por martinho | Ago 20, 2024 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase en outubro durante a celebración da 33ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo
O xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”
O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2024 o premio Xograr de Outono a Avelino González. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.
Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao actor e narrador Avelino González. No seu fallo, o xurado destacou ao artista, ademais de pola súa relevante e valiosa traxectoria para as artes escénicas galegas, “porque representa as características dun auténtico xograr, pola diversidade artística do seu perfil, xa que Avelino é, ademais de actor, un pioneiro da narración oral e un dos narradores máis relevantes da nosa terra, así como un recoñecido tradutor”. Como o propio artista indica “son actor, contador, monologuista, tradutor; son… o que faga falta. Empecei nisto por casualidade e agora gústame, mesmo, picar entradas. Gústame entreter á xente con personaxes e historias que emocionen e divirtan, porque a min tamén me gusta que me emocionen e divirtan”.
O xurado remarcou, tamén, que Avelino González “é unha das personalidades máis carismáticas e queridas da cultura galega, cun espírito implicado e inquedo, apaixonado do teatro galego e moi coñecido e aplaudido polo público do FIOT e de Carballo, pola súa presenza habitual nos nosos escenarios, tanto no Auditorio do Pazo da Cultura como no antigo Cine Rega, da man de compañías como OllomolTranvía, Teatro do Aquí e Contraproduccións; e, tamén, da Rúa dos Contos do FIOT, cos seus espectáculos propios”.
Avelino González recollerá o seu galardón este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, collendo o relevo da comunicadora cultural e escritora Ana Romaní, premiada en 2023.
SOBRE AVELINO GONZÁLEZ
“A primeiros dos anos 80 do século pasado suspendín a proba de selectividade e as alternativas que había eran mergullarme na movida viguesa ou facer teatro cuns veciños. E ata agora.
Comecei cargando escenografías e fixen teatro, dobraxe, cine, televisión, contos, captura de movementos, animación de rúa…, de todo. E todo bonito de facer.
Traducín os Picapedra ao galego naquelas primeiras dobraxes con Cándido Pazó; fun o primeiro en España en andar en moto en zancos (non sei se tamén en bici); actuei nas series de televisión As Leis de Celavella e Padre Casares; Contei contos en Polonia e en Cuba; fun dirixido por Cándido Pazó, Roberto Vidal Bolaño, Sante Cortegoso…; traballei con TalíaTteatro e Coperactiva; Fun un dos que fundamos OllomolTranvía e actuei en Commedia, un xoguete para Goldoni; Traducín teatro irlandés!
Ata agora.
Agora conto contos; actúo con Toni Salgado no Apaga o candil de Contraproducións, que escribiu e dirixiu Cándido Pazó; fago castings…
E de agora en diante: a seguir facendo teatro, castings e series, contando contos, mirando teatro… seguir neste oficio do que me gusta todo. Mesmo picar entradas”.
Más información: www.avelinogonzalez.gal
2024.08.20.NP-Xograr-de-Outono-FIOT-2024
por martinho | Oct 7, 2022 | Autores/as, Creación, Novas, Outras Artes, Xeral
A 31ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo – FIOT entregou esta noite o seu galardón Xograr de Outono a Evaristo Calvo. O acto tivo lugar trala estrea absoluta do novo espectáculo da súa compañía Mofa e Befa, ‘Pirolíticos’.
Adxuntamos imaxes, pero atoparedes máis en alta resolución na sala de prensa do FIOT: www.fiot.gal/prensa.
Ademais desta estrea absoluta de ‘Pirolíticos’, o FIOT celebra os 30 anos de Mofa e Befa coa exposición ‘Trinta anos de Mofa e Befa’, que percorre as tres décadas de traxectoria sobre os escenarios do dúo cómico conformado por Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira. A mostra poderase visitar até o 14 de novembro no Pazo da Cultura de Carballo, na Sala de Exposicións do andar -1 do recinto (fronte o auditorio), no seu horario habitual de apertura o público.
Por outra banda, nos vindeiros días estará finalizado o mural conmemorativo deste 30º aniversario de Mofa e Befa que está a realizar o artista urbano Yoseba MP, froito da colaboración entre o FIOT e o proxecto Derrubando Muros con Pintura que impulsa a Concellería de Turismo de Carballo.
Mañá sábado, a programación do #31 FIOT segué a súa marcha coa visita da compañía navarra La Caja Flotante, que presenta por primeira vez en Galicia ‘Beautiful Stranger’, unha singular proposta sobre as lembranzas que inaugura o ciclo OTNI.
Esta fin de semana continúan, tamén, as propostas da Rúa dos Contos e do FIOT en ruta. E, mañá sábado, 8 de outubro, de 13.00 a 14.00h, celebraráse a primeira sesión da ‘Escola do espectador nas ondas’ no Salón Social do Pazo da Cultura e será de acceso libre para o público. Baixo a condución do xornalista e crítico teatral Camilo Franco, abordarase a creación galega da man dos protagonistas que abren e pechan esta edición do Programa de Sala: Evaristo Calvo e Víctor Mosqueira (‘Pirolíticos) e Tito Asorey e Xosé A. Touriñán (‘Recortes, caneos e outras formas de driblar’). A conversa, que se gravará ao vivo, estará posteriormente dispoñible no espazo Onda FIOT da web oficial www.fiot.gal.
por martinho | Ago 4, 2022 | Autores/as, Creación, Literaria, Novas, Outras Artes, Xeral
O galardón, que pretende salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas galegas co recoñecemento de figuras imprescindibles do sector de xeito anual, entregarase durante a celebración da nova edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo en outubro
O xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo un dos cómicos de referencia no teatro galego”
Por outra banda, a 6ª edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado xa ten pezas finalistas: as creadoras e creadores Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Sr. Lili, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro foron seleccionados para presentar as súas creacións experimentais na nova edición do FIOT este outubro
O Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT, outorgará este 2022 o premio Xograr de Outono a Evaristo Calvo. Deste xeito, o encontro, unha cita de referencia en Galicia e no Estado polo seu traballo a prol da creación de novos públicos e o o fortalecemento da escena, mantén viva a chama da posta en valor e o recoñecemento de figuras imprescindibles do sector cultural galego, coa entrega anual dun galardón que quere salientar a traxectoria de profesionais das artes escénicas.
Nesta ocasión, as xograresas e xograreses do FIOT decidiron premiar ao cómico Evaristo Calvo. No seu fallo, o xurado destacou que “Calvo é un histrión de carácter e selo propio que, coa súa enerxía actoral peculiar, a súa agudeza creativa e o seu dilatado oficio, soubo dar vida ás máis inesquecíbeis e orixinais criaturas escénicas, sendo a día de hoxe un dos cómicos de referencia no teatro galego”. O artista recollerá este outono en Carballo, durante a celebración da nova edición do FIOT, o testigo da actriz Casilda García Alfaro, galardoada en 2021.
FINALISTAS DO CERTAME DE MICRO-ESCENAS METRO CADRADO
Por outra banda, a sexta edición do certame de Micro-Escenas Metro Cadrado do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo xa ten pezas finalistas. Compañía Anxela Blanco, Dani Blanco, Cacharela Teatro, Musicarte Rey Saavedra, Colectivo #ChamizoBelloVila e Mónica Paradela Cuñarro presentarán as súas últimas creacións experimentais na nova edición do FIOT prevista para este outono, nunha das liñas de programación máis queridas polo público local, quen valorará, como é habitual, tanto a mellor interpretación coma o mellor espectáculo.
O Certame de Micro-escenas Metro Cadrado é un concurso para proxectos escénicos de pequeno formato concibidos para poñer en escena en espazos non teatrais. Ten por obxecto apoiar a creación escénica de novos formatos e a compañías e creadoras e creadores emerxentes, así como captar novos públicos e implicar aos espectadores e á cidadanía nas artes escénicas.
Metro Cadrado ofrece ao público da comarca unha nova experiencia escénica, diferente ás habituais nos recintos: sen barreiras, sen artificios e desde a proximidade. Con esta intención, o FIOT convida ás compañías ou artistas emerxentes a crear ou deseñar un espectáculo (de teatro físico, música, clown, performance, danza, manipulación de obxectos…) de entre 10 e 20 minutos, que se poida poñer en escena, especificamente, nun espazo non teatral.
Nesta sexta edición do certame recibíronse un total de 36 propostas, tanto de creadores individuais como de equipos formados por profesionais de diferentes disciplinas: performance, teatro, danza, circo, etc. A maior parte de propostas proceden de novos creadores, pero tamén houbo profesionais consolidados nas artes escénicas con afán de experimentar. Entre todas elas, o xurado do Metro Cadrado, conformado por figuras do sector cultural, seleccionou media ducia de espectáculos finalistas:
· Xeografía dos corpos, presentada por Compañía Anxela Blanco.
· Viaxar é un pracer, presentada por Dani Blanco.
· Actriz, chora, presentada por Cacharela Teatro.
· Cinecleta, cinema doméstico a pedais, presentada por Sr. Lili.
· Menú do día, presentada por Colectivo #ChamizoBelloVila.
· Homeless, presentada por Mónica Paradela Cuñarro.
As pezas seleccionadas polo xurado, unha vez representadas na vindeira edición do FIOT, recibirán unha compensación económica de 450€. Ademais, todas as obras exhibidas serán valoradas polo público asistente mediante un sistema de votacións e optarán aos seguintes premios: Premio do Público de 150 € e Premio á Mellor Interpretación de 150 €.
As pezas que se poderán ver durante o mes de outubro na nova edición do FIOT. Tal e como é habitual no Metro Cadrado, cada espectáculo contará con catro funcións para facilitar a súa visualización por parte do público. Dúas serán en horario de mañá e outras dúas en horario de tarde. Tanto na web do FIOT coma no programa de man do festival poderanse consultar, con antelación, as horas e lugares das representacións.
20220803-FIOT-Xograr-e-Metro-Cadrado