A primeira xornada do Festival Atlántica trae a Santiago catro espectáculos
· Neste día actúan a salmantina Eugenia Manzanera e as galegas Charo Pita e Marta Ortiz
· Vai haber espectáculos para bebés, nenos e adultos, todos eles gratuítos
· O xoves tamén arrinca o festival en Ferrol, Mondoñedo e mais na Pobra do Caramiñal
Este xoves, 1 de xullo, comeza oficialmente a novena edición do Festival Atlántica, que se prolongará ata o día 11 deste mes e que programa máis de 80 funcións gratuítas en 27 concellos de toda Galicia. Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia unha trintena de contadores procedentes de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, Zamora, Salamanca, Guadalaxara e, por suposto, Galicia. Unha novidade deste ano son os espectáculos en espazos de gran valor patrimonial. Haberá contos en lugares como as Torres de Altamira, en Brión, ou no curro de Sabucedo, ou no Castelo de Castrodouro, en Alfoz, por citar algúns. A historias de Atlántica tamén chegarán a zonas naturais como carballeiras ou fragas autóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos, alvarizas e mesmo navegarán en barcas no Miño e na Guarda. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival.
Atlántica en Compostela
No tocante a Santiago, a primeira xornada estará protagonizada por tres espectáculos para nenos e un para adultos, das artistas Eugenia Manzanera, Charo Pita e Marta Ortiz. Todas as actividades son gratuítas pero para asistir cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.
O programa comezará ás 11 horas coa ‘Galicia máxica’ de Marta Ortiz no Monte Viso, un espectáculo concibido para nenos maiores de catro anos. Trátase dunha viaxe pola Galicia máis abraiante, chea de seres máxicos, cancións, xogos e tradicións que gardan a canda elas costumes e sentires dun pobo. Unha mestura de narración oral, música e manipulación de obxectos para poñer en valor e achegarlles aos cativos o noso patrimonio cultural de maneira divertida. Os convites pódense reservar aquí.
Un chisco máis tarde, ás 12 horas, Eugenia Manzanera levará os seus ‘Contos galiñáceos’ ata o xardín de Fontiñas, xusto detrás do Centro Sociocultural. Nesta sesión haberá múltiples personaxes con peteiro: galiñas, parrulos, curuxas, rulas… E virán cheos de historias aladas para despegar e ser felices. A función, para nenos maiores de tres anos, está concertada cos campamentos dos CSC, pero de quedaren prazas libre, pode entrar público ata completar o aforo.
Xa pola tarde, ás 19 horas, o quiosco da música da Alameda vai acoller unha sesión para bebés de entre cero e 3 anos titulada ‘Fábulas no berce’, de Charo Pita. Unha escolma de pequenas narracións acompañadas de sons, monicreques e libros moi visuais para captar a atención deste público tan especial. Relatos sinxelos, ritmos e cancións para introducir os máis cativos no universo das palabras. Este espectáculo ten esgotados os convites pero está habilitada unha lista de reserva por se hai cancelacións de última hora.
A quenda dos adultos chegará ás 21:30 horas con ‘Un, dous o(u)varios contos’ de Eugenia Manzanera. A cita será no parque de Bonaval onde a narradora salmantina preparará un cóctel de historias femininas, feministas, felinas e fellinianas aderezadas cun chisco de picante e pingas de humor. Unha refrescante combinación para o verán que cómpre degustar con palla retranqueira. Os convites pódense reservar aquí.
Sobre as artistas
Marta Ortiz é catalá, de orixe andaluza e vive e conta en Galicia desde o 2007, así que tamén é galega de adopción e corazón. Viviu en varias cidades ata que chegou a Santiago de Compostela, onde namorou dos contos. Conta soa e acompañada, para persoas de calquera idade, con obxectos, co xesto, coa rima e coa música. O seu repertorio nace de contos tradicionais, de historias de vida, de lembranzas incompletas, onde realidade e ficción se encerellan ata que non se sabe onde remata unha e comeza a outra. Tamén forma parte da compañía Tropa de Trapo co músico e narrador Brais das Hortas e é socia fundadora de Charlatana Cooperativa Galega de Artistas.
Eugenia Manzanera, en 1992, logo de traballar con Achiperre e Comediants na Expo de Sevilla, creou a súa propia compañía compaxinando a narración oral co teatro. Especializouse en commedia dell’arte en Italia con Antonio Fava e entrou no teatro para bebés da man de Carlos Laredo. Aínda que non leve nariz, a Manzanera sáelle o clown polos catro costados. Encántalle provocar sorrisos, risos e gargalladas.
Nos seus espectáculos a palabra adquire unha gran forza combinada con xogos rítmicos sonoros, onde os obxectos sempre propoñen outra maneira de estar no mundo. En activo dende hai 30 anos, foi directora, produtora, dramaturga, actriz e, sobre todo, pallasa.
Manzanera colleitou varios galardóns na súa longa traxectoria, como o premio Moretti co teatro infantil Cuéntame un cuento, ou o Premio do Público 2016 ao mellor espectáculo infantil na Feira de Teatro de Castela e León en Ciudad Rodrigo ou o Premio Fetén 2017 ao mellor espectáculo de pequeno formato para nenos, ambos por Retahilando. Dende o 2017 coordina o Encontro de Pallasas de Salamanca, no que se lle dá visibilidade á muller artista pallasa. Como contadora participou nunha morea de festivais e encontros nacionais e internacionais de narración oral.
Charo Pita naceu á idade de seis anos cando acabou de ler o seu primeiro libro. Leva contando historias de viva voz e impartindo obradoiros de narración oral e lectura en voz alta desde o ano 94, como narradora en solitario, dentro de espectáculos bilingües inglés-galego, ou en sesións nas que se combinan os contos e a música. Como escritora ten máis dunha ducia de libros publicados. Recibiu algúns galardóns literarios, como o premio Espiral Maior de poesía no ano 2001 ou o Manuel Murguía de narracións breves para adultos no 2018. Recentemente, o seu poemario ‘O cuarto de Jane’ gañou o primeiro premio do XV Certame de Poesía Erótica Illas Sisargas. Unha das súas facetas máis persoais é a de mesturar contos e música, de aí a súa participación en proxectos como ‘A nena e o grilo no país das apertas’ xunto a Magín Blanco, en ‘Estamos no verán’ xunto a Xoán Curiel ou en ‘No país do vento’ da man de María Faltri e Jorge Juncal.
Atlántica segue
As actividades de Atlántica continuarán ata o vindeiro 11 de xullo e vanse desenvolver por toda Galicia. O programa completo do festival e mais a información sobre os artistas, espectáculos e a reserva de entradas pódese consultar na web do festival. Por mor das cambiantes restricións sanitarias, cómpre consultar a web para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos.
O sábado 3 de xullo ás 12,00 h celebrarase a inauguración da exposición de Menchu Lamas, que organiza o IEU no castelo de Pambre (http://ieu.gal/exposicions/sala-1-castelo-de-pambre/). Dita exposición permanecerá instalada na sala 1 do Castelo de Pambre ata o 4 de setembro.
Encargáronse da coordinación e montaxe da exposición: a propia Menchu Lamas, Braulio Vilariño e Lucía Hidalgo.
A novena edición do Festival Atlántica fai de Galicia a sede do encontro de narración oral máis importante da Península Ibérica
• Atlántica celebra este verán, do 1 ao 11 de xullo, nove edicións ininterrompidas, reinventándose para demostrar que a cultura é segura
• Hai programadas 82 funcións repartidas en 27 concellos e nas que participarán 35 artistas nacionais e internacionais
• Toda a programación vaise desenvolver ao aire libre e boa parte dela en espazos de gran valor patrimonial
O Festival Atlántica vén de anunciar este martes, 15 de xuño, o programa da súa novena edición, que se vai celebrar entre os días 1 e 11 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Manuel González, alcalde de Outes; Manuel Campos, alcalde de Cuntis; Xosé Lois Piñeiro, alcalde da Pobra do Caramiñal; María José Sampedro, primeira tenente de alcalde e concelleira delegada de Cultura, Infraestruturas e Urbanismo de Santiago de Compostela; Antonio Golpe, concelleiro delegado da Área de Cultura de Ferrol; Mayte Argibay, concelleira de Cultura de Teo; Begoña Blanco, concelleira de Cultura de Lalín; Alberto Álvarez, técnico de Cultura do Concello de Brión; Paz Lago, concelleira de Cultura e Educación de Sanxenxo; Jesús Torres, director da Biblioteca Pública Ánxel Casal; e Soledad Felloza, directora do Festival Atlántica. Ademais, tamén acudironá rolda de prensa numerosos representantes de asociacións e colectivos colaboradores do festival.
Felloza comezou a súa intervención salientando as cifras do festival, no que unhatrintena de artistas actuarán nas 82 funcións previstas, que se deslocalizarán en 40 sedes repartidas en 27 municipios das catro provincias galegas. O encontro, que celebra nove anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, desenvolverase por primeira vez no verán e ao aire libre, con boa parte dos espectáculos en espazos de gran valor patrimonial espallados por toda Galicia. Este grado de deslocalización vai achegar o encontro ata un público potencial de máis de 400 mil persoas grazas ao esforzo e ao traballo en rede dos concellos, fundacións e asociacións participantes.
Ao longo destes días vanse xuntar en Galicia contadores de Guinea Ecuatorial, Brasil ou Portugal, pero non faltarán voces nacionais procedentes de Zamora, Salamanca, Cataluña e, por suposto, Galicia. Algúns dos nomes que configuran o cartel deste ano son Thoma Bakk, Marcelo Ndong, Sofia Maul, Eugenia Manzanera, Pep Bruno ou José Luis Gutiérrez “Guti”. A nómina de contadores complétase cunha trintena de artistas galegos nos que figuran, entre outros, Quico Cadaval, Celso Sanmartín, Paula Carballeira, Cándido Pazó, Charo Pita, Avelino González, Raquel Queizás, etc.
Eles serán os artífices duns espectáculos pensados para todos os públicos, desde bebés ata adultos pasando pola mocidade. Volverán os itinerarios narrados pola cidade vella de Santiago e o binomio música e contos que tan boa acollida tivo noutras edicións pero fiel ao espírito innovador de Atlántica, apostarase por las actividades literarias e tamén polo cine.
Novos escenarios
As restricións impostas pola pandemia supuxeron unha oportunidade para reformular o festival. Atlántica, que adoita desenvolverse no mes de marzo, celebrarase este ano durante os once primeiros días de xullo en espazos ao aire libre. Por primeira vez, os contos do festival escoitaranse en lugares sobranceiros do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Van ser escenarios de Atlántica, por exemplo, o Castelo da Frouseira, en Foz; as Torres de Altamira, en Brión, intimamente vinculadas á antiga nobreza galega; ou o curro de Sabucedo, onde se celebra cada xullo a espectacular rapa das bestas, entre outros.
As funcións tamén van ter lugar en zonas naturais como carballeiras ou fragasautóctonas con xacementos arqueolóxicos, castros, petróglifos e tamén en barcas tradicionais da Ribeira Sacra ou da Guarda, que se converterán en miniescenarios nos que escoitar historias mentres se atravesa o río ou a ría. E tampouco faltarán os contos durante o solpor coas illas Cíes no horizonte. A consigna é sinxela: poñer roupa e calzado cómodo para ir á busca dos contos en paraxes espectaculares.
Contos no camiño
Outra das novidades desta edición son os espectáculos itinerantes programados ao longo do camiño de Santiago. Por unha banda, o catalán Pep Bruno realizará o camiño francés a pé e no seu transcurso brindará tres funcións programadas e outras tantas espontáneas. Por outra banda, o galego Avelino González fará o mesmo polo camiño portugués. Cando ambos os dous artistas cheguen a Santiago de Compostela, a Colexiata do Sar acollerá unha función conxunta titulada ‘Historias de andantes” que será o epílogo da súa peregrinación cuentera.
O programa completo de Atlántica 2021 e mais a información sobre os artistas pódeseconsultar na web do festival (http://festivalatlantica.gal). Por mor das restricións sanitarias que poida haber, para coñecer a información máis actualizada sobre reservas e accesos aos espectáculos cómpre consultar a web do festival.
Sobre o Festival Atlántica
Atlántica, Festival Internacional de Narración Oral, naceu no ano 2013 con sede en Santiago de Compostela cunha clara vocación de ser un encontro de voces e historias de perfil atlantista. O seu obxectivo é indagar nas raíces comúns das historias do océano, na procura da identidade cultural común do Atlántico e nas historias que se foron difundindo polos camiños do mar. Toda a información relacionada co programa e cos artistas pódese consultar na web http://festivalatlantica.gal.
Un documental sobre o viño do Ribeiro e Valdeorras, premiado no Most Festival
• Envino veritas: Galicia del terroir al natural está dirixido polo antropólogo do IPNA-CSIC Pablo Alonso González
• O documental xira arredor da emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras
• A coruñesa Eva Parga Dans, tamén investigadora do IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental
A longametraxe Envino veritas: Galicia del terroir al natural, dirixida por Pablo Alonso González alzouse co Premio ao Mellor Documental de Most, o Festival Internacional de Cinema do Viño que se clausurou este domingo, 13 de xuño, no Penedés. O galardón concedeuse ex aequo coa obra francesa Lâme du vin. O documental galardoado forma parte dunha triloxía sobre o viño en terras galegas que remata con este episodio centrado na emerxencia do movemento de viños biodinámicos e naturais nas rexións históricas do Ribeiro e Valdeorras.
O seu artífice, Pablo Alonso González, é científico titular do Instituto de Produtos Naturais eAgrobioloxía do Consello Superior de Investigacións Científicas (IPNA-CSIC), con sede en Tenerife. Pablo Alonso ten un doutoramento e un mestrado en Estudos de Patrimonio pola Universidade de Cambridge (Reino Unido) e tamén é doutor en Historia pola Universidade de León. Publicou múltiples libros sobre antropoloxía do patrimonio cultural, arqueoloxía e teoría social e máis de 60 artigos internacionais sobre as devanditas temáticas. A investigación máis recente de Alonso González centrouse na cultura e patrimonio do viño no eixe atlántico, enfocándose en prácticas produtivas, de distribución e de consumo de proximidade, sostibles e naturais. A comezos de xuño foi seleccionado como un dos dez novos académicos de número da Academia Joven de España (AJE).
Binomio cinema-ciencia
Paralelamente á súa carreira investigadora, Pablo Alonso desenvolveu un perfil decomunicación científica pouco habitual que arrinca coa súa formación como cineasta na Scuola di Cinema de Roma. Esta faceta de divulgador científico está avalada polos sete documentais etnográficos ligados ás súas investigacións que foron presentados e distribuídos internacionalmente. Os seus tres primeiros documentais estreáronse na SEMINCI de Valladolid: Matavenero: el Pueblo Arco Iris (2012), Maragatería: una cor(e)ografía (2013) e El espejo de la memoria (2015). Da repercusión destes títulos dá conta o medio millón de visualizacións en YouTube de Matavenero e o pase en salas de cinema de Maragatería.
No 2014 realizou o documental de divulgación científica La Ponte: Ecomuseo. As súas tres últimas longametraxes agrúpanse na devandita triloxía do viño en Galicia. O ano pasado, como resultado de comunicación dun proxecto de investigación co Cabido de La Palma, viu a luz Vino de tea: patrimonio único de la isla de La Palma. Actualmente atópase en proceso de rodaxe de resultados de investigación en Tenerife con dous proxectos paralelos: Tenerife Wine e Todo sobre o guachinche.
Coautoría galega
A sadense Eva Parga Dans, tamén adscrita ao IPNA-CSIC, participa na realización e na idea orixinal do documental. A investigadora galega é licenciada en Socioloxía pola Universidade daCoruña e doutora en Economía Aplicada pola Universidade de Santiago de Compostela. Está especializada na socioloxía da innovación e socioeconomía do patrimonio cultural. Como investigadora posdoutoral, realizou estadías en Dinamarca, Madrid, Ecuador e Lisboa. Tamén participou como consultora do Ministerio de Educación español para a avaliación do impacto social e económico de Altamira como Patrimonio da Humanidade (2013). Na actualidade é investigadora posdoutoral no IPNA-CSIC e os seus estudos céntranse no sector do viño, analizando os procesos de calidade da produción, a saúde e a etiquetaxe e a súa conexión co consumo en España e Portugal.
Sobre o Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía
O Instituto de Produtos Naturais e Agrobioloxía (IPNA), con sede en Tenerife, forma parte da rede de centros de investigación do Consello Superior de Investigacións Científicas (CSIC) e a Axencia Estatal de Investigación do Ministerio de Ciencia e Innovación. Pola súa natureza como centro multidisciplinar, a actividade do IPNA abrangue dende a investigación básica ata o desenvolvemento tecnolóxico e céntrase nas áreas das ciencias químicas, agrobiotecnoloxía, volcanoloxía e biodiversidade.
*Información facilitada polo Departamento de Comunicación do IPNA-CSIC
O sábado 12 de xuño de 2021, ás 19:00 horas, no Auditorio Municipal de Vilalba, está prevista a proxección da película NACIÓN, de Margarita Ledo Andión.
Dita proxección, organizada polo IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, contará coa presenza da propia directora que fará a presentación da mesma.
Lugar de celebración: Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo
Dirección: Armando Requeixo
Secretaría: Laura Caamaño Pérez e Abel Vigo
Nº de horas lectivas: 16
Límite prazas: 41
Estes encontros han reunir a algúns dos mellores especialistas na vida e obra de Álvaro Cunqueiro co fin de analizar a actualidade e a vixencia da súa figura e escrita agora que se cumpren os corenta anos do seu pasamento, os trinta anos da celebración do Día das Letras Galegas a el dedicado e os cincuenta anos da publicación de Xente de aquí e de acolá, entre outras efemérides.