Programación da segunda xornada do Festival Atlántica en Santiago

As historias da cultura fang e de Brasil, os contos para bebés, as pantasmas da cidade e a tradición oral galega protagonizan a segunda xornada de Atlántica en Santiago

·       Thomas Bakk, Marcelo Ndong, Pavís Pavós, Manuel Gago e Celso F. Sanmartín actuarán en diferentes puntos da cidade ao longo do día

·       As actividades son gratuítas pero cómpre reservar a través da web festivalatlantica.gal

·       En paralelo, Atlántica tamén desenvolve actividades noutros concellos como Ourense, Lalín ou Ferrol

A segunda xornada do festival Atlántica en Santiago chega cun variado programa que será quen de satisfacer a bebés, nenos e adultos. Tamén aos ávidos de historias de culturas afastadas e mais aos que devecen por coñecer os segredos da cidade ou gozar cos contos máis enxebres. Ao longo do día poderase escoitar ao brasileiro Thomas Bakk, ao guineano Marcelo Ndong e aos galegos Pavís Pavós, Manuel Gago e Celso F. Sanmartín. Todas as actividades son gratuítas pero para asistir cómpre reservar o convite a través da web festivalatlantica.gal. O festival está presente na cidade compostelá grazas á Deputación da Coruña, a Xunta de Galicia e o Concello de Santiago.

As actividades do día comezarán con Thomas Bakk e ‘Contares que non calan, contos de bechos que falan’ na zona alta do parque Eugenio Granell a partir das 11:30 horas. Esta sesión é un paseo lúdico polas fábulas memorables que habitan o imaxinario popular, no tempo no que os animais falaban. Conta cun repertorio de historias fabulosas, orixinais e de tradición oral, onde os bechos aparecen personificados con valores humanos, nun xogo narrativo que ten como finalidade discutir a ética e a cidadanía dunha sociedade recreada a partir deses contares que non calan, sobre bichos que falan. Esta actividade está dirixida a nenos maiores de cinco anos e está concertada cos campamentos, pero o aforo completarase con público xeral.

Dobrete de Ndong

Nesta xornada o guineano Marcelo Ndong brindará unha dobre sesión do seu espectáculo ‘Contos da miña terra’. A primeira será ás 12 da mañá na Biblioteca Pública Ánxel Casal e estará dirixida a nenos con idades comprendidas entre os 3 e os 8 anos. A retirada de convites será posible media hora antes do comezo da función na propia biblioteca. Na segunda sesión, Ndong adaptará as historias para o público familiar e a función será ás 19 horas no parque de Bonaval. Para asistir cómpre reservar a entrada nesta web.

Os contos de Ndong pertencen á cultura fang, con seis millóns de habitantes que se reparten entre Camerún, Gabón, Congo, Brazaville, República Centroafricana e Guinea Ecuatorial. Son esencialmente historias de animais cun comportamento que ensina, desminte, pon en evidencia, alerta e relativiza a vida e as súas dificultades. Nestes contos, Marcelo Ndong móvese con precisión e efectividade, complementa o discurso verbal cunha xestualidade elegante e sosteno sobre chiscadelas, referencias e insinuacións.

Espazo bebés

Tamén ás 7 da tarde, pero no palco da música da Alameda, os bebés entre 0 e 3 anos poderán gozar co espectáculo ‘Cando chove e vai sol’ de Pavís Pavós. Trátase dunha sesión na que os participantes escoitarán pequenas historias apropiadas para as primeiras idades que falan das cousas cotiás enlazadas con ditos e cancións tradicionais e algunha composta adrede para a función. Os convites para a función pódense reservar nesta web.

As pantasmas de Compostela

Ás 19:30 horas está previsto que comece unha das actividades con mellor acollida do festival: os itinerarios narrados. Desta volta trátase dun veterano, o xornalista e escritor Manuel Gago, que este ano recunca en Atlántica cunha ruta vinculada ao seu libro ‘O sangue das pantasmas’. Os convites para esta actividade esgotáronse axiña e mesmo a lista de agarda xa completou a súa cota.

Os afortunados que poidan acompañar a Gago neste paseo comentado poderán explorar a gran riqueza fantasmal da cidade, a través de aves de ultratumba, nenos desaparecidos, apóstolos vingativos, anciás desconsoladas, espiritistas, voos astrais, cabaleiros atormentados e peregrinos fake. Este itinerario será un camiño entre a realidade e a ficción, entre a imaxinación e os feitos que están -e continúan a estar- na forxa dunha cidade única.

Contos en Bonaval

O peche da xornada será no parque de Bonaval ás 21:30 horas e chegará da man e da voz de Celso F. Sanmartín quen debullará as historias que se agochan baixo o suxestivo título de ‘Cando viaxou unha lingua de lume nun carro de herba seca?’, un espectáculo dirixido ao público adulto. Serán 75 minutos na compaña duns dos narradores galegos máis recoñecidos, apaixonado da tradición oral e fervoroso transmisor dela. Esta función contará cunha intérprete de En Lingua De Signos (ELDS). Para asistir cómpre reservar o convite nesta web.