CAFÉ DOROTHÉ, un espectáculo para crianzas e familias este sábado na Casa-Museo Manuel María

Este sábado, día 9 de abril, á 17 horas, estarán na Casa-Museo Manuel María dous grandes músicos, o guitarrista Virxilio da Silva e a acordeonista e voz Sonsoles Penadique. 

Eles veñen estrear un espectáculo familiar (crianzas entre catro e doce anos), Café, Dorothé, co que poderemos cantar, bailar e xogar coas lindas cancións que a musicóloga suíza Dorothé Schubarth deixou escritas nos seus libros.

E cales eran esas cancións?

Aquelas que foi recollendo desde finais dos setenta por toda Galiza e que compoñen, coa colaboración de Antón Santamarina, a máis extensa e minuciosa compilación da música popular de tradición oral galega. 

Pois ben, Virxilio e Sonsoles van presentar unhas versións moi persoais destas melodías do Cancioneiro Popular Galego, que Dorothé compilou e escribiu, para escoitar, facer e vivir a música en familia.

Reservas (billetes 2 euros) en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou whatsapp 698177621

O espectáculo “Historias con susto para durmir a gusto” este sábado na Casa-Museo Manuel María

HISTORIAS CON SUSTO PARA DURMIR A GUSTO, con Vero Rilo e Sonsoles Penadique

O novo espectáculo da contadora Vero Rilo e da intérprete musical Sonsoles Penadique Historias con susto para durmir a gusto chega este sábado, ás 18 hrs, á Casa-Museo Manuel María. A nova proposta, chea de humor e medo, vai dirixida para público familiar (a partir de 5 anos).

Trátase dun espectáculo que se desenvolve na escuridade e en que a compañía prepara o ambiente para ofrecer a súa peculiar ollada sobre as historias de sempre, fuxindo do politicamente correcto que non deixa de ver fantasmas onde non os hai.

Vero Rilo e Sonsoles Penedique, o amor pola literatura e a palabra dita co amor pola música e o universo da infancia, veñen colaborando, nos últimos anos, en distintos proxectos onde combinan a narración, o canto e a música de historias e contos dirixidos ás crianzas.

As entradas pódense reservar en contacto@casamuseomanuelmaria.gal e o prezo de billete é de 2 euros.

*Información facilitada pola Casa-Museo Manuel María.