Ferrol acolle ‘Un momento precioso’, o novo espectáculo de Elefante Elegante que reflexiona sobre a emerxencia climática

A estrea da obra terá lugar no Teatro Jofre de Ferrol este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, coas entradas á venda a un prezo de 5 € na plataforma en liña www.ferrol.es

A través do teatro, a danza e a acrobacia, Un momento preciosoimpélenos a reaccionar: quedamos observando como se consome o planeta ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol

O escenario do Teatro Jofre transformarase este venres, 12 de abril, ás 20.30 horas, nunha sorte de xardín idílico para acoller Un momento precioso, a última creación da compañía de teatro físico Elefante Elegante. Desta volta, a troupe liderada por María Torres e Gonçalo Guerreiro vai presentar un espectáculo para público adulto que ten como fío condutor a emerxencia climática. As entradas para poder asistir ao espectáculo están á venda a un prezo de 5 € na web http://www.ferrol.es/jofre/Paginas/SelEvento.aspx.

Esta mañá, xoves 11, os medios accederon en primicia a un avance de Un momento precioso nunha presentación que contou coa presenza de Blanca G. Agulló, responsable da produción executiva do Teatro Jofre; Penélope López, concelleira de Cultura de Culleredo; Cristina Pardo, primeira tenente de alcalde e concelleira Participación Cidadá e Deportes de Culleredo; María Torres, Gonçalo Guerreiro e boa parte do equipo artístico do espectáculo.

Segundo María Torres, a través desta obra “o público vai ter a oportunidade de reflexionar sobre a relación do ser humano co planeta” pero sen renunciar “á ironía, o humor e a poesía e sempre co propósito de emocionar, concienciar e facer rir”. Pola súa banda, Gonçalo Guerreiro salienta que alén da reflexión que desexa provocar no espectador, o seu labor persigue crear no escenario “un momento de gozo e puro pracer”. Para conseguilo conta cun equipo dunha ducia de persoas que levan traballando arreo para facer realidade o proxecto.

Así, Guerreiro e Torres asinan ambos os dous a creación de Un momento precioso. Gonçalo Guerreiro é, tamén, o responsable da dirección e a escenografía da peza, mentres que o elenco está integrado por Pablo Sánchez, Julia Laport, Mario Rodríguez, Sofía Espiñeira, Eloi García e a mesma María Torres. Pola súa banda, a musica está composta por Manuel Fonte, a iluminación é de Nacho Martín e Carolina Díguele é a artífice do vestiario.

Un momento precioso é un espectáculo de teatro de movemento que transita entre o teatro, a danza e a acrobacia. A través da relación da música co movemento e a interacción cos elementos da escenografía, revélanse todos os segredos dunha posta en escena que se fundamenta na dinámica plástica da narrativa teatral.

UNHA DECISIÓN URXENTE

Un momento precioso evoca o imaxinario simbólico do xardín asociado ao ideal da Terra como unha sorte de Arcadia feliz. O xardín simboliza a prosperidade, a paz e a liberdade, pero “un momento precioso” transita entre o soño e o pesadelo, entre o paraíso e o inferno, entre a luz e a sombra, entre a construción arquitectónica intelixente e a catástrofe. O mundo está a arder, da Amazonia a California, de Australia ao Ártico Siberiano. Cómpre escoller: quedamos observando como se consome no lume ou optamos por facer o preciso para alcanzarmos un futuro diferente?

A decisión é, asemade, simple e complexa, pero é, sobre todo, urxente. Esta pode ser a hora final da nosa civilización, pero o noso momento é tamén precioso. É posible resolver a emerxencia climática, mais cómpre actuar axiña. Un momento precioso rescata a idea de xardín como lugar natural estratéxico no deseño das cidades sostibles e, tamén, como un espazo social ideal onde coexisten seres humanos de diferentes idades, xéneros e clases sociais. Pero, como, cando e onde nos sentiremos verdadeiramente libres, en seguridade e en igualdade de dereitos?

Un momento precioso é unha coprodución de Elefante Elegante e o Concello de Culleredo -onde Elefante Elegante é compañía residente- e conta coa subvención da Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta de Galicia (Agadic) e o apoio do Concello de Ferrol. 

SOBRE A COMPAÑÍA

Elefante Elegante nace do desexo de desenvolver unha linguaxe plástica, poética e universal que non dependa exclusivamente do texto e que permita indagar en temáticas de carácter social e existencial. As súas creacións xorden do diálogo do teatro físico coa danza, coa música e coas artes visuais. Os espectáculos de Elefante Elegante están baseados na relación do corpo co espazo e reflicten unha rigorosa investigación de xestos, movementos e imaxes.

O xogo teatral baséase no traballo plástico dos intérpretes e na súa constante interacción cos elementos escenográficos. A narrativa das accións físicas varía entre a abstracción do movemento bailado e a construción da trama teatral. O corpo contén de seu todos os segredos e revelacións dunha posta en escena que se fundamenta na organicidade do dispositivo escénico e na dinámica pictórica da organización do espazo sonoro e literario.

A compañía foi fundada por María Torres e Gonçalo Guerreiro no ano 2000 e residiu os primeiros anos en Bélxica, ata instalarse en Galicia no 2007. O grupo comezou como un proxecto experimental do que facían parte actrices e actores de diferentes países europeos. En escena, cada intérprete falaba a súa propia lingua. Ese foi o motor para iniciar a súa práctica en torno ao xogo corporal. Actualmente, Elefante Elegante ten a súa sede no concello de Culleredo (A Coruña), onde é compañía residente. Os seus espectáculos foron recoñecidos con varios premios María Casares.

Este ano son candidatos aos Premios Max á mellor dirección de escena e foron gañadores dos Premios María Casares 2024 á mellor dirección de movemento pola obra Un hotel de primeira sobre o río, do Centro Dramático Galego.

20240411-NP-Presentacion-Un-momento-precioso-Elefante-Elegante

Raquel Queizás presenta o seu espectáculo TRAVESÍAS na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 13, ás 17 hrs, RAQUEL QUEIZÁS trae á Casa-Museo Manuel María Travesías, un espectáculo de contos con obxectos e monicreques dirixido para as crianzas, a partir de catro anos, e as súas familias.

Raquel Queizás proporá ao público asistente unha viaxe de aventuras en que se coñecerán mulleres e nenas bravas que loitaron contra os prexuízos para conseguir os seus soños. 

Raquel Queizás é actriz, titiriteira e sobre todo contadora. Con máis de vinte anos no mundo da narración oral o seu repertorio inclúe contos tradicionais, lendas de cada recanto, adaptacións de contos de autor e historias propias. Nos seus espectáculos o público é un elemento fundamental, facendo parte das súas historias.

As persoas interesadas en asistiren, poden reservar (billete 2 euros) no seguinte enderezo electrónico contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través de whatsapp 698177621

Guadi Galego pecha o sábado 13 en Pontevedra a tríade de concertos de presentación de ‘Síntese Horizonte’

Síntese Horizonte é unha proposta expresamente concibida para teatros na que a creadora presenta, por primeira vez en Galicia, o seu álbum Roibén, ademais de revisitar temas de anteriores traballos discográficos



Guadi Galego vistará este sábado 13 de abril Pontevedra para por o punto e final á xira de presentación do seu novo directo, Síntese Horizonte. A cita será no Teatro Principal, a partir das 20.00 horas, no marco do ciclo Resoan do Concello de Pontevedra, e para dita ocasión non quedan entradas dispoñibles. 

Logo de actuar o pasado mes de xaneiro no Teatro Principal de Compostela e no Teatro Jofre de Ferrol, a cantante e compositora pechará esta fin de semana na localidade pontevedresa a tríade de concertos de presentación en Galicia do seu último LP, Roibén, nunha noite na que tamén soarán cancións de anteriores discos ou mesmo o seu sinxelo O.D.A. Guadi Galego subirase este sábado se de novo ás táboas para sorprender ao público cunha proposta exclusiva que pretende ofrecer unha experiencia musical única e transformadora.

Sobre o escenario, Guadi Galego acompañarase dunha banda conformada por grandes artistas do país. É o caso de Guillerme Fernández (guitarra acústica eléctrica e sintetizada), Rubén Iglesias (baixo e sintetizadores), Isaac Palacín (batería e percursión), Álex Fernández (teclados). Completan a formación, como vocalistas e pezas chave do directo, Paula Romero, Faia Díaz, Inés Salvado e Rocío Jiménez. Ademais, a nova produción de Guadi Galego en colaboración con Culturactiva destaca tanto pola súa coidada iluminación (baixo a dirección e o deseño de Laura Iturralde e José Faro, de NONONON.LAB) como pola súa posta en escena (de Marina Oural e Ugía Pedreira -Oficina Galega de Outros Asuntos do Movemento), froito do traballo en común que as artistas desenvolveron coa creadora de Cedeira. 

GUADI GALEGO

 É unha das artistas máis relevantes da escena musical galega das últimas décadas. A súa andaina musical comezou sendo ela moi nova, un camiño fíado especialmente a Berrogüeto como vocalista, pianista e gaiteira, e que, co tempo, deu paso a outros proxectos máis persoais, como Espido ou Nordestin@s. No 2009 inicia a súa carreira en solitario con Benzón. Logo chegarían os exitosos Lúas de Outubro e Agosto (con éxitos indiscutibles como Chea de vida ou Matriarcas), O mundo está parado, Inmersión, Costuras ou o máis recente Roibén (2022), LP que presentou en diferentes puntos da xeografía peninsular. 

Logo dunha simbólica ausencia nos escenarios do país, Guadi Galego segue a atravesar etapas e dá paso a novos horizontes, sen esquecer que a vida existiu e persiste nela. Se no mes de setembro lanzaba o sinxelo O.D.A, toda unha declaración de intencións sobre a madurez e aceptación da vida, e na que reivindica o dereito a seguir experimentando, no 2024 presenta Síntese Horizonte, unha aposta da propia Guadi pola evolución do seu son, pois con cada disco, e con cada espectáculo, foi aprendendo a desaprender do establecido.

CONVOCATORIA MEDIOS GRÁFICOS

Data: sábado 13 de abril de 2024
Hora: 20.00 horas
Lugar: Teatro Principal de Pontevedra
Acto: Concerto Síntese Horizonte, de Guadi Galego, no marco do ciclo Resoan.

20240410-NP-Guadi-Galego-Pontevedra-13-de-abril

Presentación do libro “Non apartes a mirada do espello”, de Ticiana Ghiglione Darriba, no Auditorio Municipal de Vilalba

O Instituto de Estudos Chairegos, coa colaboración do Concello de Vilalba, organiza o acto de presentación do libro “NON APARTES A MIRADA DO ESPELLO”, de TICIANA GHIGLIONE DARRIBA (artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes). 

O acto terá lugar o venres 12 de abril de 2024, ás 20:00 horas, no Vestíbulo de Auditorio Municipal de Vilalba. Será presentado por Marisa Barreiro, presidenta do Iescha, e contará tamén coa presenza de Pilar Maseda, poeta, e a intervención de Susana Pérez, da Escola Municipal de Teatro. ENTRADA LIBRE ATA COMPLETAR AFORO.

Información sobre o libro

No mes de marzo saíu á luz o libro de relatos de Ticiana Ghiglione Darriba «Non apartes a mirada do espello». Este libro é o resultado dun incesante traballo da autora, no que se reúnen contos que, como sinala súa recensión son «por momentos ásperos no sentido de impulsarnos a lembrar aspectos da condición humana que preferiríamos descoñecer (…) «historias inquietantes que nos levan a observar o noso interior na procura das sombras».

Este libro, ademais de relatos, vén acompañado por ilustracións, unha sorte de visión gráfica que fortalece o texto e agrega outra mirada, neste caso visual, a un texto que conmove dende as palabras e a gráfica.  

Non apartes a mirada do espello é unha compilación de relatos bilingüe (galego e castelán) prologado por María Xosé Porteiro, quen afirma o seguinte: «unha sorte de montaña rusa que combina a ironía aguda –por veces cáustica, sen perdóns nin coartadas– coa vertixe do chan desaparecendo baixo os nosos pés ao tempo que unhas cóxegas infernais electrizan a nosa espiña dorsal».

O libro foi presentado en Pontevedra, en Ribadeo, en A Coruña, en Sarria e o 11 de abril será presentado en Lugo, ás 20.30h, en O Vello Cárcere, coa presenza de Carmen Conde, que realizará xunto coa autora unha performance interactuando co público presente. E o 12 de abril ás 20:30h no Auditorio de Vilalba será presentado por Marisa Barreiro (Presidenta do IESCHA) e Pilar Maseda (poeta). Tamén acompañará para a realización dunha performance, Susana Pérez da Escola Municipal de Teatro. Seguirán moitas presentación ao longo do país.

Ticiana Ghiglione Darriba, artista multidisplinar, licenciada en Belas Artes pola Facultade de Belas Artes de Pontevedra, Universidade de Vigo, naceu en Bos Aires en 1982 e vive en Galicia dende 1992. Como artista realizou múltiples mostras de pintura, individuais e colectivas. Ademais traballou no eido audiovisual, comisariou exposicións e levou adiante a xestión de moitos proxectos de índole cultural. Acadou varios recoñecementos polo seu traballo como artista, escritora e realizadora de curtas audiovisuais. É a creadora do personaxe de viñetas chamado Dina Mita, presente en moitos medios de comunicación como Sermos Galiza, Diario de Pontevedra, Muller Art e Onda Cero. En 2018, publicou o libro Dinamitadas, el despertar de la ironía, unha compilación de viñetas de Dina Mita, que conta con dous prólogos: un de Xaquín Marín e outro de Xesús Alonso Montero

Non apartes a mirada do espello é o segundo libro de Ticiana Ghiglione Darriba e o primeiro de relatos.

Publícanse as bases do 9º certame de creación en danza de SóLODOS En Danza Ourense 2024

A 9º edición de SóLODOS En Danza Ourense ponse en marcha coa publicación das bases do certame de creación para dúos e solos de danza.

A final do certame celebrarase na cidade de Ourense co público escolar e a localidade de Xunqueira de Espadanedo coa final e entrega de premios do certame o día 14 de xuño. O día anterior as artistas finalistas realizarán un encontro en A Casa Vella en Amiadoso – Allariz.

Bases do certame:

SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024

CERTAME DE CREACIÓN DE DÚOS E SOLOS

BASES PARA O CERTAME DE CREACIÓN de DÚOS E SOLOS

DATA LÍMITE DE PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS: 19 / 05 / 2024

DATAS: 13 e 14 de xuño de 2024

LUGAR: Ourense, Galicia, España.

PRESENTACIÓN DE PROPOSTAS:

1. Poden participar todas as coreografías (dúos e solos) de creadores residentes en España maiores de 18 anos. Os intérpretes das obras tamén deberán ser maiores de 18 anos.

2. Poderanse presentar solos e dúos de danza contemporánea. As pezas serán interpretadas por un ou dous artistas. É fundamental que o creador (tanto en solo como en dúo) sexa un intérprete da obra.

3. A duración da obra presentada será de entre 8 e 10 minutos.Se a creación supera os 10 minutos, a peza non poderá participar no concurso.

4. A peza enviada en gravación para a preselección será a mesma que a presentada o día do concurso. Non se permitirán cambios substanciais. Os vídeos poden mostrarse con todos os seus elementos, ou simplemente unha gravación de ensaio. A gravación debe ser nun plano fixo, sen montaxe, onde se poida ver toda a obra.

5. SóLODOS EN DANZA / Ourense / 2024 celébrase na rúa, na provincia de Ourense. Tecnicamente só haberá equipos de son.

6. As obras presentadas deberán ser flexibles para ser bailadas na rúa ou no teatro, sen distinción. O percorrido en Costa Rica realízase, principalmente, en espazos non convencionais, parques, prazas, rúas, colexios.

7. Un mesmo creador pode presentar varias obras ao concurso, neste caso só se poderá seleccionar unha.

8. Farase unha preselección por vídeo, de ata 4 creacións de dúos e solos, que se presentarán en SóLODOS EN DANZA / Ourense / 2024. Os artistas finalistas deberán participar en todas as actividades programadas pola organización o xoves 13 de xuño e o venres 14 de xuño. Terán que estar en Ourense para as actividades programadas a partir do xoves 13 de xuño para as actividades que comezarán ás 16.00 horas e o día 14 (todo o día).

9. Documentos para enviar a túa proposta:

a/ VÍDEO da Coreografía: a través dunha ligazón a YouTube, Vimeo ou outro portal de internet onde se poden subir e ver vídeos publicamente. O título da ligazón do vídeo aparecerá do seguinte xeito: Título da peza……… / Nome do creador………

b/ Tamén terás que achegar por correo electrónico a seguinte INFORMACIÓN:

. Pequeno texto explicando por que queres participar.

. Título da peza / Nome do creador

. Breve texto sobre o traballo presentado (máximo 5 liñas) e ligazón ao vídeo.

· Nacionalidade, lugar de residencia e idade do creador.

. Correo electrónico e contacto telefónico.

. Nome e apelidos, idade, provincia/cidade de residencia e nacionalidade do/s intérprete/s.

. Currículums do Creador e dos intérpretes. Máximo unha páxina para cada un artista!!

Toda esta información: ligazón de vídeo e información requirida, enviarase ao seguinte enderezo electrónico: solodosendanza@gmail.com.

10. Un equipo de profesionais avaliará os vídeos e seleccionará aqueles que consideren oportunos. O domingo 19 de maio de 2024 ás 23:59 será o último día para recibir as propostas e documentación requirida.

11. O LUNS 27 de maio de 2024 publicaranse as obras seleccionadas na web e redes sociais de Solodos En Danza. A organización porase en contacto só cos seleccionados.

12. SóLODOS EN DANZA non asumirá ningún gasto finalista (correspondente a traslados, manutención e desprazamento), só SóLODOS asumirá o aloxamento dos artistas participantes na cidade de Ourense os días 13 e 14 no Albergue que colabora co proxecto.

13. Todo o material videográfico xerado por SóLODOS EN DANZA quedará a disposición da organización. A organización resérvase o dereito de conservar todo o material presentado, incluídas as obras non seleccionadas para o seu arquivo histórico; Así mesmo, a organización quedará exenta dos dereitos sobre as imaxes tomadas polo fotógrafo da organización durante o evento. As canles de televisión locais, rexionais e nacionais poderán filmar libremente o evento só con fins informativos; ningún coreógrafo ou intérprete poderá impedir a rodaxe das actividades.

14. Calquera outro suposto non incluído nestas bases será resolto pola dirección do Concurso.

15. Estar seleccionado no concurso implica a aceptación destas bases. O incumprimento poderá deixar a creación premiada sen premio.

CONTEXTO NO QUE SE CELEBRA SÓLODOS EN DANZA/ OURENSE / 2024:

SóLODOS EN DANZA é un proxecto de Cooperación Cultural, un proxecto artístico-social que xera intercambio e mobilidade entre artistas iberoamericanos. Utiliza diferentes estratexias de colaboración para construír unha ponte cultural entre artistas de dous continentes (América/Europa). Trátase dun proxecto de cooperación cultural sen ánimo de lucro.

SóLODOS EN DANZA é un espazo de colaboración e intercambio entre institucións públicas e privadas, festivais, entidades sociais e culturais e artistas. As colaboracións realízanse grazas ao esforzo das persoas implicadas nos diferentes proxectos. A plataforma ofrece bolsas, residencias artísticas, intercambios técnicos profesionais, coaching con académicos especializados en artes escénicas, entre outros.

PREMIO SóLODOS EN DANZA / OURENSE / 2024 con XIRA a COSTA RICA:

Os obxectivos deste premio son facilitar a mobilidade dos mozos creadores, promover encontros entre profesionais da interpretación iberoamericanas, crear un espazo de intercambio de ideas e proxectos nun contexto único como SóLODOS EN DANZA / COSTA RICA / 2025. SóLODOS EN DANZA premiará a unha obra e ao seu creador-intérprete ou creadores-intérpretes, para que participen no Festival de diferentes comunidades costarricenses. Desenvolverá unha residencia artística xunto con outros compañeiros iberoamericanos no espazo de Creación e Investigación SóLODOS Costa Rica. Tamén terán encontros cos colaboradores do proxecto, Universidades, escolas de arte, plataformas culturais comunitarias, Escolas de Danza estatais e privadas, encontros con artistas locais, obradoiros e clases maxistrais con diferentes profesores internacionais.

SóLODOS En Danza facilitaralle o(s) billete(s) de avión a Costa Rica (con saída de Madrid – San José, Costa Rica – Madrid) ao/s gañador/es, coordinando os seus traslados, aloxamento e comidas durante toda a xira en Costa Rica. A organización acompañará aos artistas durante o seu percorrido polos diferentes lugares.

PREMIO:

. Viaxe a Costa Rica. Saída de Madrid – Costa Rica – Madrid. Datas en novembro de 2025, a concretar pola organización.

. Percorrido por diferentes rexións de Costa Rica, en espazos pouco convencionais.

. Participación na edición de SóLODOS EN DANZA / Costa Rica / 2025.

. Obradoiros internacionais (recibir e impartir).

. Coaching e Residencia Artística con profesionais e académicos especializados en artes escénicas.

. Este premio non supón retribución económica ningunha.

OUTROS PREMIOS / MENCIÓNS :

.COREOGRAFÍA FINALISTA en “BAILANDO CON PIEDRAS” 2024.

A coreografía pasará á final do concurso “Bailando con piedras”, do Certame Internacional de Coreografía Burgos – Nova York, que terá lugar o 23 de xullo de 2024, na cidade de Burgos.

.COREOGRAFÍA PROGRAMADA no FESTIVAL “MANHATTAN” 2025.

A coreografía programarase no Festival Manhattan de Murillo de Gállego, Zaragoza, no verán de 2025, datas a determinar pola organización do Festival.

.MENCIÓN XOVE 2025.

O público escolar votará para escoller a súa coreografía favorita. A coreografía será Mención Xove do Público Escolar 2025.

Imaxe adxunta: Diego Garrido, gañador de SóLODOS En Danza Ourense ca súa peza Nunca bailaré solo. Foto de Manu Lago – Sólodos En Danza

www.solodos.es