Castiñeiro Milenario: Os Maios e Foliada de Primavera

Como todos os anos desde Castiñeiro Milenario queremos darlle a benvida á Primavera, do xeito que merece e como nos presta: organizando unha nova edición da Foliada de Primavera.

Comezaremos pola tarde, a partir das seis facendo un pequeno paseo para apañar flores e fentos e xestas e facer un maio ben bonito e grande. Dirixidos polas sabias indicacións da mestra da Primavera, Branca Villares faremos un maio, probaremos a facer algún “maio vivo” e cantaremos unhas pezas ao redor del, nenos, nenas e maiores todas xuntas para dar a benvida á primavera. Un chocolate quentiño daranos forzas para seguir ata que a Foliada chegue.

Despois haberá uns petiscos para empezar unha nova edición da Foliada de Primavera. A partir das oito e media, comezará a festa con dous grupos, desde Outeiro de Rei con sangue e forzas propias da mocidade virá Filseira, con moitas gañas de cantar e bailar, e para rematar, desde Lugo, a Asociación Arrincadeira. Despois, foliada aberta ata que os corpos aguanten.

AC Castiñeiro Milenario
Pacios, 85 27373 Begonte
http://castinheiromilenario.wordpress.com
https://gl-es.facebook.com/castineiro.milenario
https://twitter.com/CastinheiroMile
https://www.flickr.com/photos/castinheiromilenario/
http://festival27373.wordpress.com/

Presentación de “Cartafol de Miraxes”, de Aleixandre Lago Barcala, obra gañadora do XLIV Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba



Este xoves día 9 de maio, ás 20:00h no salón de actos “Terra Chá” do Parador de Turismo de Vilalba celebrarase a presentación do libro “Cartafol de Miraxes”, de Aleixandre Lago Barcala, gañador do XLIV Certame Literario de Poesía do Concello de Vilalba.

Participarán no acto, ademais do propio autor do libro, Xulio Xiz, secretario do xurado do Certame Literario, Henrique Alvarellos, director de Alvarellos Editora, e Agustín Baamonde, alcalde de Vilalba.

E haberá o acompañamento musical do grupo Corredores de Sombra.

*Información facilitada desde a área de Cultura do Concello de Vilalba.

Exposición pictórica ARTE EM LIBERDADE (crónica fotográfica)

O pasado 25 de abril tivo lugar na Junta de Freguesia de Silvalde (Portugal) a inauguración da Exposición de Pintura Luso-Galaica ARTE EM LIBERDADE, das artistas Adolfina Mesa e Ester de Sousa e Sá. A data, na que se produciu a inauguración, serviu, asemade, para conmemorar, de xeito artístico e fraternal, o 45º aniversario da revolução dos cravos en Portugal, que trouxera a caída da ditadura de Salazar.

Durante a presentación do evento expositivo sucedéronse, ademais das intervencións das personalidades e as artistas participantes, intervencións poéticas, coma as de Martiño Maseda, Carlos Abeledo, Vítor Gulías, Jose Sá, etc., e musicais, con intérpretes salientables coma Andrés Fernández Rodríguez.

Dita Exposición permanecerá aberta ata o vindeiro 9 de maio.

MONDOÑEDO é POESÍA 2019

MONDOÑEDO é POESÍA 2019

1 de maio de 2019

6ª EDICIÓN

Mondoñedo é poesía chega á súa 6ª edición convocando para o vindeiro 1 de maio en Mondoñedo (Capital galega da poesía) aos amantes da poesía dita, recitada, cantada, musicada ou visual. Esta actividade enmárcase, como sempre, dentro da programación das tradicionais Feiras e Festas das Quendas que se celebran desde 1541 (hai xa 478 anos).

Nesta edición homenaxeamos a Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego” (Mondoñedo, 1899-1964), o músico-barbeiro que recuperou canda Cunqueiro, xunto a outros ilustres mindonienses como B. Vidarte ou X. Díaz Jácome, a tradición dos maios nos anos da Segunda República.

O cartel oficial da edición é da autoría do artista mindoniense, J. Pedro Gómez.

TENDAL DE POESÍA

Exposición na recepción do Auditorio Pascual Veiga. Montaxe foto-poética con poemas elaborados polo alumnado do IES San Rosendo inspirados en obras de artistas mindonienses e mariñaos.

RECITAL na RÚA

17:00h.-Saída da carroza do Maio da Finca da Loura (a carón da casa natal do Pallarego no Barrio dos Muíños de Arriba)

17:30h.-Praza Jaime Cabot (Alcántara)

Memoria dos Maios. Homenaxe á Manuel Ledo Bermúdez “O Pallarego”.

Acto de homenaxe a un dos personaxes máis destacados da cultura popular mindoniense do s. XX: músico, mecenas e activista cultural.Interveñen: Remedios Ledo Vizoso, alumnado dos centros educativos e da Escola de Música Municipal.

Recital poético

Recitan: Alexandre Fernández Peón (2º premio Díaz Jácome 2018), Laura López (3º premio Díaz Jácome 2018) e Esperanza Pérez

RECITAL no AUDITORIO ‘PASCUAL VEIGA’

18:30h.-No Auditorio Pascual Veiga escoitaremos os versos de Martiño Maseda (1º premio Leiras Pulpeiro 2018), Alberte Momán (2º premio Leiras Pulpeiro 2018), Olga Novo e Antón Reixa

A música corre a cargo de Lino Rico (con Juan Carlos, Fajardo e David) e A Banda da Loba.

Presenta: Montserrat González Álvarez (Magadán).

**

Organizan: Asociación As San Lucas e Colectivo Mondoñedo É …

Colaboran: CEIP Álvaro Cunqueiro, IES San Rosendo e escola Municipal de Música ‘O Pallarego’

Patrocinan: Xunta de Galicia, Deputación de Lugo e Concello de Mondoñedo.

Redes

Facebook: https://www.facebook.com/mondonedoe?ref=bookmarks

Acto do IESCHA.- Presentación do libro AS MULLERES DE INSUA E O LIÑO, de Miriam Fernández Otero, na Casa da Cultura de Vilalba

Presentación do libro de Miriam Fernández Otero “As mulleres de Insua e o liño. Dez anos dun proxecto de recuperación etnográfica”, editado polo IESCHA coa financiación da Deputación de Lugo dentro do Convenio para o presente ano, e que terá lugar o vindeiro venres, 3 de maio de 2019, ás 20:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.

Adxuntamos cartaz e nota informativa de dito acto.

*Información facilitada polo IESCHA.

Germán Díaz e Benxamín Otero presentan en concerto TRECE CANCIÓNS BONITAS, este sábado na Casa-Museo Manuel María

CONCERTO DE GERMÁN DÍAZ E BENXAMÍN OTERO NA CASA-MUSEO MANUEL MARIA PRESENTANDO O SEU TRABALLO “TRECE CANCIÓNS BONITAS”

Este próximo sábado, día 27 de abril, ás 20 hrs, teremos concerto de dous grandes músicos como son Germán Díaz e Benxamín Otero que presentarán no auditorio da Casa-Museo Manuel María o seu traballo “Trece cancións bonitas”. Schubert, Satie, Galliano ou Clastier, cancioneiros como o de Inzega ou o de Federico Olmeda e melodías propias, compoñen o corpus eclético e accidental que conforma este persoal concerto.

Instrumentos como o óboe e o corno inglés uniranse ás sonoridades medievais da zanfona e a particulares instrumentos mecánicos como o órgano de barbaria, o aurephone ou a caixa de música programábel, en que os músicos perforan os seus propios cartóns con arranxos actuais para vellas melodías.

O prezo do billete para poder asistir este concerto é de 5 euros e pode reservarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou chamando ao tel. 698177621

GERMÁN DÍAZ

Nace en 1978 en Valladolid (na actualidade mora na Terra Chá), onde realiza estudios de guitarra clásica e Filoloxía Clásica na Universidad de Valladolid así como o Curso de Postgrao “Especialista Universitario en Estudios sobre la Tradición”.

Estuda zanfona con Rafael Martín, Pascal Lefeuvre, Laurent Tixier, Isabelle Pignol, Gilles Chabenat, Nigel Eaton, Patrick Boufard, Laurence Bourdin, Valentin Clastrier, Matthias Loibner, Tobie Miller, etc…

Pertenceu á mítica Viellistic Orchestra, orquestra de zanfonas asentada en Francia. Este proxecto desapareceu en 2004, e Germán, formou un dúo co director artístico da Orquestra, Pascal Lefeuvre, e cofundou o Symphonía Quartet, cuarteto ibérico de zanfonas.

Actuou por todo o mundo con proxectos tan dispares como Tasto Solo, centrado na interpretación de repertorios para instrumentos de tecla dos S XIV y XV, ou agrupacións jazzísticas como Baldo Martinez ou Paolo Angeli.

En 2004 creou a súa propia discográfica, Producciones Efímeras, xunto a Fernando Fuentes.

O seu disco “Músicas populares de la Guerra Civil”, en colaboración con Antonio Bravo, foi elixido como segundo mellor disco de 2009 por Cuadernos de Jazz, e mellor disco internacional pola veterana revista xaponesa Jazz Tokio.

En 1999 foi galardonado co premio Racimo de Oro da música pola súa labor de recompilación e difusión da música tradicional.

Premio á mellor Banda Sonora no Festival de Cortometrajes La Fila, en 2009, por Artículo 349.

Finalista dos Premios da crítica Galiza 2014.

“Mellor artista 2014”, XIV Premios Opinión, A Coruña.

Invitado como artista residente na Vila Waldberta -Marzo 2015-. Concellaría de Cultura da cidade de Múnich.

Premio Mestre Mateo 2018 Mellor música Orixinal por Dhogs.

Colaborou en máis de un centenar de gravacións discográficas e editado numerosas obras como solista, e compuxo B.S.O. para cinema, teatro e televisión.

BENXAMÍN OTERO

Oboísta desde 1989, a pesar de ter formación clásica Benxamín Otero non tardou en abrir as posibilidades que lle daba a música a outros terreos, non só musicais senón doutras disciplinas. Mestre de Óboe e Historia da Música no Conservatorio de Lalín, tamén foi durante moitos anos mestre de Linguaxe musical no Conservatorio de música tradicional e folque da mesma vila. Froito do contacto coas músicas tradicionais desembocan en grupos Curitiba, ou Grodan defló, sendo membro estábel na actualidade de Linho do Cuco ou do espectáculo “Método cardiofónico” de Germán Díaz. Ten colaborado con Driade, Os Cempés, Marful, Guadi Galego, Uxía, Fuxan os Ventos, Ataque Escampe, Gelria, etc…

No mundo audiovisual é o compositor de bandas sonoras para vídeos comerciais, curtametraxes coma “Alzheimer” de Alex Sampaio, “Viento” de David Argüelles, ou o documental “Piedad” de Otto Roca. Traballou para a compañía de teatro Matarile nos espectáculos “Primeiro movemento para figuras brancas” e “Historia Natural” e a partir do ano 2009, entra a formar parte da compañía Fantoches Baj como actor, músico mais sobre todo compositor, realizando as músicas para os espectáculos da compañía, “O Asombro”, “Poesía última de LP”, “As pombas de Carboeiro” ou “Os vellos non deben de namorarse”entre outras.

Ultimamente está a realizar “No tempo dun café” xunto a Celso F. Sanmartín, un espectáculo onde se conxugan contos populares, músicas e maxias.

*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.