Do 15 ao 24 de xullo, Ribadavia porá no centro a escena máis innovadora, con estreas de espectáculos multidisplinares e de gran formato no Castelo, íntimos na Igrexa da Madalena e máis festivos en sete diferentes localizacións nas rúas da fermosa paisaxe do Ribeiro.
Un coherente programa en dez días, con tres coproducións, 21 actuacións, entre as que destacan a estrea e presentación en Galicia do traballo de artistas internacionais de Perú, Portugal, México ou Mozambique, como a prestixiosa directora Chela de Ferrari ou a compañía portuguesa Nome Próprio (con Victor Hugo Pontes e Joana Craveiro).
Por primeira vez en Galicia tamén poderemos ter no festival da teatral vila de Ribadavia os cataláns Xavier Bobés e a compañía La Calòrica ou un dos espectáculos revelación da temporada, La infamia, a partir das memorias da periodista mexicana Lydia Cacho, valente e comprometida activista que loitou contra a violación dos Dereitos Humanos nun país onde exercer o xornalismo de investigación e pelexar contra a corrupción supón unha actividade de alto risco.
A edición de 2022, ademais de recuperación da plena dimensión internacional, tamén concede importancia á dramaturxia galega actual, con traballos dos máis destacados autores e autoras de teatro, coma Esther Carrodeguas ou Ernesto Is. Carrodeguas estreará unha conferencia-espectáculo a partir da tétrica historia de violencia contra as mulleres rapadas do franquismo e Ernesto Is terá protagonismo con dous espectáculos mais a presentación dun libro, o Premio Abrente da pasada edición.
Resituar no centro o que tradicionalmente se deixou nas marxes, ese é o reto da 38ª edición da MIT, que reúne un conxunto de espectáculos que abordan temas ou asuntos relacionados coa marxinación, as súas causas e consecuencias. Un claro exemplo pode ser o espectáculo MARGEM, dos porttugueses Nome Próprio, un espectáculo protagonizado por adolescentes e inspirado nos nenos sen teito, no abandono que sofren os máis vulnerables en San Salvador de Bahía, un impactante espectáculo que mestura música, memorias, experiencias, capoeira, acrobacia, fútbol, danzas urbanas… Un espectáculo que recibiu importantes recoñecementos e premios na súa categoría en Portugal e está a percorrer os escenarios máis importantes de Europa. Chega a Galicia da man da dramaturga Joana Craveiro e do prestixioso coreógrafo Victor Hugo Pontes, inspirado tamén na novela Capitães de Areia, de Jorge Amado.
Esta mestura de música, danza, palabra e imaxe non será o único espectáculo destas características da MIT 2022. Se Margem conta con 12 intérpretes en escena, non é menos numeroso o espectáculo galego Demente, que aborda as enfermidades mentais dende a fusión de música, canto (con Aida Tarrío de Tanxugueiras en escena) e un suxerente deseño de indumentaria. A peza plasma unha realidade, un estigma, unhas patoloxías que segundo a Organización Mundial da Saúde (OMS) sufriron, sofren ou sufrirán nalgún momento das súas vidas unha de cada catro persoas. A reclusión prácticamente carceraria das persoas “dementes” en tempos pasados, os amoreamentos de persoas enfermas, as contencións mecánicas totais e parciais, así como as contencións químicas (antipsicóticos e outros medicamentos), os suicidios (“O tolo cando entraba no manicomio só lle quedaba esperar a morte.”), a explotación da enferma, “os almacéns de carne humana”… É necesaria a integración na sociedade e a normalización como outro tipo de doenza, loitar contra o estigma. Estas e moitas outras cuestións serán tratadas en escena. Como se dicía nunha carta dunha persoa “demente” ao director do Manicomio de Conxo nos anos 40: “no son los pobres locos reconocidos los que hacen daño al planeta, sino los grandes locos por reconocer”.
Outro estigma é o das persoas con Síndrome de Down. Por iso abrimos cun gran espectáculo, versión libre de Hamlet que a directora peruana Chela de Ferrari realiza para ser protagonizado por persoas con Síndrome de Down. Unha obra de alta beleza, onde as palabras de Shakespeare cobran un significado inaudito. Dende o humor, dende a emoción, dende a festa, a obra é un tecido entre o texto do bardo inglés e a vida dos actores e toma como punto de partida a pregunta que nos formula fronte á existencia. Ser ou non ser? Que implica ser para persoas que non encontran espazos onde se lles teña en conta? Teatro La Plaza é quizais o teatro máis presixioso de Perú e chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo que seguro será unha experiencia memorable.
Viaxamos de Perú a México. No país máis perigoso para ser periodista e activista, hai mulleres que se enfrontan ao crecente poder político da delincuencia organizada. Unha delas é Lydia Cacho, quen desafía a políticos, mafiosos, pederastas e feminicidas. Esta función está baseada na súa biografía, Memorias dunha infamia, onde se retrata o modus operandi dun goberno cómplice da corrupción e a violencia, ademais do valente testemuño de mulleres e nenas do seu país. Un espectáculo inmersivo, do denominado xénero de teatro verbatim, teatro documento con impactante linguaxe audiovisual que pon no centro a unha heroína contemporánea exiliada en España, á que o Goberno lle concedeu recentemente a nacionalidade para acollela como refuxio ante o serio perigo que corría esta periodista de investigación que destapou historias de corrupción do seu país e polo que foi distinguida co Premio Harold Pinter for International Writer Courage no Reino Unido. Desafiou e denunciou a mafiosos, políticos e multimillonarios que abusaron do seu poder. Agora a súa historia atrapa a mirada do mundo, tamén cun espectáculo maxistral.
O teatro de obxectos terá moita importancia, ademais da danza, do teatro de do circo. Teatro de obxectos e formas animadas para adultos, para historias poéticas, de grande beleza e emoción coma as que nos traen Xavier Bobés e Alberto Conejero ou a compañía El Patio, Premio Ojo Crítico de RNE da pasada edición, na modalidade de Artes Escénicas. El Mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca, é a historia dunha promesa que non se puido cumprir, a que fixo un mestre aos seus alumnos. O mestre era Antoni Benaiges. Os alumnos eran os nenos e nenas da escola rural de Bañuelos de Bureba, unha aldea da provincia de Burgos. A promesa fíxoa un día de inverno de 1936. Prometeulles o mar. Un gran texto do dramaturgo Alberto Conejero. Ademais do espectáculo, Xavier Bobés ofrecerá un curso-obradoiro os días 19 e 20 de xullo na Casa da Cultura de Ribadavia, en colaboración con AISGE e a AAAG. Pola súa parte, El Patio, presenta Conservando memoria na Igrexa da Madalena, como homenaxe a todos os avós. Do mesmo xeito, AMA, da compañía vasca que nos encandilara hai uns anos con Amour en Ribadavia. Esta é unha peza que fala da fortaleza dunhas persoas fráxiles e asustadas. É un canto á beleza épica do coidado mutuo. Do coidado dos nosos anciáns, eses que van morrendo pouco a pouco, levando con eles parte da nosa propia vida. Dúas pezas emotivas, sensibles e de gran beleza para rematar a MIT o 24 de xullo.
A memoria está transversalmente presente en moitos espectáculos, pero quizais o máis evidente é o da revisión dende as preguntas e as respostas que demandan sobre o noso pasado as xeracións máis novas. Iso acontece con A lúa vai encuberta, unha unión temporal de dúas compañías, A Quinta do Cuadrante e Incendiaria, coa que conseguiron o II Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e receptemente o Premio María Casares á mellor adaptación. En A lúa vai encuberta atoparemos un revisión humorística e crítica sobre un pasado e un momento de construción de soños e frustracións das bases da nosa cultura e da nosa política. Manuel María era un apaixonado por Ribadavia e pola Mostra e no marco desta edición anunciaranse novidades que refrendarán un selo de compromiso con este autor relevante da nosa historia e do noso teatro.
Ademais das novidades, das descubertas, de procurar ser punta de lanza, o festival tamén quere acompañar e ofrecer unha continuidade da evolución de artistas que se deron a coñecer ao longo dos últimos anos na MIT, como a compañía catalá José y sus hermanas. Nesta ocasión chegan cun espectáculo redondo, punzante, coa estrutura dun produto audiovisual retro para falar da burbulla inmobiliaria, do turismo agresivo, da España do desenvolvemento económico, da globalización. Con ironía e crítica, como selo da casa desta nova compañía, presentarán Explore el jardín de los Cárpatos.
Seguramente unha das grandes sorpresas desta edición vai ser descubrir a forza e solvencia da nova compañía La Calòrica, de Cataluña. Chegan cunha versión de Aristófanes, Las aves, unha farsa política desternillante, como a definiu a crítica. Un gran traballo de dramaturxia, de dominio da comedia, de dirección e de vestiario. Unha posta en escena fresca e irreverente para un público amplo que mestura ben os ingredientes que tamén definen á MIT, vangardista e popular, renovadora e exploradora.
Presentacións de libros, foros despois de cada espectáculo, actividades de mediación coma a terceira edición de “A miña primeira MIT”, O 1º Encontro interxeracional das Artes Escénicas de Galicia, as Residencias Artísticas de Pablo Lilienfeld e Federico Vladimir, prestixiosos artistas que están a desenvolver o proceso da súa peza “Mónica” entre Galicia e Bruxelas, converten a Ribadavia na capital por excelencia do teatro en Galicia.
Memoria, humor, beleza onde nos dixeron que non a atoparíamos, revelación, escena híbrida, queer, interxeracional, iso é o que guía a MIT 2022.
A reserva de abonos para todos os espectáculos do Castelo poderá realizarse entre o día 15 e o 30 de xuño e a partir do 1 de xullo poderanse mercar as entradas de todos os espectáculos na páxina web www.ataquilla.com ou na propia oficina do festival, na entrada da Praza Maior de Ribadavia. O prezo varía entre os 5 e os 10 euros.
A MIT conta co apoio do INAEM-Ministerio de Cultura e Deporte, a AGADIC-Xunta de Galicia, a Deputación de Ourense, diversos patrocinadores privados, o propio Concello de Ribadavia.
PROGRAMA 38ª MIT RIBADAVIA 2022
15-24 XULLO
PreMIT, previas da MIT
Día 13 // MÉRCORES
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Teatro do Vilar. Apoio ao teatro afeccionado de Ribadavia.
Día 14 // XOVES
21:00 – Salón de Actos da Casa do Concello – Presentación do libro Profetas, de Ernesto Is (Premio Abrente 2021).
22:00 – Resolución do 17º Premio Abrente.
Día 15 // VENRES
20:30 Inauguración oficial da MIT 2022. Igrexa da Madalena. Concerto de Sheyla Patricia (Galicia).
21:00 Entrega do Premio de Honra “Roberto Vidal Bolaño” ao mérito nas artes escénicas e do Premio Abrente de Textos Teatrais 2022.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Hamlet – Teatro La Plaza – Perú.
00:30 – Foros MIT. Coloquio con Chela de Ferrari, directora. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 16 // SÁBADO
20:00 – Igrexa da Madalena – Mónica – Federico Vladimir e Pablo Lilienfield – Galicia. Residencias Paraíso.
21:00 – Alameda (Ruadavia) – Sofá – Marta Alonso Tejada, en coprodución coa MIT de Ribadavia – Galicia.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Las aves – La Calòrica – Cataluña.
00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joan Yago, dramaturgo. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 17 // DOMINGO
20:30 – Igrexa da Madalena – Rapadas – Esther Carrodeguas – Galicia.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – La infamia – Teatro Español e Producciones Come y Calla – Madrid.
00:30 – Foros MIT. Coloquio con José Martret, director. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 18 // LUNS
20:30 – Sampaio – Arte sen guión – Galeatro – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Demente – Cía. Fran Sieira – Galicia.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo.Museo Sefardí.
Día 19 // MARTES
20:30 – A Franqueirán – Arte sen guión – Galeatro – Galicia. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Margem – Nome Próprio – Portugal.
00:30 – Foros MIT. Coloquio con Joana Craveiro e Victor Hugo Pontes. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 20 // MÉRCORES
20:30 – Francelos – POI – D’Es Tro – Illas Baleares. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – Explore el jardín de los Cárpatos – José y sus hermanas – Cataluña.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 21 // XOVES
20:00 – Igrexa da Madalena – Relato para un incendio – A Antena, en coprodución co CDG e a MIT – Galicia.
21:30 – San Cristovo – Meeting Point – Ertza – País Vasco. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 –Auditorio “Rubén García” do Castelo – El mar: visión de unos niños que no lo han visto nunca – TNC, Xavier Bobés e FITT de Tarragona – Cataluña.
00:30 – Foros MIT. Coloquio con Xavier Bobés e Alberto Conejero. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 22 // VENRES
20.00 – Auditorio “Manuel María” da Casa da Cultura. Presentación do libro A lúa vai encuberta, de Manuel María.
21:30 – Santo André – O tempo diz – Ertza – País Vasco e Mozambique. (Programa SputMIT – satélites da MIT).
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – A lúa vai encuberta – Incendiaria e A Quinta do Cuadrante – Galicia.
00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Vanesa Sotelo e Tito Asorey. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
Día 23 // SÁBADO
13:00 – Igrexa da Madalena. Presentación do libro O péndulo.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – O péndulo – Inversa Teatro, en coprodución co CDG, a MIT de Ribadavia e a Deputación de Pontevedra – Galicia.
00:30 – Foros da MIT. Coloquio con Marta Pérez e Ernesto Is. Museo Sefardí.
Día 24 // DOMINGO
19:30 – Museo Etnolóxico – 1º Encontro Interxeracional das Artes Escénicas de Galicia.
21:00 – Igrexa da Madalena – Conservando memoria – El Patio – La Rioja.
23:00 – Auditorio “Rubén García” do Castelo – AMA – Cía. Marie de Jongh – País Vasco.
00:30 – Foros MIT. Coloquio coa compañía. Patio de Turismo. Museo Sefardí.
O FESTIVAL ATLÁNTICA CELEBRA DEZ ANOS CONSOLIDÁNDOSE COMO UN REFERENTE DOS ENCONTROS DE NARRACIÓN ORAL NACIONAIS E LUSÓFONOS
· Entre o 30 de xuño e o 9 de xullo, Atlántica levará os contos de 42 artistas a 24 concellos repartidos polas catro provincias galegas
· Será un total de 94 funcións de narradores de Colombia, Brasil, Arxentina, Portugal, Marrocos, Zamora, País Vasco, Valencia e Galicia
· Practicamente todos os espectáculos serán ao aire libre, moitos deles en espazos de gran valor patrimonial e natural
O Festival Atlántica vén de anunciar este mércores o programa completo da súa décima edición, que se vai celebrar entre o 30 de xuño e o 9 de xullo. A presentación tivo lugar nunha rolda de prensa na que participaron Anxo Lorenzo, secretario Xeral de Cultura da Xunta de Galicia; Xurxo Couto, deputado de Cultura da Deputación da Coruña, Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural do Santiago de Compostela; e Soledad Felloza, directora de Atlántica. Ademais, tamén acudiron ao acto numerosos representantes de concellos, asociacións e colectivos colaboradores do festival.
Felloza manifestou a súa ledicia polo décimo aniversario do festival e salientou que “en estes anos non se acomodou e segue a apostar pola innovación e a hibridación de formatos e a fusión con outras disciplinas” pero sen esquecer un dos seus principais obxectivos “facer falar o noso territorio, o noso patrimonio material, nun diálogo co patrimonio inmaterial das historias”.
Pola súa banda, Xurxo Couto aproveitou a súa quenda para “poñer o valor o traballo da organización do festival co asociacionismo local” e o seu esforzo “pola dignificación profesional so sector que se dedica á narración oral”. No que respecta a Mercedes Rosón, subliñou a “calidade maiúscula” do programa de Atlántica e a profusión de actividades que acollerá Santiago, “sede primixenia” do encontro.
Na súa intervención Anxo Lorenzo reafirmou o compromiso do Goberno galego con este festival, “un dos máis importantes da Península Ibérica e referente da lusofonía neste eido”, pola súa “contribución ao intercambio entre os pobos e á descentralización da oferta cultural, cun calendario de actuacións nunha vintena de concellos de todo o territorio galego”, indicou.
Intenso programa
Máis corenta artistas actuarán nas 94 funcións previstas nos 24 concellos repartidos nas catro provincias galegas. O Festival Atlántica, que celebra dez anos ininterrompidos de actividade malia a pandemia, vaise desenvolver de novo no verán, con boa parte dos espectáculos ao aire libre e en espazos de gran valor patrimonial.
Ao longo destes días xuntaranse en Atlántica artistas internacionais como Carolina Rueda (Colombia), Vitoria Siedlecki (Arxentina), Claudia Fonseca (Brasil), Sofia Maul (Portugal), Vítor Fernandes (Portugal) ou Estefânia Surreira (Portugal), pero non faltarán voces nacionais como as de Virginia Imaz (País Vasco), Félix Albo (Valencia) ou José Luis Guiérrez ‘Guti’ (Zamora). O programa complétase cunha nutrida nómina de contadores galegos en consonancia co arraigamento que a tradición oral ten no país: Quico Cadaval, Celso Fernández Sanmartín, Paula Carballeira, Santi Prego, Avelino González, Lois Pérez ou María da Pontragha, son algúns dos participantes da décima edición.
Atlántica repite este ano a fórmula estival que tan boa acollida tivo o pasado ano así que os contos do festival volverán escoitarse en lugares emblemáticos do patrimonio galego, moitos deles declarados Ben de Interese Cultural. Entre os escenarios de Atlántica figurarán, entre outros, a Torre do Allo en Zas, o Castelo de Castrodouro en Alfoz, o Centro de Interpretación de Cadoval, en Mugardos, o Parque Arqueolóxico de Arte Rupestre de Campo Lameiro, o Castro de Castrolandín, en Cuntis, ou o hórreo de Carnota, o máis longo de Galicia. Pero Atlántica non esquece os lugares tradicionais de traballo e tan vinculados aos contos como as eiras de Traxeito e de Beixo en Dodro ou os lavadoiros premiados de Penisqueira e Artes en Ribeira.
Os espectáculos tamén terán lugar en zonas naturais como praias, carballeiras ou fragas autóctonas poboadas de petróglifos. Entre as novidades desta edición figura unha sesión de contos de Avelino González durante a subida ao monte Pindo, situado na Costa da Morte e considerado o Olimpo da mitoloxía celta. Tamén haberá contos con Anxo Moure nas casas das árbores en Chantada.
Festa rachada de contos e máis
Atlántica vai inaugurar oficialmente a súa décima edición cun encontro de dous grandes da narración oral galega, Paula Carballeira e Quico Cadaval, no parque de Bonaval de Santiago. Esta fórmula de duetos vaise repetir noutras xornadas do festival, combinando artistas de diferentes procedencias que compartirán co público as súas historias e xeitos de contar.
Haberá funcións ao longo do día e pensadas para todo tipo de público. Así, por exemplo, o parque de Bonaval será a sede do ‘Espazo bebés’ e tamén está previsto un ‘Espazo familias’ que rotará por diversos puntos de Santiago e que chegará ás outras sedes.
Ademais, este ano amplíase o número de funcións con interpretación en lingua de signos e haberá tamén contos narrados en lingua de signos nun dos espectáculos máis singulares desta edición: ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez de Vallejo nos xardíns da Fundación Pública Galega Camilo José Cela en Padrón. Alén diso, por primeira vez, vai actuar no festival un contador non vidente. Trátase de Francisco de Romualdo que, acompañado da zanfona, está a recuperar os cantares de cego de antano.
Tamén regresan os itinerarios narrados que sempre esgotan as prazas ofertadas. Este ano o público poderá revivir con Carme Varela as historias da súa obra ‘As desterradas’ e descubrir coa arqueóloga Rebeca Santos os segredos que agochan as pedras de Santiago. Ademais, haberá unha visita exclusiva á exposición ‘Santiago no tempo’ na compañía do seu comisario, Manuel Gago.
A música volverá ás rúas de Santiago, nun convite aberto ao público que queira unirse á festa. Así, este ano vaise retomar a colaboración coa Banda Municipal de Música de Santiago nunha ‘Romaría’ moi especial na que participa Celso Fernández Sanmartín (30 de xuño, Praza de Praterías), pero tamén regresará a ‘Gaitazumba’ de Luis Prego e a música e os contos de das catro estacións de Vivaldi grazas a ConcertArt (2 e 9 de xuño, respectivamente, na Praza de Cervantes).E en harmonía co carácter festivo desta edición, a música de Pakolas, Pablo Díaz e Brais das Hortas tamén estará presente noutras sedes.
Un mar de contos
Ao longo destes dez anos de vida o Festival Atlántica foise consolidando como un dos eventos de narración oral máis senlleiros do panorama nacional e un referente dentro da lusofonía. Concibido coa vocación de ser un encontro de voces e historias con perfil atlantista, cada ano reúne en Galicia contadores de diferentes países unidos polo océano Atlántico, aínda que paulatinamente fóronse engadindo convidados doutras rexións. Este ano, por exemplo, participa o valenciano Félix Albo en representación do Mediterráneo.
Unha das características do festival é o seu espírito de deslocalización en todos os sentidos. Así, no ano 2017 inaugurou o formato multisede que sacou as actuacións de Santiago de Compostela e empezounas a repartir por todas as provincias galegas. Seguindo esta filosofía, nesta edición haberá actuacións nas localidades de Ferrol, Teo, Alfoz, Boiro, Cuntis, Dodro, Lalín, Mondoñedo, Mugardos, Pobra do Caramiñal, Ribeira, Outes, Sanxenxo, Ourense, Pazos de Borbén, Vigo, A Estrada, Campo Lameiro, Carnota, Chantada, Padrón, Paderne e Zas, ademais de Santiago de Compostela.
Este afán de deslocalización é tamén o que impulsa á organización do festival a programar en espazos diversos. As historias de Atlántica contáronse en bares, auditorios, parques, centros escolares, hospitais, barcos, castros, pazos, rúas, cemiterios e mesmo peregrinando no Camiño de Santiago. Outro dos trazos distintivos é a súa diversidade de propostas: contos en lingua de signos, sesións con cans, paseando pola cidade ou historias murmuradas ao oído, entre outras.
Atlántica Miúda
Previamente á inauguración oficial do 30 de xuño, o festival Atlántica tamén vai desenvolver un intenso programa concibido para o público infantil e que estará presente en centros de ensino e bibliotecas de Santiago, Vigo e Ames. Este ano tampouco faltará a colaboración coa Aula de Pediatría do Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS).
O Festival Atlántica celebra dez anos cun programa que se vai desenvolver entre o 30 de xuño e o 9 de xullo e cunhas características (número de funcións e narradores, duración e dimensión xeográfica) que o consolidan como un dos encontros de narración oral máis importantes da Península Ibérica e nun referente da lusofonía. Os detalles sobre este programa especial de aniversario vanse proporcionar na rolda de prensa.
▪ DATA E HORA: mércores 15 de xuño do 2022 ás 12:30 h.
▪ LUGAR: Auditorio 2 Edificio CINC da Cidade da Cultura.
▪ INTERVEÑEN: • Anxo Lorenzo Suárez | Secretario Xeral de Políticas Culturais da Xunta de Galicia. • Xurxo Couto | Deputado de Cultura da Deputación da Coruña. • Mercedes Rosón | Concelleira de Acción Cultural do Concello de Santiago de Compostela. • Soledad Felloza | Directora do Festival Atlántica.
▪ ASISTEN: • Xosé Lois Piñeiro García | Alcalde do Concello da Pobra do Caramiñal. • Juan Domingo de Deus | Alcalde do Concello de Mugardos. • Manuel Campos Velay | Alcalde do Concello de Cuntis. • María José Sampedro Fernández | Primeira Tenente de Alcalde e Concelleira Delegada de Cultura, Infraestructuras e Urbanismo do Concello de Ribeira. • María López Álvarez | Concelleira de Cultura, Educación e Turismo de Teo. • María Outeiral | Concelleira de Cultura do Concello de Boiro. • Begoña Blanco | Concelleira de Cultura do Concello de Lalín. • Mª Paz lago Martínez | Concelleira de Educación e Cultura de Sanxenxo • Begoña Roldós | Concelleira de Cultura e Turismo de Mugardos. • Abel Tarrío Abuín | Concelleiro de Deportes e Emprego de Dodro. • Xoán Xosé Vicente Franco | Concelleiro de Cultura e Patrimonio de Dodro. • José Manuel Ramos Caamaño | Concelleiro de Cultura de Outes. • Carmen Cajide Hervés | Presidenta de Fundación Terra Termarum Castrolandín. • Elena Cerviño Ferrín | Vicepresidenta da Asociación Amigos dos Castros (Cuntis). • Xilberto Caamaño Beiro | Presidente da Asociación Monte Pindo Parque Natural. • Carlos Delgado | Presidente da Asociación Cultural Rocha Forte. • Covadonga Rodríguez del Corral | Directora Xerente da Fundación Pública Galega Camilo José Cela. • Fany Gómez García | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Ferrol.
• Mercedes Vázquez Fernández | Técnica da Biblioteca Municipal do Concello de Sanxenxo. • Emilia Cagiao Sánchez | Tesoureira Asociación R.C.D. Entroido de Samede.
O xoves, 16 de xuño de 2022, ás 19:30 horas, na Casa da Cultura de Vilalba, celebrarase o acto de presentación do libro “Unha estapa estelar e conflitiva de Galiza. (a segunda metade do século XIV) TOMO I A relevancia do Reino Galego Medieval”, do que é autor FRANCISCO RODRÍGUEZ. Intervirá, ademais do citado autor, Marisa Barreiro, presidenta do IESCHA.
O próximo 19/06, o Museo de Estrella Galicia festexa o seu terceiro aniversario cunha xornada de música, gastronomía e cervexa ó puro estilo MEGA, que inclúe un directo de Fetén Fetén, unha das bandas máis frescas, creativas e bailables da escena musical española
Para poder acceder a MEGA o día do seu aniversario e disfrutar dalgunha das experiencias habituais do museo, será imprescindible gañar unha das invitacións dobres que se porán a disposición do público este xoves 9 de xuño, a partir das 19.06 horas, en https://mundoestrellagalicia.es/aniversario/
O vindeiro 19/06, MEGA, o Museo de Estrella Galicia, celebra o seu terceiro aniversario e, para festexalo, convida ó público a vivir unha xornada especial: desfrutar e experimentar, de forma gratuíta, das experiencias que habitualmente propón o museo e que xuntan música, gastronomía e cervexa de modo singular, sorteando todas as entradas do día do seu aniversario.
Así, o domingo 19 de xuño, MEGA ofrecerá a posibilidade de asistir ás visitas guiadas polo primeiro e único recinto museístico dedicado á cervexa en España, que se poderán completar coas súas habituais experiencias cervexeiras. É o caso da visita guiada con proposta de tiraxe de cervexa e diferentes maridaxes -queixos, conservas e curados galegos- ou, incluso, un dos eventos exclusivos da súa programación cultural de “Planazos MEGA”: un concerto maridaxe co dúo Fetén Fetén, unha das bandas máis frescas, creativas e bailables da escena musical actual.
O acceso á celebración do terceiro aniversario de MEGA será gratuíto e as prazas serán limitadas, polo que será imprescindible retirar, previamente, as invitacións. As entradas, que serán dobres, nominativas e intransferibles, estarán a disposición do público desde este mesmo xoves, 9 de xuño, a partir das 19.06 horas, no espazo web oficial do museo, concretamente na páxina https://mundoestrellagalicia.es/aniversario/. Durante o proceso de rexistro, o público poderá escoller entre os diferentes horarios e tipos de visita que desexe realizar entre os dispoñibles para o aniversario. As 135 primeras persoas que se rexistren gañarán unha entrada dobre para acceder a MEGA o 19 de xuño e desfrutar así das múltiples experiencias cervexeiras que ofrece o Museo de Estrella Galicia.
SOBRE FETÉN, FETÉN. “Unha festa de sons e emocións”. Así celebra a prensa especializada ó dúo Fetén Fetén. “A súa música é simpática, próxima e xoguetona”, aclama. Risco e orixinalidade van da man na proposta de dous músicos que conforman a que, para a crítica, é “seguramente a mellor banda en directo para todos os públicos”. Fetén Fetén son Diego Galaz e Jorge Arribas. A súa proposta baséase en ofrecer unha lectura contemporánea da música tradicional e da música popular de baile, xéneros que os inspiran e que queren homenaxear utilizando a imaxinación e a creatividade como bandeiras. Es que eles son dous namorados dos instrumentos diferentes, posto que, ademais dos máis convencionais, tocan outros insólitos coma a serradora o violín trompeta ou a frauta cadeira de camping.
O resultado é unha música fresca, divertida e moi bailable, onde o mesmo soa un vals que un fox trot, un chotis, unha xota, unha seguidilla, unha ronda, un pasodobre ou unha habaneira. No terceiro aniversario de MEGA, Fetén Fetén ofrecerá unha viaxe musical que nos transporta da nosa península a outras terras, incorporando ecos balcánicos, trazos manouches, evocacións xaponesas, cantos de gaivota ou, incluso, o mesmísimo son do mar.
As composicións orixinais deste dúo, un mosaico de tendencias musicais, conseguen facer sorrir ó publico con títulos tan suxestivos como a Jota del Wasabi, la Habanera de El Espolón, He visto un Oso en los Cárpatos, Fandangos de Atapuerca o Swing a la pepitoria. O seu repertorio divirte e emociona a nenos e maiores, porque é unha música que conta cousas sen palabras e que se funde en perfecta harmonía co público, tanto en grandes auditorios coma nas prazas dos pobos. As súas melodías instrumentais para escoitar e bailar en directo recorren as nosas raíces e incorporan matices renovadores que evocan as distintas paisaxes do mundo que os artistas coñeceron nas súas intensas xiras internacionais e que xa levaraon por toda a xeografía española nos seus máis de 1.000 concertos realizados. Máis información en www.fetenfeten.net.
SOBRE MEGA. MEGA, o Museo Estrella Galicia, é o primeiro e único recinto museístico de España dedicado á cultura da cervexa. O espazo, situado dentro da única fábrica de Estrella Galicia (A Coruña), nace co obxectivo de divulgar, de forma interactiva e experiencial, a cultura e a historia da cervexa. Nas instalacións de MEGA, o público podo desfrutar do mundo cervexeiro cos cinco sentidos, coñecer os procesos de elaboración de Estrella Galicia ou aprender, incluso, a tirar correctamente unha caña: MEGA convida a experimentar. Visitas libres ou guiadas, maridajes, obradoiros de verter cervexa e eventos especiais conforman unha programación que pon en valor a tradición e o saber facer artesanal de Estrella Galicia.
O IESCHA organiza a proxección do documental “A VIVENDA, UN BEN SOCIAL?”, de MARISÉ FERNÁNDEZ e XOSÉ BOCIXA, que terá lugar o venres 17 de xuño, ás 20:00 horas, na Casa da Cultura de Vilalba.