Xurxo Souto celebra 20 de literatura na Casa-Museo Manuel María

Xurxo Souto vén celebrar connosco os seus 20 anos de literatura.
Xa o fixo en Lisboa, Lugo, O Barqueiro, na Coruña… e este sábado, día 30 de abril, ás 20 horas, faráo en Outeiro de Rei, na casa natal do seu amigo e “mestre”, Manuel María.
Xurxo vén celebrar as persoas e lugares marabillosos que foron aparecendo na súa vida a través da música e os libros. E vaino facer coa forza da súa poderosa palabra e na compaña de Richi Casás, director do Pardiñazo (XL aniversario do festival de Pardiñas) co que fará algunha cantarea cos sons do saxofone e do acordeón.
Entrada libre. Reservas en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621

Festival Atlántica.- Outes acolle o espectáculo ‘O retorno dos homes mariños’, de Xurxo Souto

Outes acolle o espectáculo ‘O retorno dos homes mariños’ de Xurxo Souto

  • A sesión será este venres, 13 de agosto, na terraza do Naútico do Freixo a partir das 21 horas
  • A entrada é gratuíta pero para asistir cómpre reservar por adiantado en cultura@outes.gal

Este venres, 13 de agosto, os amantes das historias teñen unha cita con Xurxo Souto e ‘O retorno dos homes mariños’ en Outes. A función, dirixida ao público adulto, será na terraza do Náutico do Freixo a partir das 21 horas. O espectáculo é gratuíto pero para asistir cómpre reservar por adiantado no correo cutura@outes.gal. A actividade, organizada polo Festival Atlántica, é posible grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e mais o Concello de Outes.

Neste sesión de contos Souto rescata un mito coruñés esquecido: o dos homes mariños. E quen sabe máis ca ninguén sobre eles? A señora Laura, a sabia do mar, e mais Mercedes, a heavy que traballa nun téxtil e soña con marchar polo mundo co seu grupo de música.

Xurxo Souto autodefínese como “terrícolo redondo”. É escritor, cantante, acordeonista, actor, director e locutor galego. Entre 1990 e 2001 foi o líder e vocalista da banda de rock en galego Os Diplomáticos de Monte Alto. Entre as súas novelas figuran ‘Contos do mar de Irlanda’ (Xerais, 2014) e a novela ‘A gran travesía de Chiruca Macallás’ (Xerais, 2018). ‘O retorno dos homes mariños’ (Xerais, 1999, 2020) foi a súa primeira novela e vén de ser reeditada no 2020 coincidindo cos vinte anos da súa publicación.

Xurxo Souto presenta PANGALAICA na Casa-Museo Manuel María

O próximo sábado, 16 de xaneiro, ás 19 horas, Xurxo Souto presenta no auditorio da Casa-Museo Manuel María (Outeiro de Rei da Terra Chá), “Pangalaica. Recortes poderosos”.Son oitenta pequenos relatos que foron publicados no xornal NÓS Diario e que agora son recollidos e ilustrados nun libro editado por Galaxia . As historias e as persoas marabillosas que Xurxo Souto foi atopando nas súas viaxes por Galiza adiante. Petiscos cheos de humor que acaban conformando unha cosmovisión alternativa do país: é mentira a fronteira entre o rural e o urbano. Todas somos da aldea. Vigo e mais A Coruña son a mesma cidade!Xurxo Souto (A Coruña, 1966). Músico e escritor, en 1988 comezou a colaborar en diferentes medios de comunicación, nomeadamente na radio, onde conduciu os programas A Tropa da Tralla (Radio Coruña) ou Aberto por Reformas (Radio Galega). Escribiu dúas novelas e varios libros de relatos. Dirixiu a película documental Pucho Boedo, un crooner na fin do mundo. Con outros compañeiros do barrio creou Os Diplomáticos de Monte-Alto, conxunto bravú. Tocou o acordeón en Tres Trebóns e, agora, é un dos compoñentes da Banda Xangai.Para asistir a esta actividade é imprescindíbel anotarse en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou a través do whatsapp 698177621.

https://www.youtube.com/watch?v=y9_0ul8V62Q&t=350s