Acto IESCHA: Presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1939)”

Acto IESCHA: Presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1939)”

Acto de presentación do libro de Emilio Xosé Ínsua López, “Díaz Castro, poeta en formación (1914-1990)”, que terá lugar o vindeiro venres, 25 de maio, ás 20:30 horas no Auditorio Municipal de Vilalba, organizado polo Iescha coa colaboración do Cocenllo de Vilalba.

Adúntaxe nota informativa.

 

*Información achegada polo IESCHA.

Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

Presentación do poemario CO2, de Isidro Novo, no Centro Cultural Vello Cárcere de Lugo

O próximo mércores, 23 de maio, ás 20:00h., terá lugar no auditorio do Centro Cultural Cárcere Vello de Lugo, o acto de presentación do libro CO2, de Isidro Novo.

Trátase da última obra publicada en vida por Isidro Novo e que por circunstancias que teñen que ver coa súa saúde e, infelizmente, co seu pasamento, non se puido presentar cando estaba previsto.

No acto intervirán Carmen Basadre, concelleira de Cultura do concello de Lugo, Francisco Macías, responsable de Positivas, editora do libro, Lois Pérez e Antonio Reigosa, escritores e membros do consello directivo da AELG, e Bruno López, fillo de Isidro.

Ademais realizarán lecturas de diversos poemas do libro os poetas, amigos e amigas de Isidro, Marica Campo, Darío Xohán Cabana, Luis Valle, Toño Núñez e Xosé Miranda, aos que acompaña Area, a súa neta.

O propio Isidro estará dalgunha forma presente, coa súa voz e a súa imaxe, nun acto que el desexaba e que no seu momento non se puido realizar.

Pola súa memoria, agardamos a túa presenza neste acto e agradecemos que difundas o convite anexo onde e a quen consideres oportuno.

En nome da familia e amigos e amigas de Isidro, moitas grazas.

 

*Texto informativo remitido por Antonio Reigosa.

corporis litterarum

corporis litterarum

“Afortunados os que temos pasado

e os que podemos recordalo en voz alta

os que non temos que pensar en silencio…”

NAO

 

que ritual iniciático rebela

os dourados estíos da linguaxe

e o significado virxinal da memoria?

 

é un campo de batalla onde os corpos florecen

magnificando a primeira forma de libertar o ar

 

alí pasamos a man pola espiga e intuímos o sangue

sen apenas alcanzar a carnalidade dun soño

que afiance o horizonte

 

alí curtimos a ollada

finxindo co rostro

a camuflaxe do terror

 

alí somos capaces de traizoarnos tantas veces

coma un se cre imperecedoiro

 

mais alí tamén xuramos que o medo é unha papoula

tamén somos capaces de erguernos

para atopar o deslinde

onde a hexemonía do corpo se pronuncie

como a luz que precede á brisa

 

 

 

 

Certame Literario das Letras Galegas 2018 en Vilalba

Certame Literario das Letras Galegas 2018 en Vilalba

Coincidindo coa celebración do Día das Letras Galegas, este ano adicado a María Victoria Moreno Márquez, o vindeiro xoves 17 de maio celebrase na Casa da Cultura de Vilalba o “Certame Literario das Letras Galegas”. En dito acto, que comezará a partir das 20 horas, farase entrega dos premios aos xoves escritores de Vilalba e do resto da comarca da Terra Chá que resultaron gañadores do citado certame. Asemade, amenizará o desenvolmento deste evento festivo-literario un cuarteto saxofonista formado por alumnos/as do Conservatorio de Vilalba.

 

*Información achegada dende a área de Cultura do Concello de Vilalba.

Roteiro e obradoiro “A Torre soñada”

Roteiro e obradoiro “A Torre soñada”

O Día das Letras Galegas, xoves 17 de maio ás 11:00, terá lugar o  roteiro literario A Torre soñada, pola contorna da Torre de Hércules, a cargo de Xurxo Souto. O punto de encontro é a praia de San Amaro, no peirao de carga fronte á farmacia. Non é necesaria inscrición previa.

Esta actividade fai parte dun programa que tamén inclúe o Obradoiro de escrita creativa A Torre soñada, que impartirá tamén Xurxo Souto. Neste obradoiro si é necesaria a inscrición previa, que se fará no correo electrónico torredehercules@coruna.es até completar 20 prazas, por orde de solicitude. O punto de encontro neste caso é o Club del Mar de Santo Amaro. Terá lugar os sábados 19 e 26 de maio, e os 2 e 9 de xuño. Unha iniciativa Consorcio de Turismo do Concello da Coruña.

Presentacións en Pontevedra e Vigo do monográfico sobre María Victoria Moreno “Renacer á descuberta das palabras”

Presentacións en Pontevedra e Vigo do monográfico sobre María Victoria Moreno “Renacer á descuberta das palabras”

Renacer á descuberta das palabras é o segundo monográfico de Sermos Galiza, neste caso sobre María Victoria Moreno, que contou coa colaboración da AELG.

Presentarase hoxe luns, 14 de maio, ás 19.30 na Casa das Campás (Rúa Don Filiberto, 9 – Pontevedra), coa presenza de Alberto Oubiña, Concelleiro de Normalización, Cesáreo Sánchez Iglesias, presidente da AELG, Mercedes Queixas Zas e Antonio García Teijeiro, coordinadora e coautor do monográfico respectivamente.

Na cuarta feira, 16 de maio, terá lugar ás 20.30 a presentación en Vigo, na Libraría Cartabón (Rúa Urzáiz, 125), coa participación de Marta Dacosta en representación da AELG e como coutora, e Antonio García Teijeiro, coautor.

 

*Información achegada dende a AELG.