O sábado, 26 de outubro, e coincidindo coa celebración do MAGOSTO, terá lugar a partir das 15 horas a II Toma Cultural da Torre do Caldaloba.
O acto, organizado pola Asociación Sociocultural de Pino e Culturalia GZ, comezará, ao redor das 15:00 h., cunha andaina desde o local social da Asociación Cultural de Pino ata chegar ao carón da mesma Torre do Caldaloba.
Alí sucederanse diversas intervencións, tanto de veciños da propia parroquia de Pino coma de persoas convidadas. Nesas intervencións agromará a historia, a poesía, a lenda… a cultura coa reivindicar este símbolo do patrimonio chairego.
Á volta, desde o lugar de Caldaloba ata o local social de Pino, quen o desexe poderá gozar coa xa mencionada celebración do MAGOSTO a partir das 21:00h.
Durante os meses de setembro e outubro de 2019, na Biblioteca Municipal de Vilalba, dentro do programa LER CONTA MOITO, realizaranse as seguintes actividades:
BOLBORETAS. Un espectáculo de Soledad Felloza. Venres, 20 de setembro ás 18:00h. Público infantil.
Narración oral para adultos. Con Paula Regueiro e Lucía L. Golán. Terá lugar o venres 27 de setembro ás 20:00h. Público adulto.
Diversidade sexual na adolescencia: un obradoiro de Eli Ríos. Venres, 4 de outubro ás 19:00h. Público xuvenil.
*Información facilitada desde a área de Comunicación do Concello de Vilalba.
O 25 de setembro, cuarta feira (mércores), ás 20:30, no Teatro Rosalía Castro, celebrarase unha nova edición de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María, que vén acontecendo desde hai once anos na cidade da Coruña.
Para a edición deste ano, aproveitando que hai pouco foron os 50 anos do concerto que se coñeceu como de presentación da Nova Canción Galega, vaise facer un acto de recoñecemento aos cantautores e cantautoras galegas, parte fundamental da cultura de noso e tamén, figuras privilexiadas na difusión da nosa poesía. Aquel concerto histórico do Teatro Capitol de Compostela fora presentado por Manuel María quen, alén disto, a través do selo EDIGSA-XISTRAL, promoveu a difusión desta música en galego que supuña unha ruptura co folclorismo de cariz franquista por aquel momento.
Así nas Lúas de Outono deste ano teremos a oportunidade de escoitar tres voces que, de algún xeito, son mostra de xeracións diferentes e tamén de diversos estilos: MIRO CASABELLA; UXÍA, acompañada por Santi Cribeiro e Sérgio Tannus; e a voz de Xoán Padín, que xunto Alberte Núñez, Alberto Maceiras e Gumer Freire, conforman MOLIME. O espectáculo será guiado por Xurxo Souto.
A entrada é libre até completar o aforo.
*Información achegada desde a Casa-Museo Manuel María.
O venres, 20 de setembro de 2019, ás 20:30 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba celebrarase o Día da Cultura Chairega, no XV cabodano de Manuel María.
O PROGRAMA deste ano está conformado da seguinte
maneira:
-GRAN
CONCERTO MUSICAL A CARGO DO GRUPO
HABELAS
HAINAS
-ENTREGA
DA PLACA DE SOCIO DE HONRA DO IESCHA A
ALFONSO
BLANCO TORRADO
O evento está organizado polo IESCHA e conta coa financiación da Deputación de Lugo.
Recentemente o Instituto de Estudos Chairegos remitiu á Sra. Alcaldesa do Concello de Vilalba o seguinte escrito:
“En reunión de Xunta Directiva do
Instituto de Estudos Chairegos-IESCHA celebrada o pasado día 7 de agosto do ano
en curso, acordouse, entre outros asuntos, remitir escrito a ese Concello cos
seguintes puntos:
1.- Manifestarlle os nosos parabéns a
Vde., como nova Alcaldesa de Vilalba, así como ao seu Equipo de Goberno,
desexando que nesta nova etapa que comeza podamos manter unha recíproca e
cordial colaboración entre as dúas entidades.
2.- Pregarlle que propoña á Corporación
Municipal que Vde. preside a adopción dos seguintes acordos ralacionados con
dúas emblemáticas personalidades chairegas imprescindibles no ámbito literario
galego:
–Dar o nome de
MANUEL MARÍA á Casa da Cultura de Vilalba (proposta xa realizada noutras
ocasións).
–Dar o nome de AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ á Biblioteca
Pública Municipal de Vilalba.”