Poetas coma Pilar Maseda, Ana Mar Fraga Rábade, Beatriz Dourado, Adolfina Mesa, Montse González Álvarez, Branca Villar, Emilia Martínez Fuentes, Daniel Irimia, Xesús Bermúdez, Luís Teixeiro (e outros nomes aínda por confirmar) achegarán os seus versos para solidarizarse na causa contra o cancro. Ademais traerán cadanseu libro que servirá de agasallo, despois do pertinente sorteo das entradas entre as persoas asistentes.
As entradas terán un prezo de 5 €, agás para as persoas menores de 12 anos, que entrarán de balde. A adquisición de ditas entradas pode facerse a través da Asociación de Veciños de Nete.
Unha exposición organizada por SUMARTE. Proxecto expositivo, e na que participarán case unha trintena de artistas (Antonio Abad, Óscar Aldonza, Isabel Blanco, Abel Barandela, Carlos Barcón, Xavier Blanco, Tino Canicoba, Xavier Carrasco, Nacho Carnota, Corin Cervera, Luis de la Cuevas, Jorge ESpiral, Pedro Gª Losada, Lomartí, Miguel Anxo Macía, Emilio Mariño, Adolfina Mesa, Novais, Adrián Pandolfo, Manolo Rivera, Peña Romay, Noa Persán, Antón Sobral, Antonio Souto, Veiras Manteiga, Laureano Vidal, Mila Vázquez e Xoán Vila). E cuxa finalidade será recadar beneficios a favor de A´CREBA, unha asociación para a saúde mental.
1º Premio para Unha fraga de laios, de Mariña Maceiras Segovia (Pontevedra), “pola delicada inxeleza dos seus versos, o realismo e a emotividade destes e a chamada ao espertar das conciencias que supoñen na súa aposta ecopoética”.
2º Premio para E sigo pensando en ti, de Sandra Rodríguez Macía (Monforte de Lemos), “polo acerto do seu marcado ton intimista, que poetiza un pasado doloroso e é quen de alumar con esperanza un futuro no que non se esquecen os lazos afectivos doutrora”.
Categoría 2 (de 18 anos en diante)
1º Premio para Hora de penumbra, de Xurxo Alonso (Vilagarcía de Arousa), “onde se estimou a solidez da arquitectura versal, as poderosas imaxes e símbolos que deitan os poemas e a forrza dos símbolos empregados nun discurso que visita os grandes temas do ser humano (o pasar do tempo, a morte, o amor, a orfandade, a procura da esperanza) con ollada renovada e amplo caudal de intertextualidades”.
2º Premio para De casa queimada, de Iria Collazo López (Pontevedra), no que “salienta a habelencia no manexo das lerias da infancia e as visitacións do amor e o desamor nunha estética que ancora no neosurreal e que pon a voz poética ao servizo da intención dos sentimentos”.
A entrega dos premios terá lugar o vindeiro 14 de decembro no local social de Pino, lugar xeográfico onde se sitúa a emblemática Torre de Caldaloba.
Antes, o 5 de decembro, a partir das 18 horas no Museo das Aves de Cospeito, celebrarase o acto de presentación dos poemarios gañadores na I edición deste Certame poético chairego: Caldaloba en Terras de Valverde, de Xesús Rábade Paredes e Na pel das árbores do vento, de Paulino Peña, publicados baixo o selo editorial de Alvarellos Editora.
Culturgal é a Feira da actividade cultural en Galicia; unha cita de referencia que en 2019 se celebra do 29 de novembro ao 1 de decembro no Pazo da Cultura de Pontevedra co lema “Dálle unha volta á Feira!”. Durante 3 días a Feira presenta un programa de actividades que se espallan polos diferentes escenarios: Carpa, Libro, Foro, Familiar, Audiovisual, Arte Contemporánea. En total, máis de cen actos e actividades nunha programación que se constrúe coas propostas de empresas, artistas e institucións. Milleiros de persoas gozan cada ano dunha Feira que, cunha entrada a prezo popular, permite descubrir que é o se fai e que é o que vai vir no ámbito cultural en Galicia. Culturgal conta co apoio da Xunta de Galicia, Concello de Pontevedra, Deputación de Pontevedra e Ministerio de Cultura.
O sábado, 30 de novembro, último Paseo pola Coruña Literaria Outono 2019, que Antonio Sandoval guiará con título As naturezas da Torre. Percorreremos os campos que rodean a Torre de Hércules para coñecer a súa rica biodiversidade, que motivou a súa declaración como Espazo Natural de Interese Local. Tamén charlaremos acerca dalgunhas das súas lendas e, en particular, sobre un poema moi especial, así como sobre a literatura de natureza, un xénero en auxe e cada vez máis necesario. Ademais escoitaremos o vento, o mar e uns cantos paxaros! A inscrición pódese facer en Normalización Lingüística, no Centro Ágora, chamando ao 981 184 200 ext. 34322 (a partir das 9:00 h, en calquera dos casos) e no correo lingua@coruna.es.
Seguen en desenvolvemento tres obradoiros de creación literaria da Escola de Escritoras-es da AELG, en San Sadurniño, Rianxo e Pontevedra.
*Información facilitada desde a Secretaría Técnica da AELG.
A CASA-MUSEO MANUEL MARÍA ORGANIZA PARA ESTE DOMINGO UNHA CAMIÑADA POR ALGÚNS DOS LUGARES DE OUTEIRO DE REI MÁIS ÍNTIMOS DE MANUEL MARÍA
A actividade, que leva por título “Polos camiños da tribo”, será guiada e dinamizada por Orlando Viveiro, estudoso e divulgador cultural. O percurso, de seis quilómetros, e cunha dificultade baixa, terá a súa saída ás 10 hrs, desde a Casa-Museo, e a súa chegada ao mesmo lugar entre as 12.30-13.00 hrs
O regato do Cepelo, A Barciela, as beiras do Miño, o Campo de Santa Isabel…serán algúns dos lugares polos que pasarán as persoas que participen no roteiro, en que se intercalarán explicacións do patrimonio natural e cultural do lugar coa lectura dalgúns poemas e textos de Manuel María. Outeiro de Rei, cos seus distintos espazos e persoeiros, significou para Manuel María non só o inicio vital, senón tamén as primeiras descubertas e ensoñares para a súa creación literaria.