A Casa-Museo Manuel María programa unha Observación Astronómica na Capela de Santa Isabel en Outeiro de Rei
Eu sei dunha estrela
cal outra non vin:
se eu ollo para ela,
ela olla pra min…!
Este sábado, 17 de xuño, desde a Casa-Museo Manuel María programarase unha OBSERVACIÓN ASTRONÓMICA na capela de Santa Isabel, no mesmo Outeiro de Rei, a partir das 23 horas. Observación guiada do ceo a simple vista e con prismáticos a cargo da Agrupación Astronómica Ío, entidade, esta, que impulsou a proposta, coa colaboración da Fundación Rosalía de Castro e a Agrupación Cultural Alexandre Bóveda, para que a finais de 2019 a Unión Astronómica Internacional nomease unha estrela co nome Rosalíadecastro.
Martín Pawley, da Agrupación Ío, será a persoa que aprenderá a recoñecer algunhas constelacións características do ceo de verán e a orientar coa axuda do firmamento. Observarase, cos prismáticos, algúns obxectos do ceo profundo, entre eles a estrela Rosalíadecastro. Durante a actividade iranse explicando cuestións científicas sobre o ceo (tipos de estrelas, evolución estelar…), así como diferentes aspectos da cultura e as tradicións asociadas ao fimamento. Convídase ás persoas que asistan, que se teñen, traian os seus propios prismáticos para a observación.
Previamente, e a partir das 21.30 horas, na mesma Casa-Museo Manuel María, Martín Pawley desenvolverá un obradoiro para montar un PLANISFERIO CELESTE (mapa das estrelas). Aprendendo, posteriormente, a usalo para identificar as constelacións que podemos ver no ceo de Galiza en calquera noite da nosa vida e comprender como varía o firmamento co paso das horas e dos días. O obradoiro vai dirixido para persoas maiores de once anos.
As persoas interesadas pódense inscribir nas dúas ou nunha soa actividade, como desexen. As actividades son de balde e quen queira participar deberá anotarses en contacto@casamuseomanuelmaria.gal ou no whatsapp 698177621