A nova edición do FIOT celebrarase do 30 de setembro ao 31 de outubro e contará con Leo Bassi e a estrea absoluta da última obra de Mofa e Befa
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo avanza as datas da súa 31ª edición, que presentará ao público o mércores 14 de setembro
Leo Bassi regresa á Costa da Morte 25 anos despois do seu debut nos escenarios galegos, un fito que incidiu na evolución do FIOT, para presentar a estrea en Galicia do espectáculo no que percorre a súa traxectoria sobre as táboas
Evaristo Calvo, Xograr de Outono 2022, e Víctor Mosqueira son protagonistas da nova coprodución do FIOT: ‘Pirolíticos’, cuxa dramaturxia asinan Lucía Aldao, Clara Gayo e María Lado, e que propón un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos homes
O programa de intercambio cultural Camiño Escena Norte fará parada en Carballo coa estrea en Galicia de ‘Beautiful Stranger’, da compañía navarra La Caja Flotante
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, a gran celebración das artes escénicas de Galicia, terá lugar do 30 de setembro ao 31 de outubro. O FIOT, que este ano festexará a súa 31ª edición, presentará a vindeira semana a súa programación no Pazo da Cultura do municipio bergantiñán, mais nesta xornada avanza dous dos pratos fortes deste 2022: o regreso á Costa da Morte de Leo Bassi, quen debutou en Galicia sobre as táboas do FIOT nunha actuación histórica para a localidade, e a estrea absoluta da nova creación de Mofa e Befa, o dúo conformado por Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, quen este ano recibe o galardón Xograr de Outono.
Carballo acollerá, o 16 de outubro, a estrea en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’, peza na que o irreverente clown italiano fai balance da súa traxectoria de máis de 60 anos sobre as táboas á vez que esixe que se respecte tanto a súa vellez como os anos de experiencias acumuladas. A través da súa memoria, e do humor, descubre ao público a relevancia de volver ao humanismo e aos instintos.
Leo Bassi, pallaso, bufón e axitador de emocións, reinvindica a risa como a raíz existencial do seu desexo de provocar. O seu instinto creativo e o seu carácter transgresor foron os que, precisamente, marcaron un punto de inflexión na traxectoria do FIOT. Hai 25 anos, cando aínda era un gran descoñecido para a meirande parte do público, o festival convidou ao cómico a participar na súa programación, na que foi a súa primeira actuación en Galicia: naquela función, na que as e os asistentes saíron á rúa guiados por Bassi, agromou o compromiso do FIOT coa sorpresa e a innovación.
Outra das citas máis relevantes da programación do Festival Internacional Outono de Teatro será entrega do Premio Xograr de Outono 2022 e Evaristo Calvo e a estrea absoluta, o 7 de outubro, de ‘Pirolíticos’, unha coprodución do FIOT co dúo cómico Mofa e Befa. Co gallo da celebración do seu 30º aniversario, a compañía emprende o seu proceso creativo máis arriscado e experimental. Sobre as táboas, Calvo e Mosqueira lanzarán un convite á reflexión sobre o impacto do patriarcado nos propios homes, poñendo o foco dos que simpatizan coa teoría feminista e aspiran a vivir en consonancia con ela, pero que enfrontan unha cultura e unha sociedade profundamente machista. A obra, dirixida por Clara Gayo, conta coa dramaturxia de Lucía Aldao, a propia Gayo e María Lado, e contará cunha segunda función o sábado 8 de outubro.
Camiño Escena Norte regresa ao FIOT
Carballo volver ser sede neste 2022 do programa Camiño Escena Norte, un proxecto intercambio cultural promovido polas asociacións profesionais de artes escénicas de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e, como novidade este ano, Navarra. Precisamente desta última comunidade procede La Caja Flotante. A compañía de Ion Iraizoz visitará o FIOT o sábado 8 de outubro para estrear, no territorio galego, a súa creación ‘Beautiful Stranger’, unha comedia de autoficción existencial, ateigada de linguaxe cinematográfica, que aborda as múltiples identidades que poden convivir nunha mesma persoa. Nesta creación, que estará enmarcada no ciclo OTNI, Ion Iraizoz interprétase a si mesmo para tratar de reconstruír, coa complicidade do público, tanto a súa festa de aniversario, á que nomeou ‘O último martes antes de cumprir 40’, como as súas propias lembranzas.
A vindeira semana presentarase o programa completo do 31º FIOT, da que xa se coñecen -ademais das estreas en Galicia de ’70 anos: Leo Bassi’ e ‘Beautiful Stranger’, ou a estrea absoluta de ‘Pirolíticos’-, os espectáculos que formarán parte da sexta edición do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, unha das liñas de programación máis queridas polo público ao ofrecer creacións escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. ‘Xeografía dos corpos’, de Compañía Anxela Blanco; ’Viaxar é un pracer’, de Dani Blanco; ‘Actriz, chora’, de Cacharela Teatro; ‘Cinecleta, cinema doméstico a pedais’, de Sr. Lili; ‘Menú do día’, de Colectivo #ChamizoBelloVila; e ‘Homeless’, de Mónica Paradela Cuñarro, participarán no certame M2 de apoio á creación escénica de novos formatos e de compañías ou creadoras e creadores emerxentes.
O martes, terza feira, día 20 de setembro, ás 20.30 h, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña levarase a cabo unha nova edición, a décimo terceira, de Lúas de Outono, homenaxe anual a Manuel María.
Na edición deste ano representarase A lúa vai encuberta, das compañías Incendiaria e A Quinta do Cuadrante (con Melania Cruz, Vanesa Sotelo, Tito Asorey e Davide González), baseada na peza homónima de Manuel María. Este espectáculo foi o gañador da IIª edición do Certame Manuel María de Proxectos Teatrais e leva máis de un ano xirando por toda Galiza cunha acollida e un suceso extraordinario. Se non a vistes non a perdades, e se xa desfrutastes dela podedes volver gozar de novo desta marabilla.
A obra é un verdadeiro mestrado sobre a historia contemporánea de Galiza desde unha óptica propia, ao tempo que un chamamento á acción para a modificar.
A entrada é gratuíta mais é necesario reservar os billetes en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621 (prazo até o día 19 de setembro incluído). No caso de sobrar billetes, poranse unha hora antes do inicio do espectáculo na billeteira do teatro Rosalía.
Sinsal Outono celebrará o 16 e 17 de setembro a súa nova edición, que terá lugar no MARCO e na que participarán El Hijo, Luís Fernandes, Otro e Dullmea
O ciclo de concertos vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea, cuxas entradas están á venda desde hoxe na plataforma www.enterticket.es, conta co apoio do Concello de Vigo
Os días 16 e 17 de setembro Vigo ten unha cita coa música e artes visuais de vangarda: regresa Sinsal Outono, o ciclo de concertos intrinsecamente vinculados á experimentación sonora, á vangarda e á creación contemporánea nas súas múltiples expresións.
Sinsal Outono, proxecto cultural que impulsa a promotora local Sinsalaudio, conta un ano máis coa colaboración principal do Concello de Vigo, coa intención de visualizar propostas singulares e únicas, de difícil clasificación e, por tanto, pouco habituais na programación dirixida ao público xeral. Neste 2022 desenvolverase nun dos espazos de referencia do universo da investigación, creación, innovación e produción contemporánea no ámbito local, comarcal e galego, e que acompañou o desenvolvemento e proxección da propia Sinsalaudio ao longo destas dúas últimas décadas: o Museo de Arte Contemporánea de Vigo (MARCO).
Sinsal Outono 2022 ofrecerá dúas noites ateigadas de experimentación e de visualización de propostas musicais contemporáneas con bandas e artistas chegadas de distintos puntos Madrid, Valencia e Portugal, grazas tamén á colaboración do Instituto Camoes. Dullmea, El Hijo, Luís Fernandes e Otro conformarán o cartel desta nova edición do ciclo, cuxas entradas están á venda, desde hoxe mesmo, na plataforma Enterticket e tamén desde a páxina web https://festival.sins.al/gl. O prezo da entrada anticipada é de 10 euros, e os menores de 9 anos accederán gratuítamente.
ARTISTAS SINSAL OUTONO 2022 El Hijo | 16 DE SETEMBRO Proxecto musical do compositor e produtorAbel Hernández (Migala, Emak Bakia). Desde o ano 2005 publica os seus primeiros traballos, producidos por Raül Refree, nos que se aproxima á canción de autor, con sonoridades acústicas e poesía de ton surreal. Nos primeiros anos da seguinte década achégase incialmente cara ao rock, mais vira o seu rumbo para investigar sobre as posibilidades da composición e produción propias da electrónica contemporánea, que dan pé ao seu son actual. Ben sexa a través do uso do autotune ou de recursos sonoros imposibles, El Hijo desafía os límites da produción dixital no panorama estatal.
Luís Fernandes | 16 DE SETEMBRO A actividade artística de Luís Fernandes está marcada pola multiplicidade de enfoques e formatos, divididos en proxectos colectivos, colaboracións puntuais e traballos individuais; pola actividade performativa, compositiva e expositiva; e polo establecemento de relacións con diferentes disciplinas. Fundador da banda peixe:aviao e membro do colectivo La La La Ressonance, ten colaborado con artistas como Lloyd Cole, Rodrigo Leao ou Black Bombain. No seu novo disco, ‘A guide to gettin lost’, explora as posibilidades da electrónica como punto de partida para múltiples composicións. Otro | 17 DE SETEMBRO Músico e produtor afincado en Valencia e autor dun dos discos máis brillantes de 2021: Portuaria. O seu proxecto musical abrangue un importante abano de estilos e sons, na procura do diálogo entre a experimentación e a convención, converténdoo nunha das figuras a ter en conta na escena emerxente da música electrónica. As súas incursións no rap e no pop, así como o deseño de son comercial, abren espazos para xerar unha tensión espontáneamente desenfreada que se converten no sinal de identidade de Otro.
Dullmea | 17 DE SETEMBRO Desde Portugal chega unha artista especializada en explorar as múltiples posibilidades que se abren para a voz a través da música electrónica. Graduada como violinista pola Escola Superior de Música e Artes do Espectáculo, Sofía Fernandes conta con tres discos publicados desde 2016 cos que ten xirado por países como Holanda, Alemania, Dinamarca ou Reino Unido. Nos seus directos propón unha suxerente inmersión no seu universo sonoro, minimalista e experimental, nos que improvisa sobre temas compostos por ela mesma. No Sinsal Outono presenta ‘Orduak’, o seu último traballo.
O IESCHA, coa colaboración da Área de Cultura-Vicepresidencia da Deputación de Lugo, organiza os Actos da Cultura Chairega en homenaxe a Manuel María no seu XVIII cabodano, e que terán lugar o xoves 8 e o venres 9 de setembro en Vilalba
O IESCHA organiza a inauguración da Exposición “A CASA DE GALICIA, 50 ANOS DA CASA DE ROSALÍA” que terá lugar o vindeiro martes, día 6 de setembro de 2022, ás 17:00 horas, na Praza da Constitución de Vilalba.