O espectáculo familiar de gran formato Inventio chega a Lugo o vindeiro 5 de novembro
Esta proposta escénica galega de circo, danza e ilusionismo inspirada no Camiño de Santiago brindará dúas funcións no Auditorio Gustavo Freire ás 17.30 h e ás 20 h do sábado
Comedia, maxia, danza e artes circenses mestúranse neste espectáculo para todos os públicos que estará de xira ata mediados de xaneiro do 2023 por España e Portugal
Os billetes para as funcións están á venda na plataforma web entradas.ataquilla.com
O espectáculo Inventiochegará a vindeira semana a Lugo logo do seu paso por Ferrol, Santiago e mais Salamanca. Esta proposta de gran formato concibida para público familiar brindará dúas funcións o sábado 5 de novembro, ás 17.30 h e ás 20 h, no Auditorio Gustavo Freire. Os billetes oscilan entre os 15 e os 25 euros máis gastos de xestión e están á venda na web entradas.ataquilla.com. Ademais, hai desconto para os usuarios do Carné Xove e os menores de 24 meses non pagan sempre que non ocupen butaca.
Inventio, un espectáculo para todos os públicos que reborda humor, misterio e fantasía, e no que conviven a comedia e o drama, a danza, o ilusionismo e as artes circenses. Está concibido como un convite para gozar cos sentidos dunha historia onde o pasado e o futuro danse a man grazas á sucesión de números de maxia, levitacións, equilibrios, malabares, aéreos, audiovisuais e mais composicións de música tradicional galega fundidas con sons electrónicos. Cunha atmosfera máxica e unha posta en escena vangardista, Inventio recupera a paisaxe, os costumes, a música, a arte ou a arquitectura de Galicia nun espectáculo delicado e cegador, de busca e descubrimento. Inventio é un camiño de regreso á sensibilidade a partir da tradición e a modernidade.
Para materializar esta ambiciosa proposta escénica, Inventio conta cun numeroso equipo creativo e artístico formado por máis de 40 persoas, entre elas seis bailaríns e seis artistas circenses. Na dirección atópase o mago Martín Varela, que tamén exerce de guía do espectáculo. Como responsable da dramaturxia figura José L. Prieto e na dirección artística está Suso Montero. A dirección de maxia recae sobre os ilusionistas Fani Triana e Martín Camiña e a de circo en Jorge Miquel. A dirección musical leva o selo de José Trincado ‘Triki’ e o ballet e as coreografías son unha creación de Mercedes Suárez. Completan o equipo Alberto Casas no deseño de iluminación e Conchi Silvent na dirección de vestiario. Inventio é unha iniciativa da promotora galega Thinking Up Events, da Xunta de Galicia a través do programa Xacobeo 21-22 e mais da Fundación “la Caixa”, e conta tamén co apoio de Sargadelos.
A HISTORIA. Ano 2094. O noso mundo é branco, aséptico, limpo, ordenado. O noso universo é frío e tan impersoal coma o quirófano dun hospital. Deixamos de sentir e de comunicarnos. Aterramos no futuro, si, pero perdemos a memoria e a emoción. Galicia. Último ano Xacobeo deste século XXI. Unha troupe formada por un ilusionista, seis bailaríns e seis artistas de circo comproban que xa non existe o Camiño de Santiago, que xa ninguén o lembra. Non quedan peregrinos nin un camiño que percorrer xuntos. Tampouco a auga ou a chuvia, o son das gaitas, o verde dos campos ou a pegada do mar na area. Nin pegada nin lembranza ningunha. Que era todo aquilo? Onde quedaron a viaxe, a busca e o descubrimento? Onde liscou a sensibilidade? Velaquí as preguntas que van guiar a esa troupe circense que teima nunha misión: reconstruír a súa identidade cultural. Sobre as táboas, os artistas vense envoltos nunha aventura sen igual. O pasado tócaos maxicamente e unha forza sobrenatural transformaraos.
Inventio nace co obxectivo de servir de vehículo de coñecemento e de divulgación do Camiño de Santiago e da cultura galega a través dunha historia de buscas e encontros, apta para público familiar e adulto. Trátase dun espectáculo que dota o noso patrimonio cultural dun enorme poder simbólico: tradicións nadas hai séculos que perduran hoxe, e que o fan enriquecidas e felizmente contaminadas doutras manifestacións artísticas, cunha ollada aberta que pon en valor o que nos constrúe e o que nos une.
Logo do seu paso por Lugo, a xira de Inventio proseguirá por Pontevedra (11-13 novembro), Cáceres (26-27 novembro), Ourense (2-3 decembro), Bilbao (29-30 decembro), Vigo (3-4 xaneiro 2023) e A Coruña (13-14 xaneiro). Toda a información actualizada sobre a xira e os billetes está dispoñible no espazo web www.inventio.gal.
O IESCHA organiza a proxección, en formato de autocine, da película de Ignacio Vilar, VILAMOR, que terá lugar o sábado 29 de outubro de 2022, ás 21:30 no Campo da Feira de Vilalba.
O IESCHA, en colaboración co Concello de Vilalba, organiza a Exposición de LÁMINAS DO QUIXOTE de JESÚS TRASTOY, que se inaugurará o xoves 27 de outubro de 2022, ás 20 h. na Sala de Exposicións do Auditorio Municipal de Vilalba, permanecendo aberta ata o 30 de novembro.
O IESCHA organiza a presentación do libro UNHA NOVA OLANDA, de Antón Baamonde, que terá lugar o venres 28 de outubro de 2022, ás 20:30 h. na Casa da Cultura de Vilalba.
A ‘Escola do espectador nas ondas’ do FIOT acolle este sábado unha conversa aberta ao público entre Chévere e Pont Flotant
O Salón social do Pazo da Cultura acollerá a partir das 13.00 horas o encontro, que conducirá a xornalista cultural Machús Osinaga
O VI Certame Metro Cadrado ofrecere as estreas absolutas de ‘Xeografía dos corpos’ baixo a ponte do Parque do Anllóns e de ‘Homeless’ no escaparate dunha tenda deportiva
O FIOT avanza no seu compromiso coa accesibilidade e programa esta fin de semana, no marco da Rúa dos Contos, a peza ‘Contando polos dedos’, con Quico Cadaval e Chusa Pérez, unha obra inclusiva que se representará en galego e lingua de signos
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo celebrará esta fin de semana unha nova sesión da Escola do espectador nas ondas, os encontros promovidos polo FIOT entre público, artistas e xornalistas especializadas en artes escénicas para promover a comprensión e o análise dos espectáculos que conforman a programación do festival. O Salón social do Pazo da Cultura de Carballo acollerá este sábado 22, ás 13.00 horas, unha conversa aberta ao público que conducirá a xornalista cultural de RTVE Machús Osinaga (La Mandrágora, Atención Obras, Cine de Barrio) e que contará coa participación da compañía valenciá Pont Flotant e da galega Chévere.
O encontro, aberto ao público, contará con petiscos e grolos para as e os asistentes, e permitirá ao público coñecer de primeira man ‘Eclipse total’, o novo traballo de Pont Flotant que se estrea este sábado en Galicia no marco do programa de Sala do FIOT, ou ‘Pequenas mentiras para contar grandes verdades’, a conferencia performativa que Patricia de Lorenzo (Xograresa de Outono 2019) presentará o vindeiro venres 28 no OTNI e no que aborda o proceso de reación dalgunhas das personaxes que interpretou en Chévere.
Este mesmo sábado 22 o público do FIOT tamén poderá gozar con novas propostas do VI Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, a liña de programación que promove a creación de pezas escénicas experimentais en espazos non teatrais e singulares de Carballo. Desta quenda serán dúas estreas absolutas: ‘Xeografía dos corpos’, da Compañía Ánxela Blanco, un espectáculo de danza-circo creado por Ánxela Blanco e Simone Romanò que se poderá ver baixo a ponte do Parque do Anllóns; e ‘Homeless’, peza qde Mónica Paradela que emprega o texto e as habilidades circenses para presentar o auxe e caída dunha deportista de élite, e que se poderá ver no escaparate da tenda Zocas. Ambas obras contarán con catro pases (13.00, 13.30, 19.00 e 19.30 horas).
Xa pola noite o Mercado municipal acollerá unha nova función do ciclo de Narración Oral Rúa dos Contos, que este ano rende homenaxe a Pedro Brandariz. Será a quenda de ‘Contando polos dedos’, un espectáculo accesible para persoas ouvintes, xordas, interesadas na lingua de signos e ou nas capacidades expresivas desta fala en Galicia. Unha creación de palabras e sinlencios, na que Quico Cadaval e Chusa Pérez Vallejo retoman unha colaboración dos anos 90 e voltan con estas dúas maneiras de contar: pola boca e polos dedos.
A programación da fin de semana pecharase cunha das xoias da escena teatral alternativa: ‘Freak’, de Amor Producciones, baseada no texto da dramaturga Anna Jordan. Baixo a dirección de Paula Amor, a proposta -enmarcada no ciclo OTNI- é unha peza de teatro social sobre a feminidade que se converteu en toda unha referencia internacional pola súa maneira de abordar a sexualidade.
‘Papagena’, a ópera electrónica en galego dirixida por ButacaZero, chega a Tui este venres 21 de outubro
Sobre o escenario estarán a soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario polo director musical da peza, Iago Hermo, compositor ademais da música e do libreto
A ópera será no Teatro Municipal de Tui ás 21.30 h e a entrada gratuítapódese reservar na web tui.gal
Papagena, á última creación da compañía ButacaZero, dirixida por Xavier Castiñeira e Esther F. Carrodeguas, vaise representar este venres 21 de outubro, ás 21.30 h, no Teatro Municipal de Tui. Trátase dunha ópera electrónica contemporánea de pequeno formato en galego, con perspectiva de xénero, que narra a historia dunha parella engaiolada nunha relación tóxica. O elenco está formado pola soprano Esperanza Mara e o barítono cambadés Jacobo Rubianes que actúan acompañados no escenario por Iago Hermo, compositor da ópera e do libreto e tamén director musical da peza.
O espectáculo é gratuíto pero cómpre reservar a entrada na web tui.gal. Esta función enmárcase no programa ‘Con-fiando Cultura’ da Deputación de Pontevedra que tamén levará proximamente Papagena ata Gondomar (5 de novembro) e Bueu (19 de novembro).
Papagena é unha ópera electrónica inspirada na parella de persoas-paxaro da célebre A frauta máxica, de Wolfgang Amadeus Mozart. A peza, na que Castiñeira e Carrodeguas asumen por primeira vez a dirección escénica dunha ópera, nace da vontade de afondar nos clixés de xénero presentes no eido da creación operística, mais tamén pretende rachar con outras percepcións habitualmente asociadas ao mundo da lírica: a lingua, os espazos de representación, o público destinatario ou mesmo o formato. Para conseguilo, Iago Hermo deseñou unha ópera electrónica, baseada nas súas investigacións arredor do espectralismo minimalista. O resultado, coa colaboración de Ana Arteaga na escenografía e de Diego Valeiras no vestiario, é un espectáculo musicalmente inmersivo e visualmente contemporáneo que levará a ópera a vilas onde non adoita chegar este estilo musical.
Así, alén de Pontevedra, a xira de Papagena tamén ten previstas funcións en Oleiros (29 de outubro), Celanova (6 de novembro), Muros (12 de novembro), Boiro (18 de novembro) e Foz (25 de novembro). Na meirande parte das vilas o público poderá gozar desta experiencia única e inmersiva de xeito totalmente gratuíto. Todas as datas, horarios e sistema de acceso ás funcións de Papagena está dispoñible na páxina web da compañía, butacazero.net.
APOSTA POLA CREACIÓN EMERXENTE E O TERRITORIO
Con esta nova produción, unha ópera galega e en galego, ButacaZero mantén a súa aposta polo risco escénico, pola creación emerxente a través da colaboración con artistas de Galicia e pola creación vinculada á temática social e cunha fonda implicación no territorio. Neste sentido, un dos principais obxectivos da compañía viguesa é construír país arredor da cultura. Para iso, adaptarán a ópera contemporánea á realidade social galega, levándoa, ao longo do vindeiro trimestre, a espazos non convencionais para a súa representación. A entrada será de balde en todas as funcións para favorecer, deste xeito, o achegamento á ópera tanto do público adolescente coma adulto.