Do 20 ao 22 de setembro, terá lugar a oitava edición da convivencia anual das Residencias Paraíso para a danza e as artes vivas, na que participarán as e os artistas seleccionada/os en 2024 nesta iniciativa pioneira no noso territorio, ademais de numerosa/os profesionais das artes escénicas convidada/os de dentro e fóra de Galicia
O encontro permite desenvolver durante toda a fin de semana, nunha contorna única, diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras accións de carácter transversal, nunha convivencia de tres días con case corenta artistas e profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo
Residencias Paraíso é un proxecto impulsado polo colectivo RPM, que conta co financiamento da Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega das Industrias Culturais, así como o apoio de Acción Cultural Española e das distintas institucións coprodutoras do programa: Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Concello de Pontevedra, Concello de Vimianzo, Concello de Carballo, Concello de Ribadavia e Fundación Cidade da Cultura de Galicia
Esta fin de semana terá lugar unha nova edición do Encontro Paraíso na Illa de San Simón. Do venres 20 ao domingo 22 de setembro, o Colectivo RPM organiza a súa cita anual das Residencias Paraíso —un programa de residencias artísticas para a danza e as artes vivas pioneiro no noso territorio—, na que participarán as e os artistas seleccionada/os en 2024 na iniciativa, ademais de numerosa/os profesionais da danza e as artes escénicas convidada/os de dentro e fóra de Galicia.
Este Encontro Paraíso na Illa San Simón é unha convivencia de tres días que xera un espazo compartido entre artistas Paraíso, socias-amigas de Colectivo RPM e persoas vinculadas á rede de espazos colaboradores nun espazo único: a Illa de San Simón. Esta contorna tan especial permite desenvolver durante toda a fin de semana diferentes dinámicas de presentación e debate sobre os procesos artísticos, así como propoñer outras acciones de carácter transversal. A posibilidade de durmir ofrece, ademais, un contexto de convivencia moi especial para o encontro.
Deste xeito, o Encontro Paraíso na Illa de San Simón, que neste 2024 alcanza a súa oitava edición, é unha convivencia de tres días para atoparnos na intimidade dunha illa tan singular como a de San Simón. Participado por toda e todos as e os Artistas Paraíso 2024 —Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo—, xunto a case corenta profesionais das artes vivas e a xestión cultural de distintas partes do mundo, o encontro está pensado para compartir os procesos artísticos en residencia desenvolvidos durante este 2024 e, tamén, para xerar unha espazo de coñecemento conxunto. O programa deste Encontro Paraíso 2024 na Illa de San Simón pode consultarse en:
https://colectivorpm.gal/gl/residencias-artisticas/encontro-paraiso-illa-san-simon/2024
En paralelo, por segundo ano consecutivo, o Colectivo RPM amplía o seu Encontro Paraíso co desenvolvemento dunha residencia de investigación na propia Illa de San Simón nos días previos á convivencia. E faino en colaboración con Graner, o centro de creación de danza e artes vivas con quen, desde 2017, constrúe unha relación continua de colaboración entre Galicia e Cataluña.
As artistas que están a habitar a illa desde o pasado 11 de setembro e ata o vindeiro día 22 son Mar García & Javi Soler, que están somerxidas nun proceso de investigación entre o movemento e o son, en torno á representación e aos significados do bico escénico a través do imaxinario do ‘Ius Osculi’ ou o “dereito a bico” da Antiga Roma. Parte deste proceso poderase ver no Encontro Paraíso 2024 esta fin de semana: https://www.colectivorpm.gal/index.php/gl/artistas/mar-garcia-javi-soler.
SOBRE AS RESIDENCIAS PARAÍSO
Promovido polo Colectivo RPM –entidade independente dedicada ao impulso da danza e a creación contemporánea en Galicia–, o programa Residencias Paraíso 2024 diríxese a artistas de Galicia, España e Portugal, con maior ou menor traxectoria, que precisen recollerse de forma intensiva arredor dun proxecto de investigación ou creación durante dúas ou tres semanas. A iniciativa conta cun importe total de 22.000€ e, neste 2024, acolle 9 propostas en residencia –cunha dotación económica de entre 1.500 e 3.000€ (impostos incluídos) cada unha– para favorecer as distintas fases do proxecto artístico seleccionado, desde a investigación, a escritura, o traballo dramatúrxico, a creación coreográfica ou, tamén, as residencias de carácter técnico.
Neste 2024, as residencias artísticas desenvolvéronse desde o pasado mes de abril no Pazo da Cultura de Narón, o Pazo da Cultura de Carballo, a Casa da Cultura de Vimianzo, o Vello Cárcere de Lugo, a Cidade da Cultura de Santiago de Compostela, o Salón Teatro do Centro Dramático Galego, o Pazo da Cultura de Pontevedra e a Igrexa da Madalena de Ribadavia. Paralelamente, as e os artistas residentes seleccionadas e seleccionados participan neste encontro anual promovido polo Colectivo RPM que terá lugar os días 20, 21 e 22 de setembro na Illa de San Simón.
Entre os 203 proxectos recibidos na actual convocatoria das residencias, o Colectivo RPM seleccionou a Sergio Marey, Fran Rodríguez & Brais Pombo, Ana Cotoré, Desgarradura, Noela Covelo Velasco & Élise Moreau, Cris Balboa, Lucas Damiani, José Ramón Hernández / Osikán – vivero de creación e Furia Sotelo como ‘Artistas Paraíso 2024’.
Residencias Paraíso vai na procura de artistas de danza e artes vivas preocupadas e ocupadas polas derivas do seu tempo. Pretende fomentar a aparición de novos proxectos de investigación e creación arredor das novas linguaxes contemporáneas, alimentando o campo de acción da comunidade artística do noso territorio, tanto a que xa existe como a que está por chegar. Normalizar o concepto de residencia artística resulta fundamental para o presente e o futuro das políticas culturais en Galicia, porque significa atender e respectar o espazo e o tempo dedicado á investigación artística, o verdadeiro xerme de todo o que virá.
O maior valor de Residencias Paraíso é que sucede grazas a unha rede que atravesa de norte a sur o noso territorio a través da colaboración de espazos de distinta natureza, desde teatros ou centros culturais até espazos non convencionais. O exercicio de diálogo entre todas as partes (impulsores, coprodutores e espazos cómplices), dota dunha identidade singular ao programa. Ao longo da súa historia, nas Residencias Paraíso participaron artistas e colectivos como Brigitte Vasallo, Clara Pampyn, Luísa Saraiva, Fernando Epelde, Marcia Vázquez, Natalia Fernandes, Hermanas Gestring, Diego Anido, Compañía Elahood, Andrea Quintana, Alejandra Balboa, María Roja ou Laila Tafur, entre moitas outras.
Residencias Paraíso é un proxecto interinstitucional do Colectivo RPM en colaboración coa Xunta de Galicia, a través da Axencia Galega de Industrias Culturais. Está coproducido pola Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, o Concello de Pontevedra, o Concello de Vimianzo, o Concello de Carballo, o Concello de Ribadavia e a Fundación Cidade da Cultura de Galicia. E conta cola colaboración do Centro Dramático Galego, O Vello Cárcere de Lugo, o FIOT – Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o Pazo da Cultura de Narón e o Padroado da Cultura do Concello de Narón. E conta co apoio de Acción Cultural Española.
SOBRE O COLECTIVO RPM
Colectivo RPM é un colectivo de artistas vencellados á danza e ás artes vivas que imaxina, deseña e acompaña proxectos contextuais desde Galicia. Manteñe un claro compromiso polo diálogo interinstitucional e co impulso de iniciativas ao redor da creación contemporánea, a investigación e a visibilidade da comunidade artística da danza e as artes vivas.
Ademais do acompañamento de artistas e procesos, o colectivo tamén xera diálogos e accións coas comunidades locais para achegar a práctica artística á cidadanía. Dentro das liñas de acción do Colectivo RPM destaca o programa Residencias Paraíso -construído cunha rede de teatros e espazos cómplices en Galicia- que lanza unha convocatoria anual para acoller en residencia a distintos artistas ao longo do ano, despregando unha serie de programacións expandidas abertas ao público. Este programa esténdese fóra de Galicia na liña Cruceiros Paraíso que posibilita abrir liñas de colaboración con outros espazos estatais e internacionais.