Elefante Elegante dirixe en Nuremberg a adaptación da novela “Os bicos feridos”

Fotografía do espectáculo de Ali Al-Zubaidi


Producida polo Teatro Gostner, Schmetterlinge é unha proposta escénica internacional que explora as emocións humanas a través dunha colaboración galego-alemá.

A adaptación teatral -dirixida por María Torres e Gonçalo Guerreiro- da novela “Os bicos feridos”, de Anna R. Figueiredo estrearase este 14 de novembro e estará en cartel ata o 7 de decembro.


Nuremberg prepárase para acoller a estrea de Schmetterlinge, unha produción innovadora que conecta culturas e sensibilidades europeas a través da adaptación teatral de Os bicos feridos, novela da escritora galega Anna R. Figueiredo.

Este novo espectáculo está dirixido por María Torres e Gonçalo Guerreiro da compañía Elefante Elegante e estréase este xoves 14 de novembro no emblemático teatro alemán Gostner Hoftheater de Nuremberg . Estará en cartel ata o 7 de decembro.

Schmetterlinge segue a historia de Olivia, unha muller que naceu en Alemaña, filla de pais galegos emigrados. Aínda que vive en Galicia desde os oito anos, regresa ao país onde naceu para traballar como empregada de limpeza na casa e no laboratorio de Lisa, unha médica forense, divorciada e con dous fillos. Un día, Olivia coñece a Samuel, o fillo de Emma, unha actriz e cantante que non logra consolidar unha carreira artística. Samuel suicídase, e Lisa encárgase de realizar a autopsia. 

A obra Schmetterlinge, título que significa en alemá bolboretas, explora temas universais de perda, superación e identidade nunha montaxe que combina unha linguaxe plástica que evoca a poesía visual. Esta colaboración entre Elefante Elegante e Gostner Hoftheater é unha oportunidade única para afondar nas complexidades da novela e levala a un novo nivel escénico e internacional.

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar sobre temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, a música e as artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén en si mesmo todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica arredor do xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares desde o ano 2013.

MÁIS INFORMACIÓN

www.elefanteelegante.net

https://www.instagram.com/elefante.elegante.teatro/

https://www.facebook.com/elefanteelegante.net/

NP-_-Estrea-Schmetterlinge-_-Elefante-Elegante

Xurxo Souto este sábado na Casa-Museo Manuel María

Presentación do libro Somos un pobo de artistas. O método Luísa Villalta, de Xurxo Souto, libro que inclúe un capítulo dedicado a Manuel María e a súa relación coa música galega.

A presentación realizarase este sábado, 16 de novembro, ás 19 horas, na Casa-Museo Manuel María. Côa Entrada libre. Aínda que cómpre reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621.

Presentación do Libro “Corcosendo” na Casa da Cultura de Antas de Ulla


O sábado 16 de novembro de 2024 ás 19,00 h será presentado na Casa da Cultura de Antas de Ulla o libro Corcosendo. A memoria das costureiras da Ulloa, terceiro número da colección Ulloa Audiovisual publicada pola Sección de Audiovisuais do IEU, coordinada por Patricia Coucheiro, Sara Coello, Antía Montes e Susana Varela.

Estarán presentes as coordinadoras e as artistas que participaron no proxecto Corcosendo e parte das súas protagonistas: as costureiras. O grupo Zoelas interpretará o tema Corcosendo, que compuxo para este proxecto. Interpretarase ademais un fragmento da obra María Visitación Consolación Amadora  coa intervención escénica de Aida Cobas (Loia Producións); proxectarase a videocreación As mans núas de quen nos vestiu do cineasta Xabier Mailán; e Verónica Ramilo explicará o proceso creativo das súas intervencións textiles nas fotografías que tivemos ocasión de ver nas exposicións de Corcosendo instaladas en Vilar de Donas, no pazo de San Marcos de Lugo e no castelo de Pambre. 

http://ieu.gal/presentacion-libro-corcosendo-en-antas-de-ulla-16112024/

Camiño Escena Norte pecha unha edición “de resistencia”

Camiño Escena Norte pecha unha edición de resistencia nun ano marcado pola fonda caída das subvencións estatais 


O proxecto de intercambio de artes escénicas finaliza a súa programación de 2024 sen poder atender aos públicos de quince localidades de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra; ademais de ter que suspender o programa Cruzamentos

Camiño Escena Norte (CEN), o programa de intercambio cultural no que participan 15 compañías de danza e artes do movemento, teatro e novo circo de Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra, pecha a súa sexta edición. Esta, que comezou como a máis expansiva, finalizou como unha edición de resistencia debido á exclusión do proxecto das Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura, e á diminución en máis dun 50% da axuda da convocatoria de teatro e circo do Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música (INAEM). As resolucións, coñecidas cando xa arrincara a programación, obrigaron a cancelar quince funcións do Ciclo Constelacións e suspender o proxecto Cruzamentos, ademais de poñer en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica.

Camiño Escena Norte presentaba en 2024 a súa edición máis expansiva, cun incremento de sedes, estreando proxectos e extensións en máis de 60 localidades en Galicia, Asturias, Cantabria, Euskadi e Navarra. Na edición de 2023, o proxecto foi o segundo máis valorado dos 500 presentados ás Ayudas para la acción y la promoción cultural do Ministerio de Cultura. Cando a sexta edición comezara, chegaron as resolucións provisionais tanto das mencionadas axudas como da convocatoria de teatro e circo do INAEM: o aplaudido proxecto de Camiño Escena Norte quedaba fóra da axuda ministerial e vía reducida en máis dun 50% a achega do INAEM, cun recorte global, no financiamento estatal respecto ao 2023, de 73.530,20 euros. 

Este pau económico fixo que a organización de CEN tomase varias decisións drásticas para poder continuar coa sexta edición -coa programación xa presentada e iniciada-: a cancelación de 15 funcións do Ciclo Constelacións (unha por compañía e tres por comunidade), a suspensión do proxecto Cruzamentos (no que estaban implicadas catro compañías) e a anulación da colaboración coa Asociación Te Veo de Artes Escénicas para la Infancia y la  Juventud. A situación obrigou tamén a suspender a actividade da Oficina CEN de Cooperación Escénica e pon en perigo a súa continuidade. Así, o traballo de CEN centrouse en ofrecer tanto ás compañías como aos públicos unha edición de resistencia, para non cancelar o programa como sucedeu con outros proxectos de artes escénicasdebido á forte caída nas subvencións estatais.

Os públicos de quince localidades quedaron sen poder gozar da programación CEN: en Galicia afectou as funcións programadas en Sobrado dos Monxes, Ames e Ribadeo; en Asturias canceláronse espectáculos en Soto del Barco, Vegadeo e Corvera; en Cantabria anulouse a programación de Castro Urdiales, Solares e Los Corrales de Buelna; en Euskadi, CEN non chegou ás salas de Muskiz, Zumaia e Eibar e, en Navarra, o recorte afectou ao programa en Tafalla, Villava e Azagra. Esta situación foi especialmente dolorosa para a organización, porque un dos éxitos do proxecto foi a relación  directa cos públicos: desde a primeira edición, CEN apostou porque o artístico non quedase limitado ao espazo escénico, e que compañías e espectadores dialogasen e intercambiasen experiencias posfunción. 

Ademais, a decisión ministerial danou o programa Cruzamentos, un dos piares do CEN. Nesta rede de estancias -de intercambio escénico, artístico e profesional- ían participar este ano os vascos Hika Teatroa xunto á compañía navarra Led Silhouette (no Centro Cultural Egia de Donostia), e a compañía galega Furia Sotelo en colaboración cos cántabros Babirusa Danza (na Casa Vella, Amiadoso, Ourense). Estes proxectos quedaron suspendidos, mais a organización de Camiño Escena Norte está a buscar vías de financiamento para os mesmos de cara ao ano 2025.

O recorte tamén pon en perigo a continuidade da Oficina CEN de Cooperación Escénica, un programa de consultoría e acompañamento profesional creada en 2024 cuxo obxectivo é reforzar a actividade profesional de Camiño Escena Norte, apoiando a actividade das compañías no ámbito da distribución.

Camiño Escena Norte considera que o actual sistema de subvencións no ámbito estatal, a súa falta de continuidade cos proxectos e os seus prazos de resolución e execución, fan inviable non só o crecemento, senón a propia estabilidade de iniciativas como a súa. Ao tempo, quere agradecer o compromiso co proxecto das asociacións profesionais, patrocinadores e resto de entidades financiadoras nas cinco comunidades de Camiño Escena Norte. Este 2024, o proxecto contou co apoio económico da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic); Gobierno del Principado de Asturias; Gobierno de Cantabria; Eusko Jaurlaritza; Arabako Foru Aldundia, Bizkaiko Foru Aldundia; Gipuzkoako Foru Aldundia; e  Nafarroako Gobernua. No ámbito institucional, colaboraron tamén a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo. Vegalsa-Eroski  mantívose como patrocinador oficial e a Fundación Camino Lebaniego (Cantabria) incorporouse ao patrocinio do proxecto. A todas estas entidades, así como ás decenas de localidades que acollen a programación, Camiño Escena Norte agradece o seu apoio real e consistente, que foi fundamental para o mantemento da programación, e non sufrir a mesma sorte que outros proxectos que se viron obrigados a cancelar a súa actividade.

As asociacións profesionais de produtoras de artes escénicas promotoras de Camiño Escena Norte entran agora nun período de reflexión sobre o proxecto, aínda que o obxectivo de Escena Galega (Galicia), EscenAsturias (Asturias), ACEPAE (Cantabria), Eskena (Euskadi) e ESNA (Navarra) é continuar co programa. Con todo, non poden ocultar a súa frustración e tristeza pola falta de compromiso estatal cun proxecto que, desde 2019, levou o teatro, a danza e as artes do movemento e o novo circo a escenarios afastados dos circuítos habituais, ofrecendo a oportunidade de acceder á cultura a públicos de municipios sen acceso a este tipo de espectáculos. 

‘Casting Lear’, de Andrea Jiménez, gaña o Premio do Público do FIOT33

O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo botou con éxito o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo das súas 56 funcións e nas máis de 20 actividades organizadas arredor das artes escénicas, cunha porcentaxe de ocupación da sala dun 93,3%

O Programa de Sala acadou unha puntuación de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media da programación global do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados

Casting Lear, de Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de la Abadía, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5, a moi curta distancia de IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo a segunda posición

Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibe o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., é galardoada co premio á mellor interpretación do certame polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5



O espectáculo Casting Lear, de Andrea Jiménez, alzouse co Premio do Público do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, na súa 33ª edición. A obra, producida por Andrea Jiménez, Barco Pirata e Teatro de La Abadía, foi a peza mellor valorada polos espectadores neste #FIOT33, cunha puntuación de 4,85 sobre 5 (unha das notas máis altas do Premio do Público na historia do FIOT). A moi curta distancia quedou IRIBARNE, de Butacazero, que obtivo o segundo lugar, cunha puntuación de 4,81 sobre 5. A porcentaxe de ocupación de sala foi dun 93,3%.

Este #FIOT33 botou o pano da súa 33º edición o pasado 31 de outubro nun ano no que contou con preto de 12.000 asistentes ao longo de cinco semanas de programación, con 37 espectáculos, 56 funcións e máis de 20 actividades de mediación e promoción das artes escénicas, das que se celebraron un total de 200 sesións. O Programa de Sala acadou unha puntuación global de 4,33 sobre 5, mentres que a nota media das diferentes liñas de programación do FIOT foi dun 4,27, cun total de 2.162 votantes rexistrados. Cabe destacar a grande acollida non só do Programa de Sala, senón tamén de outras liñas de programación como o OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado), que encheu todas as representacións.

Pola súa banda, Respira, da Compañía Sempre Arriba, recibiu o recoñecemento como mellor espectáculo no Certame Micro-escenas M2, cunha puntuación de 4,79 sobre 5 outorgada, tamén, polo público asistente, mentres que Laura Villaverde, de Artesa Cía., foi a galardoada co premio á mellor interpretación do Certame Micro-escenas M2 polo espectáculo Panos de vinaghre, cunha puntuación de 4,58 sobre 5.

Neste FIOT33, cabe destacar a alta participación e a conexión do público en todas as propostas do festival, xa fosen espectáculos, encontros e todo tipo de actividades. Pode constatarse o interese da audiencia do FIOT polas propostas máis contemporáneas e arriscadas. Este 2024, o FIOT consolidouse como unha das propostas de artes escénicas máis destacadas de Galicia e un dos eventos máis relevantes de Carballo.

Un ano máis, a Asociación Telón e Aparte, organizadora do FIOT, quere transmitir a todos os públicos un sentido agradecemento polo apoio incondicional, o cariño e a ilusión recibidos: “aos artistas e compañías que participan no festival, porque nos transmiten a súa satisfacción por formar parte dun programa de prestixio, que perciben como diferenciador pola calidade e o mimo con que en Carballo se tratan todas as súas facetas; ás institucións, polo seu respeto a un proxecto ambicioso, riguroso e honesto co ecosistema cultural; aos voluntarios e numerosos colaboradores, base na que nos sustenatamos e dos que sentimos unha entrega única, e que son os mellores embaixadores do FIOT; e aos espectadores, que nos apoian día a día, función a función e actividade a actividade, porque participan, opinan, animan, critican e, sobre todo, viven con nós a ilusión polo FIOT”.

SOBRE ‘CASTING LEAR’, ESPECTÁCULO GAÑADOR DO PREMIO DO PÚBLICO DO FIOT33

Esta versión-simulacro é unha autoficción a partir dun clásico (ou un clásico autoficcionado) que investiga os cruces entre ficción e realidade para reflexionar sobre a paternidade, o amor e o perdón, nun brillante exercicio teatral tan valente como lúdico. Unha porta aberta para pensar sobre como nos relacionamos cos nosos pais, tanto os biolóxicos como os metafóricos, mesmo o propio Shakespeare, abordando a influencia do pasado e como os que nos preceden nos constrúen.

Na adaptación contemporánea de Andrea Jiménez do Rei Lear de Shakespeare, teatro e performance mestúranse con humor e tenrura nunha proposta irreverente e innovadora, emocionante e intensa que abre un espazo de encontro con toda unha xeración de actores e homes, permitindo unha profunda reflexión sobre as relacións humanas e os roles paternos.

En Casting Lear o actor protagonista na pel do Rei Lear é unha incógnita, xa que cambia en cada unha das representacións do espectáculo, polo que o nome do intérprete -que non coñece o texto ata unhas horas antes do inicio da función- foi unha sorpresa para o público que a que acudiu ao FIOT a ver a obra, feito que supón toda unha experiencia escénica e que converteu á peza nunha das revelacións da temporada en España. 

En Carballo, Lear foi interpretado polo queridísimo Quico Cadaval, fito que provocou unha máxica conexión co público e converteu a este espectáculo contemporáneo e experimental de gran calado no éxito indiscutible do Programa de Sala, cun entusiasta patio de butacas que rompeo en aplausos e alzouse en pé en bloque nada máis rematar a función. A súa creadora, Andrea Jiménez, é un valor en alza da creación escénica actual, directora de obras para importantes institucións teatrais e galardoada con premios como o Ojo Crítico de Teatro no 2019 pola compañía Teatro en Vilo, da que é fundadora.

UNHA PANORÁMICA GLOBAL SOBRE O #FIOT33

Este outono, o Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, reuniu de novo en Galicia a algunhas das figuras máis imprescindibles da escena teatral contemporánea para celebrar a súa 33ª edición. Do 26 de setembro ao 31 de outubro, dramaturg@s e director@s tan celebrad@s como Daniel Veronese, Pablo Remón, José Troncoso, Esther Carrodeguas, os Premios Nacionais de Literatura Dramática Paula Carballeira e Alberto Conejero e Andrea Jiménez, ademais de intérpretes de renome como Javier Cámara, Malena Alterio, Israel Elejalde, Marta Nieto, Paula Quintas, Cándido Pazó ou Evaristo Calvo, e compañías sempre interesantes como Las Niñas de Cádiz, Berrobambán ou Teatro Kamikaze, entre moitas outras, participaron no FIOT. 

Baixo o lema ‘Agora é sempre’, a 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo achegou ao público textos de grandes clásicos como Shakespeare, Homero, Eurípides ou Chéjov, vistos desde o prisma contemporáneo, revisitando conflitos atemporais para propoñer unha singular viaxe que vai do presente á eternidade, do contemporáneo á tradición, do particular ao universal… do agora ao sempre. 

Deste xeito, o FIOT regresou durante cinco semanas ás táboas, rúas e espazos non convencionais de Carballo cun programa aberto a todos os públicos, formatos e sensibilidades, que concentrou 36 espectáculos, procedentes de 3 países (España, Arxentina e Cuba) e 7 comunidades autónomas españolas (Galicia, Valencia, Cataluña, Madrid, Castela e León, Andalucía e Navarra), con 8 estreas absolutas, 1 estrea en España, 6 estreas en Galicia e máis dunha trintena de actividades de mediación.

Da man do #FIOT33, este outono desfilaron por Carballo propostas como En mitad de tanto fuego, de Alberto Conejero; a versión 1 de Vania x Vania, de Teatro Kamikaze, dirixida por Pablo Remón e protagonizada por Javier Cámara, Israel Elejalde e Marta Nieto, entre outros; Los amigos de ellos dos, con Malena Alterio e David Lorente, baixo a batuta de Daniel Veronese; IRIBARNE, de ButacaZero, escrita e interpretada por Esther Carrodeguas; Las bingueras de Eurípides, das sempre interesantes Niñas de Cádiz, con dirección de José Troncoso; Casting Lear, de Andrea Jiménez; ou o desembarco en España dun dos grandes éxitos da carteleira arxentina das últimas tempadas: El brote, da Compañía Criolla.

Non faltaron á cita a prestixiosa compañía galega Berrobambán, coa Premio Nacional de Literatura Dramática en 2023 Paula Carballeira, que presentaron a estrea absoluta da peza coproducida polo FIOT Mulleres que viven soas #MQVS. Entre os creadores galegos, destacaron nomes como os de Paula Quintás, tamén cunha estrea absoluta, a de Multiperspectivas#3, ou Cándido Pazó e Evaristo Calvo, entre moitas outras figuras.

UN ENCONTRO QUE NON SÓ É TEATRO

O FIOT é a cita coas artes escénicas máis prestixiosa de Galicia e un dos referentes culturais do noroeste peninsular. Cada outono reúne a máis de 10.000 persoas, durante un mes, ao redor dun programa que concentra preto de 40 espectáculos e unha trintena de actividades paralelas, da man de artistas e compañías de renome da escena española, galega e internacional. 

Figuras como Carmen Maura, Blanca Portillo, Carmen Machi, Martiño Rivas ou Xosé A. Touriñán; ademais de formacións de referencia como Els Joglar, Yllana, Kamikaze Producións, Chévere ou Voadora, entre outras moitas, desfilaron polas táboas do FIOT nas súas máis de tres décadas de historia.

O compromiso social, a aposta polas voces singulares e únicas, a calidade, a autenticidade e a apertura a xéneros e linguaxes diversas (teatro de texto, performance, teatro xestual e de obxectos, autoficción, circo, teatro documento…) conforman ano tras ano a identidade do FIOT. 

Coa vontade de achegar a Carballo as mellores propostas do circuíto escénico actual a nivel galego, nacional e internacional, o programa do festival conta con diferentes liñas de programación e, así, ademais do Programa de Sala, no FIOT alternaranse outras interesantes seccións, que apostan polos xéneros, os formatos e os públicos máis diversos. No FIOT hai narración oral na Rúa dos Contos; teatro experimental e novos creadores no OTNI (Obxecto Teatral Non Identificado); circo, teatro de rúa ou teatro físico en Teatro de Rúa; obras curtas de pequeno formato en espazos non convencionais no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, temáticas orientadas ás inquietudes adolescentes no FIOTeen, etc. 

Fiel á súa vontade de ser “o corazón do teatro en Galicia”, en paralelo á programación escénica, o FIOT desenvolve unha intensa actividade con entrevistas en formato podcast, residencias artísticas, encontros profesionais, colaboracións con outros proxectos escénicos, exposicións ou o premio Xograr de Outono, este ano outorgado a Avelino González. Na web do festival, www.fiot.gal, é posible consultar toda a información.


MÁIS INFORMACIÓN https://fiot.gal