO PASCUAL VEIGA
18:30h.
No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Juan Carlos Mestre, Chus Pato (Premio Mondoñedo10-modalidade poesía 2017), Olga Novo, Antón Lopo e Lorena Souto. Ugía Pedreira ofrecerá un espectáculo poético-musical. Proxectarase un vídeo-poema da autoría de Nachok con texto de Eduardo Estéve. A música corre a cargo de Rebeca Maseda e Miguel Lustres. A presentación corre a cargo de Marina Oral Villapol_MOV
Agasallos aos asistentes
Ao remate do recital os asistentes serán agasallados con carteis da autoría de Vizoso e sortearanse 150 exemplares da publicación “Mondoñedo é poesía 2014-2018”.
ACTIVIDADES COMPLEMENTARIAS
TENDAL DE POESÍA: “Paxaros na cabeza” [Auditorio Pascual Veiga]
Instalación de traballos coordenados polo profesorado con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo e do CEIP Álvaro Cunqueiro.
EDICIÓN LIBRO CONMEMORATIVO: Mondoñedo é poesía 2014-2018
Edita: Asociación As San Lucas
Patrocina: Deputación de Lugo
Reúne en 200 páxinas as biografías e poemas dos 91 poetas e músicos que participaron (algúns en máis dunha ocasión) nalgunha das 5 edicións.
Tirada: 600 exemplares.
A ilustración de portada é de Xosé Vizoso, contén os carteis das edicións precedentes, así como debuxos e detalles gráficos de Bernardino Vidarte, Alicia Puchades, Caxigueiro, Ernesto González Torterolo, Ignacio Castro ‘Nachok’, Antón Caxoto e X. Vizoso.
A POESÍA DAS PEQUENAS COUSAS
Montaxe foto-poética elaborada polo alumnado do IES San Rosendo. Proxectarase na sala de entrada do Auditorio Pascual Veiga e intermitentemente durante o transcurso do recital no salón de actos.
***
Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …
Patrocina: Secretaría Xeral de Cultura, Consellería de Educación, Xunta de Galicia e Deputación de Lugo.
Colaboran: Concello de Mondoñedo, CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo, Seminario Santa Catalina e Rondalla O Pallarego.
Redes
Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks
Youtube: https://www.youtube.com/watch?v=myCKGuFny9o&feature=youtu.be
CONTACTOS ORGANIZACIÓN
Fran Bouso: 647468672 / Antonio Reigosa: 655432511 / Francisco Piñeiro: 600717622 /info.mondonedoe@gmail.com
Mondoñedo, abril de 2018
por martinho | Abr 16, 2018 | Autores/as, Novas, Xeral
A Casa-Museo Manuel María, xunto á ANPA do CEIP Laverde Ruíz de Outeiro de Rei e a ANPA do CEIP Otero Pedrayo de Rábade, programan para este sábado 21 de abril, ás 18 horas, no auditorio da Casa-Museo un espectáculo para público familiar (a partir dos 5 anos) co ilusionista Martín Camiña, que presenta “Intres de asombro”.
Espectáculo de maxia, humor e participación das espectadoras, composto en “chave de fa”: fabuloso, fascinante e fantástico. Xornais que cobran vida, cordas sorprendentes, froitas e moito máis, xeran a trama dun acto cheo de gags visuais, diálogos unidos ao sorriso e ilusionismos sorprendentes.
As entradas pódense reservar anticipadamente a través do correo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou do teléfono 698 177 621. O prezo da entrada é de 2€. Poderanse retirar na propia Casa-Museo, vinte minutos antes do inicio da función, pagando no momento.
por martinho | Abr 13, 2018 | Autores/as, Literaria, Novas, Publicacións, Xeral
Hai persoas máxicas escondidas polos rincóns do planeta, disfrazadas de normais, especialistas en disimular, que procuran comportarse como os demais, e por iso é difícil atopalas. Nos Vilares temos varias, e unha delas é André da Ponte.
Como O Apalpador, André tamén “saliu” dos Vilares. O recuperador desta lenda do Nadal galego, co nome completo de José André López González; André da Ponte ten as súas raíces ben chantadas na parroquia. Neto de Estrela de Nandulfe, que casou co Xastre da Ponte, que foron pais de Andrés, o seu pai. A súa avoa materna, María, de Vilasuso, irmá de Estrela casou para San Xoán de Alba, onde morreu. O seu avó paterno, José da Ponte, O Xastre, era irmán de Pedro Patricio, O Trapeiro, e de Dolores, a nai de Josefa do Cando, a Requecha, regueifeira e auténtica enciclopedia do saber popular, e da que André ten publicado un traballo recollido nunha revista de Xermolos (Coplas de Josefa Cabado). André está pois emparentado directamente coa casa dos Patricios.
Grande descoñecido para moita xente, André da Ponte ten un importante e prolífico traballo desenvolvido no ámbito da tradución e da creación literaria, melómano empedernido e amante da cultura clásica, da que é un estudoso experto, podemos dicir que André ten moito en común co seu amigo e admirado Díaz Castro, en canto a formación, por ser un grande tradutor e coñecedor de numerosas linguas, e un importante poeta.
Casualidade ou destino, André foi casar cunha nativa do Courel, por onde tanto ten camiñado Pedro O Trapeiro co seu burro e desas terras ten recuperado para os galegos a figura lendaria do Nadal: O Apalpador. Un traballo de investigación publicado na páxina oficial de AGAL no 2008 e completado no 2011 na publicación “Teoría de inverno, Os presentes do Apalpador” da Gentalha do Pichel. Sempre humilde, André rexeita méritos e concede estes “ao povo que foi onde nasceu e a onde tem de retornar”, limitando o seu traballo a “un labor de dálo á luz, investigar sobre ele e máis nada”…
André, amigo persoal e admirador de José María Díaz Castro e Manuel María, dos que ten grande coñecemento e numerosas experiencias, é tamén un grande poeta que se ten sumado ao colectivo NPG Nova Poesía Guitirica e conta con dous poemarios publicados: “Onde o vento leva un sonho de carpaÇas” (A.C. Rosalía de Castro. Bilbao, 1990) e “Rimas de Frei Bento do Santo Nome de Santo Alberte” (Xermolos. A Coruña, 2016). Recolleu tamén as obras poéticas completas de varios autores chairegos e galegos pouco coñecidos como José María Chao Ledo, entre eles. A súa creación literaria, sen embargo, é máis cuantiosa en formato dixital en portais portugueses, brasileiros e ultimamente tamén en Galiza. Descoñecida no país pero non menos importante é a súa faceta de tradutor deimportante é a súa faceta de tradutor de autores de pensamento marxista con innumerables publicacións en portugués e algunha delas ao español (máis de corenta publicacións). Tradutor tamén de poesía palestina, anda agora enredado nunha tradución dos poetas malditos franceses (Baudelaire, Verlaine, Rimbaud…), conxuntamente co poeta brasileiro Ángelo Luís Ferreira que será publicado no Brasil. Está para publicar tamén o poema épico Vladimir Ilich Lenine de Vladimir Maiakovski traducido do ruso ao galego-portugués en edición bilingüe e outra do poeta arcaico grego Anacreonte directamente do jónico-eolio ao galego-portugués tamén en edición bilingüe, ámbalas dúas serán as primeiras traducións destes poetas ao noso idioma. O seu traballo non remata aí, senón que traballa tamén nun novo libro que chamará “Elegías de Parga” con versos ao xeito greco-latino que agardamos desfrutar axiña.
Os Vilares pode presumir, pois, de ter entre os seus fillos a un sabio, un grande intelectual, tradutor, investigador, poeta, ensaísta, nacido na Ponte e que leva o nome da parroquia cos seus estudos, traducións e publicacións polo mundo lusófono dos cinco continentes, un veciño que algún día debe ter na casa, por xustiza, o recoñecemento que lle dan fóra, a este vilarego erudito que reside en Alcalá de Henares pero que ten o corazón e o pensamento na súa parroquia dos Vilares, que visita sempre que ten oportunidade.
Pas Veres.
Velaquí o enlace a esta edición preparada polo noso amigo André da Ponte do gran poeta vilalbés Xosé María Chao Ledo.
por martinho | Abr 12, 2018 | Autores/as, Novas, Xeral
O Concello de Paradela, a petición do Orfeón Lucense, acordou por unanimidade o pasado 22 de marzo, solicitar da Xunta de Galicia que se conceda a MEDALLA CASTELAO ao crego, musicólogo, activista cultural e social, XESÚS MATO MATO, ao que este Concello ten declarado Fillo Predilecto.
Como unha petición deste tipo convén “arroupala”, é necesario que institucións ou particulares se sumen a esta iniciativa para conseguir esta distinción para este prestixioso galego que tan relevantes servizos ten prestados ao país.
Acompaño a este correo un modelo de ADHESIÓN, por se queres subscribila individualmente, ou/e no nome de asociacións das que formes parte.
Polo que me din do Concello de Paradela (ten que levar DNI e firma), só hai dous xeitos posibles de facelo:
– Imprimir esta adhesión, cubrila, e enviarma por correo a XULIO XIZ (Río Navia,45-1º-27004) ou directamente ao CONCELLO DE PARADELA (Paradela-Lugo).
– Imprimir esta adhesión, cubrila, escaneala e enviarme ese escaneo a este correo electrónico, e eu fareina seguir ao Concello de Paradela.
Naturalmente que podes pasar este impreso a toda a xente que sintonice coa obra e a persoa deste noso patriarca e amigo. E de xeito especial á túa familia, e a toda a familia da poesía guitírica.
No seguinte enlace podemos acceder ao modelo de ADHESIÓN para descargalo.
*Imaxe recollida de Galicia Dixital
*Información achegada por Xulio Xiz
por martinho | Abr 11, 2018 | Autores/as, Novas, Xeral
Exposición «Galicia universal. A arte galega nas coleccións ABANCA e Afundación».
O Museo Centro Gaiás en Santiago de Compostela abre as súas portas á exposición máis ambiciosa realizada nos últimos anos sobre arte galega en Galicia. Da man de as Coleccións de Arte ABANCA e Afundación presenta unha selección de 192 obras entre pinturas, esculturas, instalacións artísticas e fotografías desde o século XIX ata a actualidade.
Con este proxecto expositivo se 1 propoñe un completo percorrido para comprender a singularidade da arte galega e a súa conexión cos principais movementos internacionais. Situándonos fronte ao espello dos nosos creadores, a mostra reflexa como nos vemos e mostrámonos/mostrámosnos, invitándonos a reflexionar sobre os elementos que definen a nosa identidade.
Por primeira vez, unha mesma mostra reúne a 115 das e os artistas galegos máis relevantes dos últimos 150 anos como son Jenaro Pérez Villaamil, Fernando Álvarez de Sotomayor, Urbano Lugrís, Francisco Lloréns, Serafín Avendaño, Laxeiro, Virxilio Vieitez, Manuel Colmeiro, Luís Seoane, Arturo Souto, Maruja Mallo, Eugenio Granell, Julia Minguillón, Francisco Leiro, Antón Patiño, Menchu Lamas, Xaime Quessada, Berta Cáccamo, Antón Lamazares, Pamen Pereira, Elena Colmeiro ou Antía Moure, entre outros moitos. Unha oportunidade única para achegarse a o proceso de construción da nosa identidade cultural e comprender a dimensión universal da arte galega.
As obras se articulan de acordo a un criterio temático, no que as pezas agrúpanse ao redor de cuestións como a cultura popular, a presenza da muller na arte, o compromiso social, a paisaxe, o retrato, a tradición e renovación ou os movementos da nova arte galega.
Velaquí unhas imaxes de asistentes a esta exposición, concretamente alumnos/-as da UNED Senior acompañados/-as de Felipe Sen
én.